Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Feliz ano suevo!
O rei Teodomiro con tres bispos (Códice Vixiliano)En outono do ano 409, unha grande grei de xentes chegan a Gallaecia. En longas ringleiras, homes armados, a pé ou a cabalo, recorren as vellas estradas do Imperio Romano. Van vestidos con mantos de lá que prenden con grandes fivelas no ombro. As súas guedellas e bigodes confírenlles un aspecto feroz, acrescentado polas longas espadas e lanzas que portan, e o estraño acento da súa lingua, que sóa áspero e bárbaro a quen os escoita. Tras eles, en grandes carros de bois, viaxan as súas mulleres e enseres. Non é unha horda de saqueadores que veñan arrasar as vilas e cidades para logo marchar co botín. Veñen ficar para sempre.

O rei destes invasores, ou inmigrantes, Hermerico, aproveitara a delicada situación política e militar do Imperio de Occidente para atravesar o limes, a fronteira norte do Imperio, quizais incitado polo xeneral romano-xermano Estilicón para favorecer as súas particulares ambicións. Unha vez dentro do Imperio, os Suevos, que así se chamaba este pobo, convertíronse en instrumento das loitas intestinas polo poder en Roma, a cambio de terras onde asentarse. Así chegaron a Galicia, tras pactar co emperador Honorio un foedus, un tratado de alianza con Roma, polo cal comprometíanse a manterse quedos e en paz a cambio de terras nas que instalarse. ("Habitabant ibi foederatorum conditione sub regibus suis Suebi", di Hidacio de Chaves). A provincia da Gallaecia emancipábase así do poder imperial, coa ledicia do campesiñado, que se libraba da pesada fiscalidade romana e os seus gravosos trabucos, e co espanto das clases urbanas aristocráticas e católicas, conservadoras e saudosas dun imperio moribundo. Hermerico convertiuse no primeiro rei do primeiro e máis antigo reino do Occidente medieval. Galicia.

A historia non trata ben aos Suevos. As escasas crónicas que se ocupan desta época convulsa foron redactadas por membros desa temerosa aristocracia galaicorromana que miraba perigar o seu statu quo particular. Segundo Hidacio, o principal dos cronistas que nos informan, as plagas de Exipto foron orballo comparado cos Suevos, bestas depredadoras “semper fallaces et perfidi”. O retrato destes reis e das súas vicisitudes debuxan un panorama de crises políticas, loitas civiles, decadencia e derrota. Para colmo, un século de historia do reino (entre o 469 e o 550) está sumido nunha impenetrable escuridade, pois non se coñece case ningunha fonte histórica para estes tempos.

Tampouco interesaron os Suevos a ninguén. A historiografía española xamais adicou a menor atención a este episodio, ben por unha inconfesable impotencia ante as sombras que asulagan estes remotos tempos, ou ben porque, aqueixada como está dun acrítico nacionalismo, preferiu outorgar o protagonismo aos visigodos, xentes nas que non se dubidou en identificar aqueles rasgos que definen a esencia da nación española (a saber: catolicismo e monarquía peninsular unitaria. Por Dios la patria y el rey murieron nuestros padres). Tampouco a historiografía portuguesa quere saber nada dos Suevos. Resulta sintomático que o reino de Portugal, que naceu como nación entre o Miño e o Douro, na Gallaecia máis latinizada, o cerne precisamente do reino Suevo, se identifique coa Lusitania. En Europa, outros historiadores ocultaron cun altaneiro desdén a súa propia ignorancia. Lucien Musset chegou a ornear que “se os suevos de España (sic) non existisen, a historia non tería cambiado en nada importante”. 175 anos de historia suprimida cunha frase atroz.

En Galicia, a cousa non pinta moito mellor. Os historiadores máis vinculados ao galeguismo, que podían mirar con bós ollos aos Suevos, nunca gozaron de continuidade nos seus traballos (e niso ten moito que ver o nacionalismo español en armas). E os demais miraron sempre o seu discurso condicionado pola opinión xeralizada e poderosa da historiografía dominante en España, ás máis das veces sectaria. Nos libros de texto de Ensino Obrigatorio da Galicia actual (2º de ESO, Obradoiro-Santillana, por exemplo), o Reino Suevo ocupa seis liñas.

Merecen os suevos este esquecemento? Lonxe de ser bárbaros peludos e incivilizados, viviron séculos en contacto cos romanos na fronteira. As súas incursións pola península, calificadas de meros saqueos e asasinatos, responderon máis ben a plans organizados de expansión e de asentamento do poder dunha monarquía guerreira. Pese ao panorama de loitas civiles polo poder coas que se pinta aos pobos xermánicos (e do que os visigodos teñen grande parte de culpa), os suevos constituíron unha monarquía cun sistema de sucesión herditario, a priori estable, no que o fillo era asociado ao trono en vida do pai. As moedas que cruñaron, (importantísimas por cantidade e calidade) primeiro imitando a moeda imperial, e máis tarde cruñando moeda propia (Requiario é o primeiro rei xermánico de Europa que cruña moeda co seu nome entre o 448 e o 456), dan a entender que o comercio non decaeu, senón ao contrario. Fronte a tradicional imaxe de caos xeralizado, os reis suevos remataron por asumir unha política de cohesión social a partir da aceptación do catolicismo, do apoio da monarquía na organización territorial da Igrexa, uniformizada a través dos Concilios de Braga, e na busca de equilibrios internacionais (con francos, visigodos e bizantinos) que garantizasen a súa supervivencia.

A data da fundación do reino suevo, o primeiro reino de Galicia, foi nun intre incerto entre o 410 e o 411. Cúmplense logo 1600 anos do reino máis antigo de Europa. Francia celebra cada centenario da Revolución facendo unha torre xigantesca ou unha biblioteca. Uruguai no seu centenario fixo o primeiro mundial de fútbol. En Galicia faise... un Xacobeo (sen que se saiba xa qué demo é iso). Por iso, en Galicia pesa tanto este silenzo sobre o seu propio cumpleanos como entidade política independente, que só pode ser debido a unha combinación letal de ignorancia e aldraxe, mal que aqueixa a toda a nosa clase política. E por iso, tamén hai quen andamos en celebrar a efeméride facendo o mellor que podemos facer por nós mesmos: animar a coñecer a nosa historia, para saber de quén vimos sendo.
Comentarios (13) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-01-2010 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
13 Comentario(s)
1 Non estou moi o tanto do tema, pero a única excavación arqueolóxica que coñezo dun xacemento suevo (e neste caso subsidiariamente), é a do campamento romano da Cidadela de Sobrado dos Monxes, que parece que f#blgtk08#oi ocupado unha vez abandonado. Creo que me sona tamén unha fase sueva de Santa Comba de Bande, e tamén en Tuy, pero non estou seguro. Sabería decirme de algún outro xacemento excavado en Galicia?. Graciñas.
Comentario por brigantium (02-02-2010 17:24)
2 Xacementos, xacementos, ...non pero achados soltos hai por aí.
Hai ademáis a dificultade de determinar o que é godo do suevo. Englóbase como xermánico e santas pascuas.
Por certo hai que dicir co autor que "non me toquen os suevos " Si ben non foron usados muitos algo deixaron por aquí#blgtk08#. Por exemplo a toponimía rexistra Suevos e existe tamén o apelido.
Por outro lado o autor deste blogue, marinense de pro, lembrará coma mín que existía ( ou existe aínda )en Marín unha pastelería que se chama Suevia.
Deste xeito cando menos queda un doce recordo deles non ?
Saúdos
Comentario por antón (03-02-2010 17:55)
3 Creo que tamén é de orixe sueva a o#blgtk08#rganización a través de parroquias.
Comentario por brigantium (03-02-2010 18:33)
4 Xacementos escavados en Galicia... Adrovello, en Ogrove, é quizais o que máis coñezo, aínda que só sexa por miralo. Alí hai unha vila tardorromana, e unha igrexa (disque visigoda (?)) coa súa necrópole, todo xunto e revolto, coma un palimpsesto. San Pedro de Rocas tamén é unha fundación sueva.
Pero máis interesante, saíndo dos lím#blgtk08#ites da Galicia actual, é a propia Braga. Seica as termas foron reaproveitadas como habitación en época sueva (quizais foron o pazo real, quen sabe!).
Hai un bo catálogo de xacementos para Sur de Galicia e Norte de Portugal (actual, enténdese) en J. LÓPEZ QUIROGA: El final de la antigüedad en la Gallaecia. Fundación Barrié, 2004.
Comentario por O'Padín (04-02-2010 16:56)
5 Pregúntome cal sería o continxente de suevos que irrumpíu na#blgtk08# Gallaecia, e con cantos habitantes contaba ésta nesa época.
Comentario por cansendono (05-02-2010 00:44)
6 As parroquias son de orixe sueva na medida en que a consolidación da organización territorial da Igrexa católica correspóndese en grande parte co propio reino suevo.
Tal afirmación, así, sen desbrozar, supoño que ten que ver co coñecemento/descoñecemento dun documento senlleiro da historiografía tardorromana europea, como é a "Divisio Theodomiri" ou Parroquial suevo. Emporiso, as parroquias descritas non son as parroquias actuais, máis ben se co#blgtk08#rresponden co que hoxe chamaríamos un arciprestado.

En canto ao continxente suevo que chegaría a Galicia, segundo o que eu lin por aí, andaría entre uns 5000 e 10.000 homes de armas, supoño que acompañados da súa propia familia. A poboación da Gallaecia (sen contar o convento de Astorga) andaría máis ou menos polo medio millón de ánimas. Hai quen dirá que non eran moitos, pero o importante é o cambio político que a súa chegada propiciou.
Comentario por O'Padín (05-02-2010 18:29)
7 A cuestión dos suevos, como moitas outras, esta falta, por suposto, de datos arqueolóxicos e documentais, pero, na miña opinión o peor e a falta de traballo investigador sobre o tema.
Unha cuestión particular neste tema e a falta de traballo interdisciplinar entre medievalista e arqueólogos ou figuras que saiban aunar a investigación na historia me#blgtk08#dieval e na arqueoloxía sin decantarse dunb xeito corporativista por un deles.
En calquera caso é un problema xeral o da falta de recursos para a investigación. O modelo investigador e patrimonial no ámbito histórico aínda no está resolto neste país, ainda que teña mellorado moito nos últimos anos. pasar da nada a miseria no é un avance definitivo.
Comentario por warrior (05-02-2010 19:59)
8 A cuestión dos suevos, como moitas outras, esta falta, por suposto, de datos arqueolóxicos e documentais, pero, na miña opinión o peor e a falta de traballo investigador sobre o tema.
Unha cuestión particular neste tema e a falta de traballo interdisciplinar entre medievalista e arqueólogos ou figuras que saiban aunar a investigación na historia me#blgtk08#dieval e na arqueoloxía sin decantarse dunb xeito corporativista por un deles.
En calquera caso é un problema xeral o da falta de recursos para a investigación. O modelo investigador e patrimonial no ámbito histórico aínda no está resolto neste país, ainda que teña mellorado moito nos últimos anos. pasar da nada a miseria no é un avance definitivo.
Comentario por warrior (05-02-2010 20:02)
9 O que si podo afirmar é que as parroquias non son de orixe sueva. O Chamado parrochiale suevorum no define o que son as parroquias actuais senon mais ben o que hoxendía coñecemos como arciprestazgos, que constituen unha realidade ma#blgtk08#ior que as parroquias e menor que os concellos. O citado parrchiale, tamén chamado divisio Teodomirii, denomina a estas entidades diocesis, ainda que non teñan que ver como tales territorios co que nos entendemos hoxe con ese nome.
Comentario por warrior (05-02-2010 20:34)
10 Ok, graciñas po#blgtk08#la información.
Comentario por brugantium (08-02-2010 12:05)
11 Que há suevo na Galiza?? Tudo. Desde a organizaçom territorial tradicional até o direito civil galego, os montes em mao comum, a identidade como povo, a unidade nacional da Galiza, grande parte da toponímia (-ilde, -alde, -mil, etc, etc, etc), antroponímia, na língua temos multitude de léxico suevo (gaita por exemplo), a gheda e ssesseio, o "facto diferencial" dent#blgtk08#ro do mundo celta nos vem aos galegos de sermos uns celtas específicos. Substrato protocelta com aporte suevo. Muitos descobrimentos serám publicados nos próximos anos. A Espanha nom lhe interessa umha Galiza auto-identificada nas suas origens por que pode ser o princípio da fim do seu poder em território galaico. A fim do colonialismo etnocida espanhol na Galiza.
Comentario por Breoghain (25-10-2010 10:49)
12 A Galiza devia futuramente ser integrada (por livre vontade) na actual entidade Galaico-Lusitana chamada Portugal. A Galiza actual ap#blgtk08#enas corresponde a metade norte da antiga Gallaecia. Seria o corrigir de um erro historico, o dividir do povo galego entre 2 Estados.
Comentario por Miguel Velez (22-02-2011 15:25)
13 grac#blgtk08#ias
Comentario por ours infirmière en peluche (03-09-2013 10:47)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal