Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O rei indocumentado
A estela de Tel dan e Avraham Biran con ela.
Cando os sacerdotes levitas escribiron a Biblia, inspirados por Iahvé ou pola fe que lle tiñan, vivían nun mundo en descomposición. Non eran máis que os fanáticos descendentes dun pobo barrido pola historia, aqueles que regresaran a Canaán dende o cautiverio de Babilonia. Atrás quedara a gloria dos reis de Israel e de Xudá, desaparecida coa destrucción de Xerusalén por Nabucodonosor, o rei de Babilonia, no ano 586 a.n.e., e a deportación dos seus habitantes. Cando 50 anos despois, Ciro o persa conquistou Babilonia, permitiu aos hebreos regresar á súa vella cidade. Moitos quedaron, pois prosperaran en Mesopotamia, demostrando que o exilio distaba moito de ser un suplicio. Os que regresaran a aquel secarral que chamaban a Terra Prometida afanáronse por reconstruír o Templo, e por devolver aos israelitas o seu vello orgullo nacional. Reordenaron a súa historia, e colocaron ao seu deus malhumorado e vingativo no centro do mundo, e con el a eles mesmos. Adornaron os seus vellos mitos con outros aprendidos noutras terras, e recopilaron a historia dos seus xuices e reis tentando reivindicar así o seu dereito a vivir alí entre extraños. Porque en Palestina entón, como sempre, como agora, nunca estiveron sós.

A lectura da Biblia, unha lectura desapasionada, sincera e nada erudita, permite apreciar ata que punto era amarga a tinta coa que a escribiron. Os cronistas que a compuxeron arelaban un reino xudeo nunha Xerusalén chea de samaritanos, fenicios, persas e gregos, adoradores de Baal e de Astarté, de Apolo e de Ahura Mazda. As historias bíblicas tiñan para eles unha dobre finalidade: por unha banda devolver aos hebreos un pasado do que presumir, dándolle apariencia documental ás súas narracións lexendarias. Así, tentaron de ocultar a realidade miserable dun pobo de cabreiros comedores de cebolas co brillo das armas de Josué, ou o ouropel da corte de Salomón. Pero por outra, tamén había unha intención moralizante: aqueles (breves) episodios de gloria trocáranse en infortunio por culpa do pecado. Saul, David e Salomón foran reis gloriosos, pero non inocentes. A súa infidelidade co deus de Israel levou á partición en dous do reino, e os seus sucesores foron unha sarta de monarcas de medio pelo, que non puideron, ou non quixeron, eliminar a idolatría dos seus países. Contra eles Iahvé, o deus do templo, mandou profetas que falaban no seu nome, con escaso éxito, o que colocaba a Deus nun estado de permanente mal humor. Por estas e outras dexeneracións foi que Iahvé castiga aos hebreos mandando a Nabucodonosor a que os deporte a Babilonia, como os castigara outras veces, incluso ata co diluvio. Iahvé é un deus ciumento, cánsase a Biblia de decir. Conclusión: A Biblia invita aos xudeos, acostumbrados dende hai séculos a vivir nun ambiente relaxadamente politeista, a facer sacrificios no Templo de Xerusalén, completamente remozado, único lugar onde se pode adorar ao seu deus nacional. Calquera outra devoción non vale, porque Iahvé (e os seus sacerdotes) teñen o monopolio de estar a ben coa esfera divina. Por algo sodes o pobo elexido, por algo vos prometeu Iahvé este pedregal.

Como toda propaganda, a Biblia é fascinante, instructiva, influínte e mentirosa. Por iso a súa lectura como documento histórico debe ser coidadosa, e dende logo non parecer que se fai sen considerar o seu hipnótico embruxo. Porque a pesar da aura que a Biblia ten como libro histórico, non hai absolutamente ningún episodio anterior ao cautiverio de Babilonia que se certificara con certeza a través doutra fonte. Emporiso, hai unha lexión de eruditos historiadores dispostos a demostrar a veracidade dos seus versículos, interpretándoos con máis ou menos flexibilidade segundo o seu grao de compromiso relixioso. E entre eles, unha curiosa ponla do saber arqueolóxico: a chamada arqueoloxía bíblica.

En 1966, un destes arqueólogos, Avraham Biran, acudiu a evitar a destrucción dun xacemento por parte do exército israelí, que facía trincheiras nun monte chamado Tel Dan, na fronteira con Siria, nas vísperas da guerra dos seis días. Xa non deixou de escavar alí. No ano 1993, 27 anos despois, atopou dous anacos de basalto cunha inscripción en antigo cananeo. Polo contexto no que apareceu, parecía datar do século IX ou VIII a.n.e. Nela só se podían ler unhas poucas liñas, incompletas, nun monumento que parecía conmemorar unha victoria militar dos arameos sobre os hebreos. Entre as palabras lexibles había seis letras. BYTDWD. Bet David. A casa de David.

Avraham Biran era un ancián e prestixioso arqueólogo bíblico. Nacido na Palestina otomana de 1909, formárase como arqueólogo baixo as alas de William F. Albright, o pai da arqueoloxía bíblica, fondamente enchoupado do metodismo relixioso norteamericano, e firmemente convencido da autenticidade do texto bíblico. Despois de colaborar coa administración do mandato británico, e coa do recén fundado Estado de Israel, en 1961 retomou a arqueoloxía consciente da importancia deste oficio para rescatar os vínculos do seu pobo coa mesma terra que os agacha. Afirmaba que cada descubrimento arqueolóxico en Israel tiña importancia para a comprensión da Biblia, unha premisa que o impulsaba a interpretar cada achado baixo unha óptica nada inocente. Así que, cando xa octoxenario, Biran leu as seis letras que parecían indicar que un rei de nome descoñecido, posiblemente derrotado non se sabe cando por outro anónimo rei arameo, decía pertencer a “casa de David” co que quizais fose familiar ou descendente dalguén chamado David (ou similar) que hipotéticamente poderíase relacionar co rei David, o lexendario pastor de ovellas que gañaba batallas a pedradas, debeu pensar que a súa longa vida tiña algún sentido.

Ata o momento a Estela de Tel Dan é (e só quizais) o único e feble documento que fala da existencia do rei David, fóra da Biblia. Non é pouca cousa. Biran atopou o achado da súa vida. Pero o que en calquera outra terra serían achados inconsistentes e anodinos, aquí se convirten en argumentos políticos e relixiosos para reclamar a lexitimidade da ocupación dun país en constante disputa por pobos que o consideran a súa terra sagrada e irrenunciable. Para algúns, os mesmos que en 1996 celebraron con fanfarrias o trimilenario da conquista de Xerusalen polo mesmo rei David, a estela de Tel Dan é a proba da lexitimidade da ocupación israelí. Pero tal e como Biran comprobou, Tel Dan, como moitos dos Tell do Oriente Próximo, é unha montaña formada polo asentamento ao longo dos milenios, de ducias de pobos diferentes, con diferentes linguas, con distintos deuses. O propio monte demostra que David foi un máis nunha terra que pertenceu, que pertence, a todos.

Avraham Biran morreu o 16 de setembro en Israel. Hai uns días tería cumplido a patriarcal idade de 99 anos. Descanse en Paz.
Comentarios (9) - Categoría: Mundo - Publicado o 31-10-2008 16:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal