Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Lusco fusco etrusco
A Tábula CortonensisOs etruscos son un deses pobos que van indisolublemente unidos co adxectivo misterioso; un tópico na literatura arqueolóxica, como o "Exipto milenario", ou a "fastuosa Bizancio". Un misterio acentuado pola escasa relevancia que se lle dá aos etruscos nos plans de estudos, mesmo nos universitarios, frecuentemente relegados a un capítulo introductorio da civilización romana, como se a súa importancia viñese dada meramente pola súa relación con esta cidade que logo conquistou o mundo. Nisto tiveron mala sorte: os etruscos viviron o seu apoxeo cando Grecia colonizaba o Mediterráneo e desenvolvía unha arte que deslumbraría aos séculos, e a súa desaparición coincide coa expansión de Roma en Italia, camiño de erguer o Imperio máis grande de Europa. Periferia de Grecia e preludio de Roma, a cultura etrusca ficou reducida á condición de prólogo nos manuais de Historia Antiga.

Parte do misterio que rodea aos etruscos está na natureza dos nosos coñecementos. Comenzando pola súa propia orixe. Nin sequera os autores antigos se poñen dacordo sobre a súa procedencia, oriental para uns, autóctona para outros. Case non sabemos nada sobre a súa vida cotiá, ou sobre as súas vilas e cidades, pero coñecemos de maneira minuciosa as súas tumbas e o seu mundo funerario, e é precisamente a riqueza dos seus enxovais o que nos permite inferir características da súa sociedade, o seu modo de vida ou incluso a súa organización política, deducible nos títulos e honores que acompañan ao nome dos defuntos nos seus sartegos. A lingua etrusca era incomprensible, un dialecto imposible de relacionar con ningunha das falas indoeuropeas, quizais un residuo dunha antiga lingua tirrénica que se falaba dende tempos inmemoriais nesta parte do Mediterráneo. Nesa lingua os romanos conservaron ensalmos e conxuros, e escuras instruccións para interpretar os raios e outros sinais celestes en libros sagros que xa non sabían ler. Os complicados ritos etruscos e a súa obsesión pola ceremonia, xunto coa preocupación pola vida de ultratumba outorgalles un aura de pobo devoto e piadoso e asemade coñecedor de antigos e inextricabeis segredos para comprender os designios divinos.

Os primeiros datos que temos dos etruscos relaciónanse coa chamada civilización villanoviana, no século IX a.C., unha cultura da que se coñecen moitas máis necrópoles que aldeas. Queimaban aos mortos e enterrábanos en urnas de cerámica en forma de cabana, grazas ao que deducimos cómo eran as vivendas. No século VIII chegan os primeiros colonos gregos a Campania, no Sur de Italia, e comenzan a chegar a Etruria obxectos gregos, e tamén comerciantes atraídos polas minas. Con eles vívese un auxe tecnolóxico: o uso do torno na cerámica, e novos cultivos, como a viña e a oliveira, e os artesáns etruscos especialízanse na elaboración de obxectos de bronce, moi apreciados. Os cambios propician a aparición dunha aristocracia enriquecida: príncipes terratenientes, receptores dos beneficios dunha agricultura próspera, que controlan as vías de comunicación e a explotación das minas, e que se fan enterrar en tumbas ostentosas, cubertas por bóvedas e cúpulas de pedra, acompañados de riquezas sen conto. Os enxovais funerarios falan dunha relación privilexiada con Grecia e con Oriente. De alí chegan obxectos de luxo, xoias, marfín, faianza, fermosas cerámicas pintadas con figuras negras, que os artesáns etruscos imitan primorosamente, recreando a estética oriental, para revender en todo o Mediterráneo Occidental. É a época orientalizante, a era dos protonavegantes afoutos que cruzaban o Mediterráneo dunha punta a outra, levando consigo a arte e a estética asiática ata os confíns co Atlántico.

O comercio convertiu a Etruria nunha civilización urbana. A finais do século VII as aldeas víranse cidades, rodeadas de murallas, coroadas con acrópoles onde se erguen orgullosos templos. Os navegantes etruscos son os donos do Tirreno, e a aristocracia debe disputarse o poder cunha emerxente clase burguesa, enriquecida co comercio. Os etruscos colonizan o val do Po e mesmo chegan a dominar na propia Roma, que conservou na súa tradición a lembranza de tres reis etruscos na cidade. Mais a comenzos do século IV a.C. comenza a decadencia, cando as cidades, independentes e desunidas entre si, foron incapaces de facer fronte ás potencias emerxentes de Siracusa e Cartago, e perderon o control do mar. No século III a.C., as cidades foron caendo unha a unha baixo a influencia de Roma, que estableceu un protectorado desigual sobre elas. No ano 90 a.C., os romanos concederon a cidadanía romana aos etruscos, e a súa identidade nacional acabou por disolverse.

Moito do que a civilización romana ten de orixinal foi herdanza dos etruscos: dende o alfabeto, derivado do etrusco, ata a relixión (a tríada capitolina, os ritos adivinatorios) e moitos aspectos da súa arte, como a forma dos seus templos ou o retrato funerario. Pero a cultura etrusca foi axiña relegada. Obrigados na practica á latinización, a lingua etrusca, aquel reducto da lingua tirrénica coa que os auríspices clamaban as súas xaculatorias durante os sacrificios e na que desentrañaban o futuro escrito nas vísceras das vítimas propiciatorias, a lingua na que proclamaban a vontade dos deuses despois da caída dun lóstrego, a lingua na que cantaban himnos inmemoriais nas súas complicadas cerimonias, esqueceuse, esmorecida, reducida a lingua de campesiños. En só dous séculos case non ficaba ninguén que a puidese falar. No século I da nosa era, o emperador Claudio fixo un intento por salvala da extinción recompilando un diccionario, pero mesmo esta memoria escrita foi perdida.

Con todo, existen aínda moitas inscripcións etruscas. Eran unha xente orgullosa da súa escritura, ata o punto de rotular co seu nome moitas das cousas coas que se enterraban nas súas tumbas. Existen inscripcións máis ou menos longas escritas nos materiais máis diversos, dende unha tella, ata placas de chumbo. Hai uns poucos anos apareceu un curioso libro escrito sobre láminas de ouro. O texto máis extraño apareceu en Zagreb: unha especie de calendario de festas relixiosas escritas sobre liño. O lenzo viaxou ata Exipto en época ignota, levado quizais por algún mariñeiro etrusco, e alí, no século I a.C, ignorando o seu significado, foi feito tiras para envolver unha momia. O cadáver embalsamado foi comprado por un viaxeiro croata como souvenir da súa estadía en Exipto, (haiche xente así) a mediados do século XIX. Moitos anos despois, ao desenvolver a momia e examinar as vendas, descubriuse esta extraordinaria rareza, hoxe a testemuña máis longa da escritura etrusca.

A lingua etrusca está de noraboa pola publicación da segunda edición do Thesaurus linguae etruscae, o diccionario etrusco. A pesar do que sabemos, é unha lingua que está aínda por descifrar, pero fanse notables avances, recompoñéndoa como un puzzle a través de fontes exclusivamente arqueolóxicas. Ten 16.000 entradas, case todas nomes propios, e algo máis de mil nomes comúns. A natureza das fontes, case todas de contextos funerarios, comporta algunhas carencias e curiosidades, como que os números se coñezan só ata o 96 (a idade máis vella acadada por un etrusco que se deixara escrita). Pero sábense moitas cousas, tantas como para comenzar a albiscar cómo describían estas enigmáticas xentes o mundo. Porque na medida en que as cousas existen dende que lles damos nome, cada lingua comporta unha visión completa do Universo.
Exposición sobre os Etruscos, no MAN de Madrid, no 2008
Comentarios (1) - Categoría: Publicacións - Publicado o 30-04-2010 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal