Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tempo de pasquíns.
O Pasquino, o pasado mes de Abril.En 1501, recén comenzado o século XVI, os obreiros que traballaban na remodelación do pazo Orsini, en Roma (hoxe coñecido como Palazzo Braschi, sé do Museo de Roma), atoparon unha estatua mutilada de mans e pés e co rostro desfigurado polo tempo. Nunha cidade onde a poco que se afundía o sacho aparecían preciosas obras de arte, aquela figura non parecía ter ningún valor. Ao parecer, representaba un guerreiro grego, e formaría parte dun grupo escultórico maior que representaba algún episodio da guerra de Troia. Dende Grecia, sería trasladada a Roma para acabar adornando o Circo de Domiciano, onde hoxe está a Piazza Navona. Pero desa vella gloria só restaba uns troncos informes e desfigurados. Emporiso, o patrocinador da escavación, o cardenal Oliviero Carafa, home preocupado pola moral dos artistas, sentiu compaixon daquela pedra labrada e mandou que a colocasen nun pedestal, nun canto da praza. E por rendirlle homenaxe, houbo unha inauguración, na que lle colgaron o blasón da súa familia, e un cartaz con epigramas latinos.

Aquí a lenda envolve a estatua dun novo misterio. Seica uns estudantes de gramática latina, que recibían clase dun tal Pasquino, moi perto da praciña onde se erguía a estatua, atoparon algunha semellanza entre a figura e o seu profesor, e comenzaron a usala para pendurar no pescozo, e pegadas no pedestal, versos satíricos por facer chanza. Outros din que o Mestre Pasquino non era gramático, senón xastre, taberneiro, ou zapateiro veciño do lugar, coñecido polo seu humor sardónico e mordaz, e que sería o autor dos cartaces que de cando en vez aparecían alí colgados. O caso é que a estatua comenzou a ser coñecida como Il Pasquino, e a ser usada por anónimos cidadáns romanos para dar expresión co seu enxeño, do seu descontento, e do seu humor contra a política da cidade.

Durante moitos anos, todos os poderes de Roma temeron as diatribas de Pasquino. Os papas, os cardenais, os seus xenros, os seus parentes... ninguén se libraba da sátira dos seus ripios. Os versificadores maliciosos arrastrábanse ata alí, ao amparo das sombras nocturnas, e Pasquino amencía retranqueiro, para diversión da plebe e escándalo dos próceres, que mandaban alí á súa policía todas as mañás a facer limpeza. Pero tamén os poderosos usaron de Pasquino: houbo quen se servíu da súa anónima insolencia para ridiculizar aos seus adversarios políticos, pagando a poetas mercenarios que puñan a pluma ao seu servizo. Así pasou con Giambattista Marino, o precursor da poesía culterana, ou co célebre e procaz Pietro Aretino, "o secretario do mundo", mortal inimigo do papa Adriano VI, e do que o seu amigo Tiziano deixou varios retratos. Daquela Pasquino participou activamente na elección e na caída dos papas, e en tantas aventuras se mirou implicado, que máis dun pontífice pensou seriamente en guindalo ao Tíber e desfacerse del para sempre.

Pero para entón, Pasquino xa non era a única “statua parlante”. Toda unha rede de estatuas en Roma adoptaron este oficio de escarniadores, con diferentes nomes populares: o Marforio, o Babbuino, o Facchino, Madama Lucrecia, o Abate Luigi. Mantiñan incluso diálogos entre elas, formando unha curiosa irmandade, a Congrega degli Arguti, ou a "Banda dos Argalleiros". Así que a represión deixou de perseguir ás estatuas para meterlle o dente aos difamadores, que por un edicto de Bieito XIII se expuxeron a penas de morte e confiscación. Algún acabou na forca, condenado por aqueles papas tan cristiáns, pero as estatuas seguiron afeccionadas a latricar mediante os seus libelos, ata os nosos días.

Os papeis satíricos colgados das estatuas recibiron por este motivo o nome de pasquíns, palabra que en diversas linguas, entre elas o galego-portugués, sirve para designar ao escrito satírico afixado nun lugar público, contra a autoridade ou o goberno. E de aí, por extensión tamén chamamos pasquín a calquera cartaz de contido político, aínda que careza daquel espírito mordaz.

Estamos en tempo de pasquíns, pois dende o día 10, e ata o 25 de Maio andamos mergullados na campaña das eleccións municipais. Por iso chega tamén Pasquino a esta bitácora, el, que foi acaso o primeiro blogue da historia. Pero tamén por outras razóns: Pasquino é un símbolo de intelixencia e enxeño que debería servir de exemplo a unha política cada vez máis baleira de formas e de fondo. Tamén, representa ao bo humor, a chanza, a ledicia e o ridiculismo, algo do que o ambiente político no que vivimos carece por completo. E sobre todo, porque Pasquino lembra aos poderosos cales son as preocupacións da xente á que gobernan, cando eles están empolados na súa retórica viciada ata a paranoia. Acendede unha radio, sintonizade o parte nunha emisora calquera, e intentade calcular a distancia que hai entre as mensaxes dos nosos altos dirixentes e os verdadeiros problemas que padecemos nas nosas cidades e vilas, que é do que hai que falar. E miraredes que dan gañas de ir de noite a encher todas as estatuas das rotondas de pasquíns.
Comentarios (6) - Categoría: Pezas - Publicado o 17-05-2007 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
6 Comentario(s)
1 Entón esa estatua foi un dos máis serios precursores dos blogs. Mui interesante, non coma o parte político #blgtk08#destes días. Eu sempre fun de seguir a política pero en campaña electoral é millor nin escoitar o que din.
Comentario por turonio (17-05-2007 23:28)
2 Pois se hai un antecedente dos blogs,, debe de ser este. Gracias pola visita. Pasei polo teu, #blgtk08#e mirei que tiña un estilaso "Randeeira" moi encomiable. Ben está, agora que toma vacacións.
Comentario por O Padín (18-05-2007 12:13)
3 Onze dias sem postares nada! Os teus amigos/leitores já estávamos preocupados! Que alegria voltar a ler-te!

Muito obrigado pola ligaçom, Franjo! Foi um autêntico privilégio descob#blgtk08#rir a estátua do Pasquino junto a ti!

E insisto: "gracias" em galego é um barbarismo da pior espécie (espanholismo). Nom sejas recalcitrante e agradece em galego, hó! ;-)
Comentario por suso (20-05-2007 02:31)
4 Efectivamente, foi tempo, mais estiven de viaxe-lóstrego, e houbo acontecementos familiares importantes, xa o saberás.
Do que non tiña consciencia era que estivamos diante doutra destas estatuas parlantes: se lembras, unha rapaza políglota e xeitosa fíxonos unha foto de xeito moito máis competente que o noruegués do Pasquino. É o Marforio, que adobia a cabeceira desta#blgtk08# caderneta virtual. Non creo que haxa unha imaxe mellor para ilustrar unha bitácora que unha destas estatuas parlantes.
I eu prefiro o "obrigado" que o "grazas". Expresa de maneira concisa que tes contraída unha débeda de gratitude. Dicir "grazas" é todo o contrario, coma considerar que non debes nada, que o favor foi de balde. Pero só poño "gracias" por te amolar :-P
Comentario por O'Padín (20-05-2007 15:17)
5 Hahaha!!!

De viagem-lóstrego (ou relâmpago)!!!??? Nom irias de Lua de Mel junto co teu irmao que coa tua já cunhada!!!??? ;-p

Lembro-me da rapariga que nos fijo a foto diante do Marforio (http://it.wikipedia.org/wiki/Marforio) no Palazzo dei Conservatori (Musei Capitolini). Eu também ignorava que esti#blgtk08#véssemos perante umha das seis "estátuas parlantes" que há na cidade das sete colinas (ou outeiros).

Evidentemente eu também prefiro o "obrigado" ao "grazas". Mas também prefiro o "grazas" ao "gracias" (o mesmo que che digo umha cousa digo-che a outra). Obrigado, agradecido, beiçom por me amolares, amigo Franjo! ;-p
Comentario por O'Sanma (20-05-2007 16:02)
6 grac#blgtk08#ias
Comentario por crocodile musical pour bébé (03-09-2013 11:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal