Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cristo versus California
San Bartolomeu, nun dos esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense (foto MUGA)Entre códices miniados, figuras de santos, custodias e outros obxectos de culto, o visitante do Museu Catedralicio de Ourense pode contemplar unha fermosa obra de ourivería románica, un conxunto de placas de cobre esmaltadas con figuracións de santos e apóstolos, rodeados de arquiños e columnas, que son os restos dunha peza misteriosa e desgraciada. Non se sabe con seguridade se eran parte da decoración dunha arqueta ou un relicario, pero o máis probable e que adobiaran o antependium, o frontal do altar maior da catedral ourensá. Unha das figuras representa axeonllado a un bispo chamado Alfonso, quen gobernou a diócese auriense entre 1174 e 1213, o que proporciona unha data aproximada para a súa fabricación. Non se sabe máis. Nalgún momento, ben porque o paso dos séculos deteriorou o altar ata arruinalo, ben porque as hieráticas figuras románicas non resistiron os cambios da moda, o altar foi desmontado e as pezas foron gardadas e esquecidas. Ata que foron voltas a atopar a mediados do século XIX, e resgardadas na sancristía, para pasar logo ao Museu da propia catedral.

Para entón o suposto altar estaba incompleto. Restaban 53 pezas desordeadas, santos, apóstolos, anacos das arquitecturas que os enmarcaban, pero só se podía presumir cómo era o conxunto. Había distintas representacións de santos, como San Martiño de Tours, San Marcial de Limoges, ou Santiago Apóstolo, que eran adorados por milleiros de pelegríns nos seus santuarios, o que vinculaba a Ourense coas grandes rutas de pelegrinación europeas. San Martiño era ademais o patrono da catedral de Ourense, e San Marcial o dos ourives lemosíns que fixeron o precioso altar. Pero había outras figuras moi destacadas: estaban os doce apóstolos, a Virxe con San Xoán (os protagonistas da deesis), os tetramorfos, ou símbolos dos evanxelistas... todas indican unha iconografía ben concreta: rodearían a unha representación da Maiestas Domini, a Cristo en Maxestade, bendecindo ao mundo cunha man, mentres que coa outra lle amosa os Evanxeos que conteñen a súa palabra. O único problema é que a peza central, arredor da que xiraban todas as demais, faltaba. O Cristo andaba perdido.

Pois ben, gracias ao ollo vixiante da rede, enterámonos de que o noso Cristo acaba de resucitar. Seica estaba en poder dun coleccionista español que acaba de desfacerse del para venderllo ao Museu Paul Getty de Los Ángeles. Así o declara a propia institución, nunha nota de prensa na que da conta das súas novas adquisicións, e da que seica ningún xornal galego nin español fixo eco.

Trátase dunha placa de cobre, dourada ao mercurio, que contén repuxada unha figura de Xesucristo coroado, bendecindo con esa solemne gravidade románica que teñen as súas compañeiras ourensás. Os seus ollos, os bordes da túnica, o evanxeliario que sostén coa man esquerda, están adobiados con cabochóns de cristais de cores, e os seus rasgos, barbas e cabelos, están minuciosamente burilados. Ao arredor, cun fondo de esmalte azul, medran follas de viña, con pequenos e delicados detalles en verde, branco, turquesa, vermello e azul escuro. Unha obra mestra dos obradoiros de metal esmaltado de Limoges, que desenvolveron a técnica do champlevé, moito máis simple e menos traballosa que a do cloisonné ou tabicado bizantino, popularizando e abaratando os traballos de ourivería, e inundando a Europa occidental coas súas obras a través das rutas dos pelegríns.

O Paul Getty, que quere expoñer o Cristo de Ourense como peza central nunha das súas salas adicada aos tesouros catedralicios a partir do 2008, é un deses museus estadounidenses formados a golpe de talonario, non sempre seguindo camiños virtuosos. O ano pasado desenvolveuse un longo proceso xudicial en Italia contra a súa ex-conservadora, Marion True, acusada de contrabando de obras de arte e de saqueo arqueolóxico porque durante anos adicouse a mercar obras de arte antigas por valor de 20 millóns de dólares para levalas aos EE.UU. a sabendas de que procedían de escavacións ilegais. Antes do proceso o museu apresurouse a devolver a Italia tres pezas, pero unha auditoría interna demostrou asemade que 350 obras gregas, romanas e etruscas da colección Getty foran mercadas a marchantes sospeitosos de tráfico de obras roubadas, cun valor de 100 millóns de dólares. A pesares da condena, e da censura expresa do International Council of Museums (ICOM), o director do Getty Michael Brand só accedeu en Decembro pasado a devolver 26 de 52 das pezas que nese intre Italia reclamaba como probadamente roubadas. Resulta lóxico, pois o Museo non vai prescindir das mellores obras da súa exposición inmediatamente despois de abrir as súas portas en xaneiro do 2006, tras 9 anos de reformas, e 275 millóns de dólares de inversión.

Poida que desta vez, co noso Cristo, o Museu Getty xogara limpo, pero parece difícil. ¿Cómo chegou a peza a mans do anónimo coleccionista que a vendeu?¿constaba nalgún inventario?¿se non fora así, por qué non?¿foi informada a administración da venda da peza, como é preceptivo na Lei de Patrimonio?¿e se foi así, por qué non exerceu a administración o seu dereito de tanteo (art.27) mercando a peza?¿e por qué, unha vez consumada a venda, non intenta exercer o seu dereito de retracto?¿Para qué vale dotarnos de instrumentos legais para blindar o patrimonio histórico e artístico do noso país se logo se actúa con tanta indolencia, ou non se actúa?¿Por qué hai que enterarse pola prensa foránea, mentres a autóctona garda silencio? ¿Non dá vergoña perder o tempo en disputas localistas como o affaire do ungüentario de Vigo, mentres o noso patrimonio emigra?

Non se trata dunha simple chapa de cobre esmaltado, é unha peza que lle da sentido a unha obra senlleira dun museu galego. Sen ela, mirar o frontal do altar de Ourense é algo así como contemplar as Meninas sen a infanta Margarita. Non parece factible unha acción legal efectiva, cando nin o ministro de cultura italiano Francesco Rutelli, é capaz de poñer firmes a estes trapeiros e peristas ameazando con non volver a emprestar unha obra de arte italiana a un museu americano. Así que se se quere ver ao Cristo do frontal de Ourense, haberá que ir a Malibú. Alí agarda, cos brazos abertos.
Catálogo da exposición de esmaltes medievais De Limoges a Silos
Comentarios (10) - Categoría: Pezas - Publicado o 06-05-2007 18:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
10 Comentario(s)
1 Coméntome máis que nada para agradecer a Víctor Iglesias, do blog "arqueoloxía e pa#blgtk08#trimonio", a súa amabilidade por enviarme a nota de prensa que deu pé a esta nova.
Comentario por O Padín (06-05-2007 19:14)
2 Buenos días soy una periodista de www.lavozdegalicia.es. Acabo de leer su noticia y me pareció muy interesante. Le mandó #blgtk08#el link donde puede leer la reseña:
http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/noticia.jsp?CAT=106&TEXTO=100000127062
Comentario por Olalla (07-05-2007 14:08)
3 Gracias, Olalla, por axudar a difundir esta nova. Perdón polo tirón de orellas á prensa (máis retórico que real). De feito La Voz suministra moito do material que cociño nest#blgtk08#a bitácora. Por outra banda, Se dende o xornal se consegue máis información sobre o que pasou con esta peza e o seu camiño ás Américas, gostaríame sabelo.
Un saúdo.
Comentario por O Padín (07-05-2007 17:25)
4 Parabéns, Franjo, polo artigo e polo salto às páginas de "La Voz".

E, depois dos parabéns, vou-che dar um pequeno puxom de orelhas a ti também. Umha cous#blgtk08#a é que te definas como "isolino-preguiceiro" e outra cousa é que agradeças diretamente em espanhol. Nem em "isolo" nem em "reintegrata" se di "gracias". Por nada! ;-p
Comentario por suso (07-05-2007 19:36)
5 Obrigado polas flores, meu caro amigo.
Non quero abrir aquí un debate lingüístico no que estamos fundamentalmente dacordo. Despois de tanto cambio de normativa, síntome aillado dentro do mesmo illacionismo. Mais sinto correxirte, pois no diccionario en liña da páxina da Consellería de educación (da RAG) http://www.#blgtk08#edu.xunta.es/diccionarios/BuscaTermo.jsp, aparece recollida a voz "gracias" con todas as letras.
Outra cousa é que a recomendación "grazas" impóñase ata o punto de que se cambien dobraxes históricas da TVG, de xeito que pareza que nunca se dixera "gracias" en Galicia, nin que Oceanía estivo en guerra con Eurasia.
Comentario por O Padín (07-05-2007 23:38)
6 Parece que o efecto ventilador funciona. Mágoa que sexa tarde.
Pódese saber máis sobre o longo periplo desta pez#blgtk08#a en http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=2984&pIdSeccion=13&pIdNoticia=134433&rand=1178600207076
Comentario por O Padín (08-05-2007 10:11)
7 Essa ediçom do Dicionário de Novilíngua deve de ser de 1984 ;-) Recomendo-che a leitura das N.O.M.I.Ga actualizadas a data de 2003 (http://www.xunta.es/li#blgtk08#nguagalega/arquivos/normasrag.pdf ), especialmente da página 41. Por nada! ;-)

P.S.: E senom, já sabes onde está a porta... do armário ;-p
Comentario por suso (08-05-2007 12:45)
8 Por fin se publica la noticia, la lei hace casi un mes en Los Angeles Times e intente escribir al correo del archivo de la catedral de ourense (pero no me dejo), a la Voz de Galicia (pero no encontré ningun correo concreto donde enviar la noticia) y al final la envié a un blog de patrimonio y arqueología, donde la publicaron hace unas semanas. Ciertamente la noticia ha tardado en saltar a #blgtk08#un periodico con mayor difusion general. Sirva al menos para comprobar como una y otra vez la Comision encargada de valorar la exportabilidad de las obras de arte usa criterios inexplicables para el comun de los mortales. Si esta noticia hubiera salido a la luz antes de que se le hubiera dado carta de exportacion se podria haber hecho algo, pero claro entonces no era noticia de periodico.
Comentario por Roberto (09-05-2007 13:51)
9 Correctísimo señor Padín!!!!!!
Unha única cousa Franjismo, aínda que o curso está a #blgtk08#piques de comezar e os exames de setembro acaban de rematar, actualiza o blog, jajajaajaja!
Comentario por Rafa (07-09-2007 14:19)
10 grac#blgtk08#ias
Comentario por hippopotame musical pour bébé (03-09-2013 11:30)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal