Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
De arqueoloxías vellas e novas |
|
Ata non hai demasiados anos, os arqueólogos eran simples descritores de trapalladas. Non podían facer outra cousa, cando nada hai, agás esa trapallada, para asomarse ao pasado. Porque iso é a arqueoloxía: a ciencia que pretende escribir a historia da humanidade a partir dos seus desperdicios, e media unha enorme distancia entre un obxectivo tan ambicioso e a magreza dos seus presupostos. Así que os arqueólogos, a falla de nada mellor que facer, describían artefactos de maneira requintada e precisa, clasificábanos por formas e calidades, e bautizábanos con nomes que destilaban erudición. Por exemplo, ?vaso campaniforme? non é máis que unha etiqueta para as cerámicas calcolíticas con forma de sino. Porén, estas clasificacións servían logo para facer seriacións filolóxicas e cronoloxías relativas que resultaban bastante útiles. Esa é a base da nomenclatura tradicional da prehistoria, a da Idade da pedra e a idade dos metais, argallada por Thomsen e perfecionada por Montelius.
Pero qué se podía decir dos autores de toda aquela quincalla que enchía os trinques dos museus?. Pois a solución era, simplemente, designar e clasificar aos devanceiros co mesmo nome que os obxectos que producían. Así, os obxectos definían sistemas culturais completos, aínda que nada máis se puidera decir deles: Cultura do Vaso Campaniforme. De aí, a identificar a noción de cultura arqueolóxica coa de etnia ou pobo había nada máis que un paso: O pobo do vaso campaniforme. Pobos ou culturas podían delimitarse no tempo e no espazo, só había que puntear nun mapa os lugares onde tales obxectos aparecían. Ás veces, o lugar onde estes trebellos eran achados primeiro, ou con máis frecuencia, daba o nome a toda a cultura ou a unha parte dela: Campaniforme atlántico, ou Campaniforme de Ciempozuelos. Tal proceder axudou a extender a idea de que as ?culturas? tiñan unha orixe única dende onde se expandían, espallábanse á par que as etnias, migraban, invadían, conquistaban e deixaban como pegada os seus detritos. Isto ademais casaba moi ben coa política contemporánea, o colonialismo e a indiscutida supremacía dos pobos avanzados sobre os primitivos. Así, para Luís Pericot, a expansión do Vaso-cultura-pobo campaniforme supostamente dende a Península Ibérica ?semella prefigurar como un primeiro Imperio hispano, cunha anticipación de 3.500 años, ó Imperio de Carlos V?. Era así como a arqueoloxía tradicional podía imaxinar imperios a partir dun simple pote de barro cocido.
Ata os anos 60 do século XX, a arqueoloxía, revestida dunha aura de ciencia indemostrable, foi construíndo, con algo de evidencia e moito de opinión subxectiva, verdadeiras arquitecturas argumentativas imposíbeis de verificar. A esta disciplina chegou Lewis Roberts Binford, un estudante de bioloxía non demasiado brillante que acabou interesándose pola antropoloxía e a arqueoloxía escavando tumbas en Okinawa durante a ocupación americana do Xapón. A perspectiva de Binford como biólogo era a de convertirse en descubridor dalgunha píntega cavernícola cega descoñecida, futuro que lle parecía arrepiante. A mesma sensación tivo cos arqueólogos da Universidade de Carolina do Norte, cando os miraba, segundo as súas propias palabras, contar macetas vestidos con batas brancas. Porén, entre os antropólogos como Leslie White atopaba entusiasmo e espírito aventureiro, e dende logo, moitas máis respostas aos enigmas do pasado. En 1962, Binford publicou un artigo titulado ?Arqueoloxía como antropoloxía? onde atacaba a visión da arqueoloxía tradicional e os paradigmas difusionistas. Para Binford, non era tan importante estudar as semellanzas e diferencias entre os artefactos, senón a relación destes co resto do sistema cultural. Axiña, Binford e outros colegas foron etiquetados como os ?novos arqueólogos?. En 1968 editou ?Novas perspectivas en arqueoloxía?, unha obra fundamental para entender o que se chamou, de maneira bastante grandilocuente, a ?New Archaeology?.
A New Archaeology era un fenómeno americano: alí Willey e Phillips, fundadores dese movemento, declararan que "a arqueoloxía americana ou era antropoloxía ou non é nada". Para os americanos a antropoloxía era máis útil no estudo das culturas indias que a arqueoloxía propiamente dita, que resultaba secundaria. Ademais, pretendían ser máis obxectivos, pois non se sentían vinculados ao seu obxecto do estudo, mentres que en Europa, calquera antigüedade era atribuída implícitamente a algúnha raza de devanceiros. Había algo de insolencia xuvenil no título de ?Nova arqueoloxía?, pois levaba implícita a acusación de caducidade dos enfoques europeos tradicionais. Pero axiña os novos plantexamentos cruzaron o océano, e recibiron da man de Colin Renfrew un nome máis comercial e acaído. A arqueoloxía procesual. A revolución chegou a Europa.
Mentres o ?terceiro mundo? era rapidamente descolonizado e perdían folgos os argumentos imperialistas, en sintonía, os novos arqueólogos desbotaban a idea da difusión como mecanismo transmisor da cultura, e tentaban explicar as coincidencias culturais dende a lóxica da propia evolución interna de cada grupo. Tentaron adaptar a arqueoloxía aos avances noutras ciencias, e en especial as matemáticas e a teoría de sistemas. Para eles, cada rasgo cultural forma parte dun sistema complexo onde interactúan diferentes subsistemas que é posíbel aillar e estudar. Por exemplo, unha cerámica pode ser ter un valor práctico ou funcional, pero tamén un valor social, económico, ou simbólico. Non importa tanto saber cantas raias a decoran, senón o seu papel dentro do sistema cultural e os seus subsistemas. A interacción e xerarquización destes (para Binford, os subsistemas eran o tecnolóxico, o sociolóxico e o ideolóxico) débelle moito, sen recoñecelo abertamente, ao materialismo histórico de Marx. (O seu mentor, Leslie White, militara no Partido Socialista americano tras unha visita á URSS en 1929). O obxectivo da arqueoloxía era explicar o que vagamente se denominaban o ?os proceso histórico-culturais?, vistos como as relacións entre os diferentes elementos dunha cultura, as súas regularidades e os seus cambios.
Binford aplicou de maneira entusiasta os seus novos enfoques ás vellas interpretacións arqueolóxicas. Para iso, non dubidou en enmendarlle a plana a un vello gurú coma François Bordes, que se tirara anos clasificando vellos pedruscos musterienses e tentara explicar as súas diferentes facies ou variantes identificándoas con ?tribus? ou grupos humanos diferentes. Binford, pola contra, consideraba que as variantes musterienses respondían a diferentes funcións ou necesidades, non a diferentes grupos. Para demostralo viaxou ao polo norte para convivir cos Nunamiut de Alaska, considerando que o seu hábitat e tecnoloxía concordaba cos do paleolítico. O debate, amistoso, rematou en empate. Bordes non se trabucaba máis que Binford en adiviñar a función das ferramentas musterienses, pero a Binford todo iso serviulle para formular máis tarde a súa Teoría do Alcance Medio. Para Binford, a Teoría de alcance medio (oposta á Teoría Xeral, que estudaría ás sociedades vivas) é a que permite comparar as dinámicas organizativas das sociedades pasadas e presentes a través dos patróns estáticos que estas dinámicas producen, e que son observábeis no rexistro arqueolóxico. Eis, nin máis nin menos, que o fundamento teórico da etnoarqueoloxía.
Lewis Roberts Binford foi quizais o arqueólogo máis influínte da súa xeración e unha das figuras chave da arqueoloxía do século XX. A revolución da escola procesual, da que quizais fora o seu represente máis senlleiro, consistíu non só na asunción pola arqueoloxía, dunha epistemoloxía e duns métodos verdadeiramente científicos, senón en saír do estreito marco dunha ciencia de anticuarios para profundar sobre o significado da cultura e do coñecemento humano. A pesares das críticas á arqueoloxía procesual, segue a ser un paradigma vixente en moitos aspectos, e aínda non cuestionado globalmente. Binford morreu o 11 de abril, aos 70 anos. Sit tibi terra levis. |
|
|
|
3 Comentario(s) |
|
|
|
2 |
Mentres o ?terceiro mundo? era rapidamente descolonizado e perdían folgos os argumentos imperialistas,#blgtk08# en sintonía, os novos arqueólogos desbotaban a idea da difusión como mecanismo transmisor da cultura. |
|
|
Comentario por yard mowing (28-07-2022 14:54) |
|
|
3 |
This was how traditional archeology could ima#blgtk08#gine empires from a simple pot of baked clay. |
|
|
Comentario por rental 360 photo booth (13-09-2022 14:25) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|