Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Operación Tetris contra os tomb riders.
Algúns dos obxectos incautados na Operación Tetris (Foto Axencia EFE)
A principios do mes de Febreiro foi desmantelada a maior rede de expoliadores e traficantes de obxectos arqueolóxicos da historia policial do Estado. A Operación "Tertis" rematou con máis de 50 detidos, e foron incautadas unhas 300.000 pezas roubadas nunha trintena de xacementos no Sur da Península. Á inmensa cantidade dos obxectos hai que sumar a súa calidade: había columnas romanas, aras, estatuas de bronce e moedas de todas as épocas.

Non era a primeira vez que as autoridades investigaban un expolio destas dimensións. En Xullo do 2002 a Operación "Tambora" saldouse con máis de 100 detidos e 200.000 obxectos incautados, entre eles dous tesouros de moedas de prata árabes, e unha estatua romana de Calíope. Daquela, foran danados 530 xacementos.

Entremedias outras operacións de nomes pintorescos deron cos ósos de ducias de ladróns na cadea, e con milleiros de pezas recuperadas: A Operación "Silo" tamén no 2002 detivo a unha parella de expoliadores burgaleses que atesouraban máis de 4000 pezas de 117 xacementos, entre eles os de Atapuerca. A Operación "Accis", en Granada, detivo a catro persoas e recuperou máis de 3000 pezas dende a cultura argárica ata a época visigoda. A Operación "Lirio", no 2005, conseguíu deter a 16 expoliadores e falsificadores en todo o Estado, e recuperar máis de 10.000 obxectos. Tamén no 2005, en dúas operacións simultáneas, foron detidas seis persoas e recuperados 20.000 reliquias íberas, romanas e árabes. E no 2006, a Operación "Vivo" detivo a 24 persoas e recuperou máis de 4000 pezas. Poderíase encher toda unha Cidade da Cultura co incautado.

As redes de expoliadores máis activas móvense sobre todo no Sur peninsular, pois Andalucía é un inmenso xacemento con amplas áreas despoboadas e polo tanto protexidas de miradas indiscretas e desprotexidas da cobiza dos expoliadores. Pero Galicia non escapa desta voracidade. Un caso triste que lle tocou vivir de perto a quen isto escribe aconteceu no ano 2000, cando a investigación do saqueo do Castro de Palio, en Lalín, rematou destapando unha rede que incluía sachadores furtivos, peristas, anticuarios e ata un garda civil de moral relaxada. O caso provocou agrias polémicas cando apareceu na prensa como perista o nome dalgún coñecido investigador, que non vou citar por non abrir vellas feridas, e como compradores das pezas mesmo museus (ben que con argumentos cargados de boas intencións).

O furtivismo non é o maior problema, senón o mercado. Para que exista esta actividade, terriblemente destructora dun coñecemento irrecuperable, ten que existir xente disposta a mercar reliquias arqueolóxicas. E para que exista ese mercado ten que haber un comercio: xente que ten no tráfico destas reliquias o seu negocio. Un mercado e un comercio que son legais, e incomprensiblemente enormes, estraperlo aparte.

A Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia establece que o patrimonio arqueolóxico de Galicia está integrado por todos os xacementos e obxectos descubertos ou por descubrir, e que calquera resto atopado, aínda de maneira casual, é de dominio público. Un obxecto atopado nunha excavación debe ser depositado nun museu, e se o atopa un particular, só pode quedar con el como depositario legal. Quere decir isto que o número de obxectos en mans de particulares é finito e non se pode incrementar legalmente.

Pero tamén se estipulan normas ríxidas para o comercio dos bens inventariados. Os anticuarios deben estar inscritos nun rexistro, e deben consignar sistemáticamente todas as súas transaccións nun libro. En caso de venda dalgún obxecto catalogado a Xunta ten prioridade. Os propietarios están obrigados a conservar e protexer este patrimonio baixo risco de expropiación. Ata o traslado ten que notificarse. Incluso daqueles bens non catalogados a Xunta pode facer as inspeccións oportunas para incluílos no seu Inventario Xeral.

Se non hai máis mercadoría que as coleccións particulares e se a Xunta ten potestade para incluir todas as coleccións particulares dentro do Patrimonio Cultural de Galicia, e polo tanto suxeitalas a normas moi estrictas para a súa transacción, chama moito a atención que haxa un mercado legal tan grande deste tipo de antigüedades. Non debería existir sequera. Unha visita a e-bay pode dar idea da magnitude do expolio (ou do fraude). Eses obxectos subastados só poden ser falsos ou roubados ao Patrimonio de todos. Ademais só poden interesar a especuladores sen escrúpulos e a persoas que confunden o amor a historia cunha afición morbosa por atesourar quincalla. Porque un obxecto no seu contexto é quén de contar unha historia complexa e chea de implicacións. Ése é o seu valor. Un obxecto arrincado da terra que lle da sentido non é máis que trapallada.
Comentarios (3) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 25-02-2007 15:20
# Ligazón permanente a este artigo
Os tesouros de Rande (ou o ouro de Moscova).
Os galeóns de Rande vistos por Urbano Lugrís
"Arredor do Nautilus, nun radio de media milla, as augas parecían impregnadas de luz eléctrica. O fondo areoso era nítido e claro. Os homes da tripulación, ataviados con escafandras, ocupábanse de desfacer toneis medio podres, caixas esbandulladas, en medio de restos xa renegridos. Destas caixas, destes bocois, escapábanse lingotes de ouro e de prata, fervenzas de piastras e de alfaias. Cubrían a area toda. Logo, cargados con este precioso botín, os homes voltaban ao Nautilus, deitaban alí a súa carga e ían repetir esta inesgotable pesca de prata e de ouro".

Jules Verne é o responsable de toda unha mitoloxía de paisaxes submarinas tan poderosa que case calquera ao que se lle fale de vellos naufraxios no fondo do mar mirará inmediatamente no seu maxín esta imaxe estractada do capítulo adicado á Ría de Vigo das súas 20000 leguas de viaxe submarina. Verne é tamén responsable doutra cousa: o coñecemento universal da Batalla de Rande (1702), que supuxo a perda da Flota de Indias e dunha boa parte da armada francesa a mans de británicos e holandeses durante a Guerra de Sucesión Española.

A historia é coñecida: Daquela, a Flota de Indias, cargada de tesouros e protexida pola armada francesa, ao mando de Manuel de Velasco e o Conde de Chateaurenault, buscan refuxio na enseada de Rande, no fondo da ría de Vigo, fuxindo da flota inglesa e holandesa do almirante Rooke, que lles blocaba a ruta a Sevilla. Descuberto o agocho, os anglo-holandeses organizan un ataque simultáneo por terra e mar, conquistan os castelos de Rande e Cordeiro, ao tempo que atacan a liña de defensa francesa, mal disposta e moi inferior en número. Perdida a esperanza, Manuel de Velasco ordea barrenar os galeóns dos tesouros, para evitar a súa captura. Todos os barcos españois e franceses son afundidos, queimados ou apresados. As riquezas que os ingleses conseguen recuperar son embarcadas no Santo Cristo de Maracaibo, pero este inmenso galeón encalla nas Cíes e afúndese tamén, irremediablemente.

Dende entón, os restos destes barcos e de 2000 tripulantes durmen no fondo do océano, pero a imaxe verniana deste cemiterio pode distar moito da realidade. En primeiro lugar, os pecios non descansan sobre un claro fondo areoso, senón que están enterrados baixo metros e metros de lama procedente do aluvión do río Oitavén. En segundo lugar, cando os ingleses atacaron, os galeóns levaban case un mes sendo alixeirados da súa prata, cargada en carros de bois e conducida terra adentro ata Castela. Aínda así os supostos tesouros asulagados en Rande son un estímulo inmenso para a imaxinación e para a cobiza. Proliferaron, e proliferan, os intentos de rescate.

O último destes intentos é un proxecto ruso-alemán proposto por unha empresa denominada San Simon GmbH, liderada por Ferdinand Karnath, e que pretende gastar 310 millóns de euros en recuperar a totalidade dos galeóns afundidos en 1702 e no ataque inglés a Vigo de 1719. O proxecto quere sacar da lama barcos e enseres con gran profusión de medios e tecnoloxía punteira, e está avalado por importantes (e anónimos) financeiros. Por traer, traíanse cartas e avais ata do mesmísimo Vladimir Putin e moitas gañas de empezar a traballar canto antes.

Cando os rusos mandaban foguetes a Marte, batían rexistros de salto con garrocha e os seus presidentes daban zapatazos no estrado da ONU podería ser que se lles tomase en serio, pero nestes tempos, se tecoleas “mafia rusa” no Google saen 255.000 referencias, as cousas como son. Como para non andar con ollo. Hai moitos, moitísimos puntos escuros nesta empresa: É escura a súa pretensión de arrapañar o 50% do atopado e un galeón enteiro para levalo a un futuro museu moscovita, condición leonina digna dos tempos da arqueoloxía rapaz de Schliemann, e que é, por máis, absolutamente ilegal. “Hai galeóns para todos”, argumenta o tal Karnath, que se erixe en xefe do proxecto, a pesar de que no seu currículo de ex-policía en Berlín, mergullador e profesor de non se sabe qué na Universidade Lingüística de Moscova, non aparece que sexa arqueólogo nin que teña experiencia algunha neste oficio ingrato. Tampouco se sabe nada do copioso financiamento: os inversores seica preferiron estar sempre nun enigmático anonimato. Tan escuro é todo que as máis de 1000 páxinas do proxecto, non se sabe se polas presas, foron presentadas… en alemán!, idioma moderno culto, pero bastante incomprensible para o funcionariado medio galego, o que alongou os trámites dende o 2005 ata hoxe. O máis benévolo que se pode dicir de Karnath é que é un soñador, un voluntarioso afeccionado ou un vendedor de fume.

Todo isto ven a conto de que a Dirección Xeral de Patrimonio acaba de dar portazo a este proxecto polas súas evidentes deficiencias formais, legais, financeiras, científicas, e técnicas. Ben.

Pero aínda así, postos a soñar, moitos miraríamos con ledicia un proxecto científico cabal e ben plantexado encol dos galeóns de Rande, de Verne e de Lugrís. Non hai no mundo un só galeón español rescatado, só expolios sonados coma o do Nuestra Señora de Atocha. Pero hai exemplos recentes alentadores, coma o rescate do Mary Rose en Gran Bretaña, ou referencias incontestables coma o Wasa, obxecto dun museu monográfico en Estocolmo que é o máis visitado de toda Escandinavia. Agora que, hai escasas datas, o Museu do Mar de Vigo, practicamente inoperante dende a súa inauguración no 2002, pasou a titularidade da Xunta, Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura, prometeu que centralizaría o eido da arqueoloxía subacuática coa creación dunha unidade de investigación especializada. Xa hai por donde empezar. E iso si que sería un verdadeiro tesouro.
Comentarios (4) - Categoría: Escavacións - Publicado o 21-02-2007 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Os amantes de Valdaro.
Os amantes de Valdaro (Foto Reuters)A arqueoloxía escasea nos medios de comunicación de masas, rara vez é capaz de atraer para si titulares. Afeito ao consumo inmediato dos acontecementos que se relatan e se encadean, o público non parece prestar atención a unha disciplina científica como a arqueoloxía, baseada na parsimonia e proporcionadora de novas por definición moi atrasadas. Pero ás veces un achado casual fai que a máquina se deteña uns minutos para mirar un pouco cara atrás.

O pasado día 7 de febreiro, os teletipos de medio mundo fixeron eco dun achado realizado no Norte de Italia. Dous esqueletes, seica home e muller, apareceron enterrados xuntos, abrazados, nunha tumba neolítica na localidade de Valdaro, un arrabaldo industrial de Mantua, mentres escavaban unha vila romana que ía ser afectada pola construcción dun edificio. Dispostos de lado, en posición fetal, amosaban as pernas e brazos enlazados nun abrazo eterno, mirándose aos ollos (ou ás cuncas) mentres se sorrían (ben que forzadamente, dada a súa condición de osamentas) cunha dentadura perfecta.

O achado abre unha gran cantidade de incógnitas que aínda non se poden responder. En primeiro lugar, porque unha tumba dobre é rara, toda vez que supón unha relativa simultaneidade na morte dos seus inquilinos. Cal podería ser a causa dese pasamento dúplice?. Xunto ao pescozo do home apareceu unha punta de sílex, mentres que no muslo dela hai un coitelo alongado, tamén de pedra, pero non se sabe aínda se estes obxectos poderían ser os causantes das súas mortes, ou simplemente parte do enxoval funerario. En segundo lugar, porque aínda se descoñece a relación entre os dous defuntos: eran mozos?, amantes?, irmáns?. Poida que a análise dos dentes revele este último aspecto, todo o demais serán cábalas.

Cando aínda non temos resultados concluíntes da escavación, o realmente chamativo da noticia é a evidencia da gran cantidade de filtros contemporáneos e absolutamente subxectivos a través dos que os medios, e o público, contemplan a nova. Tanto no seu aspecto máis romántico coma no máis siniestro.

Evidentemente, o achado ten un aspecto emocional grande. Cando se atopan dous cadáveres abrazados, nunha postura tan chamativamente amorosa, en Mantua, a vila na que foi desterrado Romeo, é difícil sustraerse da idea dun amor con connotacións shakespearianas que supera a barreira da morte. A arqueóloga que dirixía a escavación, Elena Menotti, recoñecía que a equipa de escavadores emocionouse ao atopar os corpos, aos que bautizaron novelescamente coma “Os amantes de Valdaro”.

Pero tamén hai un lado lúgubre, pois cobrou forza nos medios a hipótese de que ela fose sacrificada tras a morte del, para que o acompañase ao burato. Non hai a penas nada que corrobore isto. A súa postura no leito en que xace non amosa sumisión, senón un sentemento mutuo incluso apaixoado. Poida que simplemente morreran enfermos, e no suposto caso en que se demostrase que ela sufrira unha morte violenta, nin sequera se podería afirmar que ésta fose forzada, coma foi o caso da propia Xulieta. A hipótese do sacrificio é alimentada pola idea que insinúa que o asasinato de mulleres a mans dos seus homes responde a un impulso atávico, nesta época na que as mortes de mulleres víctimas da violencia doméstica é unha desgracia demasiadas veces presente. E isto é deplorable (tanto os asasinatos, como a idea que os homes sexan intrínsecamente asasinos de mulleres).

Di a arqueóloga Elena Menotti, a descubridora dos restos, que "Independentemente do motivo polo que foron sepultados estreitándose cos brazos, desprenden a idea de que estaban unidos por un forte sentimento”. Coida ela que son “a testemuña dun gran amor que sobreviviu a séculos de historia”. Non podemos dubidalo. Parafraseando a Quevedo, poeta castelán: Son cinza, mais teñen sentido. Son pó, mais pó namorado.

Valentín foi un sacerdote que sufriu martirio no ano 273, por casar en segredo ás parellas cristiás saltando a proibición ao respecto do emperador Claudio II. O día da súa onomástica, que era hoxe, foi escollido polos namorados e os comerciantes como unha festa para celebrar ese amor que profesan (pola súa parella e polo negocio, respectivamente). Sirva pois, esta nova, para celebrar o amor entre todos os arqueólogos e arqueólogas, nestes tempos de disputas e coiteladas.
Comentarios (3) - Categoría: Mundo - Publicado o 14-02-2007 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Morte e sepelio dun petroglifo.
O petroglifo antes e durante a súa remoción.
A Devesa do Rei, no Concello de Moaña, era unha interesantísima estación rupestre de entre as moitas e tamén interesantísimas que se podían atopar nos montes do Morrazo. Nunha gran laxe, de máis de 11 metros de longo e uns 8 de largo, algún home da Idade do Bronce gastou o tempo en trazar parsimoniosamente, mediante sulcos na pedra, un complicado deseño reticulado de case dous metros por un, e poida que tamén ese mesmo home riscase algúns outros deseños circulares arredor. A pedra foi descrita por Antonio de la Peña na súa tese de licenciatura, e publicada no seu inventario Grabados Rupestres de la Provincia de Pontevedra. Dende entón, era coñecida entre os arqueólogos, os aficionados ás cousas antigas e os curiosos.

Como case todos os petroglifos, descoñecemos moitas cousas sobre quén o fixo, con qué intención, en qué época. Emporiso, eses sulcos son o debuxo dun mapa, rudimentario e paciente, que un home antigo nos deixou do seu pensamento. Atravesando as idades, o mapa chegou ata nós, incapaces de comprendelo, pero conscientes de que aqueles simples riscadelos gardaban un inalcanzable saber arcano.

Pero eis que o enxeñeiro que trazou o mastodóntico Corredor do Morrazo decidíu que a tan ansiada vía rodada que ía permitir aos vigueses chegar en 20 minutos ás praias de Cangas, aos constructores especular convertindo o monte en patrimonio inmobiliario con vistas ás rías e a milleiros de madrileños “invertir” en adosados e segundas residencias n’O Hío ou Aldán, debía pasar xusto por riba da nosa pedriña que durmía tranquila entre a broza dende había milenios. Seica foi esa broza a que impedíu aos avispados autores do Estudo de Impacto Arqueolóxico incluila nas súas previsións, a pesar de levar publicada máis de 20 anos nunha obra de obrigada referencia.

Con todo, plantexouse unha “medida correctora”: Unha escavación do contorno, e despois a remoción da pedra do sitio para poder levala a un lugar onde estorbase menos. Alí sería “posta en valor” pretendendo “devolverlle algo do contexto paisaxístico a estes elementos patrimoniais”. Xunto á Devesa do Rei, outras dúas estacións máis, O Viveiro (Moaña) e Gondarán (Cangas), correrían a mesma sorte. Segundo a memoria publicada destes traballos, coordenados por Felipe Criado e Elena Cabrejas, “A cartelería que acompañará ós petroglifos reubicados terá unha información sobre o propio petroglifo e a sociedade na que se creou, co que se lle dará un contexto histórico que explique a súa función social” (sic) .

Os asistentes ás IV Xornadas "Blanco Freijeiro" de arqueoloxía celebradas en Marín hai dous anos puidemos asistir, dentro dun coloquio sobre a situación do patrimonio arqueolóxico, a unha descripción moi gráfica, por parte dun membro do Colectivo en Defensa do Patrimonio do Morrazo, dos métodos empregados para extraer as pedras do seu leito, ante a indignada protesta dunha (así se presentou) membro do equipo que alí traballaba. Por empregar un eufemismo, aquilo non se parecía moito ao traslado de Abu Simbel.

A pedra de Gondarán, relativamente incólume, foi trasladada a unha escola de canteiros en Cangas. Seica os alumnos, desinformados, fan prácticas co mazo sobre a rocha ignorando a súa condición de reliquia. A pedra do Viveiro fendeu en dúas partes e foi dende entón abandoada na gávea do Corredor, sen que en tres anos ninguén se puxera dacordo en qué facer con ela. A pedra da Devesa do Rei rebentou en anacos, grandes e pequenos. O petroglifo ficou estragado.

Reconstruido en parte, foi ubicado perto da rotonda de Meira. Alleada do seu entorno e do seu leito hercínico, a pedra esmorecía coma un despoxo. Antes aínda amosaba os seus antigos segredos ao camiñante ocasional que a atopaba entre a fronda, agora era ignorada por todos os automóbiles que pasaban zumbando por diante. Ninguén lembrou o dos carteis revalorizadores. Se así fora, poida que o camioneiro que buscaba un sitio onde deitar a terra que levaba se decatara que alí había un petroglifo. Así foi que, hai uns días, recibíu sepultura.

Sit tibi terra levis.
Comentarios (14) - Categoría: Pezas - Publicado o 09-02-2007 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
A voltas arredor dos círculos.
Foto National Geographic
Recentemente, os medios de comunicación de medio mundo fixeronse eco das novas descubertas arqueolóxicas realizadas durante o pasado ano 2006 na bisbarra de Salisbury, no entorno inmediato de Stonehenge, posiblemente o monumento megalítico máis coñecido do mundo.

Os resultados foron publicados na revista National Geographic, que financiaba parcialmente as escavacións, realizadas en realidade por unha ampla equipa de arqueólogos pertencentes a seis universidades inglesas, dirixidos por Mike Parker Pearson, dentro do chamado Stonehenge Riverside Project.

Tales escavacións deron pé a suxerentes interpretacións, moi na liña dunha revista capaz de facer que o mesmo Xudas Iscariote escriba un evanxeo. En primeiro lugar atoparon un túmulo que agachaba unha tumba de incineración. Baixo un gran bloco de dolerita, a mesma pedra coa que os megaliteiros construíron o calendario de Stonehenge, atoparon as vértebras calcinadas dun protoinglés de metro oitenta, xunto a obxectos de procedencia distante, seica dos Alpes, coma un cristal de rocha.

Por outra banda, outras escavacións centraronse en Woodhenge, un círculo semellante a Stonehenge situado a dous quilómetros, pero feito, coma o seu nome indica, de madeira. Os investigadores atoparon as trazas dun círculo de pedras neste lugar, que foi reformado alomenos dúas veces. Posiblemente, as pedras, desaparecidas, foron trasladadas en tempos remotos para ser engadidas ó monumento xemelgo de Stonehenge.

O terceiro punto de interese estaba en Durrington Walls, o monumento tipo henge máis grande de Inglaterra, tamén a uns tres quikómetros de Stonehenge. Alí os arqueólogos atoparon os alicerces de alomenos unhas 30 vivendas de madeira, ordeadas nunha gran avenida de 170 metros de longo e máis de 20 de ancho, e que foron datadas polo C-14 nas mesmas datas da construcción do círculo de Stonehenge. Eran casas dun tamaño decente para o que hoxe se estila, 25 metros cadrados, con piso de arxila pisada e, a xulgar polos restos, incluso amoblados. Fóra deste asentamento apareceron máis vivendas, algo diferentes, posiblemente lugares de culto.

As características dos obxectos atopados dan pé a pensar que este non era un asentamento corrente. Por exemplo, aparecen por todas partes ósos e dentes de porcos case todos sacrificados con nove meses. Ou sexa, que eran porcos criados, e matados a intervalos regulares. Se consideramos asemade o aliñamento da Avenida de Durrington Walls e de Stonehenge cara ó abrente e o solpor do solsticio de inverno, respectivamente, infiren os ingleses que en Durrington xuntábanse grandes continxentes de pelegríns vidos de todo o Sur de Inglaterra para celebrar unha gran romería de San Martiño prehistórica.

Outras interpretacións levan aínda máis lonxe. Teñen que ver co río Avon como autoestrada psicopompa, o culto solar ligado ós mortos, e toda unha complexa estructura cosmogónica ligada á paisaxe e a unha rede de monumentos relixiosos que está de máis explicar aquí. Aos enlaces remitimos. En calquera outro sitio, estes resultados non serían tan espectaculares, ou tan chamativos, pero Stonehenge ten un millón de visitantes ó ano. As autoridades, seica, traballan para evitar a proliferación de aparcadoiros e camiños que estraguen a chaira de Salisbury. No 2003 planeábase desviar unha das estradas cercanas, soterrar cun túnel outra e construír o centro de interpretación… a catro quilómetros!.

Ao mesmo tempo que isto sucede, o noso pequeno Stonehenge da Mourela agoniza. Informan os amigos de Choiva Azeda que o Sr. Manuel Morato, Director Xeral de Obras Públicas, non ten a menor intención de atender á demanda feita por ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes, de salvar o círculo lítico cun pequeño túnel. Queda un fío de esperanza, pois afírmase que todo depende do informe final dos arqueólogos de Andrés Bonilla. Quizais sexa así. Un pensa naqueles megaliteiros neolíticos, que vivían felices comendo churrasco no seu debido tempo, que mandaban as almas dos seus mortos polo río abaixo, que axeitaban os seus costumes e mitos ás formas e redondeces da terra na que vivían, que rexían a súa vida polos astros do ceo, e os compara con estes megaliteiros do cemento, que rebentan as rochas, rompen montes, estragan fragas, nublan ceos, e atoran os mesmos ríos por onde viaxaban aquelas animiñas antigas, sen importarlles nin quen foi nin quen virá, e se pregunta se non será que a civilización vai ao revés.
Asina en favor do túnel para salvar a Mourela
Comentarios (5) - Categoría: Mundo - Publicado o 05-02-2007 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal