Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un chiste vello
A caricatura de Rufus, na Vila dos Misterios de Pompeia.A Vila dos Misterios é unha luxosa mansión suburbana fóra dos muros de Pompeia, e que, como esta cidade, foi sepultada polas cinzas do Vesubio en Agosto do ano 79. Recibe este nome pola decoración dunha das súas salas con delicadas pinturas que representan, ao parecer, a iniciación das mulleres aos misterios (enténdase dogmas non asequibles polo entendemento, senón pola fe) dionisíacos. Emporiso, este pazo merecería tal nome por gardar aínda entre os seus muros moitos outros enigmas.

Un deles é un leve riscadelo gravado nunha das paredes dun corredor anexo ao peristilo. Representa con rasgos esaxerados a un home de perfil, con narís e queixo prominentes e unha aparatosa calva tocada cunha coroa de loureiro. A intención é evidentemente satírica, e o conxunto garda certa semellanza con Mr. Magoo. Por riba, un letreiro identifica ao apoucado personaxe: “Rufus est”. Eis a Rufo.

¿Faría falla ese rótulo para identificar ao retratado, ou é unha redundancia que servía para aumentar aínda máis o escarnio?. Hai quen se adicou a estudar a caricatura e o humor entre os romanos (éste non é o único exemplo, e na mesma Pompeia hai moitas chanzas curiosas), e chegou á conclusión que entón (coma hoxe) a presenza esaxerada de certos rasgos servía para poñer o acento noutros tantos defectos. A calva denota vellez, e tamén senilidade, así como as orellas pequenas indican que o home non entende o que se lle di, ou incluso que ten un carácter afeminado. A ausencia de barba, que en Roma é un atributo dos mozos e dos filósofos, redondea este retrato dun home vello e aparvado. Pola contra, outros caracteres teñen un sentido diferente: as cellas grandes son indicativo de desdén e fachenda. O queixo adiantado é un atributo dos poderosos, e o narís de pemento vai da man da sorna e a malicia. A coroa de loureiro é o colofón deste retrato dun home ao que se critica pola ostentación do seu poder, cando está no seu declinar físico e mental.

Non podemos saber se a este home se lle tratou con xustiza, pois non sabemos con certeza quén é o tal Rufus. Hai varias casas en Pompeia que pertenceron a algún Rufus, algún deles con pretensións na política local, ao xulgar polos grafitis nos que reclama o voto dos seus veciños. Na casa dun tal Fabio Rufo, por exemplo, apareceron uns preciosos paneis de vidro coloreado que representan tamén esceas de misterios dionisíacos. Pero entre os candidatos a ser o ridiculizado na nosa garatuxa, eu escollo a un do que seica aínda non se falou: Lucio Verginio Rufo.

Foi este un xeneral romano, que acadou o consulado no ano 63, sendo enviado a Xermania como gobernador. Daquela mandaba no Imperio Nerón, un tirano excéntrico que lembramos sempre tocando a lira mentres Roma ardía, así que no ano 68 outro xeneral, Caio Iulio Vindex, rebelouse na Galia dando un golpe de Estado a favor de Galba. As tropas de Rufo venceron a Vindex, (a pesar de non terllo ordeado) e acto seguido, procamárono emperador. Rufo, moi humildemente, renunciou á púrpura por tres veces. Retirouse logo a unha vila ás aforas de Roma, onde se adicou ás letras, a estudar e a escribir poemas. Xa moi vello, con 83 anos, o recén proclamado enmperador Nerva chamouno para exercer outra vez o consulado, pero ao dar un discurso, caeulle o libro das mans, e ao recollelo do chan, caeu el mesmo, rompendo o cadril e morrendo ao pouco. Querido polo seu pobo, os romanos non dubidaron en despedilo cun multitudinario funeral de Estado.

Non sei se Rufo estivo algunha vez en Pompeia, pero na súa biografía consta que foi preceptor de Plinio (o Novo) desque morreron os seus pais e ata que o seu tío, Plinio (o Vello), asumiu a súa educación. Plinio o Vello morreu na erupción do Vesubio, e o seu sobriño, adolescente, asistiu á mesma dende o Cabo Miseno, dando conta exacta do que viu nunha sonada epístola a Tacito. Os Plinios eran xente estudosa e refinada, como seguramente o eran os distinguidos habitantes da moi refinada Vila dos Misterios. ¿É moi difícil imaxinar a un moleque Plinio o Novo, aburrido nunha visita, trazar na parede os rasgos do seu vello preceptor tocado coa insignia imperial que había moi poucos anos rexeitara? Entón cabería engadir, ás suas facetas de escritor, científico e político, a de humorista gráfico. Un exercicio de imaxinación moi suxerente, poida que non veraz, pero sí verídico.

Nos últimos tempos fálase moito da caricatura, e sobre todo da caricatura do poder, porque un xuíz ordeou o secuestro dunha revista por facer mofa duns parentes do monarca. Van as leis onde queren os reis. Sigamos supoñendo que a nosa historia é certa. Verginio Rufo foi un home admirado que gozou do favor dos seus, mesmo seguramente do seu ilustre pupilo. Nin sequera o feito de ser a súa pobre, deformada (e dubidosa) caricatura o único documento que nos ficase do seu aspecto, podería escurecer esa lembranza favorable. ¿Se o honor é incuestionable, onde estaría logo a afrenta?. E se non o é ¿Por qué non contalo?. Ridentem dicere verum quid vetat, cantaba Horacio, ou o que é o mesmo, máis ou menos: que hai de malo en dicir a verdade a gargalladas?.
Comentarios (8) - Categoría: Pezas - Publicado o 26-07-2007 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
8 Comentario(s)
1 Muy interesante el comentario como todos los que haces y bien fundamentado. Y eso lleva tiempo. Y #blgtk08#lo digo por que lo sé. Enhorabuena por tu blog y espero que estemos en contacto. Un saludo cordial
Comentario por jose manuel hidalgo (27-07-2007 00:26)
2 Reitero o comentado por Manuel Hidalgo: moi,moi,moi interesante. Descoñecia a caricatura esa, eu que estive en Pompeia, hobera pensado que fora a obra du#blgtk08#n gamberro actual. En cuanto ao da caricatura, coido que o que ofende non o debuxo, se non o texto co acompaña.
De novo, desculpas por meu galego.
Comentario por carmiña (27-07-2007 12:02)
3 Mirei esta caricatura no "petit tour" que eu e mais o meu compañeiro Suso Sanmartín, inmenso caricaturista, fixemos hai meses pola Italia meridional. Xa daquela había gamberros, pois coa chanza o debuxante estragou un fermoso estuco pintado. Non sei se o meu razoamento está ben fundamentado, pero tiven curiosidade por saber quen era Mr.#blgtk08# Rufus Magoo, e quixen aprender (e ensinar) algo sobre o modo de rir desta xente.
Grazas polos parabéns, Sr. Hidalgo, máis sabendo de quen veñen.
Carmiña, non só estás disculpada polo teu galego, senón que tes o meu aplauso polo teu esforzo. Xa había tempo que on se che vía o pelo por esta casa, pero sempre es benvida.
Comentario por O´Padín (27-07-2007 19:27)
4 Boa tarde. A verdade é que o parecido é innegábel. Ás ve#blgtk08#ces xurden estas coinidencias.

Un saúdo.
Comentario por Xohán (27-07-2007 20:02)
5 E levaría un tirón de orellas Plinio o Novo pola pintada? Coido que o sentido do humor é un dos síntomas máis fiable e exacto da intelixencia dun ser humano. Os sabios e sabias de verdade fartan de rir porque deben sab#blgtk08#er que nada nin ninguén e quen de esnaquizar unha honra agás o que un mesmo faga.

Eu tamén me reitero, e repito os parabéns, e me felicito a min mesma por saber deste recuncho tan interesante. Un saúdo.
Comentario por Doutora Seymour (27-07-2007 22:04)
6 Dou brazas ao CanSenDono por facilitarme o camiño ata aqu#blgtk08#í. Precioso currunchiño o seu, virei con máis frecuencia
Comentario por Ana Bande (01-08-2007 00:03)
7 Ao poder nunca lle gustan as caricat#blgtk08#uras. Impresionante Magoo pompeiano.
Comentario por náufrago (11-09-2007 08:53)
8 grac#blgtk08#ias
Comentario por shar pei en peluche (03-09-2013 11:24)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal