Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Luz sobre o Facho
O Monte do Facho, no solpor.
Conta o historiador galaico Orosio que cando Decimus Iunius Brutus, cónsul de Roma no ano 138 a.n.e., e xeneral das tropas invasoras da Gallaecia, chegou ás beiras do gran Océano Occidental, convenceuse de ter chegado ao confín do mundo cando mirou arrepiado ao sol afundirse no mar. Bruto cruzara antes o río Limia, que os seus homes tomaran polo río Lethes ou do Esquecemento, nun episodio ben sonado. Mirando o susto da tropa, apañou el mesmo o lábaro da lexión, meteuse na fría corrente e chamou aos soldados polo seu nome dende a outra beira, para demostrarlles que estaba vivo e coa súa memoria intacta. Isto demostra que Bruto, a pesares do seu cognomen, era un home intelixente e pouco dado á superstición, pero iso non o librou do terror infindo de ver cómo o sol se abismaba no mar, de tal xeito que ata creu oír o chisporroteo do astro apagándose nas augas. E presa do máis insuperable dos medos, deu a volta a Roma para non voltar xamais.

Aínda que se ignora o lugar onde Brutus o Galaico contemplou este lexendario solpor, o Monte do Facho, en Donón, un promontorio na punta do Morrazo que cae a pico sobre o mar nun cantil de 180 metros de altura, sería un bo candidato. Ofrece unha atalaia impoñente sobre ese inmenso Océano que se extende ata o infinito tal que, dende tempos moi remotos, cecais dende os albores da Idade do Ferro, os habitantes do lugar, sentindo que alí residía algo sobrenatural, o escolleron para celebrar os seus cultos relixiosos, sen dúbida inspirados por esa situación privilexiada sobre o mar e sobre as verdes terras circundantes.

Hai xa moitos anos que se coñecía da existencia dun santuario de época galaico-romana no alto deste monte, cando Enrique Massó e José Suárez Mariño atoparan nos anos 60 e 70 varias aras ou altares de pedra no que parecía ser un castro, e que se gardaron no Museo de Pontevedra e no Quiñones de León de Vigo. Pero dende hai catro anos, un equipo interdisciplinar, dirixido polo arqueólogo José Suárez, fillo dun dos descubridores das primeiras aras, e no que participa o Instituto Arqueolóxico Alemán, acometeu a tarefa de escavar por completo o castro e o santuario, con resultados que non por agardados, deixan de ser absolutamente sorprendentes.

No Facho houbo, segundo se deduce dos traballos, un poboamento moi antigo, pois existen indicios dun gran asentamento da Idade do Bronce, que chegou a abranguer practicamente toda a ladeira do monte. Cecais nesta época xa o lugar acollese algún tipo de culto, (se como elemento cultual consideramos os varios petroglifos aquí descubertos, que poderían pertencer a esta época). Pero xa logo, na segunda metade do primeiro milenio a.n.e. o asentamento transformouse nun castro de mediano tamaño, coas típicas cabanas circulares organizadas en terrazas por toda a ladeira. Alí debeu desenvolverse un culto a unha divindade de nome céltico, Berobreo, do que se iñora case todo agás o nome, e ao que se ofrecían sacrificios, cecais, nas pías que ao efecto se escavaban nas rochas para recoller o sangue das víctimas propiciatorias.

Cando a influenza romana foi tal que os habitantes abandoaron o castro cara outros asentamentos na ribeira, o culto mantívose sobre as ruínas do poboado. Ao Facho acodían pelegríns en romería para pedirlle favores ao misterioso Berobreo, ou para agradecerllos, chantando sobre a terra un pequeño piar de pedra labrada, e acendendo no alto deste unha lapiña de lume alimentado por aceite, de tal xeio que, naqueles solpores sobrecolledores no alto do Facho, un bosque de aras acesas alumeaban a noite como un centenar de vagalumes trementes.

No Facho de Donón teñen aparecido nestes anos case 180 aras adicadas a Berobreo. Para quen non saiba da importancia deste feito, hai que decir que máis da metade da epigrafía romana de Galicia apareceu no Facho. E iso o convirte nun xacemento de referencia para o estudo dos cultos pagáns en toda a península. Pero no só no aspecto científico é destacable: A súa escavación deu pé á creación dun novo atractivo turístico para o Concello de Cangas, principal e ata hai pouco solitario promotor financeiro da investigación. Un turismo, por outra banda, que é de agardar non sexa devorador da incomparable beleza da Costa da Vela, despois da súa inclusión na Rede Natura, que deixa a Donón lonxe dos dentes das inmobiliarias. Tanto é así que a proxectada construcción dun centro de interpretación ao pé do castro, cuestionado polo seu impacto por varias asociacións ecoloxistas e veciñais, foi desbotada pola Administración, e o proxecto da aula de interpretación foi trasladado ata o propio núcleo de Donón, onde non se diferenciará formalmente dunha casa labrega do contorno.

No pasado mes de maio iniciouse a quinta campaña de escavacións no Facho, cun ciclo de conferencias titulado «Altares e lugares de culto na Gallaecia», no que quince especialistas, entre os que estaban os alemáns Michael Coch e Thomas Schattner do Instituto Arqueolóxico Alemán, deron a coñecer e discutiron os últimos achados e as súas posibles interpretacións. Non é o único foro no que os achados do Facho se dan a coñecer: hai exposicións, visitas guiadas e publicacións nos que os arqueólogos fan esa labor divulgativa que tantas veces non existe. As escavacións, que desta volta pretendían centrarse no acceso do poboado castrexo e na súa muralla, rematan nestes próximos días, e de seguro saberemos axiña se deitaron aínda un pouco máis de luz sobre o Facho. Pero en calquera caso, é recomendable achegarse un serán a este lugar, subir ao alto do promontorio, pasear entre as antigas ruínas do castro, e sentados no alto, sentir ante as cores do solpor, ante o berro da natureza, o mesmo estremecemento que o vello cónsul Décimo.
Guía didáctica do Castro e Santuario do Monte do Facho de Donón.
Comentarios (21) - Categoría: Escavacións - Publicado o 26-06-2007 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
130 cumpleanos da arqueoloxía galaica.
Retrato de Francisco Martins Sarmento (Foto Sociedade Martins Sarmento de Guimarâes)Francisco Martins de Gouveia Morais Sarmento tiña tanta cantidade de apelidos como é posible nun portugués, e máis sendo rico. Nado en 1833 nunha familia farturenta de Guimarâes, o máis coñecido como Martins Sarmento fixo todo o que se pode esperar dun mozo consentido: estudou en Coimbra, onde non pasou de ser un alumno mediocre, á par dun notable esmorgante. Sacou o Bacharel en dereito aos 20 anos, título que xamais exerceu. Publicou un libro de poesías románticas de temática tráxico-amorosa tan arrepiante que anos máis tarde o seu afán por retiralo o converteu nun tesouro bibliográfico. E logo, sen máis que facer na vida, voltou ao seu Guimarâes natal, a cazar perdices e vivir das folgadas rendas da fortuna familiar.

Mentres paseaba a escopeta polos montes dos arredores do Solar da Ponte, a fermosa quinta que posuía na aldea de Briteiros, na procura das felices perdices que celebraban á distancia a súa nula puntería, Martins Sarmento oíu falar dunha moura enfeitizada que gardaba tesouros incontables mentres fiaba no alto do Coto de San Româo. Alí houbo en tempos unha cidade, a Citánia, da que era posible ver aínda os restos dos seus muros asomando da terra aquí e alá. Unha inmensa lousa chea de gravuras fora atopada e traída polos labregos ata a igrexa de Briteiros dende o alto do monte, para dar testemuña do misterio. Tan labrada e ben feita estaba que os paisanos bautizárona como “a Pedra Formosa”.

Así foi como Martíns Sarmento, atrapado polo engado da moura, atopou algo merecedor da súa atención e da súa fortuna. Acometeu co ímpetu que carecera de estudante a lectura de canto libro puido atopar, sobre todo de antigüedades e arqueoloxía, de etnografía, e os clásicos gregos e latinos. Nada, emporiso, escapou ao seu interese. Aprendeu todas as linguas que lle permitisen abranguer máis coñecementos, e a súa impresionante biblioteca é unha proba disto: libros orixinais de Evans, de Schliemann, de Cartailhac, de Layard, de Darwin... Acadou unha merecida sona de erudito, frecuentou os circulos da intelectualidade portuguesa, trabou amizade co escritor Castelo Branco, e tamén con arqueólogos europeos como Cartailhac ou Hübner.

E así, en 1875, acometeu as primeiras escavacións arqueolóxicas no alto da Citânia de Briteiros. Despois de séculos de bretemosa escuridade, vían á luz os restos dunha civilización descoñecida. Durante dous anos desenterrou pacientemente muros e máis muros, apañou pedras labradas, cerámicas, ferramentas… utilizou a máis moderna tecnoloxía para rexistrar os seus achados, sendo un pioneiro da fotografía científica, cando esta aínda se facía sobre placas de vidro. Reconstruíu dous dos edificios que atopou, hipotetizando sobre o seu aspecto orixinal. E por fin, despois de dous anos de escavacións, presentou ao mundo o seu traballo.

En 1877, invitou ao máis selecto da intelectualidade portuguesa e extranxeira a visitar a Citânia de Briteiros. Acodiron historiadores e arqueólogos como Possidonio da Silva, Sousa Holstein, Augusto Soromenho, homes de ciencia como Teixeira de Aragâo, Filipe Simôes, ou Luciano Cordeiro, o Visconde da Torre das Donas e Câmara Leme, escavadores do Monte de Santa Luzia, diplomáticos, persoeiros e xornalistas, xentes vidas dende todos os puntos de Portugal.. Foron recibidos polos paisanos de Briteiros con foguetes e flores, subiron ao monte e visitaron as ruínas, paparon unha suculenta merenda servida alí mesmo, e logo foron ao principesco baile que ofreceu o anfitrión do evento no seu pazo. Pero non todo foi francachela. Ao día seguinte Martins Sarmento plantexou aos invitados un minucioso cuestionario que os presentes debían axudar a aclarar. Basicamente, tratábase de saber quen habitou a Citânia e cando. Algo ao que moi poucos podían ser capaces de responder.

Despois desta lúdica reunión, que certificou para sempre o enlace insoluble entre os arqueólogos galaicos e a papadela, houbo aínda outras, máis fructíferas, pero esta foi a primeira de todas. Martins Sarmento continuou a súa obra o resto da súa vida. Publicou unha chea de libros sobre historia antiga e arqueoloxía. Tentou definir os periodos e culturas da prehistoria e a antigüedade portuguesas entre o Douro e o Miño, inxente tarefa que non puido abranguer, mais da que puxo sólidos alicerces. Pescudou en todas as fontes, o mesmo nas obras de investigadores lonxanos como na etnoloxía e o folclore dos seus veciños. Tentou así explicarse os seus achados dende o seu parentesco co resto do mundo, pero recoñecendo a súa singularidade. Talvez entendeu a cultura daquelas xentes como iso que outros chamaron “célula de universalidade”. Martíns Sarmento, o intelectual romántico que soñaba coas recentes descubertas de Schliemann, de Petrie ou de Botha, xa atopara a súa particular Micenas nas portas da súa casa.

O Simposio de Briteiros cecais non foi un éxito científico, pois as preguntas que Martins Sarmento formulou incisivamente no seu cuestionario continuaron a ser obxecto de discusión durante case un século. Aínda así, consagrouno como unha eminencia da arqueoloxía, recoñecido en toda Europa, e deu a coñecer ao mundo ás ruínas da Citânia, e por extensión, dos castros galaicos. E como foi o primeiro investigador da prehistoria galega (as fronteiras viñeron moito despois dos castros), os arqueólogos deste lado do Miño estamos en débeda con este home singular. Aquel evento foi o primeiro Congreso Arqueolóxico que houbo en Portugal e tamén na antiga Gallaecia. Se hai un fito fundacional da arqueoloxía galaica, é éste. Foi o 9 e 10 de Xuño de 1877. Cúmplense hoxe 130 anos
Casa de Sarmento (Centro de Estudos do Patrimonio)
Comentarios (4) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 10-06-2007 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal