Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pensando unha nova lei de Patrimonio Cultural
Foto blog entre-hojarascasHai que recoñecer que ser Conselleiro de Cultura deste país que non quere selo debe ser unha tarefa desagradecida. Frustrante. Castradora. Xa non porque o conselleiro considere que a Cultura que lle tocou xestionar sexa limitativa, senón porque nun goberno que ten un concepto da inversión pública saído da escola do Dómine Cabra, os recortes en cultura son máis que preceptivos, axiomáticos. Tanto, que lendo os papeis, parece que o traballo do conselleiro sexa o de tecer o tapiz de Penélope: un día convócase unha axuda, un concurso, unha subvención, e ao día seguinte aparece desconvocado. Se a consellería tardou case un ano en definir na súa web as súas liñas de actuación sería por algo. É a xestión dun baleiro tan grande coma o da Cidade da Cultura, tamén ela recortada. O que ía ser o gran contedor da Cultura deste país son galpóns baleiros e inacabados, unha metáfora carísima e triste. Así que para ser lembrado por algo que non sexa destecer o tecido, conta un ruxerruxe que o Conselleiro anda a teimar nun proxecto importante e barato: reformar a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Isto debería poñernos malos dos nervos, ante a incertidume que esta nova trae consigo. Eis a primeira dúbida: A Lei de Patrimonio é unha das poucas leis que este país se deu por consenso, aínda que este foi dado pola necesidade imperiosa de ter esta lei antes que nada. Sería hoxe posible un consenso semellante?. Por outra banda, hai tamén moito acordo en que esta lei tense amosado insuficiente para os obxectivos que ela se marcara, toda vez que desque está vixente, o ritmo imparable da destrucción do Patrimonio non semella terse detido. Hai chatas na lei, dende logo, pero tamén virtudes, e entre elas aspectos nunca desenvoltos que cecais a terían feito máis eficaz. Para xulgar a lei, non hai nada mellor que comprobar se serviu aos obxectivos para os que foi concebida. No que atinxe á arqueoloxía, que é o tema que nos toca, habería que preguntarse se a Lei propiciou o mellor marco posible para o traballo dos arqueólogos, ou se é este modelo o máis idóneo para o desenvolvemento da ciencia arqueolóxica.

Porque ante todo, a arqueoloxía é iso, unha disciplina das ciencias sociais que serve para interpretar o pasado á luz dos restos materiais. A arqueoloxía serve, sobre todo, para “xerar coñecemento”, parafraseando un mantra dun dos gurús da arqueoloxía “de xestión”. Pois ben: desque existe a lei de Patrimonio, o número de intervencións arqueolóxicas en Galicia tense multiplicado e, pola contra, quizais o “coñecemento” xerado non sexa todo o desexable. Dito doutra maneira: hai unha desproporción evidente entre o número de intervencións, e o que delas sería posible aprender. Isto é así por moitos motivos. En primeiro lugar, porque a maioría das intervencións arqueolóxicas non se planifican conforme a criterios estrictamente científicos, senón que se adaptan aos proxectos de obras públicas ou privadas. Non é o mesmo prospectar sistemáticamente un territorio atendendo a unha hipótese de traballo fundamentada, que seguir sen máis a unha escavadora que constrúe a gávea dun gasoducto. En segundo lugar, moitas das intervencións son infructuosas, pois non se escava onde sería interesante, senón onde está previsto destruír: Non é o mesmo escavar unha mámoa que empregar recursos e traballo en sondear un terreo a 100 metros dela porque está dentro da súa área de cautela. En terceiro lugar, as premuras de tempo e recursos con que se fan estas intervencións restanlle aos informes e memorias a calidade científica que poderían ter se o seu obxectivo fose primordialmente a interpretación do pasado, e non o mero rexistro. A memoria dunha escavación xa non é un traballo de investigación, senón un trámite administrativo, que debe realizarse nun prazo de tempo curto. Ademais, as características da arqueoloxía ligada ás obras fan dos arqueólogos unha sorte de escavadores todoterreo, que o mesmo se meten nun abrigo paleolítico que nun cemiterio medieval, sumamente versátiles, pero non especialistas.

Isto é así porque a Lei de Patrimonio conlevou a consagración dun monstro chamado “arqueoloxía de xestión”, que consistíu en convertir en norma o que en realidade debera ser unha excepción: a chamada “arqueoloxía de urxencia” (definida no artigo 58 como as intervencións motivadas por un risco de destrucción inmediata e só cando se esgotasen todas as posibilidades de evitar a desaparición ou afectación do xacemento). E debera ser excepción porque todos os xacementos, sen exclusións, contan coa protección da lei para evitar a súa destrucción. Mesmo os xacementos que tan só están inventariados, segundo o artigo 22.1, gozarán dunha protección baseada en evitar a súa desaparición. Aínda así desaparecen, porque a confusión entre os borrosos contornos da arqueoloxía “avaliativa” (Art. 56.3) e a de “urxencia” (o citado art. 58) permitiu o desenvolvemento dunha arqueoloxía profesional que medrou ao abeiro do cemento, do piche e do tixolo.

Porque a lei tamén sentou as bases dunha fonda profesionalización da arqueoloxía, con todo o bó e o malo. En primeiro lugar, ao definir como actividade arqueolóxica (e polo tanto suxeita ao control administrativo) practicamente calquera contacto físico cun xacemento ou resto arqueolóxico (artigo 57), e en segundo lugar, ao esixir unha “idoneidade técnica” para a dirección destas actividades (art. 61, sobre requisitos e autorizacións). Con isto, toda actividade arqueolóxica (mesmo as máis inocuas) pasaban a ser eido exclusivo de arqueólogos profesionais, que debían contar co beneplácito da consellería. O feito de que ésta fose quen avaliase tanto a “idoneidade” do director dunha intervención, como o “interese científico” da mesma convertiuse nunha fonte constante de sinsabores, disgustos, humillacións e miserias para moitos investigadores, e convertiron por moitos anos á Dirección Xeral de Patrimonio nun antro onde certos personaxes practicaron sen taxa nin medida actividades raianas no tráfico de influenzas ou a prevaricación, repartindo os chollos segundo eses escuros parámetros de idoneidade, mentres moitos profesionais calaban por medo a represalias.

Deste xeito, a práctica totalidade da práctica arqueolóxica deste país, mesmo a promovida con recursos públicos e por entidades públicas, está desempeñada por empresas privadas. Hai excepcións: algúns proxectos promovidos dende a Universidade, ou mesmo xente que autofinancia a súa propia investigación, pero estes casos non deixan de ser anecdóticos. Non deixa de ser paradóxico, cando o patrimonio arqueolóxico é por definición de dominio público. Unha Lei de patrimonio debería reflexionar sobre este feito, pois se se chegara ao mesmo grao de privatización na educación ou na sanidade habería quen pediría unha guillotina no Obradoiro.

O que precisamos é unha lei que devolva outra vez a xestión do que é dominio público ao ámbito do público. Non negamos o dereito a existir dunha arqueoloxía profesional, nin o dereito dos traballadores da arqueoloxía a intentar subsistir neste magro negocio. Pero si esiximos unha política arqueolóxica pública que integre a todos os demais estamentos implicados: ás Universidades, aos museos, ás academias e aos colectivos sociais, que promova e garanta a existencia (e a primacía) dunha arqueoloxía orientada á investigación, seguindo programas científicos e liñas de investigación estratéxicas. Unha política que, sen que deba renunciar a administración á fiscalización da actividade arqueolóxica, basee no posible as súas decisións (coma unha avaliación de impacto arqueolóxico) en organismos e entidades públicas e independentes. Unha arqueoloxía non circunscrita ao colectivo dos profesionais, senón máis participativa, aberta ao voluntariado, aos estudantes, aos investigadores noveis, que sirva tanto de fonte de coñecementos útiles do pasado, como de experiencia formativa. Unha arqueoloxía que se abra ao público tamén a través da difusión normalizada dos seus resultados e dunha política educativa que valore o Patrimonio como un legado, e non como un simple xoguete turístico.

CONTINUARÁ
Comentarios (1) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-10-2011 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal