Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
O faraón destronado (e volto a entronar) |
|
 O 5 de Xullo de 1888, Emil Brugsch-Bey, acompañado polo ladrón de tumbas Abd-el-Rasul e un guía, descendeu por medio de cordas a unha profunda sima dos cantís de Deir-el Bahari, e atopou un tesouro: as momias dos máis poderosos reis de Exipto. Uns xunto a outros, alí estaban Ahmosis, Ramsés II, Sethi I, Tutmosis II, Amenofis I? así ata 40 corpos, tristes despoxos de personaxes que un día forxaran imperios, e os gobernaran con man de ferro, vidas apagadas salferidas de fazañas que aínda ecoaban na Historia. Aqueles reis fixeran grandes esforzos por agachar a súa tumba aos cobizosos ollos dos saqueadores. En tempos remotos, obrigaran ao seu pobo a arrastrar e amorear inmensas montañas de pedra baixo as que agachar os seus tesouros. Despois, preferiron enterrarse en profundas galerías nos cantís, tumbas menos ostentosas pero moito máis discretas, que non deixaron de inzar con riquezas fabulosas. Traballaban para Aldán, pois os ladróns de tumbas axiña atopaban a entrada destes buratos e limpaban ata as arañeiras. Quizais os cacos se cobraban vinganza por soportar durante décadas, séculos, a tiranía deses reis-deuses que, usurpando o traballo alleo, pretendían asegurarse unha folgada vida eterna escatimando ao seu pobo os praceres desta. Algúns sacerdotes piadosos foron reunindo as momias das tumbas asaltadas, e para evitar a súa total destrucción fóronas trasladando dunha cova a outra, así ata xuntar corenta, que ficaron definitivamente agachadas ata que un moderno ladrón de tumbas e un arqueólogo, volveron a deitar sobre elas a luz dun facho.
Emil Brugsch-Bey atopouse diante dun conflicto de intereses. Había que sacar aqueles tesouros de entre unha farrapenta comunidade de campesiños, que vivira durante séculos da bandidaxe e do saqueo das tumbas faraónicas, por forza ignorantes do seu significado e da gloria do seu pasado. Todo en aras da ciencia, a escusa dos altivos diletantes europeos que traballaban en Exipto ao amparo do imperialismo británico. Con moita presa, Brugsch ordenou o traslado das momias ao Cairo, para depositalas no seu Museo, pero nada mais zarpar o barco de Luxor Nilo abaixo, puido contemplar un espectáculo impresionante. Centos de exipcios acudían a beira do Nilo, ao paso do barco, homes, mulleres e nenos. As mulleres collían terra do chan e, chorando, botábana por riba da cabeza e restregaban con ela a cara. Os homes golpeaban o seu peito e disparaban salvas coas súas escopetas, para amosar o seu respeito polos vellos faraóns mortos. Camiñaban parellos á lenta marcha do vapor, e cando cansaban, outros, chegados dende todas partes, ocupaban o seu posto. Ao caír a noite, os prantos escoitábanse ao lonxe, entre a escuridade da ribeira. Así, durante ducias de quilómetros. Os exipcios non ignoraban, despois de todo, a súa antiga grandeza. Con aquel barco viaxaban os restos de vellos triunfos e glorias, cando Exipto era o mundo, e o mundo non era nada. Para o home europeo, que miraba nos exipcios unha raza sometida, taimada e ignorante, aquilo foi unha manifestación de orgullo nacional. Brugsch-Bey, avergoñado, pechouse no seu camarote.
Hai unhas semanas, Exipto deu outra lección ao mundo de respeito e orgullo, amosando o poder da súa indignación. Simplemente con iso e con tenacidade, lograron derrocar unha dictadura que gobernaba o país pouco máis ou menos coma os faraóns. Nos media europeos era posíbel albiscar os vellos residuos da altivez colonial. Entre tumultos e multitudes de xentes a berrar enigmáticas consignas semíticas, amosáronse imaxes terribeis: o Museo Exipcio do Cairo foi asaltado pola chusma e algunhas das súas pezas roubadas. Paralelamente, outra caste de cidadanía daba exemplo de civismo: os mozos formaban cadeas humanas rodeando os museos e os xacementos arqueolóxicos para evitar a súa profanación. Protexían a memoria ancestral do seu pobo, aquilo que lles daba dereito a contarse entre os pobos civilizados do mundo. Igual que sucedera 122 anos antes ante os ollos de Brugsch-Bey, dous exiptos aparecían na televisión con diferentes estadios de conciencia cívica.
