Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cada cousa no seu sitio.
A Acrópole no seu esplendor, segundo a visión romántica de Leo von Klenze (1846)
Darío I, Rei de reis, rezaba cada día ao Sabio Señor: ?Dame ocasión de vingarme dos atenienses?. Éstes axudaran aos rebeldes gregos da Xonia, que no 499 a.n.e. queimaran ata os alicerces a cidade de Sardis, a capital de Lidia, unha das máis ricas posesións do Imperio persa. Ormuz Ahura-Mazda, o Sabio Señor, escoitou os seus rezos. O seu fillo Xerxes, a pesares dos atrancos, reduciu Atenas a borralla no 480 a.n.e. Os refuxiados gregos contemplaron o incendio da Acrópole dende a illa de Salamina, antes de derrotar aos persas na batalla do mesmo nome. Aínda ardería Atenas outra vez, ao ano seguinte. A pesares destas victorias, os persas foron vencidos en Platea. Un fulano chamado Heródoto relataría estas guerras nas súas ?Historias?, aínda que esquecendo oprobiosamente as desgrazas e dando excesivo lustre ás victorias, cun chauvinismo absolutamente obsceno. Convertiuse así no Pai da historia escrita polos vencedores.

Despois da guerra, os atenienses regresaron a unha cidade carbonizada, dispostos a reconstruíla e a non permitir outra vez a súa destrucción. Aliáronse coas outras poleis da Ática na Liga de Delos, cun argumento algo mafioso: protección a cambio de cartos. Logo, Pericles arramplou co tesouro e adicouno a financiar a reconstrucción da Acrópole cos máis fermosos edificios que os gregos construíran xamais. E de entre todos, o templo de Atenea Virxe, o Partenón. Como supervisor artístico, contaba con Fidias, que anos antes acadara sona por esculpir a Atenea Lemnia, unha fermosa imaxe de Atenea por encargo dos colonos que partían á illa de Lemnos. Fidias non escatimou en cartos, nin esforzo, nin talento. Labrou nos frontóns o nacemento de Atenea e a loita da deusa con Poseidón polo patrocinio da cidade. Nas metopas, un pouco máis abaixo, deuses e heroes enfróntanse con monstros e seres quiméricos: centauros, amazonas, xigantes, e escenas da guerra de Troia. E máis abaixo aínda, nun friso que rodea a cella, esculpiu en baixorelevo aos fervorosos atenienses dirixíndose ao templo a adorar á súa patroa: é a sonada procesión das panateneas. Na cella colocou a súa obra máis senlleira, a Atenea Crisoelefantina, unha colosal estadua de ouro e marfín, unha das marabillas do mundo antigo.

A Atenea Crisoelefantina non puido resistir moito tempo a cobiza dos sucesivos conquistadores de Atenas, pero o Partenón tivo algo máis de fortuna. Foi convertido en Igrexa polos talibáns cristiáns, e logo en mesquita polos turcos, sen perder demasiado o seu esplendor, ata que en 1687 os venecianos que asediaban Atenas, ao mando de Francesco Morossini, bombardearon a Acrópole a sabendas que os sitiados fixeran do Partenón o seu polvorín. Así ficou dende entón, todo esnaquizado.

Nesas, en 1799, un home chamado Thomas Bruce, Conde de Elgin e embaixador británico ante o Imperio da Sublime Porta, reuníu un equipo de artistas e escultores para facer copias e moldes das estatuas atenienses. Pero unha vez alí, cambiou de idea ¿Para qué contentarse con debuxos e copias de escaiola se podía levarse os orixinais? Sobornou a quen correspondía e obtivo un permiso para arramblar con todo o que quixera. Dende 1801 e ata 1817, Lord Elgin entregouse a unha voraz labor de saqueo, cargando un barco tras outro co froito do seu expolio. Non tivo moitos escrúpulos, algunhas metopas escacharon en anacos baixo o peso da maquinaria que empregou. Outras aserrounas para poder facilitar o seu transporte. ?Tiven que portarme un pouco coma un bárbaro?, díxolle un colaborador a Elgin para explicarlle o seu traballo. Chegadas a Londres, (non sen que algún barco naufragara), permaneceron anos amoreadas sen coidado ao ar libre, expostas ao clima londinense coas súas chuvas e o seu smog. Finalmente, Elgin conseguiu facer fortuna vendendo ao Museu Británico as malpocadas estatuas en 1816. Non acabaron aí as súas penalidades, pois nos anos 30 sufriron unha ?restauración? terrorífica, a base dun enérxico escobado con brus de púas de cobre. Desapareceu así o derradeiro resto do seu primitivo policromado, todo por dar lustre á brancura do mármore pentélico.

Os gregos contemplaron con mágoa o saqueo de Elgin. Nos muros de Atenas apareceron grafitis: Quod non fecerunt gothi, hoc fecerunt scoti, (o que non fixeron os godos, o fixeron os escoceses), poñían, emulando o célebre pasquín ?quod non fecerunt barbari, fecerunt Barberini? de cando o Papa Urbano VIII Barberini fundiu os bronces do Panteón de Roma para que Bernini fixera o seu Baldaquino de San Pedro. Grecia aínda non obtivera a súa independencia, pero unha vez dona de si mesma, sacudidos do dominio turco, reclamaron unha e outra vez a devolución das súas estatuas. Tamén, todo hai que decilo, moitos ingleses. Lord Byron, que combatiu e morreu xunto aos independentistas gregos, choraba: Cegos están os ollos que non verquen bágoas mentres ven, ou, amada Grecia, os teus sagrados obxectos saqueados por profanas mans inglesas?

A resposta inglesa sempre foi negativa. De nada vale que unha boa parte da opinión pública británica se amose favorable á devolución do seu tesouro, ao igual que moitos dos seus políticos, que se esquecen das súas boas intencións en canto poden tomar esta decisión. O Museu Británico non ten intención de ceibar a súa presa, pois é o principal atractivo dos seus millóns de visitantes ao ano. Os argumentos son peregrinos: din que o obxecto do Museu é universal, e isto os lexitima para expoñer o mellor das culturas do mundo. Cando non, a súa resposta é raiana no desprezo: Grecia non ía coidar os mármores mellor ca eles. Fronte a isto, o goberno grego tentou todas as fórmulas de concordia, sen éxito. A máis facible: a cesión a Grecia das estatuas sen renunciar os británicos á propiedade, a cambio de préstamos temporais de pezas gregas ao British.

Un dos atrancos desta proposta, a existencia dun museo axeitado en Atenas para a exposición dos mármores de Elgin, acaba de solucionarse coa apertura do novo Museu da Acrópole, que foi noticia estes días polo espectacular traslado das estatuas orixinais que aínda restaban na Acrópole. Agora a pelota está no tellado británico. Ben estaría que desen dunha vez o seu brazo a torcer. Non pode ser que o maior museo de Gran Bretaña teña como principal atractivo un tesouro roubado, nin que as obras máis senlleiras dos artistas da Grecia clásica, aquelas coas que os antigos atenienses berraron ao mundo a súa independencia, o seu poder e o seu xenio, non poidan admirarse baixo a luz que as mirou nacer.
Páxina web con todo sobre os mármores de Elgin
Comentarios (8) - Categoría: Mundo - Publicado o 23-10-2007 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
8 Comentario(s)
1 Moi ilustrativa a súa explicación histórica do expolio. Non podo estar máis de acordo. Pero vai ser moi difícil que esas pezas volvan á súa orixe. Pense#blgtk08#mos senón a algarabía que se montou en Salamanca cando se reclamou desde Catalunya certo arquivo. Cánto nos costa desprendernos das cousas que roubamos!
Comentario por o refraneiro (23-10-2007 15:39)
2 Coincido por completo co "refraneiro". Non é o mesmo caso (dado o simbolismo desta peza), mais ocorre algo similar coas riqu#blgtk08#ezas exipcias que os asaltadores de tumbas (non os arqueólogos) lle venderon ao Museo Británico.

Un saúdo.
Comentario por Xohán (23-10-2007 20:46)
3 Os ingleses non torcen o brazo, o máis que poden chegar a facer é estiralo. Vai ser cousa da néboa como di vostede. Que os gregos teñen un museo#blgtk08# axeitado? Pode ser My Lord, mais nunca mellor ca o do imperio.
Un saúdo encantado de seguir aprendendo tantas cousas interesantes aquí.
Comentario por Doutora Seymour (23-10-2007 21:24)
4 Parece que este modus operandi é extensible ós americanos. Ó primeiro, os ricachos ianquis quixeron dar lustre ós seus dólares desposando ós seus herdeiros cos europeus de apelido nobiliario (por exemplo, os papás de Winston Churchill); máis adiante, directamente usurpando o noso patrimonio histórico co mesmo amor ó arte que amosa na actualidade o "#blgtk08#malayo" Roca cando colgaba os Mirós no seu WC (por exemplo, o magnate e pai do amarelismo informativo William R. Hearst, que chegou a trasladar pedra por pedra fachadas ou mesmo igrexas enteiras dende Castela ó seu macropazo estilo charramangueiro-kitsch). ¿Qué leite mamarán estes anglosaxóns que os fai tan proclives á depredación en eidos alleos?.
Comentario por cansendono (25-10-2007 23:49)
5 Prezado arqueólogo, ten vostede un convite agardando por vostede na consulta. Estaría encantada de que o ac#blgtk08#eptase, non teño dúbida de que enfocado neste tema seu a cousa vai gañar moito en interese.
Un saudo.
Comentario por Doutora Seymour (02-11-2007 22:17)
6 Case me dan ganas de liberalo do(s) compromiso(s) O´Pad#blgtk08#ín, xa se bota en falta un artigo nesta escavación...
Comentario por Doutora Seymour (26-11-2007 23:52)
7 Subscrevo as palavras da Dou#blgtk08#tora Seymour! Padín, tas aí?
Comentario por suso (29-11-2007 13:00)
8 grac#blgtk08#ias
Comentario por schnauzer en peluche (03-09-2013 11:18)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0