Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Quen ten un amigo, ten un tesouro
O bronce de Pino del OroNos escuros tempos da protohistoria europea, nos que as xentes vivían atrincheiradas e encasteladas en poboados amurallados, protexéndose en comunidades en guerra constante as unhas contra as outras, viaxar debía ser unha aventura perigosa. Máis aínda na Galicia castrexa, que sen esforzo podemos supoñer dividida ata o minifundio en territorios independentes dominados por fortalezas de murallas espantosas, habitadas por unha sociedade que se autodefine como guerreira en todas as súas manifestacións. Emporiso, os contactos existen, as xentes viaxan, a cultura material dos castros amosa cómo obxectos e ideas flúen entre os seus pobos a pesares das ameazas e dos perigos.

Esta visión simplista debe completarse, pois o viaxeiro contaba cunha axuda inestimable. A Hospitalidade. Ésta era unha institución sacra, compartida por moi diversos pobos europeos, incluídos os gregos e os romanos. Cando un forasteiro arribaba a terra estraña, antes de ser interpelado sobre a súa orixe ou intencións, debía dárselle abrigo e alimento, cumplindo coas santas regras do hospitium. Isto derivaba nun vínculo de amizade que se formalizaba intercambiando regalos, e ás veces unha prenda, (entre os gregos era unha taba) que era dividida entre o anfitrión e o visitante. Así, ambos ou as súas familias e protexidos, recoñeceríanse ao cabo do tempo e poderíanse devolver o favor chegado o caso. A hospitalidade garantizaba así a inviolabilidade dos forasteiros, e rompela supoñía un agravio aos deuses. Os romanos fixeron do Hospitium unha institución legal e regulada, cun ritual formal: anfitrión e visitante debían prometer darse acocho mutuo, chocar as mans, e intercambiar tamén unha prenda, que as veces mesmo tiña a forma das mans enlazadas.

Regulamentar esta institución tivo moita importancia, pois sobre ela construíuse todo o aparello legal do que hoxe se denomina diplomacia, cando a hospitalidade privada pasou a ser unha institución pública. Se dous individuos ou familias podían darse hospitalidade, tamén o poderían facer dúas cidades, ou dous Estados. Desa maneira, un cidadán extranxeiro vivindo nun país estraño podía ser designado para acoller aos compatriotas visitantes e representalos ante as autoridades anfitrionas, cumplindo o papel dun embaixador. Ou incluso, un Estado podía enviar directamente un representante ao extranxeiro para desempeñar ese papel, abrindo o camiño a outros viaxeiros. Cando é así, a hospitalidade é un verdadeiro contrato, que se establece por escrito en táboas que se intercambian, e que como calquera contrato, debe renovarse ao finalizalo ou romperse coa mesma formalidade que se asinou. O legado ou embaixador en Roma recibía un trato privilexiado: O Estado eximíao de impostos, podía ser mantido a costa do erario, mercar e vender bens libremente, e incluso representarse a si mesmo ante os tribunais sen o patrocinio dun cidadán romano. En definitiva, equiparábaselle a un cidadán máis, e é de supoñer que os romanos agardasen un trato recíproco para os seus legados.

Isto ven a conto porque hai uns días ven de ser presentado un pequeno tesouro deses que resultan espectaculares non polo seu valor intrínseco, senón polo que representan e pola información que fornecen. Unha tessera hospitalis, un deses contratos de hospitalidade pública que os romanos asinaban coas comunidades coas que pretendían manter a paz. Ésta apareceu hai pouco en Pino de Oro, unha vila zamorana famosa polos seus antigos xacementos deste metal, aínda golosos para algúns empresarios voraces, e acaba de ser presentada no Museu Provincial de Zamora. Non é un caso illado, pois no Noroeste peninsular coñécense outras de contido moi semellante, pero iso non lle quita nada da súa importancia.. A tessera é unha táboa de bronce escachada en varios anacos, dos que só nos chegaron dous, que caben no oco da man. Emporiso, pódese reconstruír o texto que leva escrito con certa precisión. Nela dise, mutatis mutandis, que cara o ano 27 d.C. un individuo anónimo que hai que supoñer legado de Roma, renovou un pacto de hospitalidade co Senado e co pobo de Bletisama, e que éste pobo facía esta hospitalidade extensiva aos descendentes do legado, concedéndolle ademais a plena cidadanía.

Tense falado moito sobre o significado da hospitalidade na conquista da Gallaecia por Roma. Hai quen di que estes achados desbotan a visión romántica dunha conquista a sangue e lume: As fontes clásicas permitían pintar un cadro de loitas encarnizadas entre romanos despiadados e galaicos barudos; guerreiros orgullosos suicidándose en masa no monte Medulio, preferindo perder a vida antes que a súa liberdade; nais que matan aos seus fillos para evitarlles a escravitude e usar os seus inocentes cadavres arroxándoos por riba das murallas dos castros como proxectís contra as lexións invasoras. Pero as fontes clásicas, para algúns, minten máis que un concelleiro. Os galaicos, din, entregaron o país sen rechistar. Eran “colaboracionistas”, atrévese algún, equiparando aos valerosos castros de Pondal coa Francia de Petain.. Eu son dos que supoñen que unha e outra interpretación teñen unha base certa, e que non se pode entender unha sen a outra. Os romanos non pactarían cun pobo débil. O que resulta ben curioso é que a hospitalidade, polo menos no seu aspecto formal, non supón sumisión, senón igualdade e respecto mutuo; e non supón domínio, senón autonomía. Quizais o documento non faga máis que repetir formulas estereotipadas, pero retrata ao pequeno pobo dos Bletisamenses como un Estado con institucións de goberno formais (un senado, ollo!) e uns dereitos recoñecidos a paisanos e visitantes (a cidadanía!), co que a todopoderosa Roma fai acordos diplomáticos de igual a igual a través do hospitium, dunha institución compartida que ambos respectan.

Outra cousa é que, fóra do aspecto formal, a relación dos pobos da Gallaecia con Roma foran de igualdade real. Pero cinguíndonos á letra, é o que hai. Para qué terían os romanos tanto miramento cunha pobre comunidade montañesa?. Os romanos eran avarentos, arelaban as veas auríferas de Bletisama, e durante cinco séculos afanáronse en desventrar os seus montes para poder financiar o esplendor do seu Imperio. De seguro pensaron que era mais rendible atraerse a boa vontade dos nativos a través dun pacto sagrado, vinculante para todos, que manter com eles unha guerra costosa. Xá se sabe: quen ten um amigo, ten un tesouro.
Comentarios (3) - Categoría: Pezas - Publicado o 31-03-2009 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal