Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pensando unha nova Lei de Patrimonio Cultural (e III)
(Foto Sección arqueologia CNT de Córdoba)
A arqueoloxía de xestión vendeuse como unha novedosa e digna saída profesional para os licenciados en humanidades, que tradicionalmente orientaban o seu futuro laboral cara o ensino (os menos) ou o paro (os máis). Pero por máis que nos anos da bonanza inmobiliaria (con Lei de Patrimonio en marcha) aumentara o número de remocións de terras suxeitas a cautelas arqueolóxicas, estas nunca deron abasto a dar traballo aos centos de arqueólogos saídos das prolíficas facultades de Galicia. Xurdiron empresas de arqueoloxía como cogumelos en outono, que comezaron a profesarse unha competencia atroz, nunha lei da selva onde toda esperanza de regulación era depositada no darwinismo empresarial, ou se acaso, nos solapados e subterráneos esforzos por parte de certos cargos da consellería por desnaturalizar este proceso de “selección natural” mediante un trato administrativo, (sendo moi diplomático), desigual. A profesión arqueolóxica aseméllase a unha manada de lobos moi grande a rillar nunha ovella moi pequena, pero agora, neste inverno crú da crise que non acaba, xa non hai un año ao que botar o dente. Un a un, os lobos están a morrer de fame.

Hai arqueólogos que defenden, aínda a día de hoxe, este modelo de negocio. É natural, pois é o que, mal que ben, lles deu de comer, e calquera alternativa supón asumir un risco inaceptable. Pero hai que negar a premisa maior: A arqueoloxía profesional, ás máis das veces, só conseguiu ofrecer postos de traballo precarios, que dificilmente se poden consolidar en contratos fixos, e con salarios caprichosos que non estiveron estipulados por convenio durante moitos anos. Ademais, a rendibilidade sempre insegura destas empresas obrígaas a recortar non só en persoal, senón tamén en recursos materiais e nas gravosas tarefas de gabinete, as grandes esquecidas dos orzamentos das intervencións arqueolóxicas. Isto, por forza, significa unha arqueoloxía peor en termos globais. As empresas que ata agora logran sobrevivir son as que logran garantirse (a ser posible en exclusividade e por mecanismos ignotos) contratos de obras públicas, que son os de duración máis prolongada e de orzamentos máis sustanciosos. As outras conseguen obras menores, que xeran pouco traballo, e con orzamentos que hai que discutir ao céntimo cos escasos promotores. As máis, pechan. Nunca foi un modelo sostible. Agora menos.

Para pensar en alternativas, compre facer unha reflexión pausada sobre o obxectivo da nosa disciplina, non en termos de negocio, senón de compromiso social. Hai que construír un novo modelo que faga da arqueoloxía unha disciplina socialmente útil, porque só así se pode garantir a súa viabilidade e sostibilidade. Aí van 8 propostas:

1.- FINANCIAMENTO PÚBLICO. Se o Patrimonio arqueolóxico é público, a arqueoloxía tamén debe selo. A arqueoloxía pode e debe financiarse con impostos que graven, por exemplo, ás empresas promotoras cunha mínima porcentaxe da súa facturación (non é tan difícil, só é unha extensión ao sector da construcción privado do “1% cultural” que establece a Lei de Patrimonio Histórico española para as obras públicas). Isto permitiría repartir os custes entre todo o sector, eliminando a percepción da arqueoloxía como unha carga onerosa e arbitraria, o que favorecía a ocultación ou destrucción de achados para evitar pagar a súa escavación. E botando contas, dá de sobras.

2.- INDEPENDENCIA. O financiamento público debe servir asemade para rachar co vencello contractual que une ao arqueólogo co promotor. A arqueoloxía de xestión preséntase como fornecedora de servizos a particulares (promotores) para resolver expedientes administrativos. Isto pon o arqueólogo ao servizo deses intereses particulares, que case nunca coinciden coa salvagarda do Patrimonio. Pola contra, o arqueólogo debe ofrecer un servizo á sociedade: estudar e no seu caso protexer o Patrimonio público, que é un deber ético da profesión, e polo tanto, a relación laboral debe establecerse cos responsables da custodia dese Patrimonio: a Xunta de Galicia. Ademais, o arqueólogo é un científico, un técnico, non un xestor ou un burócrata. Debe desvincularse ao máximo o traballo arqueolóxico da xestión burocrática. No modelo da “arqueoloxía de xestión”, o arqueólogo debe, as máis das veces, avaliar un xacemento e xustificar a súa destrucción en base ao seu insuficiente valor patrimonial. Isto xera, como dixemos, constantes contradiccións e dilemas éticos. Non se pode obrigar a un arqueólogo a dar dictames sobre o valor patrimonial dun xacemento. O arqueólogo debe facer un rexistro dos datos arqueolóxicos e expoñer a interpretación dos mesmos de forma obxectiva. Avaliar o “valor patrimonial” do xacemento corresponde aos verdadeiros “xestores” do Patrimonio, nomeadamente a Xunta, labor para a que ten en nómina funcionarios supostamente capacitados. O arqueólogo non pode ser o chivo expiatorio que carga coa culpa de todo o patrimonio que se destrúe neste país.

3.- CORPORATIVISMO COOPERATIVO. A arqueoloxía profesional debe establecer mecanismos institucionais para regular a profesión arqueolóxica, cun funcionamento democrático, participativo e sobre todo cooperativo. Unha maneira de facelo, como pode haber outras, sería a creación dun colexio profesional, que sería enormemente útil para regular a competencia, canalizar as ofertas de traballo, compartir medios técnicos, materiais e humanos, establecer pautas e modelos formais de traballo, homologar rexistros, poñer en común coñecementos, dar formación continua aos profesionais, ofrecer servizos xurídicos, e representar colectivamente a profesión ante a administración e a sociedade.