Os saqueos provocaron o fin doutro reinado. Zahi Hawass presentou a súa dimisión como Ministro de Antigüidades de Exipto. A penas estivera no seu cargo 33 días, nun ministerio de nova creación nun gabinete de emerxencia criado pola agoniante ditadura de Mubarak no seu intento de aplacar a rebelión. Zahi Hawass é un personaxe controvertido. Fillo de campesiños, licenciado en arqueoloxía na universidade de Alexandría e doutor na de Pennsylvania, a súa estrela de home feito a si mesmo medrou ao abeiro da ditadura, pasando de ser inspector xefe das pirámides, a secretario do Consello Supremo de Antigüedades, logo viceministro de cultura, e finalmente ministro. Desde esas alturas, fiscalizou toda a actividade arqueolóxica nun país no que a arqueoloxía é un dos seus principais recursos económicos: 15 millóns de turistas no 2010, principalmente atraídos polas pedras faraónicas. O seu posto no Consello Supremo de Antigüidades permitiulle exercer un control inmenso sobre calquera que en Exipto quixera afundir un sacho en busca de reliquias. Non só autorizaba (ou desautorizaba) as escavacións e ás súas equipas: os anuncios dos achados, e mesmo as filmacións de documentarios esixían o seu placet. Isto convertiuno tamén nunha estrela mediática: Ataviado coa súa roupa vaqueira e o seu chapeu de Indiana Jones, ao máis puro estilo John Ballan, afixémonos a velo en roldas de prensa para anunciar novas descubertas, ou facendo o paripé de arqueólogo-aventureiro en ducias de reportaxes. O seu poder e egolatría indisimulada alimentou tantas simpatías como rancores.
Pero tamén hai que recoñecerlle algúns méritos. Hawass loitou polo regreso ao Exipto das antigüedades sustraidas do país como efecto secundario do Imperialismo europeo. Reclamou ao British Museum a pedra de Rosetta, alicerce de toda a exiptoloxía, unha ?icona da identidade exipcia?, nas súas propias palabras; a Alemaña reclamoulle o busto de Nefertiti, e a Francia moitas das pezas exipcias do Louvre. Sen éxito, mais retratou a faciana escura destes museos, que só poden xustificar á súa insensibilidade a estas demandas apelando á vella retórica eurocéntrica. Tamén se embarcou unha cruzada contra toda esa grei de ufólogos da nova era, defensores das máis disparatadas teorías sobre a construcción das pirámides, a quen alcuñou cun nome fantástico: os ?piramidiotas?. Era tamén unha loita contra o colonialismo mental, ese que afirma que calquera cultura non europea é incapaz de facer nada grandioso se non é con axuda extraterrestre. E unha terceira cousa logrou: convertirse no rostro exipcio da arqueoloxía, nunha ciencia secularmente protagonizada por europeos arrogantes, que dirixían as escavacións en salakot e bombachos mentres os exipcios eran eses que saían no fondo da foto, en chilaba, carrexando a terra. Hawass, disfrazado de Indiana Jones, devolvía a Exipto o protagonismo na escritura da súa propia historia.
Hawas dimitiu, asediado polos seus múltiples inimigos, acusado por algúns de lucrarse con certos negocios escuros de compravenda de antigüidades. Certa ou non esta historia, era un home demasiado ligado á administración de Mubarak, demasiado poderoso, e demasiado chamativo. Hawass xustifica a súa renuncia na súa incapacidade para controlar o saqueo dos museos e xacementos arqueolóxicos exipcios nas últimas semanas, estando como está cuestionado e desautorizado por todos. Hai que decir que moitos destes roubos foron sistemáticos, realizados por mafias armadas, que reduciron aos gardas, reventaron portas, e levaron o que quixeron para satisfacer a demanda do tráfico internacional de antigüedades, pescando nun Nilo revolto. Ou quen se non os traficantes anticuarios está detrás destes ladróns?. Tristemente, a imaxe destes saqueos é todo o contrario do que o Exipto necesita se quere algún día recuperar as obras de arte que o expolio europeo espallou polo mundo. Os museos occidentais sacan peito, representan a orde fronte ao caos, a civilización fronte a barbarie. Pero podemos sobrepoñer á imaxe dos trinques rotos do Museo Exipcio do Cairo aquela outra dos cidadáns anónimos que organizaron cadeas e gardas para protexer os tesouros da súa civilización, esa mesma imaxe de dignidade e de orgullo que Emil Brugsch-Bey puido admirar hai máis dun século dende a amura dun barco de vapor, baixando o Nilo.
Post-scriptum: Parece ser que Hawass volta, coma se quixera facernos unha broma do 1º de Abril. Vai ser certo que os faraóns son inmortais! |
|
|
|
6 Comentario(s) |
|
1 |
Vaia coincidencia
http://acasadoxastre.blogaliza.org/2011/02/01/arqueoloxia-nacional-e-extranxeira/
a verdade e que no#blgtk08#n era tan difícil chegar a mesma conclusión referente ó retorno dos bens roubados, e eu que pensaba que decobrira a pólvora. ains!! |
|
|
Comentario por Brigantium (01-04-2011 19:45) |
|
|
|
|
3 |
Pero tamén hai que recoñ#blgtk08#ecerlle algúns méritos. |
|
|
Comentario por visit us (28-07-2022 14:45) |
|
|
4 |
Simply with that and with tenacity, they succeeded in overthrowing a#blgtk08# dictatorship that ruled the country more or less like the pharaohs. |
|
|
Comentario por click here (13-09-2022 14:16) |
|
|
5 |
Simply with that and with tenacity, they succeeded in overthrowing a #blgtk08#dictatorship that ruled the country more or less like the pharaohs. |
|
|
Comentario por drywall contractor (23-09-2022 05:18) |
|
|
6 |
The women picked up dirt from the ground and, crying, threw it over their heads and rubbed their faces with it#blgtk08#. The men beat their chests and fired salvos with their guns, to show their respect for the dead old pharaohs. |
|
|
Comentario por rug cleaning (03-11-2022 14:03) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|