Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Paleolítico galego sae da prehistoria.
Foto de familia dun grupo de heidelbergenses (foto CV Cervantes)
Ata hai datas moi recentes, os tempos máis remotos da Prehistoria de Galicia, o seu Paleolítico Inferior, a penas podían ser descritos máis que a partir de un ou dous xacementos relativamente investigados, e dunha pequena cantidade de coleccións de artefactos achados casualmente, sen contexto, recollidos por algúns eruditos e por afeccionados voluntariosos. Unhas poucas páxinas, e vagas referencias a xacementos paralelos doutras rexións peninsulares e europeas e iso era todo. A investigación prefería centrarse naqueles dous periodos prehistóricos que dende o século XIX centraban toda a atención: o megalitismo e os castros, os dous tan pondalianos, tan definidores da nosa ancestral idiosincrasia.

O xacemento estrela do Paleolítico Inferior en Galicia eran as Gándaras de Budiño, no Concello d'O Porriño. No amplo val que forma o río Louro no seu andar cara ao Miño, apareceran nos anos 60 certos útiles líticos que chamaran a atención dos especialistas. Acometéronse entón escavacións nas que se rescataron centos de ferramentas talladas en seixo e cuarcita, que correspondía ao tipo de industria coñecida como Achelense superior. Nada anormal, se non fora porque os xeólogos afirmaban que os estratos onde se atopaban as ferramentas eran da época do Peniglacial Superior da glaciación Würm, é dicir, hai uns 28.000 anos, (datas que foron ademais corroboradas polo C-14) e a industria do Achelense desenvolvérase en Europa como moi tarde, ata hai 90.000 anos. Moitos autores discutiron agriamente esta cruel contradicción: Non faltou quen afirmara que o aillamento coa Meseta (fonte de todo progreso) pola difícil orografía (o Padornelo non lle envexa nada ao Himalaia) facía que os protogalegos vivisen nunha illa de atraso cultural de máis ou menos 100.000 anos (e haberá quen hoxe se queixe de que non da chegado o AVE!). Outras intervencións na zona, nos anos 80 non lograron disipar o desconcerto. A principios dos anos 90, volveu a haber unha apresurada escavación, antes que as Gándaras foran sepultadas pola autovía a Portugal. Os seus resultados seica foron ambiguos e só se publicaron parcialmente.

Unha última interpretación deste xacemento feita por César Llana Rodríguez lograba colocar as industrias máis antigas de Budiño ao final da Glaciación de Riss (hai uns 150.000 anos), e desvinculaba as pezas que non cadraban coa data do seu contexto xeolóxico, definíndoas como deposicións secundarias e fóra de lugar. Sen máis gaña de discutir, cando menos, e despois de décadas de incertidume, este traballo parecía devolver ao Paleolítico galego ao rego da normalidade, e curaba moitas dores de cabeza. As Gándaras de Budiño son, agora sí, un paradigma do Paleolítico en Galicia, pero tamén de outras moitas eivas particulares da nosa arqueoloxía: paradigma de resultados desquiciantes e anormais (dá igual que nas escavacións participaran investigadores renombrados internacionalmente, Galicia is different), paradigma de nihilismo interpretativo (esa manida condición de finis terrae, maneira fina de dicir "o cú do mundo", que nos fai estar sempre oito chanzos máis abaixo na escada do progreso), paradigma de patrimonio perdido (a memoria foi atropellada polo asfalto), e paradigma de desinformación (alguén sabe ónde atopar unha síntese publicada de todos os traballos?).

Pero na escura, escurísima, noite dos tempos de Galicia, parece que está a abrir o día. No último ano, dúas áreas en Galicia están a ser investigadas, ao parecer, con rigor, profundidade e ata entusiasmo.

Unha delas é o Sur da Provincia de Pontevedra. No ano pasado, unha escavación dirixida por Rosa Vilar en Pontemaior (As Neves), deu pé á descuberta de útiles achelenses no seu propio contexto, algo ao que non se anda moi afeito. E o Instituto de Estudos Miñoranos, ao que a propia Rosa Vilar pertence, acometeu tamén a escavación de Chan de Cereixo, no Concello de Gondomar, patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza, onde aparecera unha gran colección de bifaces e outras ferramentas que fixeron proclamar a este xacemento como ?o máis antigo de Galicia?.

O outro lugar é a Terra de Lemos. Alí, unha equipa da Universidade de Santiago, en colaboración coa Rovira i Virgili de Tarragona, comandada por Ramón Fábregas, Xosé Pedro Rodríguez, Arturo de Lombera e Talía Lazuén, prospectaron o ano pasado a bisbarra, recollendo centos de artefactos encadrables no complexo Achelense (ou Modo 2, como se prefire hoxe na terminoloxía ao uso), no Pleistoceno Medio, na época en que os homo heidelberguensis poboaban Europa. Trátase dun amplo proxecto que se vai extender no tempo (durará varios anos) e no espazo (pénsase pescudar tamén nalgunha cova do Courel, susceptible de agachar restos fósiles). Os responsables contan ademais con ese pedigrí engadido da súa investigación previa en xacementos tan sonados como Atapuerca. A segunda campaña acaba de comenzar, o 12 deste mes primaveral, e pretende meter o dente en xacementos como As Lamas e Chao do Fabeiro.

En Gondomar, n'As Neves, en Monforte, estas investigacións veñen a encher un baleiro intolerable, pois o paleolítico galego, máis que unha paisaxe con algunhas lagoas, era un océano de incertezas no que asomaba aquí e alá algún illote. Por outra banda, contribúen a formar unha escola galega de paleolitistas, especie extremadamente rara no país, que será a base da investigación futura. E en terceiro lugar, devólvenlle a moitos a fe naquela arqueoloxía case esquecida que atendía máis aos intereses da investigación (e da formación) que aos do rescate. Moito prestan, estas pedriñas.
Páxina do Instituto de Estudos Miñoranos
Resultados das pescudas encol do Paleolítico monfortino.
Comentarios (4) - Categoría: Escavacións - Publicado o 20-04-2007 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Precisamente hoxe publiquei un artigo sobre os primeiros poboa#blgtk08#dores da Galiza e falo da escasa información que hai do tema.
Comentario por Suso (20-04-2007 23:26)
2 Mirei o teu artigo, efectivamente. A pesar do que dixo o Xabier Cid (lino na Randeeira), procuro dar#blgtk08# unha volta pola blogoteca, a ver que hai, e mirei que falamos case do mesmo e case ao mesmo tempo.
Comentario por O Padín (20-04-2007 23:31)
3 replica rolex which are not any longer at #blgtk08#a discounted price make up quite valuable.
Comentario por Replica Rolex (13-08-2013 05:50)
4 grac#blgtk08#ias
Comentario por doudou araignée pour bébé (03-09-2013 11:32)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0