Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Evanxeo según James Cameron
O suposto sartego de María Magdalena (foto do Sydney Morning Herald)
O pasado día 26 de Febreiro, con gran pompa, foi presentado en Nova Iorque, un descubrimento arqueolóxico deses que quitan o himpo de por vida: o auténtico sartego de Xesucristo, con nome en arameo e todo, servido da man de dous premiadísimos urdidores de fábulas: o emmy-nente Simcha Jacobivici, e o titánico James Cameron.

Contemos as cousas dende o comenzo. No ano 1980, unha escavación arqueolóxica no arrabaldo de Talpiot, ao Sur de Xerusalem propiciou a descuberta dunha tumba do século I (despois de Cristo, enténdese), na que había os sartegos-osarios de varias persoas, cada un deles con estes nomes, escritos en grego, arameo ou hebreo. Nunha delas puña, en letras arameas e caligrafía enrevesada Xesús-fillo-de-Xosé. Nas outras, nomes igualmente suxerentes: María, Matia (ou Mateo), Xosé, Iago-fillo-de-Xosé-irmán-de-Xesús, Mariam(a)Mara, e Xudas-fillo-de-Xesús.

A cousa foi obxecto dun documental producido por Cameron e estreado estes días no Discovery Channel, con ese estilo tan pouco dado á mesura que teñen estas canles de cable americanas. Non hai que ser moi intelixente (literalmente) para chegar ás conclusións expostas: o Xesús non pode ser outro que o de Nazaré, e o resto de defuntos non só o confirma, senón que demostra (escandalosamente) a falsedade dos dogmas e tradicións da Igrexa, a saber: a virxinidade de María (á vista de que tivo máis fillos), o celibato de Cristo (que debeu estar liado coa outra María, coa que tivo un cativiño chamado Xudas, quén sabe por qué), e a súa resurrección (pois foi enterrado nun osario).

Incluso os descreídos de certa (e aínda escasa) cultura pensabamos que a tumba de Cristo, de existir, non debe de ser outra que o lugar onde hoxe se atopa a Igrexa do Santo Sepulcro, que calquera pelegrín coñece. Foi mandada erguer por Santa Helena, nai do emperador Constantino, no século IV, no monte Gólgota, alí onde lle dixeron que estaba, unha cova chea de broza e silveiras. De feito, o lugar coincide coa descripción dos Evanxeos Sinópticos así que se temos que aceptar a existencia histórica de Xesús porque alí aparece escrito, non hai razón para negar a súa tumba. Pero estes son tempos en que o populacho aprende á cultura occidental a través das novelas de Dan Brown, e as cousas da Igrexa non teñen creto ningún, se os seus altos ministros predican a continencia sexual mentres agachan o que fan os colegas nas catequeses.

Cameron nin sequera é orixinal. Estes achados son antigos e coñecidos para quen quixera achegarse a eles. Xa a BBC fixera no ano 1996 un documental con argumento semellante, gran balbordo e éxito de público. Incluso houbera unha película de temática parecida na que saía o mesmísimo Chonio Banderas. Cameron tamén presentara hai pouco, con moita fanfarria outro documental de tema bíblico, no que cunha despiporrante arquitectura argumental, pretendía demostrar que o libro do Éxodo era exacto palabra por palabra. Algo tipicamente americano, por outra banda, pois a erudicción (e a moral) dunha ampla e aterradora porción da súa sociedade non ten máis fundamento escrito que as Biblias puritanas que levaron consigo no Mayflower.

A realidade da tumba en cuestión é, segundo Amos Kloner, o arqueólogo que a descubríu, que alí había unha familia media xerosolimitana de clase acomodada e nada máis. Nin sequera os nomes chaman a atención. O nome de Xesús (Yeshua) é tan común como pode selo hoxe, e o mesmo pasa cos dos demais. Hai un cento de sartegos así nomeados en toda a cidade. E hai varios co nome de Xesús-fillo-de-Xosé. Un deles está no Museu Rockefeller da mesma Xerusalem. ¿Cal será logo o auténtico?.

Despois de caladas as gargalladas que a todo arqueólogo con sentido do humor nos producen estas cousas, temos que poñernos serios. É moi triste, tristísimo, que as canles de televisión contribúan desta maneira ao papanatismo xeral, mentres os científicos, e os arqueólogos en particular, predican no deserto. Préstanse altofalantes a calquera indocumentado para gañar cartos dicindo parvadas sen decatarse que as televisións son o principal acceso á cultura para moita xente. Será pola audiencia, pero perdemos todos. E que non digan que a arqueoloxía seria non vende. Dicía Carl Sagan, (e ese sí facía bos documentais), que a ciencia sempre é moito máis interesante.

Pero se do que se trata é de vender, e como nesta bitácora non hai escrúpulos á hora de aumentar a audiencia, ei-vai en exclusiva as últimas teorías de quen suscribe sobre a correcta interpretación dos Evanxeos á luz dos datos:

Xesús non morreu na cruz, senón que apresado polos seus nemigos tras tentar sen éxito derrocar ao establishment levítico dos sacerdotes do templo, urdíu en complot con Barrabás un plan de fuga consistente en sustituir o seu corpo na cruz polo de Brian de Nazaré aproveitando a confusión xerada por unha cadea anormal de terremotos, un tsunami, unha tormenta eléctrica e unha erupción do volcán Krakatoa que provocou un minicambio climático que obrigou ao público asistente a volver a casa a por algunha prenda de abrigo. Despois de recorrer o mundo reencarnándose nas personalidades sucesivas de Confucio, Buda, Zaratustra, Mahoma e Haile-Selassie, sen que a diverxencia cronolóxica que a historiografía amosa sobre todos estes personaxes sexa non máis que unha tapadeira, ascendeu aos ceos nunha astronave (fonte dos seus superpoderes), deixando unha abundante descendencia froito da súa relación, non con María Magdalena, que era en realidade un home, senón coa última descendiente do triunviro Marco Antonio e Cleopatra, raíña de Exipto. Esta estirpe rexia poderíase pescudar se puidésemos cotexar o ADN dos derradeiros zares de Rusia cos ?frenazos? da Sábana Santa de Turín, pero a Igrexa Católica sempre negou esta sinxela corroboración por medo a perder o seu statu quo de privilexio ideoloxizante. Emporiso, importantes personaxes da historia, como Maquiavelo, Shakespeare, Robespierre ou Mussolini estaban no allo, pois pertencían a misteriosa Orde dos Cabaleiros das Uñas dos Pés Pintadas, gardadora destes segredos. A obra de Marcel Duchamp, derradeiro maestre da Orde, poderá ser analizada baixo esta inquedante perspectiva.

Qué probas hai? Pois a mellor: A Igrexa Católica vaino negar. E iso só pode ser porque eses trampulleiros con sotana algo ocultan. Galiñas serán, pero chéirame a can.
Comentarios (7) - Categoría: Mundo - Publicado o 07-03-2007 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
Os amantes de Valdaro.
Os amantes de Valdaro (Foto Reuters)A arqueoloxía escasea nos medios de comunicación de masas, rara vez é capaz de atraer para si titulares. Afeito ao consumo inmediato dos acontecementos que se relatan e se encadean, o público non parece prestar atención a unha disciplina científica como a arqueoloxía, baseada na parsimonia e proporcionadora de novas por definición moi atrasadas. Pero ás veces un achado casual fai que a máquina se deteña uns minutos para mirar un pouco cara atrás.

O pasado día 7 de febreiro, os teletipos de medio mundo fixeron eco dun achado realizado no Norte de Italia. Dous esqueletes, seica home e muller, apareceron enterrados xuntos, abrazados, nunha tumba neolítica na localidade de Valdaro, un arrabaldo industrial de Mantua, mentres escavaban unha vila romana que ía ser afectada pola construcción dun edificio. Dispostos de lado, en posición fetal, amosaban as pernas e brazos enlazados nun abrazo eterno, mirándose aos ollos (ou ás cuncas) mentres se sorrían (ben que forzadamente, dada a súa condición de osamentas) cunha dentadura perfecta.

O achado abre unha gran cantidade de incógnitas que aínda non se poden responder. En primeiro lugar, porque unha tumba dobre é rara, toda vez que supón unha relativa simultaneidade na morte dos seus inquilinos. Cal podería ser a causa dese pasamento dúplice?. Xunto ao pescozo do home apareceu unha punta de sílex, mentres que no muslo dela hai un coitelo alongado, tamén de pedra, pero non se sabe aínda se estes obxectos poderían ser os causantes das súas mortes, ou simplemente parte do enxoval funerario. En segundo lugar, porque aínda se descoñece a relación entre os dous defuntos: eran mozos?, amantes?, irmáns?. Poida que a análise dos dentes revele este último aspecto, todo o demais serán cábalas.

Cando aínda non temos resultados concluíntes da escavación, o realmente chamativo da noticia é a evidencia da gran cantidade de filtros contemporáneos e absolutamente subxectivos a través dos que os medios, e o público, contemplan a nova. Tanto no seu aspecto máis romántico coma no máis siniestro.

Evidentemente, o achado ten un aspecto emocional grande. Cando se atopan dous cadáveres abrazados, nunha postura tan chamativamente amorosa, en Mantua, a vila na que foi desterrado Romeo, é difícil sustraerse da idea dun amor con connotacións shakespearianas que supera a barreira da morte. A arqueóloga que dirixía a escavación, Elena Menotti, recoñecía que a equipa de escavadores emocionouse ao atopar os corpos, aos que bautizaron novelescamente coma ?Os amantes de Valdaro?.

Pero tamén hai un lado lúgubre, pois cobrou forza nos medios a hipótese de que ela fose sacrificada tras a morte del, para que o acompañase ao burato. Non hai a penas nada que corrobore isto. A súa postura no leito en que xace non amosa sumisión, senón un sentemento mutuo incluso apaixoado. Poida que simplemente morreran enfermos, e no suposto caso en que se demostrase que ela sufrira unha morte violenta, nin sequera se podería afirmar que ésta fose forzada, coma foi o caso da propia Xulieta. A hipótese do sacrificio é alimentada pola idea que insinúa que o asasinato de mulleres a mans dos seus homes responde a un impulso atávico, nesta época na que as mortes de mulleres víctimas da violencia doméstica é unha desgracia demasiadas veces presente. E isto é deplorable (tanto os asasinatos, como a idea que os homes sexan intrínsecamente asasinos de mulleres).

Di a arqueóloga Elena Menotti, a descubridora dos restos, que "Independentemente do motivo polo que foron sepultados estreitándose cos brazos, desprenden a idea de que estaban unidos por un forte sentimento?. Coida ela que son ?a testemuña dun gran amor que sobreviviu a séculos de historia?. Non podemos dubidalo. Parafraseando a Quevedo, poeta castelán: Son cinza, mais teñen sentido. Son pó, mais pó namorado.

Valentín foi un sacerdote que sufriu martirio no ano 273, por casar en segredo ás parellas cristiás saltando a proibición ao respecto do emperador Claudio II. O día da súa onomástica, que era hoxe, foi escollido polos namorados e os comerciantes como unha festa para celebrar ese amor que profesan (pola súa parella e polo negocio, respectivamente). Sirva pois, esta nova, para celebrar o amor entre todos os arqueólogos e arqueólogas, nestes tempos de disputas e coiteladas.
Comentarios (3) - Categoría: Mundo - Publicado o 14-02-2007 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
A voltas arredor dos círculos.
Foto National Geographic
Recentemente, os medios de comunicación de medio mundo fixeronse eco das novas descubertas arqueolóxicas realizadas durante o pasado ano 2006 na bisbarra de Salisbury, no entorno inmediato de Stonehenge, posiblemente o monumento megalítico máis coñecido do mundo.

Os resultados foron publicados na revista National Geographic, que financiaba parcialmente as escavacións, realizadas en realidade por unha ampla equipa de arqueólogos pertencentes a seis universidades inglesas, dirixidos por Mike Parker Pearson, dentro do chamado Stonehenge Riverside Project.

Tales escavacións deron pé a suxerentes interpretacións, moi na liña dunha revista capaz de facer que o mesmo Xudas Iscariote escriba un evanxeo. En primeiro lugar atoparon un túmulo que agachaba unha tumba de incineración. Baixo un gran bloco de dolerita, a mesma pedra coa que os megaliteiros construíron o calendario de Stonehenge, atoparon as vértebras calcinadas dun protoinglés de metro oitenta, xunto a obxectos de procedencia distante, seica dos Alpes, coma un cristal de rocha.

Por outra banda, outras escavacións centraronse en Woodhenge, un círculo semellante a Stonehenge situado a dous quilómetros, pero feito, coma o seu nome indica, de madeira. Os investigadores atoparon as trazas dun círculo de pedras neste lugar, que foi reformado alomenos dúas veces. Posiblemente, as pedras, desaparecidas, foron trasladadas en tempos remotos para ser engadidas ó monumento xemelgo de Stonehenge.

O terceiro punto de interese estaba en Durrington Walls, o monumento tipo henge máis grande de Inglaterra, tamén a uns tres quikómetros de Stonehenge. Alí os arqueólogos atoparon os alicerces de alomenos unhas 30 vivendas de madeira, ordeadas nunha gran avenida de 170 metros de longo e máis de 20 de ancho, e que foron datadas polo C-14 nas mesmas datas da construcción do círculo de Stonehenge. Eran casas dun tamaño decente para o que hoxe se estila, 25 metros cadrados, con piso de arxila pisada e, a xulgar polos restos, incluso amoblados. Fóra deste asentamento apareceron máis vivendas, algo diferentes, posiblemente lugares de culto.

As características dos obxectos atopados dan pé a pensar que este non era un asentamento corrente. Por exemplo, aparecen por todas partes ósos e dentes de porcos case todos sacrificados con nove meses. Ou sexa, que eran porcos criados, e matados a intervalos regulares. Se consideramos asemade o aliñamento da Avenida de Durrington Walls e de Stonehenge cara ó abrente e o solpor do solsticio de inverno, respectivamente, infiren os ingleses que en Durrington xuntábanse grandes continxentes de pelegríns vidos de todo o Sur de Inglaterra para celebrar unha gran romería de San Martiño prehistórica.

Outras interpretacións levan aínda máis lonxe. Teñen que ver co río Avon como autoestrada psicopompa, o culto solar ligado ós mortos, e toda unha complexa estructura cosmogónica ligada á paisaxe e a unha rede de monumentos relixiosos que está de máis explicar aquí. Aos enlaces remitimos. En calquera outro sitio, estes resultados non serían tan espectaculares, ou tan chamativos, pero Stonehenge ten un millón de visitantes ó ano. As autoridades, seica, traballan para evitar a proliferación de aparcadoiros e camiños que estraguen a chaira de Salisbury. No 2003 planeábase desviar unha das estradas cercanas, soterrar cun túnel outra e construír o centro de interpretación? a catro quilómetros!.

Ao mesmo tempo que isto sucede, o noso pequeno Stonehenge da Mourela agoniza. Informan os amigos de Choiva Azeda que o Sr. Manuel Morato, Director Xeral de Obras Públicas, non ten a menor intención de atender á demanda feita por ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes, de salvar o círculo lítico cun pequeño túnel. Queda un fío de esperanza, pois afírmase que todo depende do informe final dos arqueólogos de Andrés Bonilla. Quizais sexa así. Un pensa naqueles megaliteiros neolíticos, que vivían felices comendo churrasco no seu debido tempo, que mandaban as almas dos seus mortos polo río abaixo, que axeitaban os seus costumes e mitos ás formas e redondeces da terra na que vivían, que rexían a súa vida polos astros do ceo, e os compara con estes megaliteiros do cemento, que rebentan as rochas, rompen montes, estragan fragas, nublan ceos, e atoran os mesmos ríos por onde viaxaban aquelas animiñas antigas, sen importarlles nin quen foi nin quen virá, e se pregunta se non será que a civilización vai ao revés.
Asina en favor do túnel para salvar a Mourela
Comentarios (5) - Categoría: Mundo - Publicado o 05-02-2007 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0