Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O cristo de Veleia
O suposto calvario de Veleia, e o burro crucificado do Palatino.
A dez quilómetros de Gasteiz, dominando o camiño que dende a chaira de Araba leva ata o Val do Ebro, levántase un outeiro plagado de ruinas, defendido polo meandro que ao seu arredor describe o río Zadorra. Os primeiros eruditos que investigaron aqueles vestixios denominárono o Oppidum de Iruña, por estar a carón de Iruña de Oca, pero axiña remataron por identificar aqueles restos cos da cidade romana de Veleia, unha importante mansio citada no Itinerario Antonino na vía XXXIV, a ruta que dende a capital galaica de Astorga, levaba ata Burdeos, na Aquitania.

Veleia fora un importante castro (salvadas as distancias) da Idade do Ferro, posiblemente a capital dos Carietes e Vennenses, pobos que habitaban o val do Zadorra. Unha inscripción adicada por estes pobos ao emperador Augusto atopada na propia Roma indica que é posible que durante as Guerras Cántabras, nas que Augusto rematou a anexión do Norte e Noroeste peninsular ao Imperio Romano, a colaboración cos romanos fose fluida. Poucas décadas despois, o castro transformouse nunha verdadeira cidade romana, na que as vellas casas de pallabarro foron substituidas por auténticas domus á romana. O boom inmobiliario acadou o seu cumio a partir da época Flavia: edificios de gran porte, pavimentos de mosaico, toda sorte de servizos sanitarios. No século III, a cidade amurállase, moitas pedras dos vellos e orgullosos templos son reutilizadas nas defensas, e unha cohorte de lexionarios (a Cohors I Gallica) acantónase tras a protección dos seus muros; é época de crise e inseguridade. Isto non evita que no século V, os visigodos de Teodorico II entrasen pola vella vía romana ata a Meseta. O imperio Romano desfaise. Despois disto, Veleia é usada como cemiterio. Non volveu ser habitada, coa excepción dun priorato no século XIV, do que tamén só fican despoxos ruinosos.

Iruña Veleia chamou a atención dos investigadores e arqueólogos dende o século XIX, e en diferentes momentos, afrontáronse escavacións que puxeron ao descuberto as súas impoñentes murallas e moitos dos seus edificios. No ano 1994, o arqueólogo Eliseo Gil Zubillaga meteu o sacho por primeira vez no sitio, e as escavacións continuadas e sistemáticas xa non pararon ata a actualidade, máis cando no ano 2001 suscribiuse un plan director para o xacemento, con financiación pública (Deputación de Araba) e privada (Ferrocarriles Bascos).

No ano 2006 as escavacións deron un inesperado froito. Baixo o tellado derrubado dunha das casas máis suntuosas das escavadas (a chamada de Pompeia Valentina), nun nivel aparentemente selado, apareceron unha chea de cerámicas con caracteres gravados: ostracóns con prácticas de alfabeto que daban a entender que alí había un pedagogium, un lugar onde un mestre ou preceptor particular educaba nas letras aos membros máis novos da familia, e que usaría cerámicas rotas para que os cativos practicasen coas súas riscadelas. Un conxunto epigráfico así xa é extraordinario, pero o que facía máis fantástico o descubrimento era que entre as gravuras había unha representación dun calvario, a primeira da que se tiña noticia, coas tres cruces, e a deesis (a Virxe e San Xoán aos pés) cun disonante R.I.P. no alto da cruz central, da que emanan raios de luz. E non só iso, senón extraños símbolos exipcios, nos que se podían ler nomes tan sonados como o de Nefertiti, nunha época na que a escritura xeroglífica (e máis en Araba) estaba absolutamente fóra de lugar. E para acabar de rematala, máis tarde aparecen centos doutras pezas, noutros tantos tixolos, con palabras en euskera perfectamente intelixibles, nas que ata é posible ler o comenzo dun Pai-Noso.

A nova filtrouse a prensa e comenzou o rebumbio, porque os xornalistas (animados, sen dúbida, polas declaracións do propio Eliseo Gil) interpretaron os achados de maneira maximalista, indicando que aquela ostraquiña do calvario era o indicio da ceda introducción do cristianismo en Araba, mentres que as palabras en Euskera, as máis antigas das que había noticia, daban un xiro ás teorías máis extendidas que falaban da chegada da lingua basca dende Aquitania en época algo posterior. Comenzaron a agromar debates, cada vez máis agrios, entre os que defendían os textos de Veleia como proba da antiquísima euskaldunización de Araba, mentres que outros comenzaban a poñer chatas a unhas probas arqueolóxicas que parecían, como moito, demasiado exóticas.

Como a cousa levaba camiño de convertirse nun cruce de navallas, a Deputación de Araba decidiu formar unha comisión de expertos que desen o seu dictame sobre os restos epigráficos e o seu significado. Axiña comenzaron a xurdir dúbidas. Algúns dos sabios comisionados largaron as súas opinións críticas na prensa, co malestar de Eliseo Gil e o equipo arqueolóxico habitual. Outros sabios opinaban dende fóra, entre outros Almagro Gorbea, cunhas declaracións que destilaban nacionalismo español, contra aqueles que tentaran apoiarse nos grafitos veleitarras para reafirmar o seu "euskalherrismo": “(Aos grafitos dáselles) unha relevancia dacordo cun desexo de extender unha lingua onde no existiu nunca para xustificar determinadas actitudes políticas. Non é de recibo nun país democrático. Soa a actitudes de manipulación histórica que costaron moito sangue no século XX”. Tal chegou a ser o ton do debate: Os arqueólogos bascos, qué perigo!. En realidade están trabucados todos: Nin é malo que se fale euskera en Araba, nin necesita para facerse os argumentos dos arqueólogos.

O caso é que a Comisión acaba de dar o seu parecer: Os grafitos de Veleia son máis falsos que euros de Franco. Nunca tal se viu escribir R.I.P. (descansa en paz), fórmula apropiada para un morto, sobre un fulano que supostamente resucita. Nunca tal se viu escribir en exipcio no val do Zadorra, nin chamar a Nefertiti así, cando esa palabra é unha convención fonética actual ante un nome que non sabemos cómo se pronunciaba realmente. Nunca tal se viu que o euskera batua xa se falara no século III, pois mentres o latín evolucionou ata convertirse en francés, galego ou rumano, as verbas bascas de Veleia non se diferencian nada do euskera que calquera escolar pode aprender nunha ikastola. Todo era un fraude chapuceiro. Eliseo Gil foi apartado da dirección. Deféndese argumentando que o cometido da Comisión era asesorar, non un tribunal inquisitorial, e a súa empresa, Lurmen S.L., ameaza con querellarse contra Almagro por inxurias.

En Roma hai un outro grafito do século III que representa un “calvario” onde un home con cabeza de burro aparece cravado nunha cruz xunto a un home ridente que saúda coa man. Debaixo, unha inscripción en grego búlrase: “Alexamenos adora a Deus”. Lémbrome del e das risas que botamos un amigo e mais eu cando o admiramos no museo do Palatino. Non era difícil dar con el (nº de inventario 381403), así que cando oín falar do “extraordinario” grafito do século III de Veleia, pensei que ben podía ilustrar esta coña.
Xacemento de Veleia
Comentarios (1) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 30-11-2008 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal