Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O sorriso exipcio
A momia de Hatshepsut e a súa radiografía (foto das web de Z.Hawass e da Cadena Ser)
No século XV a.n.e. (ou no XII, segundo a nova cronoloxía do Mundo Antigo, que para todo hai opinións), cando a morte alcanzou ao poderoso faraón Tutmosis I, non había un herdeiro varón que puidese sentar no trono de Exipto. Tan só sobrevivira ao rei unha filla, Hatshepsut, a quen lle correspondía levar a dobre coroa, pero mal situada nas relacións pacegas, os cortesáns apoiaron a Tutmosis II, fillo bastardo do faraón finado. A princesa viuse abocada a casar co seu medio irmán para convertirse na raíña consorte, pero aprendeu a lección. Rodeouse de amigos poderosos e influíntes, e cando ao pouco Tutmosis II morreu novo, deixando só un cativo, fillo dunha concubina, Hatshepsut, co apoio dunha poderosa facción de cortesáns e do clero amonita de Tebas, asumiu a rexencia do rapaciño e cinguiu a dobre coroa branca e vermella de Exipto.

Iniciou así un reinado esplendoroso, no que Exipto floreceu aínda máis. Dirixiu campañas militares contra os nubios e os asiáticos, mandou unha expedición comercial á mítica terra de Punt, que regresou cargada de tesouros do máis profundo de África, e levantou na grandiosa Tebas, a Cidade das Cen Portas, obeliscos e templos, dos que o máis sonado é o espléndido templo funerario de Deir el-Bahari. Para lexitimarse no poder, proclamouse filla de Amón, co apoio do seu principal valido Hapuseneb, visir e sumo sacerdote deste deus, e ela, a cambio, concedeu tantos favores e regalías ao clero amonita que se convertiría no grupo de poder máis determinante da política exipcia, contra o que o poder dos faraóns como Amenofis IV xa pouco puideron facer.

Cando faltaron os seus apoios, principalmente o visir Hapuseneb e o seu arquitecto e posible amante Senenmut, a estrela de Hatshepsut apagouse a medida que ascendía a do seu fillastro Tutmosis III. Cando a raíña morreu, soa e esquecida, éste adicou considerables esforzos a aplicar unha severa damnatio memoriae sobre todo aquilo que lembrase á súa correxente. O seu nome foi borrado de cartelas e monumentos, como se nunca existira, a maior afrenta que se podía facer a un exipcio. Pero a súa memoria non morreu. Hoxe en día, Hatshepsut é para moitos arqueólogos ou simples afeccionados á exiptoloxía, un personaxe controvertido. Para uns é unha muller fermosa e intelixente que conseguiu gobernar o seu país de xeito brillante nun mundo de homes, para outros foi unha raíña intrigante e taimada que soubo sacar o maior partido dos seus ministros-amantes; outros pensan que era unha marimacho ambiciosa e usurpadora, que gostaba de retratarse con barba e atributos masculinos. En calquera caso, unha muller fascinante.

É por iso que, cando hai uns días se anunciou que a momia de Hatshepsut acababa de ser identificada no Museu do Cairo, a nova acadou unha repercusión mundial. Nos titulares podíase ler que ?é o descubrimento máis importante dende que Carter achou a tumba de Tutankhamon?, algo de todo esaxerado. Dende hai moitos anos, sempre aparece algo que é o máis importante dende o descubrimento de Carter, un curioso baremo da importancia das cousas.

O conto é que a momia de Hatshepsut, no Val dos Reis, era coñecida precisamente dende os tempos de Howard Carter, que escavou en 1903 un acobillo no Val dos Reis, a KV60, con dúas momias, unha identificada como unha ama de leite de Hatshepsut, e outra dunha muller bastante oronda, co brazo dereito cruzado no peito, o que parecía indicar que pertencía á realeza. Esta non era a sepultura verdadeira, pois a orixinal estaba xusto diante, a KV20. Ante o saqueo sistemático das tumnbas, incluso ao pouco do enterro, os sacerdotes apañaban os restos que podían e os volvían a enterrar noutros hipoxeos, o que supostamente facía moito ben polas súas ánimas, pero dificulta notablemente os traballos de identificación dos arqueólogos. Ademais destas dúas momias, outras dúas mulleres momificadas, de idade avanzada, foran atopadas no século XIX nun importante acobillo en Deir el-Bahri (DB320), xunto cunha caixa de madeira que, a xulgar polo que levaba escrito, contiña o fígado confitado de Hatshepsut.

As catro momias foron sometidas a sesudas análises de TC (tomografía computerizada) e MRI (imaxe de resonancia magnética), pero cando, co ánimo de ser exhaustivos, analizaron do mesmo xeito a confitura de fígado faraónico, atoparon na caixa un dente perdido. Pensando con lóxica que, no proceso de momificación, aos charcuteiros reais se lles caeu un dente frouxo da faraona, e que o gardaron a correr na caixa onde estaban metendo as reais vísceras, para que non se perdera, deron por certo que o dente era de Hatshepsut. Logo, coma se fora o zapato da Borrallenta, cotexaron o dente co dentamio das catro momias a ver cal carecía do piño revelador, resultando gañadora a señora gorda (e de fanado sorriso ) da tumba do Val dos Reis.

Eis o descubrimento máis importante dende a tumba de Tutankhamon. O feito non deixa de ser interesante, as cousas como son, pero tamén hai que comentar a desmesura da noticia. O anunciante-descubridor da momia é o eminente exiptólogo Zahi Hawass, que exerce de Secretario Xeral do Consello Superior de Antigüedades de Exipto. Un personaxe que, como Hatshepsut, resulta controvertido. Para uns é un científico de renome, que debe a súa notoriedade pública ao feito de aparecer sistemáticamente en documentais sobre Exipto onde ataca sin piedade a ufólogos e milenaristas. Para outros é un vaidoso cun inmenso afán de protagonismo do que calquera pode calibrar o tamaño do seu ego pola cantidade de veces que aparece a palabra eu na súa páxina web. Algúns destes xuizos negativos proveñen de ser un personaxe incómodo, pois dende hai anos abandeira unha campaña de devolución das antigüedades exipcias ao seu país de orixe. No 2003 reclamou a Pedra de Rosetta ao Museo Británico (sen éxito), e recentemente esixiu ao Museu Exipcio de Berlín o préstamo do busto de Nefertiti con maneiras non demasiado amistosas (tamén sen éxito). Incuestionablemente Hawass é un político astuto: usa da fascinación que a antiga faraona exerce na opinión occidental para vender a súa propia imaxe e o que conleva, e para publicitar unha investigación que enmascara a precariedade material na que navega o Museu Exipcio d'O Cairo, un precioso edificio pero un indecente e decimonónico almacén de antigüedades, pendente do seu traslado no 2010 a unha nova sé na meseta de Guiza.
Comentarios (3) - Categoría: Mundo - Publicado o 07-07-2007 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 Pois aínda que a repercusión da noticia sexa desmesurada, eu alédome, de non ser así quizais nunca escribiría este post. E digo eu, porque a maioría dos profesores de historia fan que os seus alumnos lle collan xenreira a unha materia tan interesante e diver#blgtk08#tida?
Falará máis de Exipto? De historicas mulleres fascinantes as que lle borraron a historia? Diga que si..
Do tema da ?charcutería? quedaría vostede desculpado, aínda que esa muller repoluda e fanada seguro que ten unha historia...
Comentario por Doutora Seymour (09-07-2007 01:01)
2 Eu aos meus alumnos dígolles que a historia é un conto, pero ás veces nin por esas.
Perda coidado, doutora, co tempo falarei de Exipto, de Babilonia e de canta muller fascinante me veña á memoria como para acabar aburrindo á miña etérea audiencia.
Non me tome a mal o dos charcuteiros, pero iso da momificación prestábase ao humor negro. <#blgtk08#br /> En canto ao da muller repoluda... evoca evidentemente mil historias. Póñalle o final ao conto: imaxine unha muller fermosa que ao perder canto quere, abandoa o pracer do poder en favor da soidade e dos dátiles recheos fritidos en mel. É un final de estrela de Holliwood marchita que non deixa de ter un pouso de traxedia.
Sempre é benvida.
Comentario por O'Padin (09-07-2007 01:34)
3 grac#blgtk08#ias
Comentario por doudoux musicaux (03-09-2013 11:25)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0