Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Herdanzas envelenadas
Neno con Lebre (foto de Subastas Goya)É ésta unha época de crise e zozobra. As familias arrebúxanse no máis crú deste inverno arredor da calefacción central apagada, nas súas vivendas que son en realidade de banqueiros que se miran entre si con suspicacia e desconfianza. O futuro só depara incertidume. Algúns analistas afirman que o sistema precisa destes axustes cíclicos da economía, que xa se teñen visto cousas así, ou peores. Outros proclaman o fin do capitalismo, con voz tonante e apocalíptica.

Certamente. Os romanos tamén viviron unha crise financeira. No século III, a anarquía se instalou no Estado máis poderoso do mundo. Os emperadores caían un tras outro asasinados por soldados que inmediatamente elexían a outro xeneral para o posto. A moeda devaluábase constantemente, os bárbaros ameazaban as fronteiras, e os camiños estaban infestados de bandidos. O comercio retraeuse, e as cidades se despoboaron. Nesa época de desastre, moitos anunciaron o fin dos tempos e venderon a esperanza noutra vida mellor, alén deste val de bágoas que é o mundo. Extendéronse as crenzas en deuses exóticos, chegados de Oriente, que prometían a recompensa nunha vida eterna: Isis, Mitra,... e tamén, aprendendo deles, un tal Xesucristo.

En 1952, un labrego atopou, mentres traballaba prantando árbores nunha horta nos arrabaldos de Cabra, unha grandiosa estatua de Mitra Tauroctono. Representaba a este deus indoiranio, tan venerado polos romanos naqueles tempos tumultuosos, no trance de sacrificar ao Touro Primixenio do cal xurde o viño e o trigo. Aquela estatua debía presidir um mitreo, un templo onde os seguidores deste deus se reunían o día do Sol (o dies solis, o domingo) para conmemorar este sacrificio compartindo pan e viño e garantizarse así a inmortalidade. A estatua foi donada ao Secretario do Concello de Cabra, e acabou finalmente no Museu Arqueolóxico de Córdoba. Moito tempo despois, en 1972, o lugar foi escavado por Blanco Freijeiro, Julián García e Manuel Bendala Galán descubrindo unha vila romana, habitada entre o século I e III, con varias habitacións decoradas con mosaicos, e algunhas outras estatuas máis que deron pé a creación dun Museo arqueolóxico en Cabra, para evitar a súa marcha á capital provincial. Pero por aquela primeira estatua, unha das mellores esculturas coñecidas daquel misterioso deus oriental, a vila foi denominada “Villa del Mitra”.

Pero había outra estatua da que non se tiña noticia oficial. O propietario da finca, Miguel Castro, descubrira á par do Mitra unha pequena figura de mármore dun neno xogando cunha lebre. A estatua debeu servir como adorno do brocal dun pozo, e ten esa graza helenística da escultura neoática, tan do gusto dos romanos pudentes. Incapaz de atoparlle un uso mellor, o home decidiu agasallar con ela a José Solís, natural de Cabra, falanxista camisa vella e ministro de Franco, para que a cambio lle buscase acomodo laboral a un sobriño seu. Ao ministro, sonado polo seu sorriso imborrable, infrecuente nos individuos da súa especie, quizais non lle debeu parecer demasiado valioso aquel pedrusco, porque non fixo caso da demanda. Pero quedou con el, iso si.

Hai uns meses, unha empresa de tasación madrileña púxose en contacto co Museu de Cabra. Querían confirmar a datación e a autenticidade dunha estatua supostamente procedente de Cabra que se ía subastar nunha coñecida galería da capital. No museo saltaron as alarmas, e sóubose que a propietaria era Sierra Solís, quen a herdara do seu pai o ministro. A historia do “Neno da lebre” saíu así á luz. A alcaldesa de Cabra tentou poñerse en contacto coa propietaria da peza, co fin de negociar a súa donación ao Museo e evitar a subasta, sen resposta. A señora Solís alega que pasa por atrancos económicos e por iso precisa os 40.000 euracos que solicitou como prezo de saída. Está visto que a crise afecta a todos. Tanto, que incluso, os pobres herdeiros de antigos ministros franquistas deben desfacerse dos seus prezados bens familiares para engadir uns pouquiños picatostes máis á sopa. Tamén dende o Concello apelan á crise: a alcaldesa declara que non poderían sequera mercar a peza na poxa: nun momento de “desaceleración” coma este, ninguén entendería que o concello gaste 40.000 euros nun pedrolo para meterllos na buchaca á filla dun preboste feixista.

Tamén é casualidade que a peza en cuestión saíra a subasta en Novembro, xusto antes de cumplirse un ano dende a publicación da nova Lei de Patrimonio Histórico de Andalucía. Porque esta lei establece unha moratoria dun ano para que aqueles propietarios de pezas arqueolóxicas informen delas á Administración, coa debido título de adquisición legal. Non sendo así, as propiedades pasarían a ser de dominio público. Ao mellor a pobre herdeira en crise acadou ao Neno coa lebre nun legado testamentario válido, pero o seu pai acadouna traficando influencias cun escavador furtivo. Sen ser mal pensados, cabe pensar que á herdeira quéimalle nas mans unha estatua valiosa da que non pode xustificar máis que escuramente a súa procedencia, e quere desfacerse dela rapidamente sacándolle o máximo proveito antes que a nova lei faga desa transación un camiño cheo de atrancos. Calquera cousa menos devolvela ao patrimonio público. Por iso vai a unha galería de Madrid. Se a empresa encargada da tasación non fora tan indiscreta, ninguén se tería enterado. Ante o rebumbio ninguén ofreceu o prezo de saída, e a figura foi retirada da poxa. Pero aínda así, a pauperizada legataria podería vendela sen tanto foco alumeando arredor.

Hai xente que non distingue entre o patrimonio cultural e o crematístico. Normal, cando se ven dunha familia que aprecia pouco estes matices. José Solís non destacaba polo seu amor polo pasado clásico. Pasou á historia por unha frase atroz: “menos latín e máis deporte!”, como se as dúas cousas foran antagónicas. Díxoa mentres defendía unha reforma educativa nas cortes fachistas, consistente en eliminar horas de latín en favor da educación física. Para el, o latín hoxendía non valía de nada. Iso custoulle unha resposta tamén sonada doutro falanxista coma el, pero máis leído. “O latín vale para que a ti, que eres de Cabra, che digan egabrense, e non outra cousa”. Non sei se a filla de Solís é, coma o seu pai, egabrense. Será outra cousa.
Artigo de A. García y Bellido no AEA, sobre o Mitra de Cabra
Comentarios (4) - Categoría: Pezas - Publicado o 15-01-2009 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal