Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Blanco Freijeiro, profeta na súa terra.
Cartaz das VI Xornadas Blanco Freijeiro
Dende o próximo 12 de Marzo, e ata o día 17, vanse celebrar na Biblioteca Municipal de Marín as VI Xornadas “Blanco Freijeiro” de Arqueoloxía, Arte e Historia. Este ano tratarán do tema “A Arte Medieval”, e contarán coa presenza de conferenciantes como Chao Castro, Bango Torviso, Carmen Manso Porto, Carlos Valle, ou Fontoira Surís, quen farán un repaso a arquitectura medieval galega dende o prerrománico ata o Gótico.

Dende hai sete anos, un pequeno e esforzado grupo de persoas veñen facendo todo o posible por celebrar estes ciclos de conferencias cun dobre obxectivo. Por unha banda fomentar o coñecemento do Patrimonio histórico e arqueolóxico nun Concello no que a riqueza senlleira do mesmo é directamente proporcional ao desinterese crónico pola súa conservación. Pola outra, reivindicar a figura do Profesor Antonio Blanco Freijeiro na vila que o víu nacer e finar.

Resulta imposible esbozar nun párrafo a talla intelectual de Blanco Freijeiro. Se a arqueoloxía española adoeceu historicamente dun alto grao de onfalismo, de illamento e de (por qué non decilo), mediocridade, moito máis acentuada nos duros anos da postguerra, Blanco Freijeiro escapa desta clasificación. Tras acadar unha formación envidiable como filólogo e como arqueólogo, Blanco conecta a arqueoloxía ibérica con Europa, aborda unha inxente cantidade de temas con gran perspicacia, e deixa unha enorme obra aínda, en moitos sentidos, vixente. O seu Cursus Honorum impresiona: Cunha formación académica alonxada da grisallenta universidade española dos anos 40, e animado polo seu mentor, García y Bellido, estuda coas mellores mentes de Europa: en Oxford con Beazley e P. Jacobsthal, en Heidelberg co etruscólogo Herbig, en Bonn con Ernst Langlotz… Foi Director da Academia Española de Roma, Conservador do Museu do Prado, Catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Sevilla (1959-1973) e da Complutense de Madrid, (1973-1988) sustituíndo a García y Bellido, Membro do Instituto Arqueolóxico Alemán e da Real Academia da Historia…

Pero impresiona máis o alcance da súa obra: revisou a cronoloxía da escultura ibérica, dándolle o seu verdadeiro contexto e establecendo as súas filiacións estilísticas; revolucionou os estudos sobre a cultura de Tartessos, confirmando o seu carácter autóctono e definindo as características da súa arte e estilo orientalizante, e analizou de maneira precursora a musivaria romana en relación coa pintura e co relevo histórico, entre outros múltiples descubrimentos. Aínda que a maioría da súa vida activa desempregouna lonxe de Galicia, non deixou de adicarlle atención a temas da súa terra natal, sendo os seus estudos sobre ourivería prerromana dos máis trascendentes e de referencia obrigada. Pero ademais deixou unha pegada imborrable en moitas xeracións de arqueólogos que o tiveron como docente. Non hai no Estado un só estudante de arte antiga que non tivese que estudar por algún dos seus manuais. Foi cecais o mellor divulgador do seu século. Mesmo os que non o coñecimos como profesor temos que agradecer a amenidade da súa pluma e a súa prosa depurada de latinista.

Todas estas son razóns que merecerían a lembranza e a homenaxe públicas, máis aínda en Marín, a vila onde mirou a luz primeira en 1923, e onde finou supetamente o día de Reis de 1991. Por esta razón se organizan aquí estas conferencias. Non son un simple acto testemuñal: por elas pasaron grandes figuras da universidade española, moitas delas vinculadas ao propio Blanco, como José María Blázquez, Luzón Nogué, Pilar León,… e outros moitos nomes imprescindibles na arqueoloxía e na historiografía galega: Vázquez Varela, Acuña Castroviejo, De la Peña Santos, Ramón Fábregas, Rodríguez Colmenero, Raquel Casal, Begoña Bas, Caamaño Gesto… E con un reconfortante éxito de público.

Así que os dous obxectivos de dar a coñecer a figura de Blanco na que foi a súa patria pequena, facendo o que mellor soubo facer, divulgar o coñecemento sobre o Patrimonio, seica se cumplen un ano tras outro. Pero non nos abonda. Se Blanco nacera noutro lugar teríanlle posto unha placa a unha rúa co seu nome (como a ten en Córdoba) ou a un centro de ensino (como a Aula Didáctica “Blanco Freijeiro da UAM). Pero en Marín o Instituto de Ensino Secundario de máis afinco prefire levar o nome dun almirante golpista que asasinou sen xuizo á tripulación de dous dos seus buques. Iso chámase “educar para a paz”.

E tampouco nos conformamos coa divulgación. Ano tras ano quen estamos detrás das Xornadas (eu moi modestamente) queremos ir alén do seu formato de ciclo de conferencias para convertilas nunha plataforma de debate científico e un punto de referencia para toda Galicia. Como o Celta, sempre andamos decindo pro ano que ven. Pero non nos falla a ilusión e a arela de que tal vez, se traballamos aínda máis e se o conseguimos, poidamos poñer a Marín no mapa, xa que non a Blanco no seu rueiro.
Teléfonos de información na Biblioteca e Museo de Marín
Comentarios (2) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 04-03-2007 17:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Enquanto antigo aluno do "I.N.B. Almirante Salvador Moreno" de Marim, a mim pareceria-me estupenda a mudança onomástica que propôs para o instituto onde, há já vinte anos, que se di logo, ti e mais eu nos conhecemos.

Aqueloutra propost#blgtk08#a que ti e mais eu sabemos também estaria bem.

O que é umha vergonha é que 26 anos depois da morte de Franco "o Instituto de Ensino Secundario de máis afinco" continue a levar o nome de umha outra personagem tam abjecta como o ditador.
Comentario por suso (05-03-2007 16:27)
2 grac#blgtk08#ias
Comentario por ours couché sur coussin arc en ciel (03-09-2013 11:35)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal