Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Outra de piratas.
Fotografía do Douro (British Marine Museum) e catálogo da subasta do seu tesouro.
Na madrugada do 2 de Abril de 1882, O vapor inglés "R.M.S. Douro", en ruta dende Río de Janeiro a Southhampton, cargado de café, ouro e diamantes, foi abordado polo vapor español "Yrurac-Bat", que facía a ruta A Coruña- Cuba, á altura de cabo Touriñán. O barco, ferido de morte, non tardou en afundirse. A tripulación, a pesares do caos e a confusión, demostrou ser afouta ata o heroismo: Na media hora que a nave agonizou, toda a pasaxe foi escrupulosamente embarcada en botes, mulleres e nenos primeiro, agás cinco homes e unha dona presa da histeria, que non quixo montar na chalana salvavidas. Fóronse á negrura do océano co capitán, catro dos oficiais e os maquinistas, os derradeiros en ficar a bordo, como mandan os cánones. No barco coruñés houbo peor sorte, 59 persoas afogaron. En total, 73. Outros 140 puideron ser rescatadas e levadas Á Coruña polo inglés “Hidalgo”, outro vapor que acudíu ao socorro, sen poder facer nada máis. Dende entón estes infelices durmían na súa tumba oceánica rodeados dun tesouro fabuloso: ouro de todas as formas, en pó, en barra, e acuñado en moedas, espalladas polo fondo do mar.

Máis dun século despois un fulano chamado Sverker Hallstrom, de nacionalidade sueca, aproveita unhas investigacións do Instituto Español de Oceanografía e o Ifremer (institución homóloga francesa) para buscar bancos de sardiña nas costas galegas, e localiza o pecio. Solicita un permiso para facer unha prospección na Capitanía da Coruña en 1996, en nome dunha sociedade estadounidense denominada International Marine Savage. Outras empresas están implicadas: unha productora cinematográfica francesa (Sept Arte Constance film) proporciona a coartada para achegarse aos restos do buque, e Hallstrom Holdings, a empresa do sueco, fleta o "Deepsea Worker" un barco-laboratorio de 12 hélices. A ninguén lle sorprende que a empresa, coa excusa de rodar un simple documental, empregue un submarino teledirixido e equipo de prospección submarina valorado en mil millóns das antigas pesetas. Só lles piden que informen do que atopen. Os piratas dragan o barco, sacan todo canto hai e despois rebentan o pecio con dinamita. Logo “informan” do atopado: uns poucos efectos e a campá de bronce do navío, que deixan no porto de Laxe. Co resto lían o petate e liscan, hai que imaxinar, mortos de risa.

Nada máis chegar ao Reino Unido, o cargo do Douro foi subastado na Casa Spink, facendo unha caixa de 2’4 millóns de dólares. O resto do tesouro foi posto á venda na páxina web dos expoliadores. O Xulgado de Carballo abriu un expediente penal polo saqueo, e enviou varias comisións rogatorias a Inglaterra, sen resposta, claro. O sueco facíase o sueco. En Novembro do 2002, o asunto chegou ás Cortes, cando o deputado galego Carlos Aymerich defendeu unha proposición non de lei pola que se instaba ao goberno a estudar as vías de reclamación e recuperación do tesouro do "Douro", que foi aprobada por unanimidade. Non debeu servir tampouco de moito, pois aínda hoxe é posible mercar algunha das 25.000 moedas de ouro que transportaba o barco, a un prezo medio de 700 euros a peza.

Pois ben, unha historia moi semellante acaba de repetirse estas semanas nas augas viguesas. Unha empresa denominada Subsea Resources, radicada en Londres, soclicita permiso á Capitanía para recuperar o cargo dun mercante francés chamado “Celia”, que se afundíu a 30 millas das Illas Cíes cando traficaba con 6.600 toneladas de cobre e outras 700 de cinc. Os de Subsea traen con eles ao "John Lethbridge", un barco de bandeira panameña equipado con sofisticados aparellos capaces de escanear o fondo marino ata unha profundidade de 6000 metros. Pero eis que en vez de poñerse a pescudar na posición onde o "Celia" repousa coa súa prosaica carga, o "John Lethbridge" varía a ruta e viaxa insistentemente a certo punto ao Sur das Cíes, frente a Cabo Silleiro.

Xusto alí é onde repousan os restos do "Santo Cristo de Maracaibo", galeón insignia da flota franco-española que en 1702 foi derrotada pola escuadra angloholandesa do almirante Rooke na Batalla de Rande. Despois que case toda a flota de Indias ardera ou fora a pique na batalla, o victorioso Rooke cargou este galeón apresado con todos os tesouros que puido recuperar e marchou con el rumbo a Inglaterra. Non foi moi lonxe: o buque prisioneiro tocou fondo perto das Cíes e zozobrou sen que os ingleses puideran facer nada. Dende entón o contido das súas adegas, unhas 90 toneladas de moedas de ouro e prata, desperta a cobiza de cazatesouros sen escrúpulos. Xa falamos aquí da tentativa de recuperar os galeóns de Rande por parte dunha escura empresa ruso-alemana. Tamén un empresario chamado Luis Ángel Valero, un fodechinchos cunha cara dura como un perpiaño que se adica a rexistrar dende a Meseta pecios afundidos en todo o litoral español para reclamar non-se-sabe-qué dereitos sobre os achados, dí que os tesouros son del. O caso é que o pecio está localizado dende 1993, e é un xacemento arqueolóxico, e como tal patrimonio público e protexido con todas as garantías da lei.

O pasado mes de Marzo, a Garda Civil, que facía un seguimento a distancia dos movementos do buque, abordou ao "John Lethbridge" e fixo un rexistro. Seica non atoparon nada, e non poden deter aos tripulantes só por levar equipos de prospección submarina, pero as sospeitas de que non xogan limpo non poden ser máis fundadas. Dende a web de Subsea Resources afirman que queren rescatar un pecio histórico para este verán, así que se é branco e ven en cartón, igual é leite. A Consellería de Cultura dí que “van vixiar estreitamente todos os seus movementos, e van facer o posible por que se sintan vixiados”. A fiscalía, pola súa banda, abríu dilixencias informativas penais para aclarar se se ten producido algún tipo de expolio, e polo de agora, o capitán vai ser citado a declarar.

De momento, e agardando a ver cómo remata o conto, parece que a lección do "Douro" está aprendida. Seica as promesas de convertir o Museu do Mar de Vigo nun centro de arqueoloxía submarina van camiño de convertirse en realidade, e a catalogación dos pecios históricos afundidos nas augas das Cíes está en marcha. Pero non debemos felicitarnos aínda, o traballo non acaba nin de empezar.
Comentarios (6) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 23-05-2007 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
6 Comentario(s)
1 Despois de tanto expolio como temos aturado, sobre e baixo o mar, os galegos ben merecemos que aos que lle competa teñan a lección aprendida.
Polo que vexo os piratas son unha expec#blgtk08#ie que medra que da xenio, case me dan ganas de apuntarme a un cursiño. Unha profesión liberal,con futuro, moi moi ben remunerada, e aínda por riba (para os románticos) cun aquel.
Comentario por Doutora Seymour (23-05-2007 23:48)
2 ¿Non confundiches os nomes dos bar#blgtk08#cos? O "Douro" era o británico???
Comentario por Lectora Habitual (29-05-2007 13:44)
3 Non están confundidos, non. Supoño que o barco, aínda de bandeira inglesa, levaba un nome portugués porque fa#blgtk08#cía a ruta dende o Brasil, con escala en Lisboa.
Agradezo a pregunta, non estaba de máis aclaralo :-)
Comentario por O'Padín (29-05-2007 16:55)
4 Discordo com a última frase! Devemos felicitar-te a ti, mais umha vez, polo teu magnífico artigo!

Desde o Século XVII os britânicos estabeleceram-se na ribeira do D#blgtk08#ouro (Sandeman, Grahams, Offley, Taylor...) assim que o facto de que um vapor inglês leve o nome do rio que desemboca junto à cidade do Porto tampouco me parece tam esquisito ;-)
Comentario por suso (31-05-2007 19:08)
5 Coma apasionado dos pecios, da arqueo-sub, e de tódolo relacionado ca historia, práceme ver que hai por fin un lugar de debate, de calidade, e con información certera respecto a esta temática. Coma Galego e traballando dende fai moitos anos, directamente na protección deste patrimonio inxente, é de agradecer que por fin nos estemos adiantando ós expoliadores -hai moitos máis casos coñecidos cós que relatas: O caso do "Dom Pedro" en Corrubedo -4 buzos británicos detidos- ca mesma estratexia ou tapadeira de sempre, e dicir, permisos legais para extraer outros metais, neste caso estaño doutro pecio próximo: O "Friesland". O problema é que quen otorga autorizacións deste calado,parece descoñecer a historia, non se explica outra, polo que debía descoñecer co estaño do Friesland, había sido extraído fai moitos anos, e que incluso unha familia durante varias xeneracións viviu dese metal. Eles estaban a buscar algo máis ca estaño ... Pero#blgtk08# non sempre foi así, o expolio do Douro, grabado nun documental titulado "O ouro dos abismos" ou algo así, mostra con que impunidade se reventou un pecio histórico, e mortalla de moita xente, pola cobiza e pola falla de luces de moitas autoridades... Só cando a noite temática da duas, o emitiu, soaron as alarmas. Xa era tarde. Esperemos que desta volta, o SAnto Cristo de Maracaibo, exhiba os seus segredos e tesouros, nas vitrinas do Museo de Mar. Ca excavación deste pecio, habería dabondo para impulsar a arqueosub en Galiza, e para potenciar o turismo histórico. E icreíble, que sendo unha potencia en pecios, en lendas, en naufraxios e traxedias marítimas, non teñamos na Costa da Morte, un museo de referencia a nivel mundial. Só basta ver, o Wasa e o seu museo, e o número de visitas que ten o ano, para decatarse de que o verdadeiro tesouro, non está na carga, senón nos miles de historias asolagadas que descansan baixo o gran azul.
Comentario por predicador (15-10-2007 19:50)
6 grac#blgtk08#ias
Comentario por doudou hochet (03-09-2013 11:27)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal