Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O tesouro inca(utado).
Máscara mochica de Cerro de La Mina (foto: blog de RadiArte).
Entre os séculos I e VII floreceu na costa Norte do Perú a Civilización Mochica, así bautizada por ser o lugar de Moche un dos seus xacementos máis representativos. Eran agricultores e pescadores, capaces de cultivar nos áridos desertos da costa peruana mediante sofisticados regadíos, e de arrostrar os perigos do océano a cabalo de feixes de canas atadas. Tamén foron habilísimos artesáns, inventaron a metalurxia e elaboraron unha preciosa cerámica figurada na que podemos contemplar de xeito preciso cómo vivían, comían, loitaban, amaban, crían e morrían. Como guereiros feroces, extenderon o seu dominio dende Lambayeque, polo Norte, ata Huarmey polo Sur. Os seus señores enterráronse en suntuosas tumbas, adobiados con alfaias fabulosas, rodeados de todo canto puideran necesitar nunha vida de reis.

Entre 1986 e 1988, un grupo de huaqueros, nome que reciben os asaltadores de tumbas no Perú, rebentou a pirámide de Cerro de la Mina, perto da localidade de Jequetepeque, e atopou un tesouro abraiante. Durante meses, sacaron todas e cada unha das xoias que alí había, ata que a nova chegou ás orellas do arqueólogo Walter Alva. Alarmado, presentouse no lugar cando o expolio xa se consumara, sen máis que facer que documentar os restos da tumba e recoller unhas poucas cerámicas.

As xoias expoliadas eran dun valor extraordinario, comparables coas do sonado Señor de Sipán, senón máis suntuosas. Entre elas había tres máscaras de ouro de medio metro de diámetro, con cabeza humana, fuciños felinos, ollos de lapislázuli incrustado e cabelos conformados polos oito raxos dun polbo. Tamén había outras cabezas, diademas, coroas e un número indeterminado de adobios dos que é case imposible seguir o rastro. Coñecemos algunhas porque foron adquiridas por Raúl Apesteguía, un (disque) respetable coleccionista de antigüedades precolombinas limeño, e publicadas en varios libros sobre orfebrería moche. Pero o periplo das xoias non acaba aquí. En xaneiro de 1996 Apesteguía foi asasinado a paus na súa casa, e o seu tesouro foi roubado, con todos os rexistros e inventarios da súa colección.

En Novembro de 1996, inaugúrase en Compostela unha gran exposición de arte precolombina de pomposo título: O espírito da América Prehispana. 3000 anos de cultura. Unha parte da mostra, co orixinal subtítulo de El Dorado, amosa un centenar de xoias mochicas. Daquela eran tempos de grandes exposicións en Santiago, cidade que, sendo ela mesma un museo, cría adoecer dunha instalación museística digna, á marxe do doméstico Museo do Pobo Galego. Así que ao evento van Don Manuel, e os premios Nobel Oscar Arias e Rigoberta Menchú, aquela india baixiña de poncho multicolor que quedaba tan ben nas fotos dos políticos. Corre o rumor de que a colección estaría en venda, e que fora ofrecida á Xunta por 18 millóns de euros. Había quen soñaba cun museo compostelano de arte precolombina.

As 1173 pezas de orixe maia, olmeca, azteca e inca que se exhibían pertencen, seica, a Leonard Patterson, escuro personaxe nado en Costa Rica pero de nacionalidade norteamericana, un coleccionista que declara telas atesourado ao longo de 35 anos, e que quería amosalas por primeira e derradeira vez nunha exposición e nun libro. Demasiado ruído: un traficante de arte arrepentido, adicado a perseguir expoliadores, chamado Michel van Rijn, compara o catálogo de Patterson coas publicacións das xoias de Apesteguía, e salta a lebre. Mentres, especialistas en arte precolombina afirman que unha boa parte das pezas expostas son máis falsas que euros de Franco. A posible venda parece esvaecerse. Calquera persoa cunha pouca de desconfianza podería decatarse de que a exposición tentaba alixar o botín dun roubo e de outros moitos expolios mesturados con quincalla, tentando a unha administración pública con necesidade de boato. Cando o evento é clausurado en febreiro do 97, Patterson marcha abandonando a súa querida colección nun alpendre de mudanzas compostelano ao que nin sequera lle paga as facturas.

A catadura deste coleccionista aínda ficou máis definida hai agora un ano, cando unha axente de Scotland Yard, facéndose pasar por unha compradora de antigüedades, concertou cuns traficantes a compra dunha das pezas roubadas a Apesteguía en Londres. O lugar da cita foi a casa do avogado de Patterson. Alí estaba unha das cabezas de ouro con raxos de polbo por cabelos e mirada de lapislázuli.

Nestes días, un xulgado de Lima pedíu á xustiza española a devolución de 31 das pezas da exposición de Patterson. Teñen evidencias de que proceden do saco do Cerro de La Mina. Só son unha parte das centos de pezas que había expostas. O xuíz decano de Santiago de Compostela quere oír a todas as partes, incluído ao mesmo Patterson, quen tampouco figura como único propietario da colección. Non se descartan reclamacións doutros países. Remexendo un pouco nesta historia, profusamente adobada de mortes, pistolas, sobornos, corrupción e vandalismo, un só pode pensar que non hai absolutamente nada bo nin útil no mercado de antigüedades. Mentres todo se resolve, a colección durme nun almacén de mobles, dende hai dez anos.
Comentarios (3) - Categoría: Pezas - Publicado o 06-08-2007 16:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 O triste, e que de todo isto pódese facer unha película, de Indiana Jones, por exemplo ¿non? Moito sabemos de civilización exipcia o grega, pero pouco das civilización#blgtk08#s prehispánicas (para min moito mais interesantes), o que é unha gran pena, no sei se a colonización española, que non británica o francesa, pudo ser unha das causas.
Comentario por carmiña (07-08-2007 08:58)
2 A colonización foi a que foi, non lle deamos máis voltas. Pero realmente sabemos moi pouco porque un mercado voraz de antigüedades estimula aos campesiños a saquear as tumbas dos seus devanceiros, suxeitos á sua vez a mafias moi violentas. O tal van Rijn, cando foi tratar cos traficantes, tivo que fuxir por patas cando desarmaron ao garda-costas que o acompañaba. E o Walter Alva tivo qu#blgtk08#e defender a tiros as tumbas de Sipan ante o asalto armado dos huaqueros. Por outro lado, son países pobres, que non poden soster investigacións arqueolóxicas caras, e cando aceptan a colaboración internacional, ésta tamén actúa con frecuencia de expoliadora do patrimonio deses países.
En fin, que daba para outro post.
Un saúdo, e grazas pola visita. Sempre é un pracer.
Comentario por O'Padín (07-08-2007 16:19)
3 grac#blgtk08#ias
Comentario por chihuahua en peluche (03-09-2013 11:23)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal