Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Cisne Negro voa.
O HMS Sussex, pintado por John Batchelor.
En 1694, o Buque da Súa Maxestade Sussex, galeón de 80 cañóns insignia da flota inglesa, zarpaba de Xibraltar rumbo á Italia, a cumplir cunha misión segreda: viña dende a Gran Bretaña cargado con 10 toneladas de ouro e prata para o Duque de Saboia. Europa estaba en guerra, os ingleses e a Liga de Augsburgo andaban á greña contra Louis XIV de Francia, e este italiano veleidoso vendía o seu apoio ao mellor postor. Así que alá foi o Sussex a pagarlle o prezo da súa fidelidade. Nada maís sair do penón, a flota foi sorprendida de noite por unha arrepiante treboada. Sacado do seu camarote en panos menores, o almirante Francis Wheeler ordea na súa desesperación abatir o pau maior para salvar barco e carga. Demasiado tarde, o galeón vencido polas ondas afúndese no abismo con 560 homes. Só dous tripulantes viviron para contalo. O corpo do almirante apareceu a dúas léguas de Xibraltar, a onde o levaron en angarellas os mariñeiros andaluces que o atoparon, para darlle sepultura.

De todos os grandes tesouros do H.M.S.Sussex, ó máis valioso que puido ser rescatado ata hoxe era o cadavre dun almirante en calzóns. Pero o ouro sumerxido exerce o poder dos cantos das sereas. Demasiado ouro como para dalo por perdido. Así que unha empresa de cazatesouros norteamericana, Odyssey Marine Exploration, propuxose atopalo con fins evidentemente crematísticos. No 2002 chegaron a un acordo co goberno británico (propietario legal da carga dun buque da súa bandeira, segundo os acordos internacionais que España tamén suscribe), para repartir o botín, pero debían tamén solicitar permiso ao goberno español para pescudar nas súas costas. En 2005 andaban xa a fedellar polas augas gaditanas, para localizar cos seus sofisticados aparatos de sónar e os seus sumerxibles teledirixidos o pecio, afundido nunha zona a 900 metros de profundidade. Tras un enforntamento de competencias entre a Junta de Andalucía, que negaba aos americanos os permisos para mergullarse, e o goberno central, decidiuse dar a licencia en Marzo do 2007, coa obrigada presenza de arqueólogos españois no buque americano.

Agora acaba de saltar a nova: Os de Odyssey acaban de desembarcar nos EE.UU. un tesouro de 17 toneladas de moedas de ouro e prata procedentes do fondo do mar. É o maior tesouro nunca endexamais atopado, deixa incluso pequeno ás marabillas do Nuestra Señora de Atocha. Nada máis se sabe. Os americanos din que non se trata do tesouro do Sussex, e que non foi levantado das augas españolas. Pero o Ministerio de Cultura español non as ten tan claras: corre o rumor de que un boeing fletado por Odyssey partíu coa fabulosa carga dende o aeroporto de Xibraltar, co que se abriga a sospeita que o tesouro pode proceder, senón do Sussex, dalgún dos centos de galeóns afundidos na costa de Cádiz.

A confusión aumenta, pois a prensa inglesa afirma que o barco expoliado pode ser outro: O Merchant Royal, alcumado “Eldorado dos mares” porque cando se abismou abatido por unha galerna en 1641 perto das Illas Scilly, traía un tesouro de México de 300.000 libras de prata e 100.000 de ouro, alfaias aparte. Odyssey solicitara permiso a un xuíz estadounidense para extraer os restos dun naufraxio a 40 millas da costa Suroeste de Inglaterra, que lles foi concedido o mes pasado, e isto é o que alimenta as sospeitas británicas.

¿Quén son estes de Odyssey? Pois unha empresa radicada en Tampa, Florida, que desenvolve sistemas de rescate submarina moi sofisticados que usa para expoliar xacementos arqueolóxicos subacuáticos. Van en serio, cotizan en bolsa, e teñen un capital de 145 millóns de dólares. Todo é moi caro: en rescatar o Sussex invirten 35 millóns de euros, pero a carga que acaban de atopar vale 375 millóns. Din que queren sacar proveito do que fan, non enganan a ninguén, pero tamén afirman que levan a cabo “ciencia”, que “fan unha investigación superior á das institucións científicas”, e que “axudan a coñecer a historia destes barcos”. De momento, isto é o que deron a coñecer do que atoparon: ¿Onde estaba afundido o buque? Pois… no Atlántico. De qué época é? Pois… “colonial” (sic). Cál era o seu nome e bandeira? Pois… non se sabe, pero chámano en clave “o Cisne Negro”, porque seguro que gostan moito das pelis de piratas. Antes de contar a historia, mírase que esta xente prefire contar os cartos.

O caso é que nas costas do estado español hai localizados centos de barcos naufragados de todas as épocas, fenicios, gregos, romanos, berberiscos, ingleses, franceses,… que foron a pique cos seus homes e cargos, e que constitúen, por sí mesmos, un tesouro sen prezo, a mercede dos saqueadores. E no tramo que vai dende a desembocadura do Guadiana ata Xibraltar, hai afundidos case 200 galeóns da carreira de Indias, cargados con tesouros cun valor aproximado de 116.000 millóns de euros. Hai quen di sen esaxerar que hai máis ouro aí sumerxido que nas reservas do Banco de España. ¿Non é esa unha razón para, sequera, protexelo da acción destes piratas? ¿Por qué non se financian campañas arqueolóxicas serias con cartos públicos? A arqueoloxía submarina é cara, dise, require inxentes medios técnicos, dise… pero a estes peristas compénsalle. Multiplican por 10 ou por 1000 a inversión, (as accións de Odyssey subiron nun día un 80%), e estragan un coñecemento irrecuperable. Ou non; cecais algún día nos enteremos de onde sacaron todos eses cartos no Discovery Channel.
Comentarios (4) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 22-05-2007 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Tes que perdoar que me equivocase e puxera eses coments sen nada...
Creo que hoxe mesmo a Consellería de Cultura denunciou que a armada expoliou un pecio perto#blgtk08# das costas de Fisterra. Espero que tamén o saiban facer á luz do día e con arqueólogos e non só para por cousas fermosas decorativas no xardín do oficial de turno...
Comentario por turonio (22-05-2007 21:22)
2 Realmente o desleixo no que se ten neste país ás investigacións, estudios, campañas , en arqueoloxía ou calquera outra cousa que recenda a cultura, é total. E a cultura mailo coñecemento tamén traen riqueza, non só para #blgtk08#a mente, se non tamén para o peto, ben se ve aquí. Un desastre...

O que me da mágoa de toda esta historia dos de Odyssey e que me estragan un chisco a imaxen dos piratas, sempre tiven debilidade por eles.
Comentario por Doutora Seymour (22-05-2007 21:59)
3 Gracias polo aviso, Turonio. A verdade é que andaba a traballar sobre o mesmo tema en Galicia, así que agradezo o soplo. Vou meter o fuciño a ver o que atopo por aí. E Gracias pola visita, é un placer.

E gracias tamén polo seu come#blgtk08#ntario, doutora. Leva razón, eu tamén gosto dos piratas, pero non destes, senón daqueloutros que levaban un loro no ombro, almorzaban ron, e fumaban en pipa mentres recollían os ventos señoriais nunhas lonas recortadas, como diría o Vello Sinbad.
Comentario por O Padín (22-05-2007 22:00)
4 grac#blgtk08#ias
Comentario por ours à bascule (03-09-2013 11:28)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal