Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A sombra do Patriarca
Retrato de Lévi-StraussComo tantos outros franceses universais, Claude Lévi-Strauss non era exactamente francés. Nacera en Bruxelas, en 1908, ben que un pouco por casualidade, e a súa familia era de orixe alsaciana, de cando Alsacia pertencía ao Imperio Alemán. Unha familia de artistas: o seu bisavó fora Isaac Strauss, célebre violinista, director de orquestra e compositor de valses (non confundir con Johan, nin Franz, nin Richard Strauss) e tamén, por afección un grande coleccionista de curiosidades. O seu pai naceu no século trabucado: era un pintor formado no academicismo, e fixo retratos ata que a popularidade da fotografía rematou co seu negocio. Con estes precedentes, o pequeno Claude medrou (é un supoñer) nun ambiente asulagado de sensibilidade artística, e tamén dun excepticismo alonxado de todo dogma. Dous ingredientes básicos, sensibilidade e excepticismo, para alumear mentes inquedas.

Emporiso, o Claude Lévi-Strauss mozo tardou en atopar o seu sitio. Militante socialista, soubo apreciar do materialismo as súas virtudes como sistema de análise social e histórica, así como se interesou pola psicoanálise e a obra de Freud. Afeccionado á xeoloxía dende neno, rematou por estudar dereito porque era o que menos detestaba de todo o que a universidade lle ofrecía, e máis tarde, filosofía. Comenzou a traballar nun liceo como profesor en prácticas, e talvez a súa carreira tería encallado aí, de non ser porque lle ofrecen un posto como profesor de socioloxía na misión universitaria francesa de Sao Paulo, en Brasil. Non o pensou: encheu o baúl e alá marchou, a facer as Américas.

As Américas fixeron a Lévi-Strauss. Permaneceu no Brasil durante catro anos, de 1935 a 1938, nos que dirixiu numerosas expedicións ao interior selvático do continente, entre os pobos Bororo, os Mambikwara e os Tupi. Daquela, os europeos vivían convencidos, máis que agora incluso, da superioridade da súa civilización. Fóra do vello continente, nas colonias, nas escuras e húmedas selvas do Congo e da Amazonia, só habitaban bárbaros abatidos pola ignorancia, culturas primitivas cuns rasgos e características simples, primarias, determinadas pola incapacidade de comprender e dominar a natureza, e polo tanto estáticas e ignorantes da noción de progreso. Pero Lévi-Strauss descubriu naquelas tribos unha intrincada rede de relacións, tecida con lazos familiares e sociais definidos por regras sofisticadas; e nos fermosos contos e historias que se narraban arredor do lume puido albiscar unha cosmoloxía capaz de dar resposta a preguntas e inquedanzas universais, cunhas regras e organización que eran reflexo (ou viceversa?) da súa propia sociedade, do seu propio mundo.

Lévi-Strauss regresou a Francia nas vésperas da II Guerra Mundial, e foi mobilizado na desgrazada Liña Maginot. Despois da défaite de 1940, fuxiu novamente a América, ata os EE.UU., vía Martinica e Puerto Rico, en vista de que as leis raciais promulgadas polo goberno de Vichy non consideraban moi franceses aos individuos con apelidos coma os del. A súa segunda viaxe a América tamén foi proveitosa. Alí coñeceu a Roman Jakobson, un lingüista da escola estructuralista de Praga, e co seu método acabará de organizar a arquitectura do seu pensamento científico. Do seu socialismo xuvenil, Lévi-Strauss conservará o materialismo como método de análise e interpretación histórica e social. Da súa afección pola psicoanálise freudiana o interese polos procesos mentais do pensamento humano. De Jakobson tomará a metodoloxía da lingüística comparativa, que el aplicará ao estudo das relacións familiares e sociais.

O estructuralismo, a escola (ou moda intelectual) que Lévi-Strauss encarnou coma ningún outro, defende a existencia de patróns culturais universais, de “estructuras” que organizan o pensamento humano e as súas relacións sociais. Unha estructura sería un modelo de coñecemento da realidade, que o home utiliza para comprendela e para orientar a súa conducta. Iso é, grosso modo, a “cultura”. Logo sucede que cada conducta, cada manifestación cultural, pode diferir notablemente entre un pobo e outro, entre unha cultura e outra, pero se o antropólogo é capaz de observar cada rasgo cultural non como un feito aillado, senón en función das súas relacións cos outros elementos, sempre, por lonxe que dous pobos se atopen no espazo (e no tempo), aparecerán os mesmos modelos, os mesmos patróns, as mesmas estructuras. Lévi-Strauss pretendeu atopar estas relacións estructurais básicas sobre todo nos seus estudos das relacións de parentesco, e no pensamento mítico. A partir dos anos 50, Lévi-Strauss tirou os froitos deste modo de pensar nunha inmensamente prolífica lista de libros e publicacións, entre as cales, “Tristes trópicos” un relato autobiográfico da súa aventura brasileira, lle deu sona universal. Unha sona que non lle librou de recibir por erro, cada certo tempo, un pedido por correo de pantalóns vaqueiros.

O estructuralismo xerou controversias e discusións infinitas. Pero para nós, arqueólogos que pretendemos achegarnos a sociedades remotas que a penas coñecemos máis que por un pequeno montón de morralla agrisallada polo pó dos séculos, o estructuralismo proporciona un axioma de valor incomparable, unha premisa básica para calquera estudo das sociedades prehistóricas. O grande achado, e o grande mérito, de Lévi-Strauss é, sobre todas as cousas, proclamar a universalidade do pensamento humano. Analizando cada artefacto, cada representación artística, cada técnica ou rastro dun comportamento, non como continxencias ailladas, senón como parte dun todo integrado nun sistema de relacións compartidas con outros grupos humanos, podemos achegarnos á comprensión da súa estructura, e reconstruila. Non é pouco: A base da etnografía como fonte do coñecemento histórico.

Claude Lévi-Strauss foi unha das derradeiras testemuñas dun mundo xa perdido. El puido ver tan só os restos daquelas tribos amazónicas en proceso de aculturación polos misioneiros salesianos que tentaban apartalos da barbarie, abrumados pola pobreza e a miseria do colonialismo, “a inmundicia que botamos no rostro da humanidade”. Él, que nunca contemplou a cultura como algo estático e inmutable, asistiu con melanconía á destrucción de culturas e paisaxes en flor nun mundo que cambiou demasiado rápido, máis rápido que a presa que el mesmo se deu en vivir. Convertido nunha lenda viva do pensamento contemporáneo, considerou que (como seu pai), nacera no século trabucado, e tivo todo un século para arrepentirse. Morreu o pasado 30 de Outubro, e de non ser por iso, hai dous días cumpliría 101 anos. Viviu tanto coma unha árbore amazónica, maxestuosa e rexa, deixando a súa sombra protectora sobre varias xeracións de antropólogos de todo o mundo.
Comentarios (4) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 30-11-2009 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal