Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Feira de libros

Vai ser verdade que os maias predeciron a fin do mundo para o ano 2012, porque esta crise funesta que non para, coa súa recesión, o seu paro desbocado, os recortes a motoserra do estado de benestar e o incremento proporcional do estado de malestar fai que moitos non se atrevan, coma noutrora, a ollar ao futuro por medo a albiscar o baleiro. Porén, entre os que nos adicamos a ollar ao pasado, os que temos consciencia de que calquera tempo pretérito puido ser peor, non nos resignamos a perder o optimismo. Poida que a crise teña algo de catarse, de revulsivo, de catalizador das conciencias, de fermentación dunha oportunidade para sacudirmos a molicie e repensarmos. E como esta bitácora vai sobre arqueoloxía e cousas vellas, neste Abril republicano de feiras do libro abrollando nas alamedas atrévome a comentar unhas poucas publicacións, que son tamén reflexións sobre a nosa historia e o noso oficio.

O primeiro deles é un libro desexado. El Reino suevo (411-585) (Akal, 2011), leva uns meses nas librerías, e estaba aínda no prelo cando o seu autor, Pablo Díaz Martínez, tivo a ben acudir coma poñente no pequeno congreso que sobre o Galiciense Regnum organizamos en Pontevedra con motivo do seu 1600 aniversario. Unha efeméride que pasou sen pena nin gloria por este país que a penas parece capaz de celebrar outra cousa que xacobeos. Era un libro desexado, porque a día de hoxe a penas existían monografías sobre un período fundamental (en todos os sensos da palabra) do noso país. Que tal baleiro existise é unha clamorosa evidencia das enormes eivas que a historiografía galega leva arrastro, e que non son tolerables nun país normal. Xeralmente, a historia do reino suevo foi maltratada pola historiografía española, reducíndoa a apéndice dos visigodos ou a simple anecdotario de tópicos bárbaros. Pola contra, a historiografía galega, cando non se mirou abducida pola española, non deixou de castigar aos pobres suevos con todos os prexuízos procedentes dunhas fontes históricas parciais, e cando nalgún caso iso non é así, resultaron traballos que non sobrepasaron os límites do consumo interno, dirixidos a un público que non buscaba tanto a historia como a reafirmación.

Neste caso non se trata do libro dun galego, aínda que ben o mereza, pois o autor, profesor de historia antiga na universidade de Salamanca, é un dos máis prolíficos autores de estudos sobre a tardoantigüidade en Galicia. Díaz Martínez aborda o tema coa reverencia de quen fixo desta época o obxecto dunha vida de estudo, reivindicando o papel histórico do que fora o primeiro reino do Occidente. E aínda que quizais sexa un traballo no que a historia política prevalece sobre outros aspectos, iso non quita unha migalla ao valor dun libro absolutamente necesario, que non só enche un oco doloroso na historia galega, senón que dignifica á historiografía española, tan dada ao desprezo.

O segundo libro, Herdeiros pola forza (Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI), (2.0 Editora, 2012) acaba se saír a lume. É case unha bitácora en papel, escrita “a catro mans” polos amigos Manuel Gago e Xurxo Ayán. De feito, moitos recoñecerán nas súas páxinas moitas das liñas publicadas por ambos os dous nos seus respectivos blogues. Por ter, ata ten enlaces!. Quizais sexa este o formato de moitos libros deste século: son reflexións rápidas, sorneiras, autoconclusivas, pero que xiran todas arredor do mesmo tema: a relación da sociedade galega co seu patrimonio histórico, que é comparada coa situación dos herdeiros que non saben qué facer coa lexítima. Unha relación que pode diagnosticarse como esquizofrénica, dende o momento en que para a sociedade deste país o patrimonio cultural pode ser motivo de orgullo ou de indiferencia, riqueza ou atranco, arte ou lixo, reliquia ou trapallada, todo ao mesmo tempo. O libro nisto fai unha diagnose certeira, pero non ofrece unha cura explícita. Funciona como as confesións do doente dende o diván, debullando os seus complexos e traumas como maneira de comprenderse e de aceptarse ou cambiar. Resulta moi gratificante ler neste libro avogar por moitas das cousas que dende esta páxina tamén defendimos unha chea de veces: da importancia dos programas de ensino na revaloración social da arqueoloxía, da renovación do discurso divulgativo e do uso da empatía e a identificación cos devanceiros como ferramentas de seducción; da necesidade de diálogo entre a administración e o público, dun tecido cultural normalizado, do acceso libre á información, da planificación axeitada da política cultural, e sobre todo, da consideración da sociedade non coma suxeito pasivo desas políticas culturais, senón como participante activo e pleno no coñecemento, salvagarda e gozo do enorme e senlleiro patrimonio que é seu. O libro non é exactamente unha proposta que ilumine claramente como debería ser a política de “xestión” do patrimonio, senón que funciona coma lóstregos que iluminan unha paisaxe tormentosa, xusto o suficiente como para atopar o camiño, ou para imaxinar outros novos.

O terceiro libro, Para qué serve a historia de Galicia, (Edicións Lóstrego, 2007) ten xa uns anos, e tamén é unha recopilación de escritos do seu autor, o profesor da USC Carlos Bermejo Barrera, encol da sempre discutida utilidade social das ciencias históricas. Trátase dun tema controvertido, toda vez que nunca se escoitou a ninguén cuestionar a utilidade da medicina ou da enxeñería, algo que semella estar fóra de toda dúbida, mais coa historia non hai acordo. Miren se non o que ornea unha veterinaria metida a reformar todo o sistema universitario. O libro de Bermejo comparte moitos trazos co anterior: a crítica áceda a unha política cultural de trinque e fachenda, na que se constrúen faraónicos contedores baleiros ou se organizan exposicións coa autocomplacencia como principal obxectivo. Tamén coincide no rexeitamento dunha arqueoloxía burocratizada e culturalmente ineficiente, que identifica coa arqueoloxía “de xestión”, (a de "parar as obras") e que trata o obxecto arqueolóxico como unha mercadoría ao servicio do turismo. Fronte a isto, Bermejo considera que a principal función da historia radica na fabricación de identidades colectivas, e por extensión, na construcción dunha sociedade civil cohesionada, e avoga por unha historia posta ao servicio desa construcción, nunha esfera lonxe dos discursos banais e da mercantilización burda da cultura.

Bermejo tamén inclúe un capítulo bastante incendiario no que pon a parir panteras a certo grupo de investigación arqueolóxica, comandado por un paladín da arqueoloxía de xestión. Non contento de todo, (tamén é mala idea), enviou ese mesmo capítulo en forma de artigo a unha revista do CSIC, onde tiña o seu traballo o director dese grupo de investigación, e claro, liouse "parda". É o mesmo investigador que (cousas da vida) foi director da tese de doutoramento, recentemente defendida con éxito, de Xurxo Ayán, un dos autores de Herdeiros pola forza. Non é que teña gañas de amolar lembrando estas cousas, máis ben ao contrario. Só o digo porque no panorama revolto da arqueoloxía galega, tradicionalmente dividido en clans irreconciliables, hai que salientar os puntos de encontro na fundamental defensa dunha arqueoloxía e dunha xestión do patrimonio non mercantilista e ao servicio da sociedade. E agora que a crise levou por diante á arqueoloxía ligada ás obras, son horas de volver os arqueólogos a poñerse ao servicio do público, e non dos promotores. É tempo de aprender a falarlle á xente con menos palabrería esdrúxula, de amosarlles o valor do seu patrimonio, de contarlles historias evocadoras, de educar para criar conciencia, porque se ninguén fai ese labor, se a sociedade non demanda poder coñecer e desfrutar o patrimonio que é seu, ninguén mirará nada útil na nosa ciencia.
Comentarios (1) - Categoría: Publicacións - Publicado o 30-04-2012 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por dauphin en peluche (03-09-2013 10:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal