Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A verdadeira arqueoloxía de urxencia.
Escavación da foxa de Piedrafita de Babia. (Foto de Eloy Alonso, ARMH).
O 16 de Outubro de 1936, Emilio Silva e outros 12 compañeiros foron asasinados nunha gávea berciana. Alí mesmo deron terra aos seus corpos dunha maneira infame, coma cans sen dono, sen máis sinal para súa sepultura que a sombra das nogueiras. A penas apagado o balbordo dos disparos, caeu sobre os infelices un ominoso silencio. Décadas de oprobio, nas que a historia dos chamados “Trece de Priaranza” non deixou de ser máis que unha lembranza incómoda, poida que só narrada nun bisbiseo furtivo, ata que a historia chegou ós oídos doutro Emilio Silva, o neto do primeiro. Tras longas xestións, a foxa dos trece republicanos foi localizada e escavada no ano 2000 por unha equipa de arqueólogos, identificados os corpos, e enterrados nunha sepultura digna, coa dignidade máis simple que poder ter unha tumba: un nome. Emilio Silva conseguiu así eludir a súa segunda morte, a peor de todas: a do esquecemento.

O neto de Emilio Silva convertíuse no Presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria História (ARMH), un activo grupo de familiares de víctimas represaliadas durante a guerra civil que se propón rescatalas dese esquecemento, recuperar os seus corpos desaparecidos e entregalos aos seus, para que poidan darlles o que os asasinos lles negaron: o descanso nunha tumba onde lembralos. Axiña a súa actividade desbordaba o ámbito berciano, chegaron novas de familiares de todo o Estado, solicitando axuda para localizar os corpos de avós, de pais, de tíos desaparecidos. O berro do sangue. Alguns eran galegos, como un ferroviario coruñés fusilado entre os de Priaranza por negarse a facturar un porco no tren, ou Víctor Pérez Bóveda, un ourensán que en 1937 foi pasado polas armas xunto con 36 compañeiros en Piedrafita de Babia, e enterrado nunha foxa que, na súa reapertura polos arqueólogos no 2002, atraeu en peregrinaxe a antifeixistas de medio mundo.

A pesares de que á ARHM chegaran un cento de solicitudes de axuda por parte de familias de represaliados galegos (dos aproximadamente 2000 paseados documentados), a constitución da asociación en Galicia foi un proceso tan lento como a mesma transición. Denunciouse que dende a Xunta non se poñían máis que atrancos. Entón mandaba quen mandaba, un dinosaurio daquela época escura, o fiel ministro colaborador de Atila. Aínda así, durante o goberno de Fraga puidose facer a primeira exhumación en Galicia, a de Miguel Cardeñas, un maquis andaluz que mirou o seu último día nunha fraga de Ricosende, en Carballeda de Valdeorras, en 1949.

Díxose que en Galicia as foxas non foron frecuentes. Moitos dos corpos abandonados foron con frecuencia atopados por familiares que puideron enterralos, ocultando a causa da morte no certificado de defunción. Os asasinos desfixéronse dos corpos tamén por outros procedementos, como guindalos ao mar, tal como sucedeu cos “Once de Anguieiro”, un grupo de cangueses que pagaron coa vida a defensa da República en Xullo do 36. Pero hai desaparecidos a centos, moitos deles nos propios camposantos, a carón dos cales foron perpetrados con alevosía e nocturnidade moitos destes crimes. Logo, de mañá, os enterradores recollían os cadavres e os metían nas foxas comúns, facendo case imposible a súa identificación. Así pasou cos restos de cinco toupos masacrados a principios de 1937 nunha casa en Loenzo, Vilagarcía de Arousa, e que remataron no cinceiro do cemiterio municipal nos anos 50, para tristeza dos seus familiares. E tamén hai foxas esquecidas, algunhas posiblemente de proporcións dantescas, como as dúas de Cedeira, onde se calcula que hai centos de republicanos, moitos deles asturianos, apresados ao tentar fuxir en barco do feixismo asasino.

A pesares de que aumentaron as voces e as iniciativas para a recuperación da memoria histórica, (hai que ver canto incomoda a palabra en certos medios políticos, instalados na lexitimidade que lles deu o esquecemento), e que hai unha maior conciencia e organización na sociedade galega, as pescudas sobre os desaparecidos seguen a ser lentas. Incluso co cambio de goberno na Xunta, que certamente provocou un cambio de actitude respecto ao problema, só houbo tres escavacións de foxas. No 2005 foron recuperados n’O Vicedo os corpos de Emilio Ríos Martínez, “O Cantador“, e José Fernández Rolle, “O Caramelo”, fusilados e enterrados en 1939 xunto á mesma cova na que estaban agachados por non querer ir á guerra. E nese mesmo ano 2005 en Portomarín, puido ser recuperado o corpo de Severino Rivas Barja, alcalde en Castro de Rei, secuestrado e asasinado por falanxistas xunto cun compañeiro a carón da capela de Cortapezas en 1936. A última exhumación tivo lugar o ano pasado n’As Pontes. Alí apareceron os restos de Manuel Ramos, tenente de alcalde dese mesmo Concello. Alguén pensou que este republicano de 67 anos era un perigo tan grande que en Agosto de 1936 foi asasinado xunto ao seu fillo. Leváronos ata o cementerio, e alí fixeron que a súa muller, de 59 anos, e o seu fillo máis novo cavaran a tumba, na que tamén eles acabaron dun tiro.

Neste mes que rematou, este Abril no que aquela República de homes bos celebraba o aniversario do seu nacemento e da súa derrota, foi noticia que os partidos minoritarios e o PSOE no goberno do Estado chegaron a un acordo para desbloquear a chamada “Lei de Memoria Histórica”, que dende o ano pasado se atopaba paralizada na súa tramitación pola oposición de todos os grupos agás o gobernante. Uns porque cren que é abrir feridas do pasado o feito de querer pechalas, e porque a día de hoxe consideran lexítima unha dictadura sanguinaria. Outros porque crían, con razón, que non tiña nada de reparador unha lei que equiparaba aos dous bandos (os defensores da democracia co feixismo golpista) e que non anulaba nin declaraba ilexítimas as execucións dictadas a milleiros polos tribunais de Franco, no maior xenocidio político que viviu a historia de Galicia e de España.

Co novo texto, que é de agardar que se aprobe, fica a porta aberta para novas escavacións que sirvan a todas estas familias rotas para atopar un descanso buscado durante máis de 70 anos. É a única xustiza posible, pois xustiza é a virtude que dá a cada un o que lle pertence. Mágoa que o Estado non asuma a investigación, nin interveña directamente, deixando a iniciativa ás asociacións de víctimas, ás que simplemente subvenciona. Tiña que ser o seu deber, porque é urxente que fillos octoxenarios poidan saber por fin onde están enterrados os seus pais. E porque xa vai tempo, tanto tempo, que o levantamento destes cadavres non é obra de xuíces, senón de arqueólogos.
Amigos de Xohan Carballeira, alcalde de Bueu
Asociación de Familiares e Amigos de Represaliados da II República
Ateneo Republicano de Galicia
Comentarios (2) - Categoría: Escavacións - Publicado o 01-05-2007 16:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Parabéns polo artigo, Franjo. Acabo de "chuçar-cho": http:#blgtk08#//chuza.org/historia/a-verdadeira-arqueologia-de-urgencia/
Comentario por suso (02-05-2007 19:41)
2 grac#blgtk08#ias
Comentario por ours musical avec bonnet de nuit (03-09-2013 11:30)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal