Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os tesouros de Rande (ou o ouro de Moscova).
Os galeóns de Rande vistos por Urbano Lugrís
"Arredor do Nautilus, nun radio de media milla, as augas parecían impregnadas de luz eléctrica. O fondo areoso era nítido e claro. Os homes da tripulación, ataviados con escafandras, ocupábanse de desfacer toneis medio podres, caixas esbandulladas, en medio de restos xa renegridos. Destas caixas, destes bocois, escapábanse lingotes de ouro e de prata, fervenzas de piastras e de alfaias. Cubrían a area toda. Logo, cargados con este precioso botín, os homes voltaban ao Nautilus, deitaban alí a súa carga e ían repetir esta inesgotable pesca de prata e de ouro".

Jules Verne é o responsable de toda unha mitoloxía de paisaxes submarinas tan poderosa que case calquera ao que se lle fale de vellos naufraxios no fondo do mar mirará inmediatamente no seu maxín esta imaxe estractada do capítulo adicado á Ría de Vigo das súas 20000 leguas de viaxe submarina. Verne é tamén responsable doutra cousa: o coñecemento universal da Batalla de Rande (1702), que supuxo a perda da Flota de Indias e dunha boa parte da armada francesa a mans de británicos e holandeses durante a Guerra de Sucesión Española.

A historia é coñecida: Daquela, a Flota de Indias, cargada de tesouros e protexida pola armada francesa, ao mando de Manuel de Velasco e o Conde de Chateaurenault, buscan refuxio na enseada de Rande, no fondo da ría de Vigo, fuxindo da flota inglesa e holandesa do almirante Rooke, que lles blocaba a ruta a Sevilla. Descuberto o agocho, os anglo-holandeses organizan un ataque simultáneo por terra e mar, conquistan os castelos de Rande e Cordeiro, ao tempo que atacan a liña de defensa francesa, mal disposta e moi inferior en número. Perdida a esperanza, Manuel de Velasco ordea barrenar os galeóns dos tesouros, para evitar a súa captura. Todos os barcos españois e franceses son afundidos, queimados ou apresados. As riquezas que os ingleses conseguen recuperar son embarcadas no Santo Cristo de Maracaibo, pero este inmenso galeón encalla nas Cíes e afúndese tamén, irremediablemente.

Dende entón, os restos destes barcos e de 2000 tripulantes durmen no fondo do océano, pero a imaxe verniana deste cemiterio pode distar moito da realidade. En primeiro lugar, os pecios non descansan sobre un claro fondo areoso, senón que están enterrados baixo metros e metros de lama procedente do aluvión do río Oitavén. En segundo lugar, cando os ingleses atacaron, os galeóns levaban case un mes sendo alixeirados da súa prata, cargada en carros de bois e conducida terra adentro ata Castela. Aínda así os supostos tesouros asulagados en Rande son un estímulo inmenso para a imaxinación e para a cobiza. Proliferaron, e proliferan, os intentos de rescate.

O último destes intentos é un proxecto ruso-alemán proposto por unha empresa denominada San Simon GmbH, liderada por Ferdinand Karnath, e que pretende gastar 310 millóns de euros en recuperar a totalidade dos galeóns afundidos en 1702 e no ataque inglés a Vigo de 1719. O proxecto quere sacar da lama barcos e enseres con gran profusión de medios e tecnoloxía punteira, e está avalado por importantes (e anónimos) financeiros. Por traer, traíanse cartas e avais ata do mesmísimo Vladimir Putin e moitas gañas de empezar a traballar canto antes.

Cando os rusos mandaban foguetes a Marte, batían rexistros de salto con garrocha e os seus presidentes daban zapatazos no estrado da ONU podería ser que se lles tomase en serio, pero nestes tempos, se tecoleas ?mafia rusa? no Google saen 255.000 referencias, as cousas como son. Como para non andar con ollo. Hai moitos, moitísimos puntos escuros nesta empresa: É escura a súa pretensión de arrapañar o 50% do atopado e un galeón enteiro para levalo a un futuro museu moscovita, condición leonina digna dos tempos da arqueoloxía rapaz de Schliemann, e que é, por máis, absolutamente ilegal. ?Hai galeóns para todos?, argumenta o tal Karnath, que se erixe en xefe do proxecto, a pesar de que no seu currículo de ex-policía en Berlín, mergullador e profesor de non se sabe qué na Universidade Lingüística de Moscova, non aparece que sexa arqueólogo nin que teña experiencia algunha neste oficio ingrato. Tampouco se sabe nada do copioso financiamento: os inversores seica preferiron estar sempre nun enigmático anonimato. Tan escuro é todo que as máis de 1000 páxinas do proxecto, non se sabe se polas presas, foron presentadas? en alemán!, idioma moderno culto, pero bastante incomprensible para o funcionariado medio galego, o que alongou os trámites dende o 2005 ata hoxe. O máis benévolo que se pode dicir de Karnath é que é un soñador, un voluntarioso afeccionado ou un vendedor de fume.

Todo isto ven a conto de que a Dirección Xeral de Patrimonio acaba de dar portazo a este proxecto polas súas evidentes deficiencias formais, legais, financeiras, científicas, e técnicas. Ben.

Pero aínda así, postos a soñar, moitos miraríamos con ledicia un proxecto científico cabal e ben plantexado encol dos galeóns de Rande, de Verne e de Lugrís. Non hai no mundo un só galeón español rescatado, só expolios sonados coma o do Nuestra Señora de Atocha. Pero hai exemplos recentes alentadores, coma o rescate do Mary Rose en Gran Bretaña, ou referencias incontestables coma o Wasa, obxecto dun museu monográfico en Estocolmo que é o máis visitado de toda Escandinavia. Agora que, hai escasas datas, o Museu do Mar de Vigo, practicamente inoperante dende a súa inauguración no 2002, pasou a titularidade da Xunta, Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura, prometeu que centralizaría o eido da arqueoloxía subacuática coa creación dunha unidade de investigación especializada. Xa hai por donde empezar. E iso si que sería un verdadeiro tesouro.
Comentarios (4) - Categoría: Escavacións - Publicado o 21-02-2007 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 O Ouro de Moscov#blgtk08#o, 2ª Parte ;-)
Comentario por suso (21-02-2007 22:36)
2 Moitas gracias polo título. Cáelle de medo, pedíao a berros, pero #blgtk08#a min non me daba a cabeza para máis.

Mirámonos.
Comentario por Franjo Padín (22-02-2007 09:32)
3 Ha, ha, ha! Por nada, #blgtk08#meu amigo! Miramo-nos!
Comentario por suso (22-02-2007 11:31)
4 grac#blgtk08#ias
Comentario por chien boule baby first pour bébé (03-09-2013 11:39)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0