4.- INVESTIGACIÓN. A arqueoloxía non pode ser contemplada como un simple servizo técnico. É unha ciencia. Unha arqueoloxía pública debe preocuparse polo desenvolvemento da investigación e do coñecemento do pasado á marxe do ritmo que impoñan as obras. Polo tanto, deben fomentarse programas de investigación estables e prolongados no tempo, baseados en estratexias e obxectivos científicos, que contemplen a longo prazo estudos globais de xacementos completos. A inmensa maioría dos grandes xacementos arqueolóxicos galegos foron escavados de maneira discontinua, e deles só temos datos parciais. Debe haber, por tanto, garantías para o desenvolvemento e viabilidade de investigacións prolongadas ao longo do tempo.

5.- DESMERCANTILIZACIÓN. A profesionalización da arqueoloxía identificouse cunha mercantilización do traballo do arqueólogo, ata o punto de que hoxe a avaliación dun proxecto arqueolóxico faise máis tendo en conta o seu orzamento que o seu plantexamento científico. Non se cuestiona o lexítimo dereito dos arqueólogos profesionais a gañarse a vida co seu traballo, pero a arqueoloxía, como a cultura en xeral, non se poden reducir e valorar en termos simplemente crematísticos. Está ben que a arqueoloxía vencellada ás obras sexa coto de profesionais que cumplen un servizo administrativo, pero a arqueoloxía de investigación, a que está directamente relacionada cun fin meramente social, debe abrirse a fórmulas participativas e colaborativas, coa universidade e os centros de ensino, os museos, as fundacións e entidades sen ánimo de lucro, estudantes, voluntarios, a sociedade activa e xenerosa. Non todo vale para facer caixa. Escoitar decir a compañeiros de profesión, por exemplo, que a Lei de Memoria Histórica debe ser valorada como unha oportunidade de negocio, e que hai que insistir en que a exhumación das víctimas do xenocidio franquista deben ser realizadas por arqueólogos profesionais, para garantirse ese nicho de mercado, é algo que provoca noxo.

6.- EMPREGO PÚBLICO. Na medida en que este país poida desenvolver unha verdadeira política arqueolóxica pública, haberá unha fonte de emprego quizais non infinita, pero si de calidade. Aí debe estar a preocupación e reivindicación dos arqueólogos profesionais: en que se acelere a increiblemente lenta aprobación dos plans urbanísticos dos concellos; en que se doten de oficinas técnicas de arqueoloxía, municipais ou mancomunadas; en favorecer o achegamento da arqueoloxía ao público, de maneira que se alimente a verdadeira demanda da sociedade en ver o seu Patrimonio coidado e respectado. Sen isto, non se poderán desenvolver plans de actuación, nin a arqueoloxía poderá xamais ser xustificada como algo útil. O arqueólogo non debe só escavar, debe ser activista, divulgar, amosar, seducir, tamén iso forma parte da profesión, e tamén iso pode rendir. É aí onde está o viveiro de emprego do sector, na creación dunha arqueoloxía con vocación de servizo público, e non na conversión dos arqueólogos en mercenarios ao soldo dun capitalismo voraz.

7.- LIBRE ACCESO Á INFORMACIÓN. O Patrimonio é un ben público; o coñecemento sobre o Patrimonio tamén debe selo. Os catálogos e inventarios deben ser de acceso público e libre. É un erro pensar que é un risco expoñer xacementos arqueolóxicos descoñecidos á rapacidade dos buscadores de tesouros e dos escavadores furtivos. A experiencia demostra que o descoñecemento da ubicación dos xacementos é o argumento máis esgrimido para xustificar unha destrucción, e que os cazatesouros e os anticuarios saben tan ben como os arqueólogos onde meter o sacho. A experiencia tamén amosa que cando un resto arqueolóxico coñecido é atacado, créase alarma e balbordo, mentres que dos xacementos descoñecidos que son destripados non sabemos nada, só desaparecen. Un xacemento coñecido é un xacemento protexido. A difusión do inventario estimula tamén a súa actualización por parte de todos, e a corrección da vergoñenta cantidade de erros e omisións que contén, fosilizada por anos de ocultación. Tamén se facilita a labor de estudosos e investigadores académicos, escolares e afeccionados, e se contribúe á valoración social da súa riqueza. E o mesmo que para o inventario, tamén debe ser pública a información sobre intervencións arqueolóxicas, informes e memorias.

8.- COORDENACIÓN. Débese organizar e coordenar de maneira sistémica todos os estamentos públicos (e tamén privados), implicados na actividade arqueolóxica. Hai moitos síntomas de descoordinación: concellos que descoñecen (ou din descoñecer) o inventario de bens arqueolóxicos do seu termo; actuacións sobre o patrimonio arqueolóxico sen continuidade; sinaléctica de xacementos, cando a hai, ao chou, heteroxénea e carente de criterios; miríadas de museos infradotados, sen plans de viabilidade, e ás veces duplicados; a Cidade da Cultura, monumento de todos os despropósitos... a longo prazo todo isto supón a dilapidación de recursos (e de ilusións) preciosos. Debe haber unha verdadeira política arqueolóxica que implique a todos os colectivos profesonais, administración autonómica e local, museos, fundacións, asociacións culturais, e que sexa capaz de establecer estratexias que saquen o máximo rendemento (cognitivo, social, cultural, educativo, paisaxístico e tamén económico) a todo o enorme potencial do noso Patrimonio Cultural.
Comentarios (1) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-01-2012 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por paresseux en peluche (03-09-2013 10:31)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal