Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

130 cumpleanos da arqueoloxía galaica.
Retrato de Francisco Martins Sarmento (Foto Sociedade Martins Sarmento de Guimarâes)Francisco Martins de Gouveia Morais Sarmento tiña tanta cantidade de apelidos como é posible nun portugués, e máis sendo rico. Nado en 1833 nunha familia farturenta de Guimarâes, o máis coñecido como Martins Sarmento fixo todo o que se pode esperar dun mozo consentido: estudou en Coimbra, onde non pasou de ser un alumno mediocre, á par dun notable esmorgante. Sacou o Bacharel en dereito aos 20 anos, título que xamais exerceu. Publicou un libro de poesías románticas de temática tráxico-amorosa tan arrepiante que anos máis tarde o seu afán por retiralo o converteu nun tesouro bibliográfico. E logo, sen máis que facer na vida, voltou ao seu Guimarâes natal, a cazar perdices e vivir das folgadas rendas da fortuna familiar.

Mentres paseaba a escopeta polos montes dos arredores do Solar da Ponte, a fermosa quinta que posuía na aldea de Briteiros, na procura das felices perdices que celebraban á distancia a súa nula puntería, Martins Sarmento oíu falar dunha moura enfeitizada que gardaba tesouros incontables mentres fiaba no alto do Coto de San Româo. Alí houbo en tempos unha cidade, a Citánia, da que era posible ver aínda os restos dos seus muros asomando da terra aquí e alá. Unha inmensa lousa chea de gravuras fora atopada e traída polos labregos ata a igrexa de Briteiros dende o alto do monte, para dar testemuña do misterio. Tan labrada e ben feita estaba que os paisanos bautizárona como ?a Pedra Formosa?.

Así foi como Martíns Sarmento, atrapado polo engado da moura, atopou algo merecedor da súa atención e da súa fortuna. Acometeu co ímpetu que carecera de estudante a lectura de canto libro puido atopar, sobre todo de antigüedades e arqueoloxía, de etnografía, e os clásicos gregos e latinos. Nada, emporiso, escapou ao seu interese. Aprendeu todas as linguas que lle permitisen abranguer máis coñecementos, e a súa impresionante biblioteca é unha proba disto: libros orixinais de Evans, de Schliemann, de Cartailhac, de Layard, de Darwin... Acadou unha merecida sona de erudito, frecuentou os circulos da intelectualidade portuguesa, trabou amizade co escritor Castelo Branco, e tamén con arqueólogos europeos como Cartailhac ou Hübner.

E así, en 1875, acometeu as primeiras escavacións arqueolóxicas no alto da Citânia de Briteiros. Despois de séculos de bretemosa escuridade, vían á luz os restos dunha civilización descoñecida. Durante dous anos desenterrou pacientemente muros e máis muros, apañou pedras labradas, cerámicas, ferramentas? utilizou a máis moderna tecnoloxía para rexistrar os seus achados, sendo un pioneiro da fotografía científica, cando esta aínda se facía sobre placas de vidro. Reconstruíu dous dos edificios que atopou, hipotetizando sobre o seu aspecto orixinal. E por fin, despois de dous anos de escavacións, presentou ao mundo o seu traballo.

En 1877, invitou ao máis selecto da intelectualidade portuguesa e extranxeira a visitar a Citânia de Briteiros. Acodiron historiadores e arqueólogos como Possidonio da Silva, Sousa Holstein, Augusto Soromenho, homes de ciencia como Teixeira de Aragâo, Filipe Simôes, ou Luciano Cordeiro, o Visconde da Torre das Donas e Câmara Leme, escavadores do Monte de Santa Luzia, diplomáticos, persoeiros e xornalistas, xentes vidas dende todos os puntos de Portugal.. Foron recibidos polos paisanos de Briteiros con foguetes e flores, subiron ao monte e visitaron as ruínas, paparon unha suculenta merenda servida alí mesmo, e logo foron ao principesco baile que ofreceu o anfitrión do evento no seu pazo. Pero non todo foi francachela. Ao día seguinte Martins Sarmento plantexou aos invitados un minucioso cuestionario que os presentes debían axudar a aclarar. Basicamente, tratábase de saber quen habitou a Citânia e cando. Algo ao que moi poucos podían ser capaces de responder.

Despois desta lúdica reunión, que certificou para sempre o enlace insoluble entre os arqueólogos galaicos e a papadela, houbo aínda outras, máis fructíferas, pero esta foi a primeira de todas. Martins Sarmento continuou a súa obra o resto da súa vida. Publicou unha chea de libros sobre historia antiga e arqueoloxía. Tentou definir os periodos e culturas da prehistoria e a antigüedade portuguesas entre o Douro e o Miño, inxente tarefa que non puido abranguer, mais da que puxo sólidos alicerces. Pescudou en todas as fontes, o mesmo nas obras de investigadores lonxanos como na etnoloxía e o folclore dos seus veciños. Tentou así explicarse os seus achados dende o seu parentesco co resto do mundo, pero recoñecendo a súa singularidade. Talvez entendeu a cultura daquelas xentes como iso que outros chamaron ?célula de universalidade?. Martíns Sarmento, o intelectual romántico que soñaba coas recentes descubertas de Schliemann, de Petrie ou de Botha, xa atopara a súa particular Micenas nas portas da súa casa.

O Simposio de Briteiros cecais non foi un éxito científico, pois as preguntas que Martins Sarmento formulou incisivamente no seu cuestionario continuaron a ser obxecto de discusión durante case un século. Aínda así, consagrouno como unha eminencia da arqueoloxía, recoñecido en toda Europa, e deu a coñecer ao mundo ás ruínas da Citânia, e por extensión, dos castros galaicos. E como foi o primeiro investigador da prehistoria galega (as fronteiras viñeron moito despois dos castros), os arqueólogos deste lado do Miño estamos en débeda con este home singular. Aquel evento foi o primeiro Congreso Arqueolóxico que houbo en Portugal e tamén na antiga Gallaecia. Se hai un fito fundacional da arqueoloxía galaica, é éste. Foi o 9 e 10 de Xuño de 1877. Cúmplense hoxe 130 anos
Casa de Sarmento (Centro de Estudos do Patrimonio)
Comentarios (4) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 10-06-2007 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Coñecer os principios pouco brillantes de xente que chegou a amorear tanto#blgtk08# saber sempre da azos. Algún diá serei quen de contestar ese cuestonario!
Comentario por Doutora Seymour (11-06-2007 10:47)
2 Leva razón, doutora. Supoño que é doado percibir a miña admiración por estes sabios antigos, pero admira máis descubrir esa humanidade que os fai tan familiares.
Aínda q#blgtk08#ue non conteste o cuestionario, non desespere, nisto da arqueoloxía, como en todo, navegamos por un océano de incertidumes, no que ás veces nin o barco é unha certeza.
Comentario por O'Padín (11-06-2007 12:09)
3 10 de Junho (data da defunçom, em 1580, do poeta galego Luís de Camões) é o Dia de Portugal, das Comunidades Portuguesas... e do próp#blgtk08#rio Camões. Parabéns às/aos arqueólogas/os galegas/os e portuguesas/es no que, segundo o que nos conta o Padín, também é o seu dia!!!
Comentario por suso (11-06-2007 12:21)
4 grac#blgtk08#ias
Comentario por doudou premier age (03-09-2013 11:26)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0