Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A historia dos cascos non retornables
Un dos cascos de Aranda (Foto Hermann Historica)Da cidade celtibérica de Aratikos non se sabe gran cousa. Por non saber, dubídase da súa situación exacta, aínda que os máis coinciden en ubicala na vila de Aranda de Moncayo, unha minúscula localidade de 220 habitantes, ao pé desta serra aragonesa. A triste desolación actual destes páramos dista moito do pulo económico e demográfico doutros tempos. Alí hai restos dun grande castro, coñecido como “Los Castillejos”,ocupado logo polos romanos, quen se ocuparon de edificar unha grande muralla de ciclópeos perpiaños. Aratikos debeu ser importante, pois en época ibérica tivo ata a súa propia ceca, a xulgar polas moedas con inscricións en alfabeto ibérico que mencionan este topónimo. Aparte disto, pouco máis podemos dicir.

O achado máis espectacular realizado en Aranda de Moncayo quizais sexa unha importante panoplia de 18 elmos ou capacetes de bronce, xunto quizais con outras armas, falcatas e lanzas, da Idade do Ferro. Son cascos fastuosos, sofisticados, de forma semiesférica e con protectores para o nariz e as fazulas, estes últimos dotados de charneiras, para axudar á colocación do mesmo. A súa tipoloxía responde aos cascos gregos de tipo calcídico propios da rexión da Lucania, no Sur de Italia, e datables cara o século IV a.C., o que nos fala do grande impacto e da influencia da colonización grega nas elites guerreiras íberas e celtas do interior da península. Van adornados con ribetes sobre os ollos rematados en cabezas de serpe, e con altas cimeiras en forma de forca, para soster desaparecidos penachos de plumas. Algúns engaden a esta sobria decoración unhas grandes láminas de bronce martelado, levantadas cara o alto coma se foran as asas dun paxaro, indicando que a categoría no escalafón do seu portador había de ser superior. Cascos de xefes, de señores da guerra. Aparte disto, tampouco é posible dicir moito máis.

A nosa ignorancia sobre Aratikos e sobre o significado deste conxunto de cascos grego-celtibéricos do século IV a.C. presuntamente atopado alí, é froito do descoñecemento das circunstancias do seu descubrimento. O conto é que, por arte de birlibirloque, os capacetes apareceron en Zurich, onde foron mercados por Axel Guttmann, un empresario alemán da construcción. O fervor coleccionista de Guttmann levárao a acaparar o que quizais fora o máis importante repertorio de armas antigas de Europa, así que dificilmente podería deixar de caer na tentación de facerse dono dun tesouro semellante. Cómo poden saír do Estado uns obxectos que por definición pertencen ao Patrimonio Histórico e son de dominio público, para ir a parar ao país europeo que fixo da opacidade dos seus negocios o seu principal reclamo é un escuro misterio. O caso é que, desa maneira misteriosa, o que quizais é o maior achado de armas prehistóricas de Europa foi acabar precisamente nas mans do principal coleccionista destes artefactos.

Hai indicios de que o achado foi obra dun grupo de saqueadores organizado, que descubriron este depósito probablemente a finais dos anos 80 nun escondedoiro ou abrigo nunha barranca, a uns quilómetros de Aranda. O ruxe-ruxe que daquela armou o achado nos medios anticuarios chegou ás orellas do primeiro goberno autonómico aragonés, que tivo coñecemento do asunto pero foi incapaz de evitar a desaparición das reliquias nas turbulentas augas do comercio ilegal de antigüidades a principios dos 90. Porén, na información dispoñible sobre a colección Guttmann asegúrase que o achado foi realizado na provincia de Soria (limítrofe coa bisbarra de Aranda), e que chegaron ao poder de Guttmann entre 1987-88, aínda que ninguén quere, ou é capaz, de dar máis detalles sobre o lugar, a data e as miudezas do descubrimento.

As pezas foron restauradas e publicadas nun estudo en 1993, e Guttmann disfrutou da súa particular contemplación ata a súa morte, en outubro de 2001. Pero como adoita suceder, os seus herdeiros non compartían a afección do vello as trapalladas edosas. Axiña puxeron a colección á venda na casa de subhastas inglesa Christie’s, e máis tarde en Hermann Historica, unha casa de poxas muniquesa especializada en antigüidades militares. Dende o 2002, unha boa parte das pezas da inmensa colección Guttmann foron vendidas e dispersadas, pero no 2008 os cascos chamaron a atención de Michael Muller-Karpe, arqueólogo no Museo Romano-Xermánico de Maguncia, que denunciou a procedencia ilegal dos mesmos. Ao parecer, algúns deses cascos foran ofrecidos a ese Museo no ano 1992, e xa daquelas puxera o caso en coñecemento da Interpol. Os xulgados de Munich paralizaron a venda e deron un prazo de tres meses ao Estado español para reclamar o que era seu.

Xa se pode imaxinar a escena. “Que din uns alemáns que se son nosos uns cascos calcídicos de bronce”. “O qué?” O ministerio de cultura, áxil cando se trata de moedas de ouro de galeóns mergullados, que todo o mundo sabe o que valen, desta vez amosouse torpe e lento: encargaron un informe á Policía Nacional, que quedou en auga de bacallau, e finalmente, hai cousa dun ano, un xulgado de instrucción madrileño deu o caso por sobreseído por falla de probas. As poxas, namentres, continuaron ante a pasividade e a indolencia do Estado español, dispersando de maneira criminal un conxunto único. Dos 18 cascos, seis foron mercados polo Museo de arte clásica de Mougins, en Francia, posuidor tamén dunha importante colección de armas antigas. Dous están en mans de coleccionistas particulares españois. Os outros 10 están en paradoiro descoñecido, presuntamente aínda en mans dos herdeiros de Guttmann.

A verdadeira mágoa para a arqueoloxía é que o que podería ser un dos achados arqueolóxicos máis importante na Península nos últimos 50 anos hoxe non sexan máis que unha colección de quincalla moi cara. Os delincuentes que a atoparon e se lucraron co patrimonio de todos destruíron unha fonte única de coñecemento: o contexto. Qué facían 18 cascos xuntos? Qué máis había? Formaban parte do enxoval dunha necrópole, eran un depósito votivo, ou simplemente un esconderixo? Quen os fixo, celtíberos embebidos de cultura helénica, ou gregos traficantes de armas? Quen eran seus donos, señores guerreiros da Celtiberia ou mercenarios auxiliares? Preguntas que de responderse axudarían a trazar novas vías interpretativas para coñecer a sociedade, a economía e a cultura da segunda metade do primeiro milenio en toda a Meseta, e que permanecerán sen resposta por culpa da avaricia dos furtivos, a amoralidade dos anticuarios, e a fatuidade dos coleccionistas. O dano está feito. Agora, ante o ruído mediático, seica os adurmiñados responsables de velar polo Patrimonio de todos van facer “todo o posible” por recuperar as pezas. Non era sen tempo, despois da manifesta incompetencia da xustiza e da administración pública, incapaces de facer valer o interese público sobre o particular no caso de propiedade dun ben arqueolóxico expoliado. Só había que interpretar de maneira correcta unha Lei do Patrimonio Histórico que establece ben clariño no seu artigo 44.1 que todos os obxectos e restos materiais que posúan os valores propios do Patrimonio Histórico descubertos por calquera modo son de dominio público. Non sei qué máis querían, ata un neno pode entendelo.
Comentarios (2) - Categoría: Pezas - Publicado o 31-03-2012 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal