Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A distancia entre dous miliarios.
Miliario de maximino II, exposto en Santo Domingo, e réplica do miliario de Hadriano, xunto ó Burgo
Imos contar unha vella historia de arqueólogos. Unha historia de hai case 20 anos, cando a arqueoloxía e as obras públicas a penas comenzaban a ir collidas da man en Galicia. Para un profano pode ser unha historia aburrida, pero para os arqueólogos é unha historia de medo, e por máis que a escoitamos nas frías e longas noites de inverno, non deixamos de sentir cada vez o xeo do arrepío pola espiña do lombo.

Corría o ano 1988, e o chamado daquela MOPU ía acometer unhas obras de reforma na chamada avenida de Beiramar, xusto a carón da Ponte do Burgo, en Pontevedra. Como esta era a ponte máis vella de Ponte-vetera, era máis que probable a existencia de restos antigos soterrados que merecían ser mirados cos ollos dun arqueólogo. Así, acometeuse unha escavación dirixida por Antonio de la Peña, conservador do Museu de Pontevedra. Fura que fura, descubren os alicerces da ponte e, marabilla!, asomando entre a lama, a cabeza dun miliario con letras que falaban latín. Marabilla, si, porque os restos romanos en Pontevedra rarean como a palabra nación nos estatutos.

Pero antes de cumplir un mes de traballos, o MOPU retira todo o seu persoal, e a escavación suspéndese, ante o pasmo do seu director, seica para “valorar o realizado e as accións inmediatas”. Os encargados desta “valoración” son o Delegado Provincial de Cultura, o Director do Museu (?), un arquitecto (?) o xefe de estradas do MOPU (!), o Alcalde(!?!) e o Gobernador Civil (¡?!?). Sen ningún arqueólogo na sala (?!?!?!?) deciden que o aparecido “supera o previsto”, e que se se sigue a escavación, ha de ser “ralentizada” (sic). Nunca se reanudará. Despois de tres meses paralizada, coincidindo coa ausencia do arqueólogo da cidade, a mesmísima Dirección Xeral de Patrimonio manda unha grúa que arrinca de raíz o miliario, lembranza do emperador Hadriano, sen escavar. Despois botan terra, tapan todo, e para casa. Non só ficou frustrada a primeira oportunidade de estudar un nivel romano na cidade, senón que éste foi estragado e expoliado polo organismo encargado de velar pola súa integridade.

Despois da historia de medo, agora ven un conto de fadas.

Dezaoito anos despois, en outubro do 2006, exactamente no mesmo lugar, o Concello de Pontevedra acomete a reforma da Praza de García Escudero e a cabeceira da Ponte do Burgo, dentro dun plan ambicioso co que se remata de recuperar o Camiño Portugués pola cidade e que pretende restaurar o aspecto que a vella ponte tiña no século XVII. Esta vez, dise, a intervención arqueolóxica, dirixida por Xurxo Constela, é “prioritaria”, pois de antemán pénsase acometer as obras en función dos posibles achados para integralos no espazo urbán. E fura que fura, outra vez, marabilla! Aparece outro miliario. Esta vez non está no seu contexto, in situ, senón que é unha pedra máis dun recheo sen interés, pero aínda así, chama a atención de todo o mundo.

O monolito, un fito do emperador Maximino II, é coidadosamente escavado. O seu levantamento, ó contrario do seu antecesor, é seguido con interese por unha morea de cidadáns. Con mimo, é limpado e restaurado. Dous meses despois do seu rescate da terra, é o centro dunha exposición monográfica nas Ruinas de Santo Domingo. Pódese visitar ata finais de Xaneiro. Paneis e un coidado folleto explican a súa historia e a da cidade, incluso en Braille, para que ata os cegos poidan contemplalo. Á inauguración acude o conservador do Museu, Antonio de la Peña, quen declara “por fin se están a facer as cousas ben”.

I é que, ademais, as escavacións no Burgo aínda non remataron. Non foron clausuradas nin tapadas, senón que seguirán o tempo que faga falta. Dende o Concello afírmase que se nalgún caso está xustificado que unha obra dure maís do previsto é este, e que “non se vai reparar nin en gastos nin en tempo para que os arqueólogos fagan o seu traballo”.

Os miliarios eran pedrafitas que de treito en treito marcaban as distancias nas estradas romanas. Qué cambiou en todos estes anos, para que haxa tanta distancia entre un miliario e outro?. Pois que en Pontevedra, a cidadanía, e por extensión a súa clase política, é cada vez máis consciente que un dos principais activos da cidade é o inmenso legado histórico que acumula e que ofrece, a manchea, a todos os que se achegan ás suas pedriñas. Pontevedra, sen tempo non era.
"Miliarios e outras inscripcións viarias romanas do NO hispánico" (libro na rede)
Comentarios (4) - Categoría: Escavacións - Publicado o 19-01-2007 13:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 A distância entre dous miliários nom eram mil passos? ;-p Ne#blgtk08#m um passo atrás nem pra colher cosso! Avante Ponte-Vedra!!!
Comentario por suso (19-01-2007 20:35)
2 GraZÇSas, Susiño. Algo positivo hai que dicir de cando en vez, non todo vai ser estragos. #blgtk08#
Vou preparando novas cousas, agardo, sobre o Morraço, patria común e indivisibel.
Comentario por Franjo Padín (19-01-2007 21:54)
3 Mais um!

"Asoma un terceiro miliario romano na escavación da ponte do Burgo" (01/02/2007):<#blgtk08#br />
http://www.lavozdegalicia.es/ed_pontevedra/noticia.jsp?CAT=112&TEXTO=5504730&idioma=galego
Comentario por suso (02-02-2007 00:05)
4 grac#blgtk08#ias
Comentario por hochet coccinelle pour bébé (03-09-2013 11:43)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal