Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Desfeitas polo Morrazo
Marín dende o Pornedo
O Morrazo en xeral, e Marín en particular, conta entre outros atractivos (un clima envexable, extensos areais, fermosas e verdes paisaxes e unha suculenta gastronomía, como diría a orixinal prosa das guías turísticas), cun rico patrimonio arqueolóxico. Algún destes xacementos sobrancea por ser obxecto de investigación dende os tempos heroicos da arqueoloxía galaica, convertíndose en verdadeiros fitos da historiografía e a literatura arqueolóxica deste país. O castro de Montealegre, en Domaio, prospectado por Losada Dieguez nos anos 20, cando o Seminario de Estudos Galegos e a xeración Nós, foi un dos primeiros castros escavados en Galicia, e xunto con outros máis coñecidos como Santa Tegra ou Baroña propiciou as primeiras achegas ao coñecemento da Idade do Ferro galaica. Ou as mámoas de Chan da Armada e Chan da Arquiña, escavadas nos anos 50 por Ramón Sobrino, omnipresentes en todas as monografías sobre a prehistoria de Galicia, e que, perdonando as deficiencias metodolóxicas e de rexistro comúns na arqueoloxía deses tempos, contribuiron como poucas ao deseño do panorama do megalitismo galego. Outros xacementos destacan polo seu carácter senlleiro: Os petróglifos labirínticos de Mogor, sobre os cales correron e corren ríos de tinta, errando perdidos por entre os seus sulcos, coma en todo bó labirinto, coa esperanza de entresacar a chave do misterio. Ou o Monte do Facho, en Donón, castro e santuario pagán que agochaba máis de 170 aras adicadas ao deus Berobreo, máis da metade de toda a epigrafía romana atopada en Galicia, en a penas unha hectarea de terreo.

Cabería pensar que este patrimonio arqueolóxico é respectado e coñecido, e que conta con todas as proteccións e cautelas legais que unha sociedade culta debería ofrecer ás reliquias do seu pasado. Non é así. Nos últimos tempos, este patrimonio sofre constantes ataques precisamente daqueles poderes públicos que deberían protexelo, promovendo obras e infraestructuras de impacto brutal non só sobre os venerables vestixios dos nosos devanceiros, senón sobre a natureza e a paisaxe que tanto gaba a prosa dos prospectos turísticos. O corredor do Morrazo, un asasino en serie que segou 10 vidas en 7 anos, oito delas só no 2010, tamén se cepillou parte do castro de Montealegre, e o asentamento neolítico que xacía ao seu carón, ademais de varios petróglifos, e anulou para sempre a vista da fermosa fervenza do Pozo da Moura, unha marabilla natural hoxe emparedada por un groseiro viaducto. O tamaño ciclópeo dos desmontes desta obra, algúns de case 100 metros de altura, rillaron e espiron as ladeiras do castro de Liboreiro, atalaia privilexiada dos galaicos morracenses sobre as terras de Bueu e Cangas, e as súas trincheiras marcaron a paisaxe cunha cicatriz repugnante, visible dende case calquera punto da ría. Na outra banda da península, a “variante de Marín”, a reiterativa promesa elección tras elección dun sonado político lalinense que, de tanto agardar, morreu sen vela cumplir, é unha estrada tan desmesurada como inútil que enlaza Ningures con Vaisaber, e que, cos seus agresivos desmontes e terrapléns, chimpou con varios petróglifos, amén do desprazamento da pedrafita de Currás, senlleiro megalito hoxe xubilado nunha finca, privado do seu contexto.

Hai tamén políticas que iluminan un pouco este panorama sombrío. O castro da Subidá, unha verdadeira citania morracense, ven de ser parcialmente escavado no verán pasado, e seica vai ser incluído nun Plan Director de Xacementos Arqueolóxicos da Provincia, auspiciado pola Deputación. Os petróglifos de Mogor contan cunha flamante (e carísima) “caseta” de acollida de visitantes, e o castro do Monte Facho de Donón xa ten expediente para a súa declaración como B.I.C. Porén, sempre hai nubes no horizonte: o plan director de momento non pasa de promesa, a caseta informativa de Mogor non se sabe con qué se vai dotar, e os veciños de Donón fan todo o posible por recortar a área de protección do BIC para que non lles impida formigonar as leiras.

E as ameazas sobre a paisaxe e o patrimonio continúan. Unha empresa italiana que ten a concesión do noso vento quere instalar un parque de virandelos eólicos no lugar de Pedras Negras, no monte Faro de Domaio, case no punto máis alto do Morrazo, a cabalo dos Concellos de Vilaboa, Marín e Moaña. Os artefactos terán unha altura duns 170 metros contando as aspas (para facerse unha idea: máis do dobre da altura da catedral de Santiago), así que o impacto visual vai ser tremendo, e o ecolóxico tamén. A zona ademais é rica en monumentos megalíticos: nas chans entre Domaio e Castiñeiras hai necrópoles nas que se inclúen os citados túmulos de Chan da Armada e Chan da Arquiña, e que forman en conxunto unha paisaxe cultural que se mirará desvirtuada coa presenza mastodóntica destes monstros sobre os venerables horizontes do Morrazo.

E no monte do Pornedo, entre Marín e Pontevedra, mirador natural sobre o amplo circo do val do Lameira e sobre a Ría de Marín hai quen teima en instalar un deses polígonos industriais que tanto adornan esta desgrazada terra. O lugar escollido é un balcón de grandes pendentes sobre unha vila e unha ría xa maltratadas por un urbanismo salvaxe, e que de cumplirse esta ameaza, agora terían unha colección de galpóns aupados nun pedestal. Os grupos políticos do Concello conxuráronse entre si por ver quen defende máis este emprazamento, (incluído certo partido en descomposición que parece ter un proxecto de país por parroquia), cegados polo pailanismo e o localismo máis miope. A comunidade de montes de San Xulián devece por encher de cemento o monte que deberían defender, cos ollos facendo chirivitas ante a cantidade de cartos que agardan recibir, e alimenta con fantasiosas promesas de diñeiro e postos de traballo a ambición dos veciños. A Xunta, de momento, dí que o emprazamento ten todos os problemas do mundo, pero todo se pode agardar dun gabinete que ten as competencias de obras públicas e de medio ambiente na mesma persoa.

O monte Pornedo, ademais do seu valor paisaxístico, conta cun denso patrimonio arqueolóxico: cinco túmulos megalíticos, e seis conxuntos de gravados rupestres, moitos deles de grande interese, que se verían afectados, directa ou indirectamente, por este estrago. Non é a primeira vez: no ano 2008 o exército español construíu un “campo de adestramento” que imitaba unha cidade afgana para xogar ao paint-ball en terreos pertencentes á comunidade de montes de Salcedo, rebentando de paso unha mámoa inventariada. Pero aí os veciños de Salcedo foron dignos, capearon a incuria e o desprezo da administración, preitearon e conseguiron gañar nunha sentencia histórica. Os mesmos veciños son os que apoian a louvable iniciativa do Espazo Natural e Arqueolóxico de Sete Camiños, que pretende poñer en valor o entorno dos montes de Pornedo-Sete Camiños, apoiado pola Comunidade de Montes de Salcedo e de Lourizán, pero non pola de San Xulián. E tamén está a Plataforma Defende o Monte Pituco-Pornedo, activísima na difusión do patrimonio natural e cultural deste espazo, a costa de agrios enfrontamentos cos que confunden o pastizal agropecuario co pecuniario. Logo dirán que xente de Marín...

Moitos habitantes do meu Marín natal aínda choran o patrimonio que se perdeu: aquela vila de arquitectura mariñeira, cos seus patíns e orgullosos balcóns; o seu priorato, de quen Otero Pedraio decía que, de rehabilitarse, sería dos máis fermosos pazos de Galicia; as súas praias case virxes, e a vista do mar dende a Alameda. Todo isto foi sacrificado nas aras do deus do progreso. A cambio de modernidade, vivimos nunha vila fea, sen historia, e sen orgullo. Pero está por ver que o progreso teña que ser incompatible coa beleza, a memoria, a identidade. Isto tamén é riqueza e benestar. Parte da mesma aínda está agachada nos montes do Morrazo, só hai que coñecela, respectala e sobre todo querela.
Páxina do Proxecto de espazo arqueolóxico de Sete Camiños
Blog da Plataforma Defende o Monte Pituco-Pornedo
Comentarios (1) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 29-02-2012 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por lionne en peluche (03-09-2013 10:30)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal