Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pensando unha nova Lei de Patrimonio Cultural (II)
Soñando con ser arqueólogos (foto Publicarchaeology.blogspot.com)Como ficou dito, unha consecuencia indubidable da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia é a profesionalización e burocratización da profesión arqueolóxica, entendendo o termo profesionalización coma o proceso polo cal a arqueoloxía convírtese nunha actividade lucrativa exercida por técnicos capacitados. Ollo, isto non debería ser algo intrinsecamente malo, pois nada malo hai en que a actividade arqueolóxica sexa competencia exclusiva de quen está formado para exercela e quere vivir diso, nin de que a administración vele pola protección do patrimonio público esixindo todo tipo de garantías. Porén, este proceso de profesionalización-burocratización trouxo consigo unha serie de vicios que é preciso corrixir.

A profesionalización xurde pola renuncia tácita da Lei de Patrimonio a definir unha política pública de intervención no patrimonio arqueolóxico. Unha política que podería plasmarse de múltiples maneiras: establecendo marcos colaborativos con institucións (universidades, museos, concellos, fundacións...), reservando partidas orzamentarias, deseñando vías específicas de financiamento, establecendo programas de subvencións e bolsas de estudos, estimulando a creación de foros de debate e discusión, implicando aos profesionais no deseño de programas de investigación estratéxicos... Había centos de posibilidades, pero non. A Lei tan só establece un marco procesal para unha actividade que se entende exercida e promovida dende o ámbito privado. É decir, a administración non fai arqueoloxía, senón que só dí cando, como e por quen debe ser feita a arqueoloxía.

Todo isto resultaba moi práctico: a administración evitaba facer unha inversión pública (outros chámanlle gasto público) en arqueoloxía, actividade onerosa e da que resulta difícil xustificar a súa utilidade, utilizando xustificacións raianas no sofisma, coma que o xacemento mellor conservado é o que non se escava. Pero por outra banda, a extensión do control administrativo sobre a construcción, tanto pública como privada, abría un pequeno eido de posibilidades laborais a arqueólogos a quen, ata agora, o título só lles valía para adornar a parede do salón. Unha xeración e media de arqueólogos, carne de INEM, lanzáronse a criar empresas de arqueoloxía orientadas a resolver os expedientes dos promotores inmobiliarios, obrigados a a pagar a un arqueólogo con tal de que lle sacaran do medio esas catro pedras e poder seguir construíndo axiña a súa burbulla. Era un sistema perfecto: A administración, sen gastar un can, podía presumir das centos de intervencións arqueolóxicas realizadas cada ano. Os arqueólogos podían empregarse de arqueólogos, cousa que poucos deles se atreverían a soñar, e aínda que o mercado era escaso, a propia administración se encargaba de regular a competencia exercendo de árbitro arbitrario. Os promotores laiábanse pero se podían pagar, pagaban, pois nos tempos da burbulla había para todos. E todos contentos.

Pero ollo. É un sistema defectuoso, tanto que dificilmente pode soportar estes tempos de penurias e zozobras. En primeiro lugar, facer recaer todo o custo da intervención no dono do terreo é o mellor estímulo á ocultación e a destrucción dos xacementos. A lei de patrimonio prevée o dereito a premio polos achados, e a posibilidade de custo compartido entre o promotor e a administración autonómica das intervencións arqueolóxicas, pero os casos nos que isto foi así pódense contar cos dedos do xeonllo. O dono dunha parcela urbanizable sospeitosa de agachar reliquias do pasado fará todo o posible por meter a retroescavadora a fozar antes de que a administración reaccione e faga que as famosas catro pedras trunquen os seus soños urbanísticos. E poderá cometer ese delito (ás máis das veces reducido a falta administrativa) contando coa vista gorda, cando non o beneplácito, da administración local, que se alimenta principalmente das licencias de obra. A lei, lonxe de conseguir crear unha relación de respeito entre a cidadanía e o Patrimonio, convertíuno nun “problema”, unha traba administrativa máis, que, como noutros casos, resulta máis rendible eludir.

En segundo lugar, hai que ter en conta que o negocio da “arqueoloxía de xestión” (por algúns chamada de “dixestión”, en tanto que daba de comer) foi posible nun principio grazas á precariedade e a desregulación laboral: ausencia de contratos, ou contratos leoninos, salarios por debaixo da categoría profesional, falla de seguridade,... Na medida en que estas graves deficiencias van sendo corrixidas grazas aos convenios, os custos dunha intervención arqueolóxica comezan a dispararse, ata o extremo de que hoxendía, un promotor inmobiliario sabe que pode ser máis barato pagar a multa por destruír un xacemento (no suposto caso que se lle abra un expediente sancionador, que hai cousas que pasan) que asumir o custo da súa escavación, sen que isto supoña unha garantía de poder continuar a obra. Así están as cousas. O modelo de negocio da “arqueoloxía de xestión” podía funcionar nun contexto no que convivían a construcción desaforada e os salarios desregulados, dúas condicións que non existen actualmente e que é desexable que non volvan.

E en terceiro lugar, este sistema convirte ao arqueólogo no seu elo máis feble, nun equilibrio ás veces moi precario entre o promotor, a administración, e a súa propia ética profesional. O promotor, que paga, considérase no dereito a esixir informes do arqueólogo favorables aos seus intereses. A administración, en tanto que debe velar pola preservación do patrimonio, debe fiscalizar o traballo do arqueólogo e ten a potestade de denegarlle a súa autorización e o sustento. A ética profesional aboca ao arqueólogo a desesperarse ante a perpetua contradicción entre a urxencia coa que desenvolve o seu traballo e o deber do rexistro exhaustivo; entre a consciencia do valor dos restos achados e a realidade de traballar para a súa destrucción. O resultado é que as intervencións rematan en informes ambiguos, cos que tan doado resultaría xustificar a conservación dun achado como (a cotío) a súa desaparición. Cando un promotor, público ou privado, destrúe un xacemento que acaba de ser “avaliado”, sempre se xustifica no informe dos arqueólogos. E cando a cidadanía expresa a súa indignación pola destrucción do patrimonio que é seu, acaba por dubidar da profesionalidade duns arqueólogos incapaces de avaliar nada cun “aprobado”, aínda que sexa raspado.

Moitos arqueólogos que coñezo, cheos de xusto sentido corporativo, louvan este proceso de profesionalización da nosa ciencia, algo que, na súa opinión, contribúe a dignificala. Xeralmente, de maneira máis ou menos consciente, miden en paralelo a dignidade e a retribución monetaria, algo que, todo hai que decilo, non é exclusivo deste gremio, senón que está na lóxica desta sociedade. Defenden, polo tanto, un sistema que ata hoxe lles deu de comer, incapaces de imaxinar outra alternativa. Eu sei que a dignidade da profesión pasa por outras peneiras. Sei que, desgrazadamente, a inmensa maioría da cidadanía segue sen entender a utilidade da arqueoloxía. E a minoría que a entende, a cidadanía que disfruta do Patrimonio como algo propio que nos une e define como sociedade, e a que o defende cando é atacado, é doado que mire nos arqueólogos profesionais uns mercenarios inescrupulosos, que se expresan nunha linguaxe engolada e distante, e que moitas veces se amosan incapaces de transmitir sequera un poco de amor polo pasado que contribúen a rescatar.

A dignidade da arqueoloxía pasa, pois, por traballar nun sistema que nos permita exercer a nosa profesión de maneira independente, libre de inxerencias dende intereses que non sexan os inherentes á nosa ciencia. Un sistema que nos permita ser contemplados pola sociedade como algo útil e necesario, compartindo coñecemento, e axudando a entendelo como outra forma de riqueza. E, postos a pedir, un sistema capaz de xerar traballo digno con soldos dignos. O modelo xurdido da Lei actual é pernicioso. Dixemos no outro post que non servía para xerar coñecemento. Acabamos de ver que non serve para dar de comer, nin tampouco para dignificar a disciplina. Delenda est archaeologia (procurationis). Outros modelos son posibles. Quero crer que mellores. Pero diso falaremos, se acaso, o ano que vén. Feliz ano!
Comentarios (1) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-12-2011 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal