Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Retábulo da avaricia
Retabulo de Barxés, en Muíños, un dos restaurados pola trama.Carlos Gómez-Gil Aizpurúa, na actualidade funcionario no Museo de Arqueoloxía Submarina de Cartaxena (Murcia) pasa por ser restaurador. Dende 1999 ata mediados do 2009, traballou na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, supervisando proxectos de rehabilitación do Patrimonio. José Manuel Pichel é arquitecto e traballa na Sociedade Pública do Xacobeo. Ata hai pouco encargábase da adxudicación de obras no Camiño de Santiago, ademais de manter paralelamente un estudio de arquitectura particular. Os dous están imputados, entre empresarios, funcionarios e sacerdotes, no caso “Retablo”, como cabecillas dunha trama de soborno, prevaricación e tráfico de influencias. Ambos os dous, pensaron que o seu soldo de funcionario era demasiado magro para financiar as súas arelas vitais, así que decidiron aproveitar a situación de privilexio que lles confería o seu posto para engordar o peto.

O modus operandi era ben sinxelo. Carlos Gómez-Gil debía autorizar as obras de restauración do patrimonio eclesiástico nas provincias de Pontevedra e Ourense, e manexaba para este fin un orzamento de medio millón de euros. Cando un párroco quería restaurar un retablo, unha imaxe, un coro ou un peto comido da couza, recibía unha recomendación para que contratase a tal ou tal empresa de restauración, pois sendo estas empresas “do seu agrado” podería xestionarlle ao ilusionado sacerdote unha subvención. O mesmo día, ou poucos días despois que a empresa beneficiada recibía os encargos, a conta corrente do restaurador recibía un suculento ingreso (ata 122.000 euros ingresou sen xustificar). Ademais os orzamentos eran sistemáticamente engordados falseando o estado das pezas a restaurar: a Xunta pasou de pagar 96 euros por m2 restaurado no 2002, a 658 en catro anos. As mesmas empresas levaban a dedo unha chea de encargas da Xunta, que por non superar un determinado orzamento non debían saír a licitación. Só cinco enmpresas beneficiarias facturaron 2,65 millóns de euros en catro anos con este tipo de amaños.

Logo estas empresas operaban como é habitual no sector: repintando os retabulos con materiais inapropiados, incumplindo protocolos, criterios e normativas básicas, e contratando para iso a moleques recén saídos da Escola de Restauración de Pontevedra dispostos a traballar por dous patacos e que xamais denunciarían aos seus xefes porque saben que, de ser así, xamais volverían a ter contratos con esta mafia, que é a única que os pode dar.

Mentres, o malestar medraba nos empresarios fóra desta rede fraudulenta de prevaricadores e sobornadores, tanto que remataron por denunciar esta situación ante a Administración. A Consellería de Cultura, daquela dirixida por Ánxela Bugallo, iniciou un expediente aos seus funcionarios que, coincidindo co cambio de goberno, foi entregado á fiscalía. Carlos Gómez-Gil puxo terra polo medio e emigrou a España, a Cartaxena. Mentres, o seu amigo Pichel seguía repartindo chollos ás empresas da súa confianza. No verán pasado, co PP xa no poder, colocou a arrapañota, entre os seus colegas, 50 obras de albergues para pelegríns no Camiño de Santiago. “Vouvos repartir Galicia. Heivos dar unha herdanza de puta madre”, dixo eufórico por teléfono a unha das afortunadas por esta lotaría. Non sabía que xa entón, unha unidade de delitos económicos da policía pinchara o seu teléfono.

Pero había quen estaba descontento tamén con este reparto. Un dos empresarios restauradores decidiu tirar da manta: Manuel Montes, o parvo desta historia, desfixérase en regalos ao Carlos Gómez-Gil a cambio de contratos: pintoulle a casa, regaloulle móbiles con mans libres para o coche, e mesmo cambioulle as rodas. Por encargo de Gómez-Gil restaurou a casa rectoral da parroquia de Paraños, sufragada seica con cartos da Xunta, pero non cobrou un can, así que foi contar todo á “madeira”. Carlos Gómez-Gil conseguiu que o bispado lle cedera a rectoral refornada, convertida tras as obras nun pazo, con xardín de 4600 metros cadrados e piscina. A finais do 2008 mercouna ao bispado polo ridículo prezo de 60.000 euros e acto seguido, antes mesmo de pagar o primeiro prazo, púxoa á venda por internet a 680.000, co conseguinte escándalo dos veciños, que como en moitas parroquias, dende sempre contribuíran coa súa xenerosidade ao mantemento dunha casa que consideraban que era de todos. Qué sacaba a Igrexa con isto é un misterio. Ante o clamor popular, o bispado de Tui (que autorizou a venda da casa) deixou ao párroco co cú en pompa, e chorando como unha madalena ante Gómez-Gil para que lle devolveran a casa. Mentres, José Luis Pérez, ex delegado da Consellería de Cultura en Ourense con Fraga, buscáballe compradores ao restaurador fuxido a Cartaxena: Por teléfono, avísalle: “Hai comprador. Pedíronselle 700.000 euros de entrada, así que aquí hai para todos”. Quen queira entender que entenda.

En setembro, coa investigación xudicial en marcha, os implicados comenzaron a poñerse nerviosos. Foron citadas 200 testemuñas, e os móbiles (pinchados) ferveron. As conversas gravadas, incluídas no sumario aberto da operación "Retablo” e que apareceron extractadas na prensa son unha crónica do esperpento: chamadas dos empresarios para sacudirse o morto (“Quedades -con Montes- nalgún sitio e dáslle un sobreciño e punto”); curas que chaman aos implicados para contar que non contaron nada á pasma, ("No dije mentira, pero tampoco toda la verdad a la policía, ni mucho menos"), chamadas a altos cargos do PP para que paren a investigación... Entre éstes, chama a atención a implicación de Diz Guedes, ex conselleiro de Xustiza, Interior e Agricultura con Fraga, tudense de pro, e a do citado José Luis Pérez, exdelegado de Cultura en Ourense. “A cousa ten que chegar directamente a Feijoo (…) que chamen directamente a Alberto Núñez e lle poñan as pilas”, chega a oubear. As opcións pasan por deixar que a cousa se enfríe ou por botar merda ao ventilador. Unha empresaria sóltalle a Gómez-Gil: “É necesario (…) que esa investigación se xeneralice a toda Galicia, e se caes ti, caen todos”. Todos, todos, todos.

Ao ser informado de que posiblemente houbera persoas denunciando dentro da Consellería, José Luis Pérez, o ex-delegado de cultura metido a axente inmobiliario, afirmaba nunha conversa: “Isto é unha vergoña, a Consellería de Cultura é unha vergoña e Patrimonio a maior vergoña de todas as vergoñas”. Por motivos ben diferentes, e aínda que só sexa nisto, non podo estar máis dacordo con el. Como ex-delegado de Cultura, este fulano debe saber do que fala. Eu tamén. Eu vin cousas que vós non creríades. Menos Raios-C brilar na escuridade alén das portas de Tännhauser, alí dentro da Dirección Xeral de Patrimonio, Servizo de Arqueoloxía, había de todo.
Comentarios (3) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 27-02-2010 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Feliz ano suevo!
O rei Teodomiro con tres bispos (Códice Vixiliano)En outono do ano 409, unha grande grei de xentes chegan a Gallaecia. En longas ringleiras, homes armados, a pé ou a cabalo, recorren as vellas estradas do Imperio Romano. Van vestidos con mantos de lá que prenden con grandes fivelas no ombro. As súas guedellas e bigodes confírenlles un aspecto feroz, acrescentado polas longas espadas e lanzas que portan, e o estraño acento da súa lingua, que sóa áspero e bárbaro a quen os escoita. Tras eles, en grandes carros de bois, viaxan as súas mulleres e enseres. Non é unha horda de saqueadores que veñan arrasar as vilas e cidades para logo marchar co botín. Veñen ficar para sempre.

O rei destes invasores, ou inmigrantes, Hermerico, aproveitara a delicada situación política e militar do Imperio de Occidente para atravesar o limes, a fronteira norte do Imperio, quizais incitado polo xeneral romano-xermano Estilicón para favorecer as súas particulares ambicións. Unha vez dentro do Imperio, os Suevos, que así se chamaba este pobo, convertíronse en instrumento das loitas intestinas polo poder en Roma, a cambio de terras onde asentarse. Así chegaron a Galicia, tras pactar co emperador Honorio un foedus, un tratado de alianza con Roma, polo cal comprometíanse a manterse quedos e en paz a cambio de terras nas que instalarse. ("Habitabant ibi foederatorum conditione sub regibus suis Suebi", di Hidacio de Chaves). A provincia da Gallaecia emancipábase así do poder imperial, coa ledicia do campesiñado, que se libraba da pesada fiscalidade romana e os seus gravosos trabucos, e co espanto das clases urbanas aristocráticas e católicas, conservadoras e saudosas dun imperio moribundo. Hermerico convertiuse no primeiro rei do primeiro e máis antigo reino do Occidente medieval. Galicia.

A historia non trata ben aos Suevos. As escasas crónicas que se ocupan desta época convulsa foron redactadas por membros desa temerosa aristocracia galaicorromana que miraba perigar o seu statu quo particular. Segundo Hidacio, o principal dos cronistas que nos informan, as plagas de Exipto foron orballo comparado cos Suevos, bestas depredadoras “semper fallaces et perfidi”. O retrato destes reis e das súas vicisitudes debuxan un panorama de crises políticas, loitas civiles, decadencia e derrota. Para colmo, un século de historia do reino (entre o 469 e o 550) está sumido nunha impenetrable escuridade, pois non se coñece case ningunha fonte histórica para estes tempos.

Tampouco interesaron os Suevos a ninguén. A historiografía española xamais adicou a menor atención a este episodio, ben por unha inconfesable impotencia ante as sombras que asulagan estes remotos tempos, ou ben porque, aqueixada como está dun acrítico nacionalismo, preferiu outorgar o protagonismo aos visigodos, xentes nas que non se dubidou en identificar aqueles rasgos que definen a esencia da nación española (a saber: catolicismo e monarquía peninsular unitaria. Por Dios la patria y el rey murieron nuestros padres). Tampouco a historiografía portuguesa quere saber nada dos Suevos. Resulta sintomático que o reino de Portugal, que naceu como nación entre o Miño e o Douro, na Gallaecia máis latinizada, o cerne precisamente do reino Suevo, se identifique coa Lusitania. En Europa, outros historiadores ocultaron cun altaneiro desdén a súa propia ignorancia. Lucien Musset chegou a ornear que “se os suevos de España (sic) non existisen, a historia non tería cambiado en nada importante”. 175 anos de historia suprimida cunha frase atroz.

En Galicia, a cousa non pinta moito mellor. Os historiadores máis vinculados ao galeguismo, que podían mirar con bós ollos aos Suevos, nunca gozaron de continuidade nos seus traballos (e niso ten moito que ver o nacionalismo español en armas). E os demais miraron sempre o seu discurso condicionado pola opinión xeralizada e poderosa da historiografía dominante en España, ás máis das veces sectaria. Nos libros de texto de Ensino Obrigatorio da Galicia actual (2º de ESO, Obradoiro-Santillana, por exemplo), o Reino Suevo ocupa seis liñas.

Merecen os suevos este esquecemento? Lonxe de ser bárbaros peludos e incivilizados, viviron séculos en contacto cos romanos na fronteira. As súas incursións pola península, calificadas de meros saqueos e asasinatos, responderon máis ben a plans organizados de expansión e de asentamento do poder dunha monarquía guerreira. Pese ao panorama de loitas civiles polo poder coas que se pinta aos pobos xermánicos (e do que os visigodos teñen grande parte de culpa), os suevos constituíron unha monarquía cun sistema de sucesión herditario, a priori estable, no que o fillo era asociado ao trono en vida do pai. As moedas que cruñaron, (importantísimas por cantidade e calidade) primeiro imitando a moeda imperial, e máis tarde cruñando moeda propia (Requiario é o primeiro rei xermánico de Europa que cruña moeda co seu nome entre o 448 e o 456), dan a entender que o comercio non decaeu, senón ao contrario. Fronte a tradicional imaxe de caos xeralizado, os reis suevos remataron por asumir unha política de cohesión social a partir da aceptación do catolicismo, do apoio da monarquía na organización territorial da Igrexa, uniformizada a través dos Concilios de Braga, e na busca de equilibrios internacionais (con francos, visigodos e bizantinos) que garantizasen a súa supervivencia.

A data da fundación do reino suevo, o primeiro reino de Galicia, foi nun intre incerto entre o 410 e o 411. Cúmplense logo 1600 anos do reino máis antigo de Europa. Francia celebra cada centenario da Revolución facendo unha torre xigantesca ou unha biblioteca. Uruguai no seu centenario fixo o primeiro mundial de fútbol. En Galicia faise... un Xacobeo (sen que se saiba xa qué demo é iso). Por iso, en Galicia pesa tanto este silenzo sobre o seu propio cumpleanos como entidade política independente, que só pode ser debido a unha combinación letal de ignorancia e aldraxe, mal que aqueixa a toda a nosa clase política. E por iso, tamén hai quen andamos en celebrar a efeméride facendo o mellor que podemos facer por nós mesmos: animar a coñecer a nosa historia, para saber de quén vimos sendo.
Comentarios (10) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-01-2010 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Un castelo no ar
O castelo de Villerouge, e o de Pambre
Villerouge-Termenès é unha pequena viliña, ou máis ben unha aldea, entre as fragosas e abruptas terras da rexión de Corbières, no Departamento de Aude (Languedoc-Rousillon), no Sur de Francia. Unha mancheíña de casas rodeada de montes, atravesada por un murmurante regato, e dominada pola pétrea presencia dun castelo medieval. A fortaleza, feudo do arcebispo de Narbona, pero disputado pola nobreza local, marcou dende sempre as vicisitudes desta pequena comunidade, suxeita ao seu implacable señorío. Despois da Revolución e tras pasar por diversas mans, o castelo convertiuse nunca morea de pedras arruinadas, ao tempo que a vila, que chegou a ter 420 habitantes no século XIX, se desangraba pouco a pouco, vítima do éxodo rural. Os 250 habitantes que había a mediados dos anos 50 reducíronse a tan só 140 en 1975. Villerouge ía camiño de convertirse nunca vila pantasmal, de casas vencidas polo abandono e comestas das silveiras.

No ano 1976 o castelo foi declarado Monumento Nacional, e os villerougeois decidiron poñer freo á súa decadencia usando do seu patrimonio máis preciado. A comuna fíxose cos restos do bastión, entón dividido entre varios propietarios, e comenzaron os traballos de restauración. O castelo era un máis nunha rexión plagada deles, pero Villerouge tiña unha peculiar historia que contar. A vila fora escenario, en 1321, da morte na fogueira de Gilhem Bélibaste, o derradeiro Perfecto do catarismo, a secta heterodoxa que foi obxecto dunha sanguinaria persecución en forma de Cruzada católica a principios do século XIII, excusa para a extensión do dominio dos reis de Francia no Languedoc, e para a creación dun dos instrumentos de poder e coerción máis siniestros da historia da humanidade: A Santa Inquisición. Unha historia tan novelesca que quen a coñece non pode deixar de sentirse cautivado.

Quen visite hoxe Villerouge no verán atopará unha aldeíña coqueta por onde deambulan angúns turistas tranquilos. Case todos veñen atraídos polo castelo, restaurado, que se pode visitar con guía. O circuíto da visita xira en torno da vida do malpocado Bélibaste, e da evolución do castelo e da vila, a través de diaporamas, maniquís e vídeos. Como case todas as fortalezas medievais da rexión, está dentro dun circuíto turístico que agrupa os chamados “castelos cátaros”, e que permite acumular descontos nas entradas ao visitar varios deles. Ten incluso un restaurante que ofrece auténticas receitas medievais, dignas do propio bispo de Narbona (o churrasco de cátaro, perdonando o chiste macabro, non está na ementa). Moitos antigos habitantes volven nos meses de calor a disfrutar dos seus antigos predios e casas remozadas. O censo estabilizouse, e incluso aumentou lixeiramente. Visitei Villerouge no verán do 2008 e pareceume un exemplo marabilloso de simbiose entre o pasado e o presente, de cómo unha comunidade pode apoiarse no patrimonio monumental para atopar novas oportunidades económicas, ao tempo que eses recursos permiten e animan a conservar este patrimonio.

Mentres tanto, no outro extremo da galaxia atópase o castelo de Pambre, en Palas de Rei (Lugo). A única fortaleza, seica, que non sufriu os rigores xusticeiros dos Irmandiños cando durante dous anos, entre 1466 e 1469, foron donos do Reino de Galicia, expulsando aos nobres e derrubando as torres dende onde exercían o seu opresor dominio sobre os labregos galegos. O que non logrou nunca a Santa Irmandade estano a conseguir hoxendía as silvas e os toxos, rubindo polas antano orgullosas murallas e adarves ata o máis alto da torre do homenaxe, todo a pesares de que o conxunto conta coa máxima protección da Lei, ao ser Monumento Nacional dende 1949, e conseguintemente Ben de Interese Cultural (BIC) dende 1995. Cando os veciños de Palas de Rei se organizaron para reclamar un maior celo pola conservación do monumento, e un horario de visitas para o mesmo, só conseguiron que o seu propietario, o Conde de Borraxeiros, botara o cerrollo e puxera de porteiro un mastín de considerable porte e dentamia, a pesares de saber que era o seu deber legal abrir o castelo catro veces por mes para permitir que a chusma plebea pudiera asomarse a unha xaneliña por onde contemplar o seu pasado. Esta actitude de aristocrática teimosía custoulle incluso a apertura dun expediente sancionador pola Consellería de Cultura. O estado de abandono era tal que ata a Consellería de Turismo redactou un ditame aconsellando a súa expropiación.

Manuel Taboada Fernández, Conde de Borraxeiros, este celoso defensor do Patrimonio, acaba de finar, Deus o teña na Gloria. A falla de fillos aos que deixar o seu fortín, legouno a uns irmáns: os Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres, unha congregación religiosa radicada en Vigo e adicada á beneficencia, que inmediatamente declarou a súa intención de desfacerse do castelo para financiar as súas actividades. O prezo anda polos 10.028.000 euros, que foi a taxación feita polo arquitecto César Portela dos edificios e terras que comprende o conxunto (o castelo e os seus anexos, 10 hectáreas de carballeiras, e outras 35 de prados). Sae a 2900 euros o metro cadrado, algo caro para unha ruína: o precio medio da vivenda nova na provincia de Lugo non chega a 1200 euros/metro, e a casa rural en Palas, anda polos 350 euros/metro. Manuel Taboada pagara polo seu solar un millón e medio de pesetas en 1974 (aproximadamente o prezo de tres pisos daquela), e aínda lle sobraron cartos para mercar o título nobiliario que o seu pai rehabilitara en 1958. O Concello de Palas de Rei, que ata defendera a idea da expropiación cando o conde alimentaba mastíns con carne de turista, non pode asumir ese prezo, e insta á Xunta a que sexa a que merque o monumento. Pero a Xunta da austeridade dí que non está para mercar castelos. De momento é o que hai.

Os castelos do Languedoc están agrupados nunha denominación xenérica algo arbitraria e de tintes publicitarios: Os Castelos Cátaros. De feito, a rexión é coñecida turisticamente como o País Cátaro. A estratexia para atraer visitantes consiste na divulgación dunha historia, a da Cruzada Albixense, que ten lecturas para todos os gustos, dende os diletantes eruditos ata os amantes do esoterismo. Quen visite a rexión atopará sen dúbida exemplos de banalización do pasado, incluso de chabacanería, tamén de abandono, pero hai tamén casos coma o de Villerouge, onde as súas xentes souberon ver na conservación do seu pasado unha segunda oportunidade para non desaparecer, e para sobrevivir. A parroquia de Pambre ten 28 habitantes, e as 43 parroquias de Palas non suman 3700 en total. Puidera ser que, mirando a outras partes, as xentes que administran o Patrimonio histórico, que é de todos, se decataran de que éste é unha oportunidade para o futuro dun medio rural en perigo de extinción. Quizais sexa soñar, imaxinar os castelos de Galicia en mans públicas, coidados e respectados, aínda que sexa baixo a denominación pop de “Castelos Irmandiños”, e que isto atraia ao público a disfrutalos ao tempo que aprende unha parte da nosa historia. A iso de soñar despertos os franceses chámanlle “faire des châteaux en Espagne”.
Comentarios (3) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 21-12-2009 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A sombra do Patriarca
Retrato de Lévi-StraussComo tantos outros franceses universais, Claude Lévi-Strauss non era exactamente francés. Nacera en Bruxelas, en 1908, ben que un pouco por casualidade, e a súa familia era de orixe alsaciana, de cando Alsacia pertencía ao Imperio Alemán. Unha familia de artistas: o seu bisavó fora Isaac Strauss, célebre violinista, director de orquestra e compositor de valses (non confundir con Johan, nin Franz, nin Richard Strauss) e tamén, por afección un grande coleccionista de curiosidades. O seu pai naceu no século trabucado: era un pintor formado no academicismo, e fixo retratos ata que a popularidade da fotografía rematou co seu negocio. Con estes precedentes, o pequeno Claude medrou (é un supoñer) nun ambiente asulagado de sensibilidade artística, e tamén dun excepticismo alonxado de todo dogma. Dous ingredientes básicos, sensibilidade e excepticismo, para alumear mentes inquedas.

Emporiso, o Claude Lévi-Strauss mozo tardou en atopar o seu sitio. Militante socialista, soubo apreciar do materialismo as súas virtudes como sistema de análise social e histórica, así como se interesou pola psicoanálise e a obra de Freud. Afeccionado á xeoloxía dende neno, rematou por estudar dereito porque era o que menos detestaba de todo o que a universidade lle ofrecía, e máis tarde, filosofía. Comenzou a traballar nun liceo como profesor en prácticas, e talvez a súa carreira tería encallado aí, de non ser porque lle ofrecen un posto como profesor de socioloxía na misión universitaria francesa de Sao Paulo, en Brasil. Non o pensou: encheu o baúl e alá marchou, a facer as Américas.

As Américas fixeron a Lévi-Strauss. Permaneceu no Brasil durante catro anos, de 1935 a 1938, nos que dirixiu numerosas expedicións ao interior selvático do continente, entre os pobos Bororo, os Mambikwara e os Tupi. Daquela, os europeos vivían convencidos, máis que agora incluso, da superioridade da súa civilización. Fóra do vello continente, nas colonias, nas escuras e húmedas selvas do Congo e da Amazonia, só habitaban bárbaros abatidos pola ignorancia, culturas primitivas cuns rasgos e características simples, primarias, determinadas pola incapacidade de comprender e dominar a natureza, e polo tanto estáticas e ignorantes da noción de progreso. Pero Lévi-Strauss descubriu naquelas tribos unha intrincada rede de relacións, tecida con lazos familiares e sociais definidos por regras sofisticadas; e nos fermosos contos e historias que se narraban arredor do lume puido albiscar unha cosmoloxía capaz de dar resposta a preguntas e inquedanzas universais, cunhas regras e organización que eran reflexo (ou viceversa?) da súa propia sociedade, do seu propio mundo.

Lévi-Strauss regresou a Francia nas vésperas da II Guerra Mundial, e foi mobilizado na desgrazada Liña Maginot. Despois da défaite de 1940, fuxiu novamente a América, ata os EE.UU., vía Martinica e Puerto Rico, en vista de que as leis raciais promulgadas polo goberno de Vichy non consideraban moi franceses aos individuos con apelidos coma os del. A súa segunda viaxe a América tamén foi proveitosa. Alí coñeceu a Roman Jakobson, un lingüista da escola estructuralista de Praga, e co seu método acabará de organizar a arquitectura do seu pensamento científico. Do seu socialismo xuvenil, Lévi-Strauss conservará o materialismo como método de análise e interpretación histórica e social. Da súa afección pola psicoanálise freudiana o interese polos procesos mentais do pensamento humano. De Jakobson tomará a metodoloxía da lingüística comparativa, que el aplicará ao estudo das relacións familiares e sociais.

O estructuralismo, a escola (ou moda intelectual) que Lévi-Strauss encarnou coma ningún outro, defende a existencia de patróns culturais universais, de “estructuras” que organizan o pensamento humano e as súas relacións sociais. Unha estructura sería un modelo de coñecemento da realidade, que o home utiliza para comprendela e para orientar a súa conducta. Iso é, grosso modo, a “cultura”. Logo sucede que cada conducta, cada manifestación cultural, pode diferir notablemente entre un pobo e outro, entre unha cultura e outra, pero se o antropólogo é capaz de observar cada rasgo cultural non como un feito aillado, senón en función das súas relacións cos outros elementos, sempre, por lonxe que dous pobos se atopen no espazo (e no tempo), aparecerán os mesmos modelos, os mesmos patróns, as mesmas estructuras. Lévi-Strauss pretendeu atopar estas relacións estructurais básicas sobre todo nos seus estudos das relacións de parentesco, e no pensamento mítico. A partir dos anos 50, Lévi-Strauss tirou os froitos deste modo de pensar nunha inmensamente prolífica lista de libros e publicacións, entre as cales, “Tristes trópicos” un relato autobiográfico da súa aventura brasileira, lle deu sona universal. Unha sona que non lle librou de recibir por erro, cada certo tempo, un pedido por correo de pantalóns vaqueiros.

O estructuralismo xerou controversias e discusións infinitas. Pero para nós, arqueólogos que pretendemos achegarnos a sociedades remotas que a penas coñecemos máis que por un pequeno montón de morralla agrisallada polo pó dos séculos, o estructuralismo proporciona un axioma de valor incomparable, unha premisa básica para calquera estudo das sociedades prehistóricas. O grande achado, e o grande mérito, de Lévi-Strauss é, sobre todas as cousas, proclamar a universalidade do pensamento humano. Analizando cada artefacto, cada representación artística, cada técnica ou rastro dun comportamento, non como continxencias ailladas, senón como parte dun todo integrado nun sistema de relacións compartidas con outros grupos humanos, podemos achegarnos á comprensión da súa estructura, e reconstruila. Non é pouco: A base da etnografía como fonte do coñecemento histórico.

Claude Lévi-Strauss foi unha das derradeiras testemuñas dun mundo xa perdido. El puido ver tan só os restos daquelas tribos amazónicas en proceso de aculturación polos misioneiros salesianos que tentaban apartalos da barbarie, abrumados pola pobreza e a miseria do colonialismo, “a inmundicia que botamos no rostro da humanidade”. Él, que nunca contemplou a cultura como algo estático e inmutable, asistiu con melanconía á destrucción de culturas e paisaxes en flor nun mundo que cambiou demasiado rápido, máis rápido que a presa que el mesmo se deu en vivir. Convertido nunha lenda viva do pensamento contemporáneo, considerou que (como seu pai), nacera no século trabucado, e tivo todo un século para arrepentirse. Morreu o pasado 30 de Outubro, e de non ser por iso, hai dous días cumpliría 101 anos. Viviu tanto coma unha árbore amazónica, maxestuosa e rexa, deixando a súa sombra protectora sobre varias xeracións de antropólogos de todo o mundo.
Comentarios (3) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 30-11-2009 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Arqueoloxía en tempos de crise
Parte do tesouro de Staffordshire (foto da web oficial)O mes pasado unha nova arqueolóxica desas que soan espectaculares asaltaba as axencias: Apareceu un tesouro saxón en Inglaterra, enterrado nunha terra de labor. A arqueoloxía-espectáculo, para o consumo do gran público, sempre adorou os tesouros. O achado non era fortuito, mais sí afortunado. Un home chamado Terry Herbert rastrexaba os campos de Staffordshire co seu detector de metais, buscando ouro. Levaba dezaoito anos facéndoo sen demasiado éxito. Según o seu propio relato, todos os días comenzaba a súa pescuda cunha oración de reminiscencias paganas: “Espíritos de outrora, levádeme onde as moedas aparezan”, e agardaba que a prosaica pitada do trebello detector o conducise ao seu soñado tesouro. Aquela mañá, seica, trocou a súa plegaria: “Espíritos de outrora, levádeme ata onde o ouro apareza”. E apareceu: Cinco quilos de ouro e 1’3 quilos de prata repartidos en mil cincocentas pezas, sobre todo adobios militares de armaduras e puños de espada, decorados cunha exquisita habilidade.

As propias características deste tesouro, sen moito contexto, permiten facer algunhas hipóteses sobre o seu sentido. Non hai pezas de adobio femininas, senón que case todas pertencen ao enxoval dun guerreiro. Iso sí, guerreiros dun refinado gosto, que embelecían os seus cascos, armaduras e espadas con toda sorte de apliques de ouro e engastes de pedras semipreciosas, decorados con sofisticados diseños, como figuras de animais retortos que se enlazan e traban uns a outros nunha caligrafía de arabesco. Un estilo moi propio da nobreza saxona do século VII, semellante ao do tesouro de Sutton Hoo, o máis importante dos achados ata o momento, e que agora ficou pequeno. Moitos destes apliques decorativos foron deliberadamente arrancados do seu lugar de orixe para ser ocultados nesta leira. Cal pode ser a explicación? Podería relacionarse directamente este agachamento con algún dos reis do antigo reino de Mercia, no corazón do cal se atopaba Staffordshire? Tería lugar neste ferrado unha batalla e o tesouro sería o botín que os vencedores acumularon dos despoxos dos vencidos? Ou serían os trofeos coleccionados por un só guerreiro ao longo da súa carreira de armas? Cal é a razón pola que foron ocultados e esquecidos? Enterrou o seu antigo propietario as súas caras xoias ante a inminencia dun perigo que resultou fatal? Ou serían unha ofrenda a un deus pagán? O misterio é tan intrigante que podería ser inspirador dunha novela. De feito, hai quen mira neste tesouro ecos dos versos do Beowolf, o poema épico anglosaxón posiblemente contemporáneo do recén achado tesouro: “Houbo outras moitas reliquias amoreadas dentro da casa da Terra, porque hai moito tempo, cun deliberado coidado, algunha persoa esquecida depositara toda a súa rica herdanza dunha carreira de alta estirpe neste antigo escondedoiro. A morte chegara e levara a todos en tempos remotos, e a única testemuña do seu destino, o derradeiro veterán, só podería afrontar o mesmo destino para si mesmo. Adiviñou que a ledicia do seu tesouro sería breve”.

O achado pon de manifesto outra cuestión, que nesta terra nosa resulta exótica: a importancia que na Gran Bretaña acadaron nos últimos anos os arqueólogos “amateurs”, e o que é máis chamativo, a estreita colaboración entre os arqueólogos profesionais e académicos, e os afeccionados. Un proceso curioso no que teñen que ver o crecente interese popular pola antigüedade e a historia, por unha banda, e a crise económica pola outra.

A cousa é como segue. Nos últimos anos proliferan afeccionados á arqueoloxía (mesmo con formación superior) que pescudan os montes e veigas ingleses na procura de calquera artefacto enferruxado, ás veces axudados con detectores de metais. O seu costume de gardar toda a quincalla que atopan, esmeradamente embolsada e clasificada en fiambreiras e tuperguares, dalles o alcume de “grot pots”, ou “botes de porcalladas”. Cada vez son máis: algúns actúan por pasatempo, inspirados polo éxito televisivo de “Bonekickers”, (unha serie da BBC estilo CSI pero con arqueólogos), outros por verdadeiro interese científico. Os arqueólogos mirábanos con desconfianza: non deixaban de ser intrusos que fozaban nos campos a eito e esbandullaban os xacementos.

Pero en 1996 promulgouse a Treasure Act, que establecía a obrigatoriedade de denunciar o achado de obxectos de ouro e prata, ou moedas de máis de 300 anos de antigüedade, e creouse conxuntamente un sensacional instrumento: o Portable Antiquities Scheme, unha enorme base de datos onde calquera que faga unha descuberta pode comunicala voluntariamente. O seu “tesouro” é tasado, e os museos teñen unha opción preferente de compra, co cal o descubridor leva o seu premio, e as diferentes institucións públicas poden optar por resgardar o Patrimonio histórico, que é de todos. A maioría dos achados en moedas son verdadeiramente miserables, auténtica chatarra para fiambreiras, pezas de cobre dobradas, marteladas, oxidadas e carentes de valor por si mesmas. Pero o seu valor científico resulta moito máis valioso que o do ouro, máis cando aparecen en lugares insospeitados, en cantidades significativas. Xurden, por exemplo, moedas romanas onde non se agardaba que estes asomaran o fuciño, e que amosan o grao e a intensidade do comercio romano naquel extremo occidental do Imperio. Cos anos, o PAS e os seus 400.000 rexistros de pezas está a trazar un novo mapa da antigüedade británica. O achado de Terry Herbert é unha mostra do bo funcionamento deste sistema.

O PAS ven suplir a crise da arqueoloxía de investigación na Gran Bretaña do colapso económico. Un 10% dos arqueólogos profesionais perderon o seu emprego, e a maioría dos equipos que traballan no campo ven perigar as súas fontes de financiamento polos recortes orzamentarios e a inminencia dos Xogos Olímpicos do 2012, que van levar os cartos todos. Os detectores de metais, pola súa parte, son un billete de lotería que pode conducir a un buscatesouros afortunado como Terry Herbert a unha vida sen preocupacións. O peso da arqueoloxía británica descansa cada vez máis no lombo dos “grot pots”, pero aínda así, ou grazas a iso mesmo, non se deixan de aprender cousas do pasado.

Non teño simpatía pola arqueoloxía “amateur”, (case tanta como pola arqueoloxía “de xestión”), pero algo se pode aprender destes ingleses. O PAS palía o problema fundamental desta para-arqueoloxía que é a inexistencia dun rexistro, porque é co rexistro, máis que coas pezas achadas, co que os arqueólogos traballamos. En Galicia, cunha lei quizais máis restrictiva e máis protectora do Patrimonio, os achados son sistematicamente ocultados, destruídos ou no mellor dos casos desviados ao mercado anticuario, e ademais non se evita que aquí tamén exista un verdadeiro exército de pseudoarqueólogos que furan os montes sen método nin xeito, armados cos seus detectores de metais. Non hai que defender tal cousa, pero polo menos, na Gran Bretaña foron capaces de crear un marco de colaboración entre os arqueólogos e a cidadanía, que está dando froitos. Aquí iso é un soño: Se un paisano vai á Dirección Xeral de Patrimonio contando que lle apareceu unha moeda romana sachando na viña, veredes o que pasa.
Páxina web do tesouro de Staffordshire
Páxina web do Portable Antiquities Scheme
Comentarios (6) - Categoría: Mundo - Publicado o 31-10-2009 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Varus foi á guerra, non sei cando virá
Monumento a Hermann en Teotoburgo (Foto de F J Mertens)
A principios do século I da nosa era, o Imperio Romano ambicionaba extender os seus dominios ao leste do Rin, ata o río Elba. Os xenerais Druso o Maior, o que foi pai do emperador Claudio, e Tiberio, que sería o segundo emperador de Roma despois de Augusto, mandaran victoriosamente as súas tropas ao interior deste terrible territorio, a Xermania Magna, unha terra, a decir de Tácito, “escurecida polos montes, e fea, e manchada polos pantanos”. Tras estas incursións os xermanos parecían un pobo sometido, e Augusto decidiu que era hora de mandar un administrador de man dura para acabar de pacificar a nova provincia. O elexido para esta empresa foi Publio Quintilio Varo. Non sabemos moitas cousas certas do seu carácter, pois as fontes son despiadadas con el, pero sí podemos supoñer algunhas cousas: cando foi gobernador de Siria, sofocou a revolta dos xudeos tras a morte de Herodes o Grande crucificando a 2000 sediciosos, un detrás de outro, e saqueou a provincia amasando unha fortuna considerable. Cabe deducir de todo isto que era un home avaricioso e cruel, xusto o que Augusto precisaba para someter aos xermanos díscolos e muxir os seus tesouros para aumentar os de Roma. Varo non defraudou as espectativas.

O gobernador contaba coa axuda dalgúns xermanos colaboracionistas, nomeadamente de dous: Falaban latín decentemente, e eran coñecidos entre os romanos como Arminio e Segimero. Arminio estivera en Roma, onde chegou a cabaleiro, e comandara na guerra anterior as tropas auxiliares dos xermanos que axudaban aos romanos. Comía na mesa de Varo, e portábase con docilidade canina, inducindolle a pensar que os demais xefes xermanos eran igual de mandadiños e serviles. Pero Arminio, en segredo, argallaba cos outros xefes xermanos fartos da cobiza e a prepotencia romana, o plan que levaría a Varo á perdición.

Arminio convenceu a Varo de enviar varios destacamentos a diferentes puntos da provincia, co fin de protexer ás caravanas de comerciantes dos bandidos. Con isto, Varo dividiu o seu exército. Despois, os xermanos do extremo oriental rebeláronse, asasinando aos funcionarios ronmanos. Era o outono do ano 9 e Varo decidiu acudir con todas as súas tropas para unha expedición punitiva, antes de regresar aos seus cuarteis de inverno. Arminio buscou pretextos para non acompañalo, mentres ordenaba masacrar aos destacamentos romanos sen o coñecemento de Varo.

Os romanos marcharon confiados na súa suposta superioridade. Pero os camiños eran estreitos, estaba atravesado por ríos que impedían o paso dos carros, e ían polo medio dun terreo fragoso cuberto de mestos bosques, empantanado pola chuvia incesante do outono alemán. Pouco a pouco, as súas liñas se estiraron nunha ringleira interminable de soldados empapados ata os osos. Tres lexións: 18.000 homes, máis un número indeterminado de auxiliares e de acompañantes civiles, mulleres, intendentes, comerciantes, prostitutas, a poeira que segue a marcha dos exércitos. Ao chegar ao bosque de Teotoburgo, nun estreito paso entre a aba dun monte e un pantano impenetrable, Arminio atacou ao fronte dos xermanos emboscados. Os soldados romanos, incapaces de agruparse, nin de manobrar naquela fraga mesta e enmarañada, non tiveron oportunidade. Acurralados polos bárbaros, foron caendo implacablemente baixo as lanzas e flechas propelidas dende a escuridade do bosque. Durante días, os xermanos mataron, mataron e mataron, e o medo e o caos foron os amos das lexións, lanzadas nunha desesperada carreira por fuxir da cilada, mentres eran cazadas polos homes de Arminio apostados nos parapetos que levantaran ao longo do camiño. Ao caer a noite, os soldados tentaban agruparse para resistir, tremendo de frío e de medo, mentres oían os berros de agonía dos prisioneiros capturados, torturados e sacrificados aos terribles deuses bárbaros. Varo, rodeado, suicidouse. Dos demais só se salvaron unhas poucas ducias.

A Batalla do bosque de Teotoburgo marcou un punto de inflexión nos plans de expansión de Roma no Norte de Europa. Augusto ordenou que os números das lexións (a XVII, a XVIII, e a XIX) non volveran a figurar na lista das unidades do exército. Aínda que máis tarde os romanos enviaron expedicións de castigo contra os xermanos, e mesmo conseguiron recuperar as aguias, (a insignia sagrada de cada lexión, a perda da cal significaba a maior das deshonras), xa nunca máis pensaron en asentarse definitivamente alén do Rin. Seis anos despois da derrota de Varo, os romanos regresaron ao lugar para descubrir as montañas de esqueletes branqueadas ao sol, e os cráneos dos seus compañeiros cravados nos troncos das árbores. O lugar da batalla esqueceuse despois, ata que un arqueólogo afeccionado, Anthony Clunn, atopou restos de armas e obxectos relacionados cunha batalla do século I en Kalkriese, perto de Osnabrück, a carón da fronteira con Holanda. As escavacións posteriores permitiron reconstruír con certo detalle a táctica e o desenvolvemento da batalla e o que sucedeu cos desgraciados romanos.

Nos últimos tempos, as investigacións arqueolóxicos romanos en Alemaña están deparando algunhas agradables sorpresas. A finais do ano pasado foi identificado en Northeim (Baixa Saxonia), outro xacemento no que apareceron restos dunhas 600 armas romanas e que os arqueólogos non dubidaron en identificar como o escenario dunha batalla ocurrida no século III d.C., o que proba que as incursións romanas en Xermania seguiron sendo frecuentes (e infructuosas). O achado e especialmente notable, porque non é doado reconstruír arqueolóxicamente un escenario bélico. Por outra parte, outra equipa de arqueólogos descubriu en Waldgirmes (Lanauh, Hessen), anacos dunha estatua ecuestre da época de Augusto, e concretamente a preciosa cabeza do cabalo que montaba, probablemente, o mesmísimo emperador. O feito de que a estatua fose destruída e arroxada a un pozo deita un pouco de luz sobre o destino do efímero poder de Roma na Xermania Magna. Sic transit gloria mundi.

Alemaña celebra este outono o bimilenario da batalla de Teotoburgo, Clades Variana, Varusschlapht, ou a Hermannsschlacht, cunha exposición titulada “Imperium, konflikt, Mythos”, no lugar da batalla en Kalkriese, en Haltern am See, onde os romanos tiveron o seu maior asentamento ao leste do Rin, e en Detmold, onde hai unha xigantesta estatua de Hermann-Arminio. Porque a pesares de que Arminio (xermanizado como Hermann) fracasou no seu intento de unificar aos pobos xermanos baixo a súa monarquía e acabou morrendo asasinado pola súa propia xente, convertiuse nun mito perenne da independencia alemana. Por iso os prusianos, nada máis vencer aos franceses na guerra de 1870 e de proclamar a unificación de Alemaña, ergueron en Detmold ese monumento ao seu antigo devanceiro, personificación do valor superior do pobo xermano e a súa independencia fronte a latina Francia, no lugar onde erradamente, se pensaba daquela que tería sido a matanza, a uns 45 km do emplazamento arqueolóxico. É un aniversario redondo digno de conmemoralo, pois sen a batalla de Teotoburgo, quizais a historia de Alemaña, e de Europa, terían sido ben diferentes.
Páxina web da exposición sobre a derrota de Varus
Web oficial do Museo de Kalkriese e o lugar da batalla.
Comentarios (1) - Categoría: Mundo - Publicado o 30-09-2009 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Un mapa do tesouro
Mapa de Abauntz
Dominando dende unha foz o val de Ultzama, en Navarra, á beira do rego de Zaldazain, que descende das montañas de Belate, hai unha cova coñecida como Abaunzko Lamizulo ou a Cova das Lamias. Os pastores da veciña aldea de Arraitz imaxinaban a caverna habitada polas Lamias, seres extraordinarios con corpo de muller e pés palmeados que viven a carón das augas. As lamias vivían de pedir aos pastores leite dos seus rebaños, ata que un día un deles, poida que canso de pagar a peaxe que aquelas criaturas esixían, ou ben por facer unha brincadeira pesada, mesturou na pota de leite bosta de vaca. As lamias, comprensiblemente molestas, perseguiron ao pastor ata a aldea para vingarse, pero cando estaban por alcanzalo comezaron a soar os sinos da igrexa, e as fadas, como seres pagáns que son, tiveron que fuxir. Emporiso, o pastor gallofeiro non se librou da súa ira: as lamias condenárono a que na súa casa non faltase xamais un coxo ou un manco.

A realidade é que a cova, ademais das lamias, que habelas hainas, foi fogar de numerosas xentes dende que a humanidade se asentou neses lares, dende o paleolítico máis remoto ata as postrimerías do Imperio Romano, na que a sima serviu de refuxio naqueles tempos convulsos. Os últimos ocupantes son dunha rara especie: os arqueólogos que pescudan a pegada dos seus antecesores, pois a cova é hoxe un interesante xacemento arqueolóxico testemuña de todas as épocas que acobillou. Entre 1976 e 1979, Pilar Utrilla comenzou as escavacións, que se interrumpiron ata o periodo entre 1988 e 1996, cando, por mor da ameaza de construcción dun encoro en Arraitz que asulagaría os restos, a mesma Pilar Utrilla, xunto con Carlos Mazo, fixeron varias campañas da entón denominada “arqueoloxía de urxencia”. Nesas campañas fixéronse descubertas extraordinarias, que agora, despois de quince anos de estudios, saen á luz.

Entre estes achados estaban varias mostras de arte paleolítica gravadas en tres pequenos croios. Nun deles, hai 13660 anos, os artistas prehistóricos gravaran cun buril na mol superficie da margosa unha fermosa cabeza de cabalo. Outro parecía ter servido como lámpada de aceite ou sebo, e estaba decorado con varias representacións animais, un cabalo, varias cabuxas, unha persoa e algunhas outras liñas incomprensibles. O terceiro bloque de pedra era un verdadeiro galimatías surcado de liñas ondulantes que separaban o que parecían rebaños de cabuxas. Xa daquela os arqueólogos pensaron que aquelas liñas podían ser un río, e que o conxunto representaba unha paisaxe, quizais, a que se podía ver dende a privilexiada atalaia da cova de Abauntz.

Esta intuición parece ser que non era errada. Despois de moitos anos de enrevesada investigación, os autores daquela excavación acaban de publicar na revista Journal of Human Evolution a súa interpretación das misteriosas garatuxas dos cantos de Abauntz, e chegan a conclusión de que o que parecía unha representación esquemática dunha paisaxe é algo máis complexo que iso: é un verdadeiro mapa que representa fielmente a propia cova e o seu entorno circundante: a montaña de San Gregorio que ten enfrente, os diferentes ríos e regatos que drenan o val, a chaira, onde varios círculos delimitan as pozas e lugares onde a auga se encora e que serven de bebedoiro para os rebaños. Varios íbices triscan nas abas da montaña, mentres que o fondo do val está ocupado por cervos. A carón das cervas, pequenos semicírculos indican, quizais, o son da berrea dos machos. Algunhas liñas de puntos parecen indicar os camiños. En definitiva, unha representación sintética do territorio no que aparece todo o que a unha banda de cazadores magdalenienses lle podería interesar: os accidentes topográficos e as vías de paso, a auga, a caza, e o mellor xeito de acceder a ela. Un mapa do tesouro, como non dubida en calificalo a súa descubridora.

O mapa foi publicado en diversos medios como o mapa máis antigo de Europa Occidental, pois aínda que os presuntos mapas prehistóricos son extremadamente raros, ao igual que as lamias, hainos. Un deles apareceu en Moravia, na República Checa, e outro está no Museu de Historia Natural en Kiev, pero este pasa por ser un dos máis elaborados. Aínda así, caben facer varias obxecións: Todas as representacións de accidentes topográficos poden ser consideradas mapas? Cál é a diferenza entre un mapa e unha paisaxe? É o esquematismo e o antinaturalismo dalgún dos trazos dos gravados de Abauntz os que poderían axudar a clasificalo como mapa; por exemplo unha liña de puntos suspensivos non se parece a un camiño pero o representa. Emporiso non poderían ser eses puntos a representación igualmente esquemática pero máis realista das pegadas dun cazador ou da súa presa?

E para qué serviría o mapa? Utrillas di que os cazadores eran nómadas procedentes do outro lado dos Pirineos, e que poderían ter deixado o mapa para que servira de guía e de axuda para a caza a outros grupos. Esta interpretación parécenos moi difícil. Para entender un mapa é preciso que os diversos usuarios compartan o mesmo código figurativo, algo que nin sequera sucede nos mapas actuais, que deben poñer ben clariño ao carón unha táboa de “signos convencionais” para entendelos. Só así sabemos que unha liña pode ser unha vía de ferrocarril e non un rego, unha corredoira ou unha liña do tendido eléctrico. Se a expertos arqueólogos, armados de microscopios e escáneres levoulles 15 anos descifrar o contido deste pedrolo de a penas 20 cm sulcado de garranchos por todas partes, poñámonos no caso dun cazador magdaleniense.

Pero hai outras interpretacións quizais máis axeitadas: poida que a pedra fora deseñada mentres se planificaba unha cacería. Ou ben que a pedra servise para narrar unha cacería xa acontecida. En calquera caso, o feito de que o fixeran así implica un extraordinario avance: unha descripción da planificación tan complexa que superaba as capacidades expresivas da linguaxe oral ou xestual daqueles cazadores, que deberon, pois, recurrir ao debuxo. Ou ben un intento de deixar constancia gráfica dunha proeza cinexética. En tal caso, non estamos só ante un mapa, senón ante unha narración escrita. Unha novela paleolítica.
Artigo sobre a cova de Abauntz na revista Complutum
Informe das escavacións de 1994 e 1995
Comentarios (1) - Categoría: Pezas - Publicado o 31-08-2009 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O faro que máis alumea
Torre de Hércules
O pasado día 27 de Xuño, a Torre de Hércules era recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Era unha aspiración acariñada durante longo tempo polos coruñeses, que por séculos identificaron a cidade coa súa torre ata o punto de alcumala a cidade “herculina”, e un desexo compartido, por extensión, por todos os galegos, que xa contamos con tres lugares con esta distinción: a Cidade de Santiago (xunto co trazado galego do Camiño á mesma), a Muralla de Lugo, e agora o Faro romano de Brigantia.

O ruído mediático que fixo tal distinción foi considerable. Non está de máis. Pero un lector pouco esixente dos titulares da prensa pode concluír que con ese título o monumento pasa a formar parte dunha especie de aristocracia patrimonial. A existencia desta lista supón o recoñecemento implícito (e estúpido) de que dentro do Patrimonio cultural hai unha xerarquía, opinión que se agrava ao comprobar que a lista do Patrimonio mundial non é, (nin pretende selo), exhaustiva. Unha medida que debía, en principio, servir para botar un manto protector de atención sobre determinados monumentos supón hoxe en día unha especie de privilexio, un premio no que é posible ver a un tempo, e moitas veces collidos da man, o máis nobre interese pola preservación da cultura e da natureza co chovinismo máis chusco. Así parece entenderse dende os medios. Dende que o Estado español entrou na Convención para a Protección do Patrimonio Mundial, a prensa destaca a cada reunión do Comité da Unesco, cantos novos monumentos españoles acadan este recoñecemento, como se houbera unha carreira por ver quén suma máis na lista. Pero, acaso sen esa distinción a Torre deixaba de ser patrimonio de todos, coruñeses, galegos ou humana xente? En qué consiste ese título? qué trae debaixo do brazo?

A foi asinada en París en 1972, para elaborar unha lista de lugares de valor tan excepcional que súa a protección debía incumbir á humanidade enteira. En principio, e sen menoscabo da soberanía de cada Estado asinante da Convención, Convención para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Naturala inclusión dun monumento na lista supón colocalo baixo o amparo das Nacións Unidas, e todas as accións de conservación (e de destrucción) deben facerse dacordo cos seus criterios. Isto, considerando a especial liberdade creativa con que algunhas administracións do Estado e do país se toman a rehabilitación e conservación dos monumentos histórico-artísticos, é unha bendición do ceo. Sobre calquera intervención na torre vixiará agora (é de esperar) o ollo escrutador da UNESCO.

Supón esta supervisión algún tipo de ventaxa económica? En principio cartos non haberá. A Convención para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural establece que a UNESCO pode prestar a súa asistencia para a protección do Patrimonio, sen reemplazar a acción do Estado, e no seu artigo 4 di específicamente que o Estado debe facelo “polo seu propio esforzo e ata o máximo dos recursos dos que dispoña”, e no caso de solicitar axuda dos fondos do Comité do Patrimonio mundial, ha de facer constar as razóns polas que os seus recursos non lle permiten facer fronte á totalidade dos gastos (art. 21). Coa de Patrimonio que hai ameazado polo mundo, érache boa que o Estado español, que tanto fachendea de coleguear no G nonseicantos, dixera que non ten cartos para protexer os seus propios monumentos.

O efecto máis evidente da inclusión dun monumento na lista é a publicidade. Pertencer a aristocracia monumental proporciona un valor engadido, unha estreliña máis nas guías turísticas, e ese parece que é o obxectivo. Isto non ten que ser de todo negativo: cando se propón unha candidatura ao Patrimonio Mundial, cidades e países enteiros miman a súa alfaia como nunca o fixeran. Hai a penas unhas poucas décadas, amplos sectores da cidadanía luguesa clamaban polo derrubo da muralla romana, ese residuo histórico que atrancaba o tránsito rodado e o progreso. Agora ninguén diría nada semellante, pois Lugo semella estar no mapa por obra e graza dos seus muros protectores. Se xa había unha íntima afectividade entre os coruñeses e o seu faro, a declaración da UNESCO non fixo máis que multipllicala. Pero turismo porque si... Compostela vai camiño de convertirse nunha cidade-museo, máis ao servizo dos visitantes que dos seus propios habitantes, a semellanza de Venecia, onde é cen veces máis doado mercar unha máscara de antroido de papel-maché que un quilo de peixe. O turismo non é sempre a panacea de todos os males, máis ben é unha mazá envelenada.

E tal semella ser o principal interese da patrimonihumanización da Torre: O turismo. Así parece desprenderse das consideracións que na 33ª reunión do Comité do Patrimonio Mundial celebrada en Sevilla, onde a Torre foi distinguida, e que a prensa non recolleu, ben por triunfalismo, ben por preguiza de ler a letra pequena: A UNESCO pedíu explicitamente que se clarificasen as competencias entre o Comité de seguimento do Plan de xestión da Torre, ao parecer o responsable do ben, e o Consorcio turístico, que só ten competencias turísticas e comerciais. Pide ademais a redacción dun novo plan de xestión para o 2011, máis completo e detallado, porque seica o actual non lle vale. Tamén quere que se indique quen asegurará a responsabilidade científica do futuro museo e do Centro de acollida de visitantes e a competencia do persoal encargado, que hoxendía están integrados no seo do Consorcio turístico; e que se lle informe do avance das obras proxectadas. Quere ademais que se reforce o control urbanístico do entorno para preservar a paisaxe circundante (hoxe chea de extraños monumentos neomegalíticos), e que se fagan seguimentos higrométricos para evitar a condensación dentro do edificio, incluso limitando as visitas. Todo isto da a entender que o Plan de xestión da Torre é precario, que a política das diferentes administracións está máis orientada á explotación turística masiva do monumento que á súa conservación e estudo, e que os proxectos de musealización son só proxectos e carecen de persoal axeitado e de vocación científica. Todas estas eivas deberán ser subsanadas en dous anos, porque igual que os honores veñen, pódense ir. En Sevilla, Dresde perdeu a súa condición de patrimonio mundial porque a alguén se lle ocurriu construír un viaducto de catro carrís sobre o Elba.

En definitiva, debemos estar ledos, porque a preservación da torre deixou de ser un asunto doméstico, e porque no seu afán de conseguir honores e relumbrón para o seu monumento, os seus xestores colocaron a súa (in)competencia baixo a visianza inquisidora do mundo.
Comentarios (2) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-07-2009 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Habemus convenium
Viñeta arqueolóxica de Forges (El País)
Existen os arqueólogos? Quero decir: Existe xente que se adica profesionalmente á arqueoloxía e se gaña a vida dignamente? É unha pregunta que supoño que todos os arqueólogos deste mundo escoitaron algunha vez. Eu sempre dubidei na resposta. Cando rematei a carreira e os cursos de terceiro ciclo máis inútiles xamais ofertados por unha Universidade, como todo bó licenciado en Xeografía e Historia, fun a apuntarme no paro. No Servizo Galego de Colocación un home cubriu con burocrática indolencia unha ficha cos meus datos. Nome, apelidos, patatín, patatán… profesión?
- Arqueólogo-, respondín.
- Pero iso existe?
- Seica sí. Estudei para iso.
- Xa sei que existen os arqueólogos, pero hai quen traballa diso?
- Seica sí- Repetín. - Eu sei de xente que traballa de arqueólogo.
O home foi a un libro gordo que tiña na mesa, e púxose a pasar follas. Pescudou naquel tocho de adiante para atrás e de atrás para adiante, e logo fitou para min. Non atopaba certo código ou referencia que ao parecer teñen todas as ocupacións. Non sabía tampouco en qué ramo ou sector buscar. Construcción? Servizos? Os arqueólogos non existían. Habería que buscalos baixo terra.
- E non quererás que che poña como profesión outra cousa? Dixo o home aburrido de buscar.
- Non. Son arqueólogo. Despois pon o que queiras, repoñedor de supermercado, telefonista, paseador de cans, pero se me preguntas pola miña primeira profesión, pon arqueólogo.
- Pero ninguén vai chamar por ti.
- Peor para min.

O caso é que meses máis tarde, de xeito milagreiro, recibín unha chamada do Servizo Galego de Colocación pedíndome que acudira a unha entrevista. O Concello de Cotobade solicitaba un arqueólogo e eu era o único, ou case, que estaba apuntado en toda a provincia. Foi o meu primeiro traballo como arqueólogo. Non foi sen atrancos, pero non merece a pena nomealos. Moitos sabemos o seu nome, pero non quero mentar aquí a bicha. Nin o merece. Xa dixen tamén aquí que esta é a bitácora de todos.

Pero a cuestión tiña unha segunda parte. Pódese gañar a vida dignamente na arqueoloxía profesional? Ai! Esa é boa. Todo o mundo asocia este traballo ao ámbito académico. Os arqueólogos que o gran público ten no maxín (incluído Indiana Jones, non o esquezamos) son profesores universitarios, e a arqueoloxía é o seu hobby, non o seu oficio. Escavacións-vacacions estivais, investigación lúdico-festiva. O soldo ven por outra parte, e se non hai escavación, cóbrase igual. Pero hai arqueólogos que cobren só por traballar como arqueólogos?

Seguindo co conto: Pouco tempo despois do de Cotobade, fun cotratado por unha flamante empresa pontevedresa que pretendía abrirse camiño no negocio da arqueoloxía (se é que o hai). Había que facer unha gran escavación, por conta do Concello de Pontevedra, dentro das ambiciosas obras do Plan Urban. Todo parecía estupendo: contrato, solvencia, bos compañeiros. Emporiso, as condicións de traballo foron absolutamente lamentables: a área de escavación estaba cruzada por tres tuberías de augas fecais que con abraiante coordinación rebentaron á vez inundando todo de pis e caca. Os andamios da empresa constructora que traballaba á par nosa derrumbáronse enriba da escavación. Os comerciantes do entorno clamaban contra as obras, e o concelleiro competente (é un falar), de xeito imprudente e falaz, botou a culpa da ralentización dos traballos “aos arqueólogos”, co cal a poboación indíxena tornouse manifestamente hostil. Mirando atrás, foi perigoso. Entre palada de terra e palada de terra, os meus compañeiros de fatigas e mais eu chorabamos a nosa sorte como negros cantando blues nos campos de Alabama.
- Moito vos queixades, pero ben que cobrades- díxonos un dos obreiros da empresa constructora que traballaba nas obras que supostamente ralentizabamos.
- ¿Canto pensas que cobramos? Respondimos nós.
O home botou as contas da leiteira. Non sabía que a flamante empresa que nos contratara (tarde, os contratos mirámolos o día de inicio da obra) pagábanos o salario mínimo dun peón, sen ter en conta a nosa cualificación, prometendo pagar a diferencia “en dietas” que nunca vimos. Por eses cartos aturabamos o inaturable, o barro, as ratas, a merda (perdonando) e os esgarros de chuspe dos comerciantes. O obreiro aquel (sen menospreciar a ninguén) duplicábanos o salario. Tivemos que sacar a nómina para que nos crera.
- Se son eu, por eses cartos, planto todo e marcho!- ríuse. Con razón.

Á empresa aquela non lle foi moi ben coa arqueoloxía. O meu xefe acabou inculpado nunha rede de tráfico de antigüedades, e como era dunha desas familias “de Pontevedra de toda la vida” o rebumbio que se armou foi notable. Daquela eu xa decidira facer de min o meu propio empresario. Seguín sen gañar a vida dignamente, pero entre que me quitara os cartos a Facenda Pública ou un perista, prefería o primeiro. Ao fin, Facenda somos todos.

Xa deitara nesta bitácora algunha cousa sobre a miña relación coa arqueoloxía profesional, e dixera daquela que non gostaba de adicar esta xanela a angueiras persoais. Non me desdigo contando estas andrómenas, pois penso que son ilustrativas. Cada un fala da feira como lle vai nela, pero sei que así tamén lle foi a moitos. E non hai fonte máis fiable que a propia experiencia.

Neste mes pasado ven de publicarse no DOGA o primeiro convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o sector da actividade arqueolóxica. Negociouno a patronal AEGA e o sindicato CIGA. Polo que sei, custou longos meses de negociacións, pero con máis ou menos chatas, é un documento imprescindible. Nel aparece definido o qué é un arqueólogo, as categorías profesionais que a actividade abrangue, os deberes en funcións de cada unha delas, e sobre todo o salario mínimo que se debe cobrar. É de supoñer que non só servirá para regular as relacións entre os empregados e empregadores, senón que servirá tamén para poñer orde nun sector empresarial abocado a unha competencia feroz. Despois de tantos anos de actividade profesional, que non existira aínda un convenio era unha chata imperdonable. Se se quería dignificar a arqueoloxía como actividade, había que comenzar por aquí. Agora queda esperar a ver cómo se cumple. Quizais agora saibamos por fin se os arqueólogos poden existir, e sobre todo sobrevivir.
O Convenio colectivo dos arqueólogos (DOGA).
Comentarios (5) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 30-06-2009 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A beleza das pequenas cousas.
A Venus de Hohle Fels
Hai uns 35000 anos, nunha Europa cuberta de mestas fragas de faias e de coníferas, azoutadas polos xeados ventos glaciares, grupos de cazadores afoutos acechaban o paso das manadas de renos, de bisontes, de mamutes cubertos de lá. Paseniñamente, ían ocupando o continente enteiro, arredando, quizais eliminando, aos seus curmáns na evolución das especies, os Neanderthais. Contaban coas súas novedosas ferramentas de pedra, láminas de sílex delicadamente retocadas, e as súas lanzas que arroxaban certeiras a gran distancia coa axuda de propulsores. Eran os Homo sapiens, nós mesmos.

A irrupción do Homo sapiens marca o tránsito ao que os prehistoriadores e arqueólogos chamamos o Paleolítico Superior. De seguro, os nosos devanceiros traían consigo a capacidade dunha linguaxe articulada complexa (algo que é discutible nos homínidos anteriores), coas facilidades que iso conleva na transmisión dos coñecementos e das técnicas. Esa capacidade intelectual evidénciase tamén nunha tecnoloxía máis refinada na fabricación de utensilios e armas de pedra e de oso, máis estandarizadas, precisas, perfectas. E sobre todo, maniféstase nunha habilidade novedosa, a expresión do pensamento abstracto a través de símbolos elaborados, o que coñecemos vulgarmente como Arte.

Hai xa unha centuria que os arqueólogos viñan atopando, asociados aos típicos restos deste periodo, mostras desta arte prehistórica. E entre estas primeiras mostras, destacaban unhas peculiares figuriñas. Parecían representar mulleres de grandes peitos e unha popa prominente. Brazos e pernas parecían ridículos fronte aos atributos propiamente femeninos. Os rostros aparecían borrosos, ou difusos, mentres que o sexo case sempre era representado de xeito ben explícito. Os arqueólogos, tan dados a bautizar os artefactos prehistóricos con nomes extravagantes, atoparon unha desas palabras rebuscadas que lle dan a un discurso científico un conveniente ton de suficiencia: Chamáronas Venus Esteatopixias Auriñacienses. Venus "esteatopixias", que traducido pedestremente do grego significa que teñen o cu coma un cesto de grande. E Auriñacienses, por ser esta a máis antiga facies cultural identificada naquel momento no Paleolítico Superior.

Axiña apareceron discusións sobre o axeitado desta denominación. Dar a estas estatuas o nome de Venus, deusa do amor e da beleza, a primeira muller a quen os gregos se atreveron a amosar espida nas súas estatuas, pareceulles a aqueles estudosos un nome do máis apropiado. Pero de aí a afirmar que se trataba da imaxe dunha deusa paleolítica, ou que representaban un ideal de beleza prehistórico, sen máis argumento, era algo arriscado. Pero todas as estatuetas femeninas prehistóricas atopadas (ata hoxe máis de 200) comenzaron a ser clasificadas indiscriminadamente coma venus esteatopixias, aínda que non padeceran esta hiperplasia xenética da graxa do cú, nin se puideran datar no periodo auriñaciense.

Aínda así, o certo é que as máis das figuras poden encadrarse nun tipo ben preciso, unha confluencia de rasgos que son o que, en definitiva, se considera unha tendencia: os rasgos físicos relacionables coa fertilidade (os grandes peitos, o bandullo inmenso, os amplos cadrís, a vulva evidente...) son os que aparecen representados con máis detalle. Son os atributos das nais prolíficas, ventres xenerosos e primordiais, máquinas xeneradoras de vida. Pero tamén, o que non é menos importante, os outros rasgos (mans, pés e extremidades, cabeza e rostro) aparecen só esbozados ou incluso nin aparecen. Qué son logo? Son pois a representación de mulleres fecundas, en calidade de fecundas e nada máis que fecundas. A abstracción da fecundidade. Un símbolo.

E para qué servían? Os símbolos, en tanto que constitúen unha forma de expresión, revelan, enuncian, manifestan o seu significado. E iso é exactamente o que se fai cando se chama por algo. E cando se chama por unha forza abstracta, por un desexo, como a abundancia ou a fertilidade, a chamada recibe o nome de invocación. Aquelas pequenas sociedades de cazadores, constantemente expostas aos perigos da caza, a enfermidade, o frío e á loita cos seus semellantes, dependían da existencia de nais prolíficas, capaces de traer ao mundo fillos dabondo como para garantizar a supervivencia do grupo. E esta idea é extensible á natureza da que extraen con esforzo o seu sustento. Hai quen pensa que as venus paleolíticas, como personificación da exuberancia e da forza xeneratriz da Natureza, son verdadeiras representacións dunha primitiva, primixenia, Deusa Nai. Quizais non haxa que ir tan lonxe, pero o certo é que os nosos devanceiros sapiens precisaban atraer para si e para o grupo a fertilidade e a abundancia por todos os medios que coñecían, incluída a maxia. E para iso se rodearon de obxectos simbólicos que pretendían controlar o incontrolable: que as mulleres quedasen encinta, que os seus ventres fosen bondadosos e espléndidos, que parisen sen dar a alma, e que os seus peitos deran bó leite para medraren os seus cativos quentiños no seu colo.

Neste mes, a revista Nature deu a coñecer un pequeno gran achado: unha venus paleolítica minúscula, tallada no dente dun mamute. Apareceu o pasado ano nas escavacións da caverna de Hohle Fels, en Alemaña. A figuriña, de só 6 centímetros, estaba esnaquizada en varios fragmentos que puideron recompoñerse para formar un corpo estrafalario: A cabeza, case inexistente, é unha protuberancia minúscula sobre os ombros. Os brazos, gordos e redondos, erguen dende abaixo dous peitos voluptuosos para deixar ver o ventre xigantesco. As costas rematan nunhas nádegas enormes e avultadas, das que parten dúas perniñas recortadas e sen pés, ben abertas, amosando no centro un sexo carnoso e dilatado. Nada demasiado diferente das outras venus prehistóricas, salvo a novidade dunha data inusualmente antiga (35000 anos) que a fai verdadeiramente auriñaciense. Tamén, que ten un pequeno buraquiño na cabeza que serviría para pasar por el un cordón, e que permite interpretala claramente como un amuleto, un talismán. A cova de Hohle Fels é un lugar fantástico que deu pé a outras grandes descubertas da arte paleolítica: ata 25 figuras humanas e animais en marfín de mamute, cabezas de cabalo, un precioso ganso, e incluso unha flauta esculpida en óso, quizais a máis antiga atopada ata hoxe. Soaba música no fondo das cavernas destas xentes refinadas, preocupadas pola beleza das pequenas cousas. Hai 35000 anos, unha muller apelaba a unha pequena figuriña de marfín pendurada do seu pescozo, pensando quizais en protexerse mellor dos rigores do parto e da crianza dos seus fillos, aos que transmitir logo os seus saberes, os seus medos, os seus sentimentos. Daquel ser sensible, asustado, esperanzado, saímos nós.
Comentarios (4) - Categoría: Pezas - Publicado o 29-05-2009 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal