Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O derradeiro capítulo de Hasankeif
A ponte de Hasankeif (foto John Wreford)
Os primeiros habitantes de Hasankeif chegaron no noveno milenio a.C. cando os primeiros agricultores sedentarios se asentaron na foz do Tigris, en covas artificiais que escavaron na branda rocha dos cantís que bordeaban o río. Os arqueólogos atoparon restos deles que se conservan no museo de Mardin. Estas comunidades prosperaron ata convertirse nun enclave urbano, que tivo o seu papel durante o periodo babilónico. Hai quen pensa que foi aquí onde se erguía a lexendaria cidade de Ilansura, capital dun reino contemporáneo da idade dourada de Mari, no II milenio a.C., e que tamén foi obxecto do desexo dos reis hititas. Segundo a difusa ciencia filolóxica, Sura significa “A rocha, o penedo”, e foi na rocha onde estas xentes escavaron, literalmente, as súas casas. Disque hai, todo ao longo da cornixa pétrea que flanquea o Trigris, unhas 4000 covas. Toda unha xigantesca cidade soterrada.

Quizais o propio Alexandre, chamado o Grande, cruzou o Tigris por este punto no ano 331 a.C, cando veu dende Nisbis camiño da crucial batalla de Gaugamela, que lle abriu as portas de Oriente. O certo é que os gregos fixeron aquí unha fortaleza á que chamaron Kastron Rhis-Kephas, que en sirio ou arameo significa “castelo no cumio da rocha”. Máis tarde, os romanos tiveron aquí o seu bastión na cambiante fronteira co Imperio parto, latinizando o nome como Cepha. Gregos e romanos deixaron algúns restos epigráficos que foron desentullados en recentes escavacións. Tras a caída do Imperio romano de Occidente, Hasankeif pasou a formar parte do Imperio Bizantino. Os eremitas cristiáns gostaban das covas colgadas nas ribeiras do Tigris para os seus rezos e penitencias e axiña se organizaron, convertíndose nunha diócese que mandou ao seu propio bispo ao concilio de Calcedonia no ano 451. A comunidade de cristiáns siríacos, hoxe practicamente desaparecida, sobrevivíu aquí ata a I Guerra Mundial, deixando como lembranza unha pequena igrexa e varios oratorios troglodíticos onde aínda se poden ver as fornallas que acollían as iconas dos santos.

Os árabes omeias conquistaron Cepha no 640, e rebautizárona como Hisn Kaifa (Adiviñen: “O castelo na Rocha”), e que foi derivando, deturpadamente, no nome actual. Tamén eles deixaron a súa pegada: convertiron a igrexa bizantina nunha mesquita (A mesquita de Ulu). Un neto dun tío de Mahoma, o imán Abdullah, ten aquí o seu venerado mausoleo. Os árabes mesmo deixaron aquí a súa lingua: en Hasankeif fálase un dialecto do árabe clásico, mentres que na rexión sobrevive o kurdo, lingua á súa vez minorizada fronte ao turco oficial e poderoso. Os habitantes da cidade presumen de poder intercambiar facilmente o seu rexistro do árabe (semítico) ao kurdo (indoiranio) e ao turco (altaico) sen problemas. Xente sabia.

A cidade foi logo gobernada pola dinastía turcómana dos Ortócidas, que a convertiron na súa capital en 1102, e os kurdos Aiúbidas, que conquistaron a cidade en 1232. Estes séculos foron a época dourada da cidade. A vella (suposta) pasarela coa que o río Tigris podía ser vadeado neste lugar foi sustituída en 1116 por unha espectacular ponte. A distancia entre os seus pilares centrais, salvada por un arco de madeira que permitía cortar o acceso aos enemigos, era de 40 metros, o que a convirte na ponte máis grande de toda a Idade Media. Por aquí cruzaban as longas caravanas cargadas con seda da China, e talvez fixera o mesmo Marco Polo cando foi xunto ao Grande Khan na súa famosa embaixada. Daquela ponte hoxe só fican os inmensos pilonos sobre os que se erguía, cos seus monumentais tallamares, pero a riqueza material destes tempos tamén se reflectiu na construción de numerosas e fermosas mesquitas, a cidadela, á que se accede por vertixenosas escadas escavadas no penedío, os restos do gran pazo dos Ortócidas, e o pequeno dos Aiúbidas, un niño de águias sobre o Tigris.

A cidade tampouco ficou exenta das ameazas: os mogoles saquearon a cidade en 1260, pero rexurdíu das súas cinzas baixo o poder dos Turcómanos das Ovellas Brancas, príncipes emparentados cos bizantinos e que fixeron aquí residencias de verán para os seus emires. Tamén esta xente deixou a súa pegada, como a tumba do bei Zeinel, e a súa característica cuberta abulbada e cuberta de ladrillos esmaltados en azul turquesa, versión reducida e doméstica dos grandes mausoleos de Samarcanda. Emporiso, Hasankeif, situada nunha fronteira disputada por persas, aiubíes e turcómanos, rematou por caír en poder de Solimán I, emperador otomano, en 1524.

Tras os Acadios, Babilonios, Asirios, Persas, Gregos, Partos, Romanos, Bizantinos, Árabes, Kurdos, Mongoles, Turcómanos e Otomanos, o goberno turco, empeñado no benestar dos seus cidadáns, decidiu poñer tamén o seu gran de area nesta continua sedimentación de cultura que é Hasankeif. Nos anos 70 proxectou a construcción dunha enorme central hidroeléctrica no Tigris, o encoro de Ilisu, que, se non se pon remedio, anegará todo o val no ano 2013. Case a un tempo, cinicamente, declaraba os monumentos protexidos por lei e mandaba desaloxar aos habitantes da cidadela e das súas covas milenarias para instalalos nun novo asentamento no val, a carón da vella ponte. O abandono contribuiu ao seu imparable deterioro, e a ameaza de asulagamento arredou a calquera inversor sensato de enterrar aquí os seus cartos. Pouco a pouco, a cidade esmoreceu, e os habitantes foron marchando aos centros industriais veciños. Os que ficaron, unhas 7000 ánimas, sobreviven da pesca fluvial, e dos turistas de fin de semana que se achegan a disfrutar da paisaxe e dos monumentos. Non adoitan quedar a durmir, pois non hai xa hoteis. A amabilidade dos paisanos é compensada ademais pola antipatía dos funcionarios de policía, que fan todo o posible por espantar a calquera turista estranxeiro que meta aquí o fuciño.

Os defensores do encoro de Ilisu afirman que suministrará o 10% da enerxía eléctrica de Turquía, axudará a irrigar esta árida rexión e creará 10.000 empregos, moitos deles vinculados ao “turismo náutico”, tan necesarios nunha rexión economicamente paupérrima. Din que os monumentos poden ser trasladados, algo absolutamente imposible dende o punto de vista practico. Os detractores do encoro alegan que o paro e a pobreza proveñen de 40 anos sen inversións. A experiencia doutros encoros turcos no Kurdistán demostrou que non houbo nada dos prometidos regadíos senón que provocaron desarraigo, marxinación e emigración masiva. Apostan polo seu patrimonio como factor de atracción dun turismo de calidade. Pero loitan contra xigantes. Non se di, pero o encoro de Ilisu tamén será unha billa que controlará o acceso á auga de Siria e o Iraque, e hoxe por hoxe, a auga vale alí máis que o petróleo, e máis que valerá aínda. Tampouco se di, pero hai quen pensa que estes proxectos de enxeñería son un paso máis na aniquilación do pobo kurdo, arrancándoo das súas raíces, obrigándoo a trasladarse ás cidades industriais onde o kurdo non se fala, e asulagando a súa memoria milenaria baixo as augas. Os actuais gobernantes turcos deberían reflexionar: Durante máis de dez milenios, todos os habitantes deste pequeno recuncho do mundo deixaron a súa lembranza do seu paso. Cómo nos lembrarán a nós?.
Campaña para a salvación de Hasankeif
Comentarios (4) - Categoría: Mundo - Publicado o 30-03-2010 20:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal