Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un castelo no ar
O castelo de Villerouge, e o de Pambre
Villerouge-Termenès é unha pequena viliña, ou máis ben unha aldea, entre as fragosas e abruptas terras da rexión de Corbières, no Departamento de Aude (Languedoc-Rousillon), no Sur de Francia. Unha mancheíña de casas rodeada de montes, atravesada por un murmurante regato, e dominada pola pétrea presencia dun castelo medieval. A fortaleza, feudo do arcebispo de Narbona, pero disputado pola nobreza local, marcou dende sempre as vicisitudes desta pequena comunidade, suxeita ao seu implacable señorío. Despois da Revolución e tras pasar por diversas mans, o castelo convertiuse nunca morea de pedras arruinadas, ao tempo que a vila, que chegou a ter 420 habitantes no século XIX, se desangraba pouco a pouco, vítima do éxodo rural. Os 250 habitantes que había a mediados dos anos 50 reducíronse a tan só 140 en 1975. Villerouge ía camiño de convertirse nunca vila pantasmal, de casas vencidas polo abandono e comestas das silveiras.

No ano 1976 o castelo foi declarado Monumento Nacional, e os villerougeois decidiron poñer freo á súa decadencia usando do seu patrimonio máis preciado. A comuna fíxose cos restos do bastión, entón dividido entre varios propietarios, e comenzaron os traballos de restauración. O castelo era un máis nunha rexión plagada deles, pero Villerouge tiña unha peculiar historia que contar. A vila fora escenario, en 1321, da morte na fogueira de Gilhem Bélibaste, o derradeiro Perfecto do catarismo, a secta heterodoxa que foi obxecto dunha sanguinaria persecución en forma de Cruzada católica a principios do século XIII, excusa para a extensión do dominio dos reis de Francia no Languedoc, e para a creación dun dos instrumentos de poder e coerción máis siniestros da historia da humanidade: A Santa Inquisición. Unha historia tan novelesca que quen a coñece non pode deixar de sentirse cautivado.

Quen visite hoxe Villerouge no verán atopará unha aldeíña coqueta por onde deambulan angúns turistas tranquilos. Case todos veñen atraídos polo castelo, restaurado, que se pode visitar con guía. O circuíto da visita xira en torno da vida do malpocado Bélibaste, e da evolución do castelo e da vila, a través de diaporamas, maniquís e vídeos. Como case todas as fortalezas medievais da rexión, está dentro dun circuíto turístico que agrupa os chamados “castelos cátaros”, e que permite acumular descontos nas entradas ao visitar varios deles. Ten incluso un restaurante que ofrece auténticas receitas medievais, dignas do propio bispo de Narbona (o churrasco de cátaro, perdonando o chiste macabro, non está na ementa). Moitos antigos habitantes volven nos meses de calor a disfrutar dos seus antigos predios e casas remozadas. O censo estabilizouse, e incluso aumentou lixeiramente. Visitei Villerouge no verán do 2008 e pareceume un exemplo marabilloso de simbiose entre o pasado e o presente, de cómo unha comunidade pode apoiarse no patrimonio monumental para atopar novas oportunidades económicas, ao tempo que eses recursos permiten e animan a conservar este patrimonio.

Mentres tanto, no outro extremo da galaxia atópase o castelo de Pambre, en Palas de Rei (Lugo). A única fortaleza, seica, que non sufriu os rigores xusticeiros dos Irmandiños cando durante dous anos, entre 1466 e 1469, foron donos do Reino de Galicia, expulsando aos nobres e derrubando as torres dende onde exercían o seu opresor dominio sobre os labregos galegos. O que non logrou nunca a Santa Irmandade estano a conseguir hoxendía as silvas e os toxos, rubindo polas antano orgullosas murallas e adarves ata o máis alto da torre do homenaxe, todo a pesares de que o conxunto conta coa máxima protección da Lei, ao ser Monumento Nacional dende 1949, e conseguintemente Ben de Interese Cultural (BIC) dende 1995. Cando os veciños de Palas de Rei se organizaron para reclamar un maior celo pola conservación do monumento, e un horario de visitas para o mesmo, só conseguiron que o seu propietario, o Conde de Borraxeiros, botara o cerrollo e puxera de porteiro un mastín de considerable porte e dentamia, a pesares de saber que era o seu deber legal abrir o castelo catro veces por mes para permitir que a chusma plebea pudiera asomarse a unha xaneliña por onde contemplar o seu pasado. Esta actitude de aristocrática teimosía custoulle incluso a apertura dun expediente sancionador pola Consellería de Cultura. O estado de abandono era tal que ata a Consellería de Turismo redactou un ditame aconsellando a súa expropiación.

Manuel Taboada Fernández, Conde de Borraxeiros, este celoso defensor do Patrimonio, acaba de finar, Deus o teña na Gloria. A falla de fillos aos que deixar o seu fortín, legouno a uns irmáns: os Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres, unha congregación religiosa radicada en Vigo e adicada á beneficencia, que inmediatamente declarou a súa intención de desfacerse do castelo para financiar as súas actividades. O prezo anda polos 10.028.000 euros, que foi a taxación feita polo arquitecto César Portela dos edificios e terras que comprende o conxunto (o castelo e os seus anexos, 10 hectáreas de carballeiras, e outras 35 de prados). Sae a 2900 euros o metro cadrado, algo caro para unha ruína: o precio medio da vivenda nova na provincia de Lugo non chega a 1200 euros/metro, e a casa rural en Palas, anda polos 350 euros/metro. Manuel Taboada pagara polo seu solar un millón e medio de pesetas en 1974 (aproximadamente o prezo de tres pisos daquela), e aínda lle sobraron cartos para mercar o título nobiliario que o seu pai rehabilitara en 1958. O Concello de Palas de Rei, que ata defendera a idea da expropiación cando o conde alimentaba mastíns con carne de turista, non pode asumir ese prezo, e insta á Xunta a que sexa a que merque o monumento. Pero a Xunta da austeridade dí que non está para mercar castelos. De momento é o que hai.

Os castelos do Languedoc están agrupados nunha denominación xenérica algo arbitraria e de tintes publicitarios: Os Castelos Cátaros. De feito, a rexión é coñecida turisticamente como o País Cátaro. A estratexia para atraer visitantes consiste na divulgación dunha historia, a da Cruzada Albixense, que ten lecturas para todos os gustos, dende os diletantes eruditos ata os amantes do esoterismo. Quen visite a rexión atopará sen dúbida exemplos de banalización do pasado, incluso de chabacanería, tamén de abandono, pero hai tamén casos coma o de Villerouge, onde as súas xentes souberon ver na conservación do seu pasado unha segunda oportunidade para non desaparecer, e para sobrevivir. A parroquia de Pambre ten 28 habitantes, e as 43 parroquias de Palas non suman 3700 en total. Puidera ser que, mirando a outras partes, as xentes que administran o Patrimonio histórico, que é de todos, se decataran de que éste é unha oportunidade para o futuro dun medio rural en perigo de extinción. Quizais sexa soñar, imaxinar os castelos de Galicia en mans públicas, coidados e respectados, aínda que sexa baixo a denominación pop de “Castelos Irmandiños”, e que isto atraia ao público a disfrutalos ao tempo que aprende unha parte da nosa historia. A iso de soñar despertos os franceses chámanlle “faire des châteaux en Espagne”.
Comentarios (4) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 21-12-2009 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal