Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Cidade do pladur
O futuro Museo de Historia de Galicia, no Monte Gaiás.
No ano 1999, o inefable e nunca suficientemente valorado Conselleiro de Cultura do Antigo Reino de Galicia, (enténdase o de non suficientemente valorado como nunca valorado con “suficiente”), Xesús Pérez Varela, decidíu que, ao igual que os faraóns exipcios, os emperadores romanos e os khanes da China, a inxente obra política de Don Manuel I, rexente do Reino, non podía rematar sen un colofón monumental que perpetuase a súa memoria no tempo, unha obra dunhas dimensións tales que fixesen estremecerse ás xeracións vindeiras ante a grandeza dun estadista ao que o propio Estado lle quedaba pequeno na cabeza. Había que facer algo e rápido, porque o patrón xa ía vello, e a pesares da confianza que algúns como Xaime Pita tiñan na inmortalidade daquel xefe providencial, tarde ou cedo o feito biolóxico acabaría por acontecer.¿Pero qué facer? ¿Unha tumba piramidal de granito porriñés? Iso xa o mirara nalgún outro sitio, e ademais soltarlle ao xefe ese “memento mori” non sería moi delicado. ¿Cinco ou seis camiños de Santiago novos? Despois do camiño alacantino e do camiño ligur-manchego, non quedaban xa corredoiras que sinalizar. ¿Uns Xogos Olímpicos en Compostela? Habería que enviar a cada membro do COI un bo capón de Villalba, e aínda así… De súpeto, o noso Conselleiro deuse unha palmada no medio da fronte, que retumbou no ar coma un berenguelazo: Xa estaba! Unha cidade enteira, que meta medo de grande. E con cultura, moita cultura, ao demo o que signifique iso, que contra a cultura non vai ir ninguén. A Cidade da Cultura. Hai un par de montes por aquí cerca que están a toxo e que ben podían valer. Desfaise o monte e énchese de Cultura. Metafórico. Grandioso.

Fíxose un concurso de ideas para darlle forma á Idea Primeira. Presentáronse algúns dos arquitectos máis renomeados do Reino, e de fora tamén. O de máis pedigree era Peter Eisenmann, un deses grandes maestros de reputación mundial, que presentara unha deconstrucción da toxeira para convertila nunha caprichosa combinación de sinuosas ondas. Mirando os planos e as maquetas non había maneira de entendelo, pero parecía todo moi moderno. E aquel tipo saía xa nos libros de Historia da Arte, era un artista de moito nabo, non había que deixalo escapar. Don Manuel mecenas de Eisenmann, iso sí que era dar lustre a unha biografía xa de por sí luminosa.

Pérez Varela xuntouse con Eisenmann, para falar do asunto. Todo debía ser inmenso: unha biblioteca cun millon de libros “de exposición”, para que veñan estudosos a mirala, pero dos serios, nada de estudantes melenudos. E un museo con moito trinque. E un teatro, con cenarios xiratorios, para que veña a cantar Carmiña Burana, e Manolo Escobar, e que deixe pequena á discoteca Dona Dana. Polos cartos non había problema. O resto é unha historia da que todos escoitamos falar. Unha historia da que, por máis comisións de investigación se fagan, non coñecemos a todos os personaxes, nin todos os argumentos, nin tampouco coñecemos o final.

Como era lóxico, a unha obra megalómana corresponden problemas mastodónticos. Dende os problemas técnicos que nin o propio Eisenmann era capaz de resolver, ata os problemas políticos, derivados desa incómoda consecuencia da democracia, que é a alternativa no poder. Os orzamentos se dispararon, as obras se pararon, acabou ese feliz matrimonio do proxecto coa prensa, que agora se tornara enemiga feroz daquel despilfarro. Ao final, todos acordaron que era demasiado tarde para parar as máquinas.

Hoxe en día a Cidade da Cultura é unha realidade. Dos seis edificios proxectados, dous están rematados, e a dous fáltalles nadiña. Quedan por facer os xigantescos espazos de creación e exhibición: o teatro e mais o centro de arte contemporánea, que foron os que se tentou redefinir no paro das obras decretado polo goberno de Touriño-Quintana, e que supostamente estarán rematados a inicios da próxima década. Certamente, a visita ao lugar é impresionante, pero estas impresións son paradóxicas. Ese aire “deconstruído” que teñen os edificios, coa súa confusión de planos verticais e horizontais mesturados con cubertas sinuosas e rampas volantes, que son o que lle dan esa aureola futurista, convive con un certo pouso a “déjà-vu”, a algo xa familiar. Parece todo un centro comercial xigante. Mirar as tripas dos edificios a medio facer pon en evidencia as virtudes características deste arquitecto que é Eisenmann e as súas sonadas mallas estructurais. Emporiso, tamén pon en evidencia que o que fai meritoria esta estructura tan aparentemente simple (a mesma, salvando ás distancias, que a dunha xaima beduína), é a súa escala propia do Xurásico. E despois está a omnipresencia do pladur, ese material tan agradecido para crear eses espazos interiores de fría e branca xeometría, pero que lles resta o aspecto de solidez e de resistencia que un gran edificio debe ter sempre presente, por máis que Eisenmann apañe recordatorios da súa malla estructural por todas partes. Con tanto pladur parece todo feito como de papiroflexia.

Pero á marxe do valor arquitectónico dos edificios, que non ten demasiado lugar nesta bitácora, no que quería fixar a atención é sobre o uso dese edificio inmenso que vai ser o Museo da Historia de Galicia, e que está a un tris de rematarse. O bicho vai ter máis de 14.000 m2 construidos, e non se sabe moi ben para qué. Alí caben catro castros, a Torre de Hércules, a Peregrina de Pontevedra e varios centos de mámoas. Non estou en contra da creación de grandes museos. Un museo é, segundo o Consello internacional dos Museos, unha institución permanente que investiga os testemuños materiais do home e o seu desenvolvemento, acádaos, consérvaos, divúlgaos e exponos para o seu estudo, educación e deleite pola sociedade. Segundo esta definición, a inmensa maioría dos Museos integrados na Rede galega de Museos non merece tal nome: non teñen persoal investigador, non sendo algún becario esfameado, non teñen publicacións nin catálogos, e moitas veces nin conservan ben o que teñen. Así que un macro-museo de historia de Galicia podería ser a ocasión de ter un centro efectivo de investigación e de divulgación que a maioría dos museos galegos non poderían soñar ser.

Pero para iso habería que ter a vontade política de reorganizar todo o panorama museográfico galego dende a mesma base. Poderíase facer a través da especialización, convertindo os museos existentes en museos de arte, de ciencias, de historia ou de arqueoloxía, acabando con esa heteroxeneidade tan decimonónica que convirte a moitas das máis renomeadas institucións de Galicia nun caixón de xastre onde o mesmo se expón un miliario, un cadro de Laxeiro, unha talla románica ou as gafas de Castelao. Pero cando se monta o Cristo que se monta, enfrontando a unha cidade enteira con un museo pola posesión dun ungüentario cochambroso, e vista a actitude condescendente da Sra. Bugallo ante eses demagogos, está visto que mover calquera cousa do seu sitio non está dentro dos plans posibles. Así que Galicia vai contar cun Museo de Historia alucinante. Disque vai ser un “Observatorio da historia de Galiza e das tendencias culturais actuais, centrándose na divulgación internacional do patrimonio histórico-cultural galego”. Fálase de moita interactividade, e de moito concepto didáctico-participativo, pero de fondos nada. Alí onde poñamos os ollos, miraremos pladur.
Fundación Cidade da Cultura
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2008 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal