Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Confín dos verdes castros
Galicia a un lado, Portugal ao outro, e ala no alto SantaTegra (foto de Fernando Coello)
Durante máis de mil anos, todo ao longo do primeiro milenio a.n.e., e ata incluso o século II d.C. os nosos devanceiros viviron en castros. Eran xentes belicosas e afoutas, a súa sona de guerreiros feroces traspasou as fronteiras do bretemoso e verde país no que tiñan o seu fogar. Combateron coma mercenarios nos exércitos cartaxineses contra os romanos durante as guerras púnicas, e cóntase que antes da batalla metían o medo aos seus nemigos golpeando os escudos coas espadas e o chan cos pés mentres cantaban con aturuxos desbrouxadores. Os cantos dos exércitos galegos cruzando os Alpes debían soar coma o vento bruante e o retumbar dos tronos dunha tempestade atlántica. Cando a necesidade pruía, baixaban dos seus altos castros ás terras do Sur ocupadas polos romanos, e de regreso, cargados coas riquezas que saqueaban, salferían o camiño de volta pendurando nas lanzas cravadas a cada lado da senda as togas ensanguentadas das súas patricias víctimas.

Os castros nos que vivían foron, as máis das veces, verdadeiras fortalezas rodeadas de murallas, parapetos, terrapléns e foxos. Aínda así, non resistiron o embate das lexións romanas, que emporiso, con seguridade, usaron máis da diplomacia e do acordo con estas xentes que da forza das armas. Así que os castros seguiron ocupados aínda durante moitos anos, ata que a paz e a molicie fixeron que a xente baixara dos montes. Os castros foron ocupados logo por mouros e encantos, gardadores de tesouros inmensos, habitantes dunha Agartha castrexa de trabes de ouro e de alcatrán. Con estas lendas os galegos conservamos a memoria dun pasado fabuloso onde vivían seres temibles e astutos. A Igrexa tentou espantalos construíndo capelas e ermidas no alto daqueles curutos. Máis tarde chegaron as torretas de FENOSA e os repetidores de telefonía móbil, indicadores case infalibles de que nun cumio galego houbo un castro.

Por esta razón os galegos construímos a consciencia de que os castros son a ligazón que nos une ao noso nacemento como pobo. Así o miraron os eruditos románticos que creron nun carácter senlleiro e diferenciado desta cultura da que a penas nada sabían e que tanto se parecía á daqueles celtas que os europeos estaban a reinventar. Os castros eran a proba palpable dun pasado glorioso que un país secularmente asoballado precisaba para recobrar o orgullo perdido. O hino galego é a mostra máis elevada dese sentir, pois pon nos beizos deste pobo labrego e mariñeiro acostumado a levar paus un cantar que ben podería soar coma as ululantes cantigas que entonaban, golpeando os escudos, os antigos guerreiros galaicos dos que falaba Silio Italico. Á marxe destas connotacións ideolóxicas, os castros son o xacemento estrela da arqueoloxía galega. xunto cos megalitos e os petroglifos, precisamente polo seu carácter senlleiro. E unha política cultural galega que queira recuperar o Patrimonio nunca podería obvialos.

Nestes días foi noticia que a Xunta vai declarar Ben de Interese Cultural vinte castros galegos. Son os de Punta dos Prados (Ortigueira), Cidá de Borneiro (Cabana), Baroña (Porto do Son), Neixón (Boiro), Castro Lupario (Rois-Brión), Fazouro (Foz), Viladonga (Castro de Rei), Santa María do Castro (Cervantes), Castromaior (Portomarín), Castros de Vilar e da Torre (Folgoso do Caurel), San Cibrán de Las (San Amaro-Punxín), Santomé (Ourense), Castromao (Celanova), Coto do Mosteiro (Carballiño), Castros de Saceda, e San Millán (Cualedro), Facho de Donón (Cangas), Troña (Ponteareas), e Penalba (Campo Lameiro)

Doce anos despois da redacción da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia só dous castros contaran con esta declaración: Santa Tegra (A Guarda), e Elviña (A Coruña). A noticia é positiva, pois a declaración de BIC conleva o grao máximo de protección e tutela que pode ter legalmente un ben cultural, tanto deste coma do seu contorno paisaxístico (o que non é menos importante neste país onde cadaquén fai na súa veiga o que lle peta), e permite incluso a expropiación das propiedades que distorsionen a apreciación do monumento. Tamén implica un réxime sancionador moito máis duro no caso de destrucción destes xacementos. (O derrubo dun muro como o acaecido en Santa Tegra hai unhas semanas supón unha multa de, cando menos, 150.000 euros). Por outra banda, fálase de que esta declaración virá acompañada dun plan de prospección arqueolóxica intensiva nestes xacementos.

Os criterios seguidos para escoller estes vinte castros entre os milleiros existentes semella claro: Son castros moi coñecidos polas escavacións, relativamente ben conservados, case todos accesibles e atractivos incluso para un público non especializado. Emporiso, un acha de menos algúns que, con estes mesmos criterios, merecerían este recoñecemento. Coma o Castro da Graña, en Toques, na Terra de Melide, lugar de fogueo arqueolóxico para tantos estudantes da USC nos anos 80 e 90, ou Zoñán, en Mondoñedo, ou Armeá, en Allariz, ou o Castro de Alcabre en Vigo, cos seus restos fenicios. Non alcanzo a entender a razón desa omisión máis que polas eivas da bur(r)ocracia.

Esta declaración de BIC coincide, ademais, case xacemento a xacemento, cos incluídos na posta en marcha do Proxecto CASTRENOR, unha iniciativa participada pola Consellería de Cultura, a Câmara Municipal de Monçâo, a Universidade do Minho e a Agência de desenvolvimento regional do Vale do Ave (ADRAVE), co apoio financeiro europeu, a través da iniciativa INTERREG. Trátase de criar o que chaman unha “rede temática” de castros visitables que axude a divulgar entre o gran público o coñecemento dos xacementos de Galicia e do Norte de Portugal, ademais de potenciar, cos castros como engado, o turismo cultural. A iniciativa ten un aspecto moi positivo en canto que dous países que comparten moitas máis cousas que un mesmo patrimonio arqueolóxico teñen a ben poñer en común unha política de divulgación dese mesmo patrimonio. Polo de agora, xa editaron unha guía e unha aceptable páxina web. Sería de agardar que esta colaboración no campo turístico e estes esforzos económicos se extenderan tamén á investigación científica. ¿Todo se andará?. De momento parece que os castros despertan do seu sono.
Comentarios (10) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 24-09-2007 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
10 Comentario(s)
1 No sé con certeza si el castro de Vigo está incluído en la citada lista de B.I.C recientemente aprobada.También pienso como tú que debían ser incluídos otros...pero se tendrá que esperar a otra ocasión..
En relación al proxecto Castronor, es una iniciativa interesante, pero se echa en menos que no esté implicados más organismos gallegos, como podia ser la Universidade de Santiago de Compostela, algunoss concellos,...Creo que está desco#blgtk08#mpensado con la parte pòrtuguesa y en ésta, no está la universidade do Minho..Pienso que como ocurre en la mayoría de las ocasiones, los grandes proyectos pueden venir abajo por la no participación o coordinación de grupos verdaderamente interesados en el tema. Al final de cuentas el objetivo final se pierde en el tiempo y sin concluir una buena idea, que me costa que esta lo es, se pondrán en marcha otras y así indefinitivamente. Un saludo
Comentario por jose manuel hidalgo (24-09-2007 21:30)
2 O castro de Vigo non está na lista que publica a Consellería na súa web, (pínchese enlace) e que non coincide coa que publicou a prensa (nomeadamente a Voz de Galicia), no que si figura. No proxecto Castrenor si está a Universidade do Minho, pero é verdade que a de Compostela brilla pola súa ausencia coma un buraco negro. En realidade a U.S.C. hai moitos anos que non pinta nada na arqueoloxía deste país. Alguén se aledará disto, pero a#blgtk08# verdade é que, sendo obxectivos, este divorcio da Universidade coa ciencia da que debería ser alma mater só pode traer dano. Prefiro ser positivo, porque andar ao rebusco de novas para esta bitácora trae moitos sinsabores, e teño tendencia innata ao optimismo. Coma ti, fago votos aos deuses para que todo isto teña continuidade e sexa o reinicio dunha verdadeira política arqueolóxica que sexa máis investigación e non tanta "dixestión".
Comentario por O'Padín (24-09-2007 21:46)
3 O da sanción doe, pero haberá que sancionar se seguimos sen ter consciencia dos nosos tesouros. Eu teño visto facer autenticas barbaridades no castro de Santa Tegra dende fai moitos anos, e supoño que será a tónica xeral.#blgtk08# Somos así.
Eu agradézolle os sinsabores, aínda que as miñas achegas a este o seu recuncho non sexan moi alá, gústame saber.
Esa estampa dos exércitos avanzando cal tempestade atlántica fascinoume.
Comentario por Doutora Seymour (25-09-2007 00:03)
4 A ver si á segunda o consigo:

Padín, saíuche a vea poética neste artigo. Quedeime gratamente sorprendida de que o Castro de Penalba sexa declarado B.I.C., non sei a ciencia que consecuencias traerá esta declaración, pero espero que se faga algo. Supoño que estará relacionado coa creación do Parque Arqueolóxico dos Petróglifos. Fará un par de anos que volvín a Penalba e a verdade era que daba "Pena". #blgtk08#O diñeiro dos Fondos Europeos no Concello de Campolameiro gastáranllo nun taller que fixo unhas grelladas cubertas, non se cantos millóns se gastaron iso, pero estaba claro que no castro non investirón nin un só duro. Envíoche a referencia do artigo que publique no meu primeiro blog: http://contacontos.bitacoras.com/archivos/2005/11/10/volta-ao-castro-de-penalba-dedicado-a-minas-companeiras-de-fatigas-myriam-e-ana
Comentario por carmiña (25-09-2007 00:09)
5 Non sei si se podería poñer código... a#blgtk08# referencia saíu un pouco longa, perdoa
Comentario por carmiña (25-09-2007 00:11)
6 Á Dra. Seymour fascínalle a estampa dos exércitos avanzando cal tempestade atlántica. Moi pondaliana a escena, se se me permite a licenza. A mín o que me seduce é a imaxe da pervivencia dos ritos e crenzas paganas e panteístas ata moito despois da conquista e a irrupción da nova relixión imperial, por non falar das reminiscencias mesmo ac#blgtk08#tuais. Imaxino ó bó do bispo Martiño Dumiense aló polo século V rosmando polo baixo contra eses túzaros irreductibles dos galaicos, empeñados en seguir a adorar ás fontes, ás fragas e ós camiños, no canto desa outra estrana figura crucificada chegada do oriente, e ó tempo que escribía o seu "De correctione rusticorum" á luz dunha vela...
Comentario por cansendono (26-09-2007 00:15)
7 Por certo: visitei Sta. Tegra ó día seguinte desa vergoñenta bacanal que se celebra o primeiro domingo de agosto en forma de ascensión ou algo así, e non sei qué me pareceu máis horripilante, se as pallozas convertidas en esterqueiras, o fed#blgtk08#or insoportable a viño e as manchas e a suciedade na estrada (que por certo pasa polo medio e medio do conxunto) ou esa magnífica torreta que adorna o cumio do monte ad maiorem gloriam dalgún operador de telefonía móbil. Francamente penoso.
Comentario por cansendono (26-09-2007 00:22)
8 Todas as súas achegas son moi alén, doutora. Creo que era Cervantes quen dicía "Yo siempre trabajo y me desvelo/por tener de poeta/ la gracia que no quiso darme el cielo". Asinaría eses versos, pero tamén vostede leme con bos ollos. Eu tamén aprendo moito no seu recuncho sobre o divino do ser humano.

Saúde, Carmiña. Coñecía o artigo sobre a túa visita. Eu hai anos que non vou por alí, pero xa puidera comprobar a desfeita desa "área recreativa" tan chulichupi. É unha mágoa, porque a escavación de Penalba é unha desas que ma#blgtk08#rcou un antes e un despois no coñecemento da Idade do Ferro en Galicia.

Estimado Cansendono. Por unha enigmática razón parece que me le o pensamento. Hai pouco fixen unha escavación na que apareceron cousas que teñen moito que ver con esa outra imaxe que vostede evoca. Pensaba postear sobre ela, aínda que dame pudor falar das miñas propias descubertas, cando tivese as cousas máis claras, porque aínda estou empezando a estudar os materiais. Pero garantízolle que lle ha de gustar.

Grazas a todos pola visita.
Comentario por O'Padín (26-09-2007 11:16)
9 grac#blgtk08#ias
Comentario por yorkshire en peluche (03-09-2013 11:20)
10 Gostaría sabes se conocedes e a vosa opinión sobre o enorme castro da Cañiza d#blgtk08#enominado Cidade das Achas. E das restantes fortificacións do acarón da mesma.
Comentario por Francisco (06-04-2014 21:02)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal