Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Lanzada relanzada
Mapa da Lanzada feito polo Padre SarmientoA Lanzada é un pequeno promontorio que se adentra, afouto, no bravo Atlántico, separando como un coitelo as praias de Foxos e a das Areas Gordas ou A Lapa, pequenas calas que anticipan o inmenso areal que amarra a península de Ogrobe ao continente para que non marche só flotando polo Océano. É un lugar onde, a pesares dos magnos esforzos do capitalismo inmobiliario depredador e incivil, aínda se pode albiscar, entre chalete e chiringo, algo da antiga pureza salvaxe da paisaxe galega. Pero tamén onde a historia pousou un ambiente cargado de lendas, onde se dan cita vellas crenzas pagás, ánimas en pena, espectros de naufraxios, e neodruídas amantes da queimada. Aínda hoxe, baixo o luar do solsticio estival, as mulleres que desexan inzar o ventre de fillos déixanse fecundar pola escuma do mar, e baixo o teito da pequena ermida da Nosa Señora penduran réplicas de barcos realizadas por mariñeiros agradecidos de non ter dado a alma no mar grazas á intervención divina. As lendas que os vellos contan deste lugar daban para encher noites de inverno, libros de antropoloxía e moitísimos prospectos turísticos.

As lendas son unha historia destilada, reducida á esencias símbolicas, e pasada polo filtro da poesía e o vagar dos séculos. A súa existencia aquí demostra que as xentes habitaron este lugar coas criaturas da súa fantasía dende a noite dos tempos. Pero tamén o fixeron eles mesmos, deixando as pegadas, unha tras outra, de todas as épocas e avatares deste recuncho do mundo. Neste promontorio, apiladas como as follas dun libro, pódense ler capítulo tras capítulo boa parte da historia de Galicia. Comezando polos primeiros poboadores paleolíticos, que deixaron algúns artefactos de pedra ciscados polo areal, e dos que a penas hai máis novas. Logo apareceron os navegantes fenicios, dende o Mediterráneo, na procura do preciado estano, e ligado a este comercio marítimo dos metais xurdíu un castro en época que os seus primeiros escavadores situaron na Idade do Bronce. Este castro seguiu ocupado na época dos romanos, xentes que deixaron testemuño do seu paso en restos da súa cerámica, e sobre todo en restos de si mesmos, pois moitos foron enterrados na area dunar, que preservou como nunca se mirou nestes pagos os seus vellos ósos, e mesmo os cravos das súas botas.

Xa logo, a vila romana desapareceu, en época posiblemente xermánica, e aquela necrópole que se fixera para acougo e lembranza dos mortos esqueceuse. Nos escuros anos en torno ao fin do primeiro milenio, Galicia viviu tempos de pesadume e zozobra, sufrindo as aceifas do califato de Córdoba dende o Sur, e as máis terribeis e salvaxes expedicións viquingas chegadas dende os mares do Norde. Foi esa a razón pola que no século X o bispo de Iria, Sisnando, elexíu a Lanzada para construír unha fortaleza que fixera fronte ás ameazas exteriores. Da dificultade destes tempos dá testemuña o feito de que o mesmo bispo, que alternaba báculo con espada, morrera vítima das frechas normandas no ano 968. Na Lanzada aínda se poden ver restos deste bastión, varias veces asolado e volto a reconstruír, e da súa pequena e graciosa capeliña románica, que hoxe é a ermida da Nosa Señora da Lanzada.

Non acabaron aquí as vicisitudes. A Lanzada foi tamén testemuña dos momentos críticos do fin da Idade Media, e da Gran Guerra Irmandiña, aquel tempo nos que os campesiños se sacudiron polas bravas o dominio opresor dos seus señores, e “os gorrións corrían tras dos falcóns”. A fortaleza sufríu o asalto dos irmandiños, e posteriormente servíulles de derradeiro refuxio cando as tropas de Pedro Álvarez de Soutomaior, o mítico Pedro Madruga, chegaron dende Portugal cos seus arcabuces do trinque para reconquistar Galicia para os nobres. Pero os castelos dende onde os señores exercían o seu dominio non volveron a ser levantados. Da fortaleza da Lanzada queda hoxe un pano da torre, con catro almeas que desafían aínda os ventos mareiros.

Pasados os tempos azarosos do medievo, na época moderna a ermida pervivíu convertida en santuario que atraeu a devoción mariñeira. Aquí, como en toda a Europa Atlántica, os mareantes deixaban testemuña das milagres que os salvaban de morrer no abismo depositando exvotos pintados e miniaturas dos buques nos que navegaban, en agradecemento da intervención da Nosa Señora. E non era pouco o prodixio da divindade, neste bravo mar onde as ondas dan a vida ás mulleres e a morte aos seus homes, pois como dicía o Sinbad de Cunqueiro, xa é milagre camiñar por riba da tona do mar nun atado de madeiras, recollendo os ventos señoriais nunhas lonas recortadas.

A Lanzada convertiuse pois nun palimpsesto onde cada época deixou unhas tenues riscadelas do que foi escritas na area. Un paraíso arqueolóxico e tamén un crebacabezas. A potencialidade do xacemento soubérona ver os máis prestixiosos eruditos de mediados do século pasado, pasando por García Bellido, ou Antonio Blanco Freijeiro, que meteron aquí picos e sachos en busca destas historias. O pouco que sabemos debémosllo a eles, pero tamén grande parte da nosa ignorancia, pois moitas das intervencións arqueolóxicas realizadas na Lanzada padeceron das eivas propias da arqueoloxía deste tempo: falla de continuidade, metodoloxía deficiente, resultados inéditos… Os arqueólogos tamén son fillos do seu tempo, e non se pode decir que o ambiente científico da España franquista e tardofranquista fose un Parnaso.

O Castro da Lanzada (e hai que decir castro, vila romana, necrópole,castelo…) está de noraboa porque nel volve a soar o tintineo metálico dos picos e dos sachos dos arqueólogos. Dentro dun proxeto financiado pola Deputación de Pontevedra con fondos principalmente europeos, acaba de acometerse a escavación deste importante xacemento, chave para entender moitos momentos escuros da nosa prehistoria e historia antiga, como a charneira entre a Idade do Bronce e o Ferro, ou entre o Baixo Imperio e a Antigüidade Tardía. E ademais, tamén está de noraboa un bó amigo e compañeiro, Don Rafael Rodríguez Martínez, que é o director do proxeto, e que despois de queimar pestañas e gastar cóbados durante anos estudando as cerámicas atopadas neste xacemento, facéndose preguntas sen atopar moitas respostas, ten por fin a oportunidade arelada tanto tempo de poder mirar as súas tripas por dentro. Para el A Lanzada ven a ser o que Troia para Schliemann. Parabens e moita sorte!
Bitácora da escavación da Lanzada
Comentarios (5) - Categoría: Escavacións - Publicado o 31-05-2010 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal