Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Érase unha vez un Reino

Contaba o profesor Carlos Bermejo no seu recomendabel “Para qué serve a Historia de Galicia?” o caso da malograda celebración do Bimilenario de Galicia, perpetrada polo inefábel Xesús Pérez Varela en 1996. Daquela Cataluña estaba a organizar os eventos da celebración do seu milenario, computado dende o ano 998, no que supostamente o Conde de Barcelona, Girona e Osona, Borrell II, negouse a rendir vasalaxe ao rei franco Hugo Capeto. Mentres o españolismo en armas (metaforicamente falando, que xa se sabe que o españolismo é realmente de armas tomar) clamaba ante tal desatino, Pérez Varela, daquela Conselleiro de Cultura e infatigabel fantasiador de eventos conmemorativos, atopou un filón en certo soplo dalgún erudito compinche: Galicia tamén estaba de cabodano, e se os cataláns ían polos mil anos, nós iamos polos dous mil!.

O argumento era que os Galaicos adicaran en Braga unha estatua ao fillo de Augusto, Caio César, e deixaran na súa peana o nome (incompleto) de Galicia (ou dos Galaicos). Tal estatua e tal inscripción non existen hoxe, pero varias testemuñas afirmaron ler tal cousa alá polo século XVI e esa noticia foi recollida por Hübner no seu Corpus Inscriptionum Latinarum. Con eses febles bimbios, Pérez Varela logrou convencer ao Parlamento Galego para que se celebrara por todo o alto o “Bimilenario de Galicia”, cousa que foi aprobada por unanimidade (!) en 1997. Cando esta argallada foi aireada na prensa, as 2000 veliñas apagáronse de golpe antes de ser sopradas, e Pérez Varela cambiou o título da conmemoración por unha marca que se chamou “Galicia Terra Única”, naquel estilo literario seu tan característico.

Cando é o aniversario dun país? No caso de Cataluña, o nacemento facíase coincidir co primeiro indicio documental da autonomía ou independencia dos condados catalás. No caso de Galicia, os anos cóntanse dende que esta terra se identifica co seu nome. Autoidentificación fronte autodeterminación, todo moi en sintonía co rexionalismo fraguiano, que facía recuar as arelas do galeguismo un século enteiro. Nos dous casos a proba era feble, pero do que se trataba era de conmemorar, dentro dunha política cultural no que o importante é a exhibición ostentosa e acrítica do pasado, como ben criticaba Bermejo no seu opúsculo.

As conmemoracións non son malas en si mesmas. Os aniversarios son unha convención social ancorada no fondo da nosa cultura e que serven para ritualizar a celebración e a lembranza. Asistimos constantemente a estas liturxias, cada vez que se cumplen anos redondos de este ou estoutro acontecemento, o centenario do nacemento dun artista, ou do pasamento dun escritor. Fálase deles nos partes televisados, e sácanse suplementos nos xornais, e con iso se completan as páxinas culturais, moito máis difíciles de encher que as do fútbol. Pode parecer banal, pero a cultura vive da súa permanente conmemoración, porque a cultura é, fundamentalmente, lembrar. Outra cousa é a utilidade que lle podemos tirar á celebración, que pode ser moita ou ningunha.

Segundo o criterio da autonomía política, Galicia puido nacer hai 1600 anos (ano arriba ou abaixo), cando o rei suevo Hermerico ficou coa provincia romana da Gallaecia botando a sortes o territorio peninsular cos Vándalos e os Alanos, e fundando un reino independente, o primeiro en escindirse do Imperio Romano. Isto non nos pode levar a decir que o Reino de Galicia ten 1600 anos, pois non hai continuidade histórica entre aquela entidade política e a Galicia actual, que nin é reino, nin moito menos independente. Tampouco pasaba tal cousa no caso do milenario catalán. Pero estamos cativados pola maxia dos números redondos, e o acontecemento non deixa de ser memorábel, e por esa razón, xa que non hai xa pérezvarelas no Parlamento que o fagan, queremos conmemoralo, que significa “lembrar xuntos”. E para iso, pensamos que a mellor homenaxe que lle podiamos facer á Historia desta Terra é construíla. Citando ao profesor Bermejo: Se queremos enraizar o estudo da Historia no presente, só a partir dunha postura crítica podemos comprender que significa a cultura galega.

Por esta razón, non argallamos unha exhibición sublimadora dun pasado esquecido, nin unha festa sueva de disfraces, na que xermanos e galaico-romanos crucen espadas de madeira para entregarse logo xuntos a unha orxía de viño e empanada. Tamén iso estaría ben, pois cada un conmemora como quere. Nós pensamos nun Congreso ao que viñesen moitas das persoas que tiveron algo que decir nos últimos anos, publicando estudos e monografías sobre o mundo Suevo, algunhas exaltadoras, outras críticas, todas elas importantes, pois a Historia de Galicia é unha grande obra colectiva a penas iniciada. Hai quen dirá que pretendemos enaltecer un pasado fantasioso e derivar o cauce da historia en favor de certa doutrina política que antepón o amor a esta terra sobre outros criterios ontolóxicos. Non entraremos neste debate, senón que volvemos a Citar a Bermejo novamente: a dignidade dun pobo non se cifra nunha falsa exaltación dun patrimonio cultural imaxinario, senón na valoración deste patrimonio. E para valorar hai que tasar, ponderar, aprender, coñecer.

O “Congreso Internacional 1600 anos do Reino Suevo de Galicia” celebrarase en Pontevedra, do 4 ao 9 de Outubro. Está organizado por un pequeno comando de arqueólogos e docentes, entre os que me conto, coa inestimábel colaboración do Concello de Pontevedra. Virán ponentes de sete universidades españolas e galegas, e tamén de alén dos Pirineos, que tratarán dos aspectos máis variados da Galicia da Antigüedade Tardía, dende a historia política, o territorio, a arqueoloxía, ou a cultura material e espiritual; e está aberto á presentación de comunicacións. Agardamos que sexa un éxito, coa axuda de todos vós, pois o que queremos é compartir a nosa ciencia coa sociedade.
O Congreso no Facebook
Páxina web do Congreso
Comentarios (9) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 30-06-2010 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal