Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Arqueoloxía en tempos de crise
Parte do tesouro de Staffordshire (foto da web oficial)O mes pasado unha nova arqueolóxica desas que soan espectaculares asaltaba as axencias: Apareceu un tesouro saxón en Inglaterra, enterrado nunha terra de labor. A arqueoloxía-espectáculo, para o consumo do gran público, sempre adorou os tesouros. O achado non era fortuito, mais sí afortunado. Un home chamado Terry Herbert rastrexaba os campos de Staffordshire co seu detector de metais, buscando ouro. Levaba dezaoito anos facéndoo sen demasiado éxito. Según o seu propio relato, todos os días comenzaba a súa pescuda cunha oración de reminiscencias paganas: ?Espíritos de outrora, levádeme onde as moedas aparezan?, e agardaba que a prosaica pitada do trebello detector o conducise ao seu soñado tesouro. Aquela mañá, seica, trocou a súa plegaria: ?Espíritos de outrora, levádeme ata onde o ouro apareza?. E apareceu: Cinco quilos de ouro e 1?3 quilos de prata repartidos en mil cincocentas pezas, sobre todo adobios militares de armaduras e puños de espada, decorados cunha exquisita habilidade.

As propias características deste tesouro, sen moito contexto, permiten facer algunhas hipóteses sobre o seu sentido. Non hai pezas de adobio femininas, senón que case todas pertencen ao enxoval dun guerreiro. Iso sí, guerreiros dun refinado gosto, que embelecían os seus cascos, armaduras e espadas con toda sorte de apliques de ouro e engastes de pedras semipreciosas, decorados con sofisticados diseños, como figuras de animais retortos que se enlazan e traban uns a outros nunha caligrafía de arabesco. Un estilo moi propio da nobreza saxona do século VII, semellante ao do tesouro de Sutton Hoo, o máis importante dos achados ata o momento, e que agora ficou pequeno. Moitos destes apliques decorativos foron deliberadamente arrancados do seu lugar de orixe para ser ocultados nesta leira. Cal pode ser a explicación? Podería relacionarse directamente este agachamento con algún dos reis do antigo reino de Mercia, no corazón do cal se atopaba Staffordshire? Tería lugar neste ferrado unha batalla e o tesouro sería o botín que os vencedores acumularon dos despoxos dos vencidos? Ou serían os trofeos coleccionados por un só guerreiro ao longo da súa carreira de armas? Cal é a razón pola que foron ocultados e esquecidos? Enterrou o seu antigo propietario as súas caras xoias ante a inminencia dun perigo que resultou fatal? Ou serían unha ofrenda a un deus pagán? O misterio é tan intrigante que podería ser inspirador dunha novela. De feito, hai quen mira neste tesouro ecos dos versos do Beowolf, o poema épico anglosaxón posiblemente contemporáneo do recén achado tesouro: ?Houbo outras moitas reliquias amoreadas dentro da casa da Terra, porque hai moito tempo, cun deliberado coidado, algunha persoa esquecida depositara toda a súa rica herdanza dunha carreira de alta estirpe neste antigo escondedoiro. A morte chegara e levara a todos en tempos remotos, e a única testemuña do seu destino, o derradeiro veterán, só podería afrontar o mesmo destino para si mesmo. Adiviñou que a ledicia do seu tesouro sería breve?.

O achado pon de manifesto outra cuestión, que nesta terra nosa resulta exótica: a importancia que na Gran Bretaña acadaron nos últimos anos os arqueólogos ?amateurs?, e o que é máis chamativo, a estreita colaboración entre os arqueólogos profesionais e académicos, e os afeccionados. Un proceso curioso no que teñen que ver o crecente interese popular pola antigüedade e a historia, por unha banda, e a crise económica pola outra.

A cousa é como segue. Nos últimos anos proliferan afeccionados á arqueoloxía (mesmo con formación superior) que pescudan os montes e veigas ingleses na procura de calquera artefacto enferruxado, ás veces axudados con detectores de metais. O seu costume de gardar toda a quincalla que atopan, esmeradamente embolsada e clasificada en fiambreiras e tuperguares, dalles o alcume de ?grot pots?, ou ?botes de porcalladas?. Cada vez son máis: algúns actúan por pasatempo, inspirados polo éxito televisivo de ?Bonekickers?, (unha serie da BBC estilo CSI pero con arqueólogos), outros por verdadeiro interese científico. Os arqueólogos mirábanos con desconfianza: non deixaban de ser intrusos que fozaban nos campos a eito e esbandullaban os xacementos.

Pero en 1996 promulgouse a Treasure Act, que establecía a obrigatoriedade de denunciar o achado de obxectos de ouro e prata, ou moedas de máis de 300 anos de antigüedade, e creouse conxuntamente un sensacional instrumento: o Portable Antiquities Scheme, unha enorme base de datos onde calquera que faga unha descuberta pode comunicala voluntariamente. O seu ?tesouro? é tasado, e os museos teñen unha opción preferente de compra, co cal o descubridor leva o seu premio, e as diferentes institucións públicas poden optar por resgardar o Patrimonio histórico, que é de todos. A maioría dos achados en moedas son verdadeiramente miserables, auténtica chatarra para fiambreiras, pezas de cobre dobradas, marteladas, oxidadas e carentes de valor por si mesmas. Pero o seu valor científico resulta moito máis valioso que o do ouro, máis cando aparecen en lugares insospeitados, en cantidades significativas. Xurden, por exemplo, moedas romanas onde non se agardaba que estes asomaran o fuciño, e que amosan o grao e a intensidade do comercio romano naquel extremo occidental do Imperio. Cos anos, o PAS e os seus 400.000 rexistros de pezas está a trazar un novo mapa da antigüedade británica. O achado de Terry Herbert é unha mostra do bo funcionamento deste sistema.

O PAS ven suplir a crise da arqueoloxía de investigación na Gran Bretaña do colapso económico. Un 10% dos arqueólogos profesionais perderon o seu emprego, e a maioría dos equipos que traballan no campo ven perigar as súas fontes de financiamento polos recortes orzamentarios e a inminencia dos Xogos Olímpicos do 2012, que van levar os cartos todos. Os detectores de metais, pola súa parte, son un billete de lotería que pode conducir a un buscatesouros afortunado como Terry Herbert a unha vida sen preocupacións. O peso da arqueoloxía británica descansa cada vez máis no lombo dos ?grot pots?, pero aínda así, ou grazas a iso mesmo, non se deixan de aprender cousas do pasado.

Non teño simpatía pola arqueoloxía ?amateur?, (case tanta como pola arqueoloxía ?de xestión?), pero algo se pode aprender destes ingleses. O PAS palía o problema fundamental desta para-arqueoloxía que é a inexistencia dun rexistro, porque é co rexistro, máis que coas pezas achadas, co que os arqueólogos traballamos. En Galicia, cunha lei quizais máis restrictiva e máis protectora do Patrimonio, os achados son sistematicamente ocultados, destruídos ou no mellor dos casos desviados ao mercado anticuario, e ademais non se evita que aquí tamén exista un verdadeiro exército de pseudoarqueólogos que furan os montes sen método nin xeito, armados cos seus detectores de metais. Non hai que defender tal cousa, pero polo menos, na Gran Bretaña foron capaces de crear un marco de colaboración entre os arqueólogos e a cidadanía, que está dando froitos. Aquí iso é un soño: Se un paisano vai á Dirección Xeral de Patrimonio contando que lle apareceu unha moeda romana sachando na viña, veredes o que pasa.
Páxina web do tesouro de Staffordshire
Páxina web do Portable Antiquities Scheme
Comentarios (7) - Categoría: Mundo - Publicado o 31-10-2009 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
7 Comentario(s)
1 Qu lle vai a pasar, pois que#blgtk08# vai pa o caldeiro, ou case.
Comentario por Brigantium (02-11-2009 19:19)
2 Os británicos, por aquelo da súa excentricidade, son moi afeccionados ó coleccionismo amateur. Véxase o caso do mesmísimo Darwin, que antes de ser quen foi adicouse con paixón ó acopio de osos e plumaxes, ás veces sen moito xeito. Qué dicir tamén das investigacións (e rapiñas) levadas a cabo nas súas propias colonias ou en territorios poboados por xentes "sen civilizar", como Grecia ou Exipto, ou a Península#blgtk08# Ibérica. Ó cabo, suponse que para algún deles vérense reducidos á busca polas leiras darredor da casa non deixa de ser algo frustrante, como de vello fidalgo vido a menos. En canto a Galicia, o civismo, nestes asuntos como noutros en que teña que ver a cultura e o respeto a nós mesmos, "ni está ni se le espera". Nihil novum sub solem!

Parabéns polo post, tan currado e interesante como sempre.
Comentario por cãosemdono (14-11-2009 11:22)
3 Non sei o caso do UK pero sí podo contar o de Dinamarca. Mentres estiven alí nun museo viquingo puiden ver como viña un rapaz acompañado do seu pai para comunicar se un cravo que atopara cerca da beiramar podía ser algo arqueoloxicamente relevante. A vista miña o especialista en cravazón ( non pensedes nin por acaso que é un asunto menor ,non señor)díxolle que nese caso non era e foise co seu pai antes de recibir o sincero agradecimento dos arqueólogos que alí estaban. Fun testemuña presencial, estaba alí e vin.
Con posterioridade viaxei unha semana nunha goleta que ademáis era monumento nacional cun equipo de clubes de mergulladores amateurs ós que os arqueólogos mariños viaxaban con eles para explicarlles o seu traballo e descubrirlles algúns xacementos mergullados. lembro especialmente un día no que estaba connosco un conservador de museo que trouxo para ensinarlles unha espira de ouro retorta que fora extraída dun barco afundido. Circulou de man en man ( qué sacrilexio ! pensaba eu para mín si isto se lle ocurriría facelo aquí nalgún museo galego) e eu tamén a tiven na man. Noutro xacemento esta vez prehistórico sacaron varias lascas e estiven a ollar para un dos colegas arqueólogos cómo lle debía de explicar en danés o que era o bulbo de percusión pois señalaba co dedo este. Por certo que logo houbo unha media tormenta e a bolsa das lascas que apareceron alí estivo a punto de levala o mar de arrastro senón a pillo por banda. Non lles dixen nada pero por pouco volven outra vez ó leito mariño !
En fin, que alí os arque#blgtk08#ólogos se preocupaban de amosarlles á xente o seu traballo e estes ( así mo contaban estaban conmovidos pola historia) Alí a propia xente está concienciada e os arqueólogos están mui satisfeitos de darlle conta do seu traballo a quen se acerque por alí a preguntar...mesmo si non son daneses. E volto a insistir. A xente colabora porque non os espantan !
Aquí como sabemos todos e sobre todo lembrando aquela "Cousa da Vida " de Castelao na que aparecían dous paisanos na que un lle dicía o outro : "Pois xa que o sabes voucho á contar ..."a situación é mui diferente.
Nin vos conto a cara que se lle puxo a miña cuñada que procede da parte de Caldas de Reis cando ó contar a historia de cómo se descubreu o tesouro de Caldas porque un dos paisanos ó saberse enganado no reparto que fixeran denunciou o caso á Garda Civil e non polo interese arqueolóxico claro está!Resultado: quedaba nada máis que a metade del xa desfeito a cara dicía, ó replicarlle eu que menos mal que así se salvou este tesouro. Pouco menos que unha tolería miña ! O que estivo mal segundo ela foi a decisión de dar o chivatazo. E si fora ela....
Conclusión . Este país necesita unha divulgación por parte de os arqueólogos e traballadores de museos para que falen coa "plebe" facendolles ver qué valor ten o patrimonio. Creo que hai muito urbanita nos que son remisos en falar ( ollo :diso se trata, non de soltarlles rollos eruditos para quedar de "autoridades") Así se conseguirían máis xentes interesadas na cousa pública que para eles nin existe. Outro día sigo.
Comentario por antón (16-11-2009 20:30)
4 Certa é a importancia dos afeccioados/"amateurs" aínda que tan só sexa para relatar tal ou cal lenda ou conto de vellos, xa non digo para dar conta de achádegos fortuítos, pero existe medo ao paisán, agás excepcións non moi numerosas como o traballo que desenvolveu a equipa dos castros de Neixón con Xurxo Ayán á cabeza ou a escavación que durante este verán e o anterior#blgtk08# levou a cabo Tito Concheiro en Cotobade contando con voluntarios, amigos e familiares.
Creo que a arqueoloxía é para a sociedade, non para 4 ilustrados-iluminados que apodrecen nas súas cadeiras de catedráticos universitarios, polo tanto hai que difundila, compartila e vendela (marketing) e para eso hai que contar con afecionados tamén.
Un saúdo Mr Padín
Comentario por Rafa (26-11-2009 14:54)
5 Interesantisimo e denso post. O certo e que como arqueólogo profesional nunca souben moi ben aconsellar a quen se acercou a min cun achadego, poruq sempre tés o medo, fundado, de que como aconselles dar conta e legalizr toda a cuestión terminen emplumando o afeccionado, mandando o achádego a un museo alonxado do lugar do achádego, e aínda por riba quedar ti medio implicado cara a administración e responsable diante do achador.
É certo o que di Ant#blgtk08#ón, pero tamén se supón dun xeito gratuito que os arqueólogos temos que facer divulgación sen que ninguén nos pague e que ademais temos responsabilidades administrativas cara o patrimonio tamén de xeito gratuito.
A concienciación tamén estña do lado de que a administración (e non falo unicamente da Dirección Xeral do Patrimonio) ten que implicarse en todolos sentidos, senon seguiremos avanzando a paso de tortuga neste tema, senon inodo cara atrás.
Comentario por warrior (05-02-2010 20:57)
6 Moitas grazas polos comentarios todos.
Sr. Brigantium... se non vai ao caldeiro, diranlle que marche para casa e cale a boca, e o tipo quedará coa impresión solidamente fundamentada que a administración non lle importa nada o Patrimonio. Ao respecto, aconsello a letura do fabuloso álbum de BD "A Mansión dos Pampín" de Miguelanxo Prado.
Sr. Antón: O problema tamén está no feito en que a divulgación, altualmente, non é traballo de ninguén: descansa no lombo de mestres desautorizados, de museos e institucións aos que se orienta máis ao turismo que á didáctica, e de profesionais arqueólogos, pola súa conta, alleados de calquera sistema ou política seria de divulgación e de coñecemento. A divulgación debería estar na prensa (absolutamente analfabeta nestes temas, pois non hai xornalismo especializado), na radio, na televisión... pero non hai máis que ver canto espazo ocupa a Ciencia (así, en abstracto) na televisión, e canto o fútbol, o famoseo, os touros (!), e o#blgtk08# que é peor, a canonización da estulticia de GH e similares.
Sr. Rafa, un pracer recibir a súa visita. Concordo en todo. Por certo de Ayán merece aplausos aínda que tan só fose pola súa bitácora de arqueoneixón: unha boa forma de divulgar.
Sr. Warrior. A verdade é que, aos arqueólogos, a lei trátanos igual que delincuentes. Estamos permanentemente entre a espada e a parede, entre a sociedade que non entende o noso traballo e a Administración que non nos ampara. Como dirían os Herdeiros da Crus, cáennos as hostias por babor e por estribor!. Repito, fai falla unha Política Cultural (con maiúsculas pero se un vai neste preciso instante a visitar a web da consellería (culturaeturismo.xunta.es) e pincha en "que cultura queremos" atopará esta mensaxe: "A Consellería de Cultura e Turismo está traballando para definir os seus obxectivos prioritarios, polo que esta información non se atopa dispoñible de momento". Levan case un ano así. Con dos Suevos!

Comentario por O'Padín (06-02-2010 10:27)
7 grac#blgtk08#ias
Comentario por ours petite fille en peluche (03-09-2013 10:48)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0