Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Están tolos estes galos!.
Portada do libro de homenaxe a UderzoHai 48 anos, René Goscinny, un descendente de polacos inmigrantes en Francia, e Albert Uderzo, outro inmigrante de pais italianos, editor e director artístico, respectivamente, da recén fundada revista para mozos ?Pilote?, decidiron crear un personaxe ambientado na Guerra das Galias de César. Goscinny quería un tipo astuto, non demasiado intelixente, feo, e baixiño, un antiheroe, en definitiva, que se enfrontase ás todopoderosas lexións de César. Uderzo apostou por un tipo grande e repoludo (non imos decir gordo, que hai xente susceptible). Os dous vellos amigos non discutiron: Astérix e Obélix acababan de nascer.

Aparecidos primeiro na revista, e despois en forma de álbum en 1961, convertíronse axiña nos personaxes máis coñecidos da historieta francesa. Orientado a un público novo, non exactamente infantil, as súas aventuras transpiraban parodia social dirixida ás xeracións que viviran na Francia ocupada. A cáustica versión dos alemáns en ?Astérix e os godos?, ou o retrato do colaboracionismo en ?O combate dos xefes?, son unha boa mostra disto. Ou mesmo esa ansia por presumir de ter estado na batalla de Gergovia, pero negar sequera a existencia de Alesia, o lugar da derrota definitiva de Vercingetorix, ao igual que aqueles avós da xeración da Gran Guerra que fachendeaban de ter loitado no Somme, pero esquecían a humillación da ocupación alemá.

O humor de Astérix foise facendo cada vez máis intelixente, cheo de dobres lecturas, e inzado de referencias anacrónicas e de caricaturas de personaxes contemporáneos que sorprendían ao lector avisado, ao tempo que reflectían o optimismo autocomplaciente dunha sociedade que xa se sacudira as pantasmas da guerra e nadaba nunha reverdecida opulencia. Ao ano seguinte da película de Mankiewicz, Astérix flirteaba con Cleopatra nunha superproducción que precisara para a súa realización 62 lápices de mina branda, 27 gomas de borrar e 67 litros de cervexa. En 1966, mentres se xogaba o Mundial de fútbol de Inglaterra, Astérix viaxaba á antiga Britannia, onde o xefe bretón era Churchill con bigote, e os Beatles eran bardos moi populares. No ano da olimpiada de México, Astérix gañaba (gracias á descalificación da equipa romana por dopin) os loureiros do trunfo na antiga Olimpia. As súas viaxes eran un percorrido polos tópicos máis manoseados de cada país: Impagable a visión dos españois coas súas procesións de druídas en Semana Santa, os seus guisos con demasiado aceite, e as súas estradas intransitables (que axiña serán excelentes). A esaxeración as veces era xustificada: oín a franceses asegurar que os queixos corsos son, efectivamente, explosivos.

Astérix usa o pasado como escenario para o humor do presente. Cunha lectura decimonónica da historia, os autores imaxinan galos portadores de menhires (sen que saiban con seguridade para qué sirven), que levan grandes mostachos coma os do monumento a Vercingetorix nas ruínas de Alesia, e que, sendo como son celtas, non poden vivir en mellor lugar que na bretemosa Armórica, a Bretaña na que Uderzo pasara a súa infancia. Pero tamén pouco a pouco os guións de Goscinny vanse facendo máis refinados, máis cheos de referencias clásicas, ás veces case culteranas. Hai todo un recital de fraseoloxía latina nas aventuras de Astérix, sobre todo as que pronuncia o pirata coxo do barco que, fatalmente, acaba sendo afundido en cada viaxe dos galos tolos.

Desa maneira, as aventuras de Astérix convírtense nunha formidable vía de acceso ao pasado clásico para os lectores máis novos. Xa son varias as xeracións no mundo que foron introducidas nos saberes dos romanos da man dos heroes galos, coas virtudes e os defectos que isto conleva. Defectos, porque non deixa de ser unha visión moi deformada, caricaturesca, e plagada de erros históricos máis ou menos intencionados. Pero virtudes ten a moreas: non hai case ningún aspecto do pasado latino que non poida ser ilustrado cunha viñeta de Astérix, e isto nun ámbito como o da docencia non pode ser máis que unha vantaxe, sempre e cando as lecturas non queden aí.

Dende a morte de Goscinny en 1977, Albert Uderzo seguiu deseñando as aventuras dos galos irreductibles, afrontando tamén él a escritura do guión. Para moitos é a decadencia da serie: os guións perden fondura e ese ventiño intelectual que lle daba o seu vello guionista, e fanse máis superficiais e infantís. Os personaxes son máis amables, menos sardónicos, máis maniqueos, menos matizados. Pero iso non fai decrecer o éxito. A pesares de que as novas andainas saen cada vez máis espaciadas, Astérix vendeu xa 350 millóns de exemplares no mundo, e foi traducido a máis de 100 idiomas. Había tamén (e digo ben: había) traduccións ao galego, saídas da pluma de Eduardo Blanco Amor. E incluso ao latín, o idioma dos coitados invasores.

Hoxe Astérix está de actualidade porque durante a celebración da Feira Internacional do Cómic (Ficomic) de Barcelona, ven de ser presentado un libro sobre o ?anano tiñoso e o gordo brutal? (ao decir dos romanos), que non é máis que unha colección das versións particulares que fixeron sobre os nosos protagonistas máis de trinta deseñadores internacionais, mesturando os seus personaxes cos dous galos irreductibles. E como nestas datas tamén se celebraba o Día Internacional do Libro, non está de máis recomendar a lectura do máis clásico dos cómics, afección pública e confesa do autor destas liñas. Ademais, coincidindo co 80 aniversario de Albert Uderzo, o 25 de Abril, o libro é unha homenaxe e un regalo ao pai supervivinte de Astérix, que anuncia que as súas aventuras aínda non remataron. Parabéns!.
Páxina oficial de Astérix e Obélix
Comentarios (3) - Categoría: Publicacións - Publicado o 24-04-2007 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 E nascendo um 25 de Abril como nom lhe ocorreria a este homem desenhar um "Asterix em Lusitânia"? Parabéns p#blgtk08#ara o Uderzo, com dous dias de demora, e parabéns para ti também polo teu, como habitual, magnífico artigo.
Comentario por suso (27-04-2007 20:25)
2 É mágoa, si. O único lusitano que lembre que sae nos astérix é un escravo que traballa na construcción da urbanización na "residencia dos deuses". Tamén é mágoa que n#blgtk08#on todos os títulos se pidan atopar en portugués, aínda que sí a maioría. Non digo nada do galego (illacionista), que é vergoñento: había que facer boicot á Salvat.
Comentario por O Padín (28-04-2007 16:09)
3 grac#blgtk08#ias
Comentario por ours couché musical (03-09-2013 11:31)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0