Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A beleza das pequenas cousas.
A Venus de Hohle Fels
Hai uns 35000 anos, nunha Europa cuberta de mestas fragas de faias e de coníferas, azoutadas polos xeados ventos glaciares, grupos de cazadores afoutos acechaban o paso das manadas de renos, de bisontes, de mamutes cubertos de lá. Paseniñamente, ían ocupando o continente enteiro, arredando, quizais eliminando, aos seus curmáns na evolución das especies, os Neanderthais. Contaban coas súas novedosas ferramentas de pedra, láminas de sílex delicadamente retocadas, e as súas lanzas que arroxaban certeiras a gran distancia coa axuda de propulsores. Eran os Homo sapiens, nós mesmos.

A irrupción do Homo sapiens marca o tránsito ao que os prehistoriadores e arqueólogos chamamos o Paleolítico Superior. De seguro, os nosos devanceiros traían consigo a capacidade dunha linguaxe articulada complexa (algo que é discutible nos homínidos anteriores), coas facilidades que iso conleva na transmisión dos coñecementos e das técnicas. Esa capacidade intelectual evidénciase tamén nunha tecnoloxía máis refinada na fabricación de utensilios e armas de pedra e de oso, máis estandarizadas, precisas, perfectas. E sobre todo, maniféstase nunha habilidade novedosa, a expresión do pensamento abstracto a través de símbolos elaborados, o que coñecemos vulgarmente como Arte.

Hai xa unha centuria que os arqueólogos viñan atopando, asociados aos típicos restos deste periodo, mostras desta arte prehistórica. E entre estas primeiras mostras, destacaban unhas peculiares figuriñas. Parecían representar mulleres de grandes peitos e unha popa prominente. Brazos e pernas parecían ridículos fronte aos atributos propiamente femeninos. Os rostros aparecían borrosos, ou difusos, mentres que o sexo case sempre era representado de xeito ben explícito. Os arqueólogos, tan dados a bautizar os artefactos prehistóricos con nomes extravagantes, atoparon unha desas palabras rebuscadas que lle dan a un discurso científico un conveniente ton de suficiencia: Chamáronas Venus Esteatopixias Auriñacienses. Venus "esteatopixias", que traducido pedestremente do grego significa que teñen o cu coma un cesto de grande. E Auriñacienses, por ser esta a máis antiga facies cultural identificada naquel momento no Paleolítico Superior.

Axiña apareceron discusións sobre o axeitado desta denominación. Dar a estas estatuas o nome de Venus, deusa do amor e da beleza, a primeira muller a quen os gregos se atreveron a amosar espida nas súas estatuas, pareceulles a aqueles estudosos un nome do máis apropiado. Pero de aí a afirmar que se trataba da imaxe dunha deusa paleolítica, ou que representaban un ideal de beleza prehistórico, sen máis argumento, era algo arriscado. Pero todas as estatuetas femeninas prehistóricas atopadas (ata hoxe máis de 200) comenzaron a ser clasificadas indiscriminadamente coma venus esteatopixias, aínda que non padeceran esta hiperplasia xenética da graxa do cú, nin se puideran datar no periodo auriñaciense.

Aínda así, o certo é que as máis das figuras poden encadrarse nun tipo ben preciso, unha confluencia de rasgos que son o que, en definitiva, se considera unha tendencia: os rasgos físicos relacionables coa fertilidade (os grandes peitos, o bandullo inmenso, os amplos cadrís, a vulva evidente...) son os que aparecen representados con máis detalle. Son os atributos das nais prolíficas, ventres xenerosos e primordiais, máquinas xeneradoras de vida. Pero tamén, o que non é menos importante, os outros rasgos (mans, pés e extremidades, cabeza e rostro) aparecen só esbozados ou incluso nin aparecen. Qué son logo? Son pois a representación de mulleres fecundas, en calidade de fecundas e nada máis que fecundas. A abstracción da fecundidade. Un símbolo.

E para qué servían? Os símbolos, en tanto que constitúen unha forma de expresión, revelan, enuncian, manifestan o seu significado. E iso é exactamente o que se fai cando se chama por algo. E cando se chama por unha forza abstracta, por un desexo, como a abundancia ou a fertilidade, a chamada recibe o nome de invocación. Aquelas pequenas sociedades de cazadores, constantemente expostas aos perigos da caza, a enfermidade, o frío e á loita cos seus semellantes, dependían da existencia de nais prolíficas, capaces de traer ao mundo fillos dabondo como para garantizar a supervivencia do grupo. E esta idea é extensible á natureza da que extraen con esforzo o seu sustento. Hai quen pensa que as venus paleolíticas, como personificación da exuberancia e da forza xeneratriz da Natureza, son verdadeiras representacións dunha primitiva, primixenia, Deusa Nai. Quizais non haxa que ir tan lonxe, pero o certo é que os nosos devanceiros sapiens precisaban atraer para si e para o grupo a fertilidade e a abundancia por todos os medios que coñecían, incluída a maxia. E para iso se rodearon de obxectos simbólicos que pretendían controlar o incontrolable: que as mulleres quedasen encinta, que os seus ventres fosen bondadosos e espléndidos, que parisen sen dar a alma, e que os seus peitos deran bó leite para medraren os seus cativos quentiños no seu colo.

Neste mes, a revista Nature deu a coñecer un pequeno gran achado: unha venus paleolítica minúscula, tallada no dente dun mamute. Apareceu o pasado ano nas escavacións da caverna de Hohle Fels, en Alemaña. A figuriña, de só 6 centímetros, estaba esnaquizada en varios fragmentos que puideron recompoñerse para formar un corpo estrafalario: A cabeza, case inexistente, é unha protuberancia minúscula sobre os ombros. Os brazos, gordos e redondos, erguen dende abaixo dous peitos voluptuosos para deixar ver o ventre xigantesco. As costas rematan nunhas nádegas enormes e avultadas, das que parten dúas perniñas recortadas e sen pés, ben abertas, amosando no centro un sexo carnoso e dilatado. Nada demasiado diferente das outras venus prehistóricas, salvo a novidade dunha data inusualmente antiga (35000 anos) que a fai verdadeiramente auriñaciense. Tamén, que ten un pequeno buraquiño na cabeza que serviría para pasar por el un cordón, e que permite interpretala claramente como un amuleto, un talismán. A cova de Hohle Fels é un lugar fantástico que deu pé a outras grandes descubertas da arte paleolítica: ata 25 figuras humanas e animais en marfín de mamute, cabezas de cabalo, un precioso ganso, e incluso unha flauta esculpida en óso, quizais a máis antiga atopada ata hoxe. Soaba música no fondo das cavernas destas xentes refinadas, preocupadas pola beleza das pequenas cousas. Hai 35000 anos, unha muller apelaba a unha pequena figuriña de marfín pendurada do seu pescozo, pensando quizais en protexerse mellor dos rigores do parto e da crianza dos seus fillos, aos que transmitir logo os seus saberes, os seus medos, os seus sentimentos. Daquel ser sensible, asustado, esperanzado, saímos nós.
Comentarios (5) - Categoría: Pezas - Publicado o 29-05-2009 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal