Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mosaico de oito teselas
Mosaicos romanos
Hai uns anos, mirando a televisión, vin un documental sobre uns arqueólogos que, a todo correr, trataban de rescatar canto era posible das ruínas de dúas antigas cidades asiáticas, Zeugma e Apamea, que como dúas irmás xemelgas, se erguían unha diante da outra co río Éufrates polo medio. Ambas urbes floreceran cando o Helenismo, e durante a dominación romana seguiron favorecéndose do seu carácter de fronteira e de paso obrigado das rutas caravaneiras que atravesaban Asia; por alí chegaban ata Roma as sedas purpuradas dos emperadores. Agora, os vellos despoxos de todo este comercio e riqueza ían ser asulagados por un encoro promovido polo goberno turco, e os arqueólogos arfaban por levarse de alí todo o que eran capaces de desenterrar.

Unha das imaxes do documental era espectacular. Escavábase unha suntuosa domus romana ricamente decorada; a pesar do metro escaso de altura que conservaban moitos dos muros, as vivas cores dos frescos que os cubrían facían presaxiar a aparición de cousas marabillosas. E cando os escavadores chegaron ao pavimento, a marabilla apareceu. Cun fondo musical, as imaxes amosaban como, cunha esponxa mollada, unha man limpaba os mosaicos. Baixo a grisalla da poeira, estalaron cores fantásticas e brillantes, rostros, aves, flores,... a beleza. Había unha escea mitolóxica, dicían, rara: o axuntamento carnal, coa axuda de Dédalo, entre a raíña Pasífae e un touro: a concepción do Minotauro. Unha cousa excepcional, dicían. Non se coñecía outro igual. Fíxome graza descubrir que en Lugo hai outro mosaico que representa a Dédalo e Pasífae, e tamén aquí dicimos que é único. Certamente, é algo raro, máis en Galicia, onde os mosaicos romanos rarean como billetes de 500.

Dende entón, aquelas imaxes da limpeza do mosaico representaron para min a emoción da descuberta dun mundo esquecido, ilustraban á perfección aquela arela que, cando era moi novo, fixo que me decidira a ser arqueólogo. Así que dende ese intre, cando algún compañeiro ao planear unha escavación, me preguntaba o qué me gustaría atopar, eu respondía: un mosaico. Imaxinábame devolvendo as cores perdidas a unhas nereidas danzantes entre as ondas cunha esponxa mollada, e logo imaxinaba ao constructor que me malpagaba turrarse dos pelos das barbas ante a perspectiva da súa obra paralizada, pisos de dúas habitacións, e baño alicatado con moito peor gusto que aqueles solos magníficos.

Nunca quixen usar esta bitácora para contar cousas estrictamente persoais, pero agora lembreime deste vello desexo, porque este mes pasado deixei, por fin, de adicarme a arqueoloxía, alomenos de maneira profesional. Remataron para min as escavacións que hai anos chamaban “de urxencia”, e que agora chaman “de xestión”, non vaia a ser que a xente pense que as chapuzas administrativas son efectivamente chapuzas. Farteime de andar en tratos con promotores de pisos, de casas, de canteiras, de canos de auga, luz, merda e mexo e ata de camposantos. Farteime de ter que xustificar, constantemente, ante eles, o meu traballo. Farteime de que me roñearan cartos persoas que na vida gastarán todo o que teñen. Farteime da petulancia de moitos colegas. Farteime de traballar con desgana. Farteime da miña vocación. Aínda que as cousas melloraran nestes últimos tempos, aínda que cheguei a ver derrocadas a vellas meretrices das súas poltronas, ou a que se negociara un convenio colectivo para os arqueólogos, por desgraza, estas mudanzas chéganme tarde. Xa estaba farto. E o mosaico nunca apareceu.

Tamén houbo cousas boas: Compañeiros que foron amigos, que me aturaron e me axudaron. E aprendín con eles moito do pouco que sei. E vivín historias alucinantes que agora non podo lembrar sen escachar de risa. Non é unha despedida da arqueoloxía, senón de todo aquilo que ma fixo odiosa. Quédanme esta bitacoriña que tan fielmente seguides algúns, a ducia longa de memorias de escavación que teño aínda que escribir, e talvez botarlle unha man a algún vello camarada, para non oxidarme facendo exercicio paleo paquí paleo palá.

Pediume a Doutora hai tempo unha receta con oito cousas que me gustan, así que voulle dar resposta cumprida con este mosaico de oito teselas. Vaia coma un brindis por aquel que, cecais, aínda agarde por min debaixo dunha cullerada máis de terra. Quén sabe?

1. O amor e os que fan o amor (Venus, deusa de todo iso, Casa de Anfítrite, Bulla Regia, Tunicia). 2. As musas que inspiran ao artista (Clio, musa da Historia, e Melpomene, musa da Traxedia, acompañan a Virxilio, Museu do Bardo, Túnez). 3. O mar e todo canto nel habita (Museo arqueolóxico de Nápoles). 4. As viaxes (como as de Ulises, nas que non se privou nin de oír o canto das sereas, Museu do Bardo, Túnez). 5. A tranquilidade (Paxaros bebendo dunha fonte, Museu Arqueolóxico de Nápoles). 6. O humor, o ridículo e a ledicia de vivir (Unha máscara de comedia, Museos Capitolinos, Roma). 7.A música (Músicos beilando felices, Museu Arqueolóxico de Nápoles). 8. A cadela (Casa do Poeta Tráxico, Pompeia).
Comentarios (14) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2007 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal