Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A arte de escoller palabras
Cuevillas e Risco, sobre as murallas de San Cibrán de LásNos anos 10 do pasado século, Ourense era unha cidade esmagada pola seu clima insufrible, a consciencia do seu carácter provinciano e o conservadurismo pertinaz. Emporiso, as luces do século tentaban abrirse paso de maneira tímida naquela vila grande, que nunca tivo claros os límites entre o urbano e o rural, entre o badoque e as berzas. Era un ambiente que deixou un fondo rastro na novela galega contemporánea, A esmorga, Xente ao lonxe, Arredor de si, Ilustrísima… en todas se retrata este crisol onde, na Rúa do Progreso ou na Praza de San Martiño, se enfrontan o primitivo sindicalismo, a Igrexa, o caciquismo cerril e a indiferencia. Era tamén, loxicamente, un ambiente propicio para o friquismo e a extravagancia, así que non era de extrañar que na fauna ourensana houbera unha Igrexa Teosófica que ata publicaba unha revista: “La Centuria”.

Era o ano 1917. Os rusos tentaban mudar a Historia poñendo nas mans do proletariado o maior país do mundo. O resto do planeta matábase nas trincheiras de Verdun. En España había folgas xerais, ruído de sables, un parlamento de opereta, e moito mar de fondo. Un caldo de cultivo para os inadaptados. Pero aqueles homes intelixentes e ben educados, despois dunha viaxe arredor de si mesmos, abaixaron do seu pedestal escapista para abrazar unha causa terrenal: O Galeguismo. Os seus nomes: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas...

Floro Cuevillas era de familia fidalga, un home refinado, intelectualmente inquedo. Tocaba o violín e frecuentaba tertulias literarias. Licenciárase en farmacia, e estudara filosofía e letras, pero rematara por exercer unha gris profesión: funcionario da Facenda Pública. Non por iso condenouse a unha existencia tamén gris: ingresou nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista, e desenvolveu a súa afición pola Prehistoria. Os domingos saía con Risco, Xaquin Lorenzo “Xocas”, Pedrayo e Ben-Cho-Shei a recorrer os monumentos de Ourense e provincia, sempre que a afición inveterada de Cuevillas ao fútbol o permitía. E froito desta afición, (polas pedras, non polo fútbol) comenzou a escribir os seus primeiros artículos sobre temas arqueolóxicos na Revista Nós. Naquel activismo galeguista xurde o Seminario de Estudos Galegos, ao que Cuevillas se incorpora cunha síntese da Idade do Ferro en Galicia. Acabará por ser o coordenador da área de Prehistoria.

Cuevillas reconstruíu a prehistoria galega dende un cientificismo riguroso, partindo practicamente de cero. Recorreu os montes catalogando calquera información, dende os achados casuais dos labregos ata as lendas de mouros e tesouros. Escavou por primeira vez con criterios estratigráficos modernos, e buscou paralelos por canta referencia erudita europea tiña á súa disposición para as cousas que aquí atopaba. E sobre todo, empregou a eito o galego nas súas publicacións, empregándoa como lingua científica e de cultura. Cuevillas era consciente de que a identidade colectiva de Galicia pasaba polo coñecemento das raíces máis fondas da historia do pobo galego, e por esa razón lánzouse ao estudo daqueles ámbitos da prehistoria onde coidaba atopar rasgos diferenciados, e por encima de todos eles, os castros. Hai quen considera que esta perspectiva nacionalista menoscaba o valor da súa obra, esquecendo que o nacionalismo historicista era tamén o motor da investigación española: mesmo nos manuais que hoxe seguen o currículo do bacharelato a Historia de España comenza en Altamira, como se os aqueles bisontes asaeteados reflexaran o primeiro e atávico impulso español de torturar bois con pinchos.

O impulso formidable daquel fato de intelectuais comprometidos coa súa terra rematou da peor maneira co golpe feixista de 1936. O S.E.G. foi clausurado e os seus membros perseguidos. A súa biblioteca foi saqueada, ata que os seus magros restos pasaron a formar os fondos do Instituto Padre Sarmiento, cunhas intencións fundacionais ben diferentes que as do Seminario. Cuevillas viuse en retiro forzoso, cun expediente por responsabilidades políticas, pero zafou do azoute de Atila grazas, cecais ao seu catolicismo fervoroso. Pasado o temporal puido seguir adicándose á investigación, sobre todo dende unha perspectiva sistematizadora e sintética.

En 1953 publicou La civilización céltica en Galicia, monumental traballo hoxe, cecais, minusvalorado por un título que algúns consideran disonante. Só tiña datos de media ducia de castros, pero foi capaz de trazar un panorama da chamada Cultura Castrexa veraz e útil, dende as perspectivas máis diversas: a arquitectura, a cultura material, ou a sociedade. No mesmo ano, celebrábase en Galicia o III Congreso Nacional de Arqueología, que tiña como obxectivo enterrar definitivamente o historicismo galeguista e o celtismo da literatura arqueolóxica galega. Hoxe en día os arqueólogos que se achegan a este libriño recoñecen o seu valor fundamental pero non poden deixar de criticar un título que lles parece desafortunado. O libreiro compostelano que o editou disculpou pouco despois ao autor, decindo que fora ocurrencia súa, que pensaba que así se vendería máis. Outros, como Xocas, di que foi pola propia terquedade de Floro, que lle puxera ese título moito tempo antes, e que como era moi teimudo, non cambiaba xamais nada do que escribía. Ao meu parecer, ese título, sempre me pareceu un manifesto. "Civilización", porque esta palabra confire á cultura castrexa unha aura de prestixio da que carecen outras expresións. Os castros formaron parte dunha civilización porque foron as primeiras cidades de Galicia. "Céltica", porque moitos dos elementos definidores desa civilización son emparentables, ou enténdense mellor, en paralelo co que convencionalmente se coñece como “celta” no mundo antigo, argumentos trapalleiro-patafísicos aparte. E “en” Galicia (e non “de”), porque ese paradigma do céltico non pertence a Galicia en exclusiva: Cuevillas definiu o “celta” a partir da comparación e da semellanza con outras áreas de Europa. A civilización céltica sería un estado cultural da Europa protohistórica que en Galicia se manifesta particular e peculiarmente nos castros. Demasiado ben pensado, este título de catro palabriñas, como para ser casualidade.

Cuevillas morreu un 30 de Xullo de 1958. Este ano facíase medio século do seu pasamento. Ninguén pareceu acordarse desta efeméride, nin sequera dende esta bitácora. Pero antes de que acabe o ano, fago un brindis polo Mestre.
Comentarios (8) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 31-12-2008 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal