Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Nós, os irrelevantes
taramancos vello (Foto Manuel Gago, www.manuelgago.org)
A construcción da variante de Noia, que unirá a estrada VAP9 Brión-Noia coa SC-550 entre Noia e Taramancos, deu pé á descuberta, perto deste lugar, dun importante xacemento arqueolóxico. Os restos dun poboado que presumiblemente estivo ocupado dende a Idade do Ferro ata época romana, vencellado á explotación marisqueira (a xulgar polos depósitos dos seus cuncheiros), e o que é máis curioso, sen ningunha evidencia de murallas ou defensas de ningún tipo, como cabería agardar dun hábitat castrexo. O sorprendente xacemento foi escavado este verán, pero a Xunta de Galicia está decidida a destruílo e sepultar os seus restos debaixo do piche. A escusa é que, segundo a propia Xunta, carecen de relevancia.

Descoñecemos cómo se mide a relevancia dun achado. O Poboado de Taramancos amosaba as probas da ocupación máis antiga da bisbarra de Noia. Non parece isto relevante?. Contén tamén os únicos restos romanos que se podían calificar de tales nunha vila que presume dunha antigüedade nunca confirmada ata o de agora pola arqueoloxía. Tampouco isto parece relevante?. O poboado de Taramancos é ademais unha rara avis entre os castros: non ten murallas, algo excepcional que o convirte nun dos escasos testemuños existentes de ocupación dun espazo na Idade do Ferro fóra dos muros das citanias. Non é isto aínda relevante?. Ningún dos exemplos deste tipo de xacementos foi conservado ou como se gosta decir “posto en valor”; quen queira saber deles debe recurrir a publicacións parciais, e a datos e murmurios que circulan de boca de arqueólogo a oído de arqueólogo, coma as fórmulas das pocións druídicas. Taramancos é, pois, un exemplo único, senlleiro, da Idade do Ferro galaica, que podería estar á disposición do público. Non e isto dabondo relevante? Pois non, debemos estar trabucados, porque segundo os datos do relevanciómetro da Xunta, o poboado de Taramancos non vale nada.

Antes de facer unha obra, pública ou privada, hai que facer un estudo do seu impacto, tanto na paisaxe, no medio ambiente, coma no patrimonio histórico, artístico e arqueolóxico que puidera estar afectado. Tras a avaliación do impacto, é preceptivo establecer medidas correctoras, porque a razón de ser dunha avaliación de impacto é tentar evitalo, ou reducilo ao mínimo posible. Pódese facer de moitas maneiras: replantexando ou redimensionando o proxecto inicial, cambiandoo de lugar, ou mesmo renunciando a facelo. Pero despois de atopar o Vello Taramancos, non se barallou ningunha outra alternativa. A destrucción estaba prevista de antemán, e a escavación non é máis que un simple trámite que hai que cumplir, segundo o conselleiro de infraestructuras e da metade que quede do ambiente, para quen por esta zona “castros hai moitos”. Na variante de Noia, e a pesar de que presuntamente se fixo un estudo e corrección do impacto, vaise estragar por completo a desembocadura do Tambre, desfigurada por viaductos arrepiantes, ademais de esfarelar os restos arqueolóxicos máis antigos do municipio. Non hai medio ambiente que protexer, nin paisaxe, nin patrimonio. Saben por qué? Porque segundo eses estudos, deben de ser irrelevantes.

A administración opta algunhas veces por conservar os restos atopados. Obrígase a promotores privados, e as veces aos públicos, a variar os seus proxectos iniciais e mesmo a cancelalos porque afectan a un ben cultural que se considera relevante. A comparación dos restos así conservados e os destruídos non permite dilucidar cál é o criterio que mediu o seu interese e os salvou ou condenou á piqueta. A única pauta visible é que cantos máis cartos se invistan nunha obra pública, e cantos máis políticos falen dela, máis posibilidades hai de que os bens patrimoniais afectados, sexan da entidade que sexan, acaben esfolados. Pero eu sei polo menos dun caso no que un cidadán, ante a aparición duns restos en todo semellantes aos de Taramancos, foi, en xustiza, obrigado a replantexar a construcción da súa propia vivenda para preservalos, con grave menoscabo do seu pecunio. Non se coñece ningún ordenamento xurídico que diga que a administración estea eximida da lei que aplica a discreción aos seus administrados, non sendo a Lei do funil. Pero para a Xunta predicar co exemplo non parece que sexa algo que teña relevancia.

A administración debe velar pola preservación dos bens arqueolóxicos porque a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia establece que teñen consideración de dominio público todos os obxectos e restos materiais descubertos tanto en escavacións arqueolóxicas como en remocións de terras de calquera índole, por obras, ou por casualidade, tanto en terreo público coma privado (artigo 56.1). Consecuentemente, Taramancos é do dominio público. Porén, ninguén dende a equipa de escavadores ou dende a Dirección Xeral de Patrimonio, fixo o máis mínimo esforzo por explicarlles aos noieses, aos galegos, e ao resto do mundo en qué consisten estes achados, que son de todos eles. Non se nos permite calibrar por nós mesmos a relevancia do patrimonio que é noso. Non era pedir o imposible; informar é algo que se ven facendo, cada vez con máis frecuencia, en moitas escavacións en Galicia, e trátase dun san exercicio de reversión ao público do que é pubico, de devolver en coñecemento a inversión que todos facemos na investigación. O caso é que non sabemos case nada de Taramancos. Quizais non se explicou nada porque os achados eran irrelevantes, ou quizais foi porque se pensou que era mellor que a xente non soubera nada, porque o que saiba a xente ou deixe de saber é irrelevante.

Seguramente, habería xente que non entendería a importancia dos achados de Taramancos (no suposto caso en que tiveran algunha relevancia). Para iso é preciso educación e sensibilidade. A educación permítenos situar estes achados no seu contexto espacial e temporal, recoñecelos como parte dun mundo desaparecido e, coa obxectividade da evidencia material, aventurar, imaxinar, cómo ese mundo era. A sensibilidade obríganos a observar os restos do pasado con respeito e reverencia, porque nos permiten mergullarnos na corrente da Historia, sentila como parte de nós, e sertirmos nós como actores últimos dela. Cando a sociedade ten educación e sensibilidade indígnase ante a destrucción deliberada das reliquias do seu pasado, de aquilo que é testemuño do que unha vez foi, e da súa relación secular co territorio que habita. Unha boa parte da sociedade galega ten educación e sensibilidade, e está indignada pola destrucción do que é seu. Pero iso non parece importarlle aos responsables de velar polo seu Patrimonio, porque é menos relevante que gastar 38 millóns de euros en evitar catro minutos de atasco nunha estrada comarcal.

Taramancos, o castro sen murallas, non ten quen o protexa do empuxe das escavadoras e da especulación urbanística, que é a quen serve esta estrada mastodóntica e voraz. A pesares das voces que claman, clamamos, contra esta desfeita, o pasamento deste xácigo ocorrerá entre o silenzo e a indiferencia xeral. Un castro máis ou menos, é irrelevante. Igual que as rías, a paisaxe, o territorio, a Historia, o patrimonio público, a educación, a conciencia cívica, a identidade… Asumámolo, somos todos irrelevantes. Ata que nos rebelemos.
Comentarios (4) - Categoría: Escavacións - Publicado o 30-09-2011 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Indignante e frustrante a par#blgtk08#tes iguais. Saúdos cordiais.
Comentario por cãosemdono (18-10-2011 20:18)
2 Manda t#blgtk08#ruco!
Comentario por fon (02-04-2013 08:41)
3 ah b#blgtk08#on!
Comentario por capucin en peluche (03-09-2013 10:32)
4 Grac#blgtk08#ias
Comentario por Taladros eléctricos (28-02-2017 17:49)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal