Novas de Arqueoloxía


Esta é unha bitácora que recolle novas, opinións, críticas e curiosidades sobre arqueoloxía en Galicia e no mundo.

O meu perfil
franjopadin@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A historia máxica de España
O tesouro do Carambolo (Museo de Sevilla/caixaforte dun banco ignoto)
O 30 de setembro de 1958 uns obreiros que traballaban na construcción dun campo de tiro ao pichón (ten que haber de todo neste mundo) nos arrabaldos de Sevilla, no lugar chamado El Carambolo, atoparon un brazalete dourado e primorosamente traballado. Ao faltar un dos seus adornos, seguiron sachando na súa busca, e atoparon unha vasixa de cerámica. Nela había outros 20 obxectos: En total, dous brazais, dous colgantes-pectorais en forma de pel de touro, un colar, e outras 16 placas metálicas, todas profusamente decoradas. Os obreiros non daban creto. Repartíronas entre eles, pensando que carecían do valor que representaban ata que un deles, para comprobar que era de ouro, dobrou varias veces un dos pectorais ata que rompeu. Era de ouro puro. Colleron medo e denunciaron o achado. Axiña se presentou alí Juan de Mata Carriazo, arqueólogo e experto na Cultura Tartésica e certificou a importancia do achado: un tesouro digno dun rei, un rei de Tartessos.

E qué é Tartessos? Pois un reino mítico que os antigos gregos situaban no lonxano Oeste do Mediterráneo, na desembocadura dun rio hoxe esquecido, gobernados por reis que vivían centos de anos, facían as leis en verso e nadaban en riquezas sen conto. Se tal reino existiu, son moi poucas as noticias del que temos. A penas catro referencias de pasada por algún historiador e xeógrafo, e algunhas lendas recollidas en época bastante recente. A máis sonada fala de Gargoris, rei dos Curetes, nas ribeiras do río Betis, e o seu fillo Habidis, froito das súas relacións incestuosas cunha das fillas que tivo cunha princesa atlante. Gargoris e Habidis inventaron a apicultura e o arado, respectivamente, e meteron de cheo aos primitivos habitantes de Andalucía na civilización. Deles nos fala Diodoro Sículo, un autor grego-siciliano dos máis falaces da antigüedade. Un descendente deste Habidis foi Argantonio, do que temos algunhas noticias máis. Sería un rei do Sur da península ibérica, de entre o século VII e VI a.n.e., que andou en tratos e alianzas cos gregos de Focea, e máis cos fenicios, e que reinou, polo menos, uns 80 anos dos 120 que din que vivíu. Hai quen crerá nestas cousas, pero nestas lendas para-históricas hai polo menos un chisco de esaxeración bíblica. Literalmente, porque tan poucas noticias había de Tartessos que os eruditos tartessiólogos que deixaban as pestanas nos seus estudos mesmo acudiron á Biblia para buscar algunha referencia, e creron ver nas “naves de Tarsis” que chegaban ao reino de Salomón cargadas de marfín e pavos reais unha mostra do poderío comercial deste reino de fábula. Tarsis era Tartessos: Branco e en botella: viño!

Pero o conto é que dende hai moitas décadas o mítico reino de Tartessos ten carta de natureza na literatura arqueolóxica española, sen que se saiba moi ben por qué. Ou sí que se sabe: De existir, Tartessos sería a primeira, a máis clara mostra do xenio hispano, capaz de crear unha verdadeira civilización, culta, letrada, rica e poderosa, envexada polos mesmos gregos, na outra banda dese mar que se considera o berce da civilización, o Mediterráneo Oriental. E non sirve como argumento en contra que nin sequera exista a máis mínima nova, o máis mínimo vestixio, dunha cidade que levase ese nome, ou que todo o que se saiba non sexa máis que unha enmarañada confusion de lendas e de referencias de esguello en obras de autores serodios e pouco dignos de creto: tampouco crían a Schliemann cando buscaba as ruínas da mítica Troia, e mira!. Outro alemán, Adolf Schulten, o arqueólogo que se autoproclamou descubridor das tamén míticas ruinas de Numancia, tamén queimou os derradeiros anos da súa longa vida na percura do soño de Tartessos, pero o seu El-Dorado arqueolóxico nunca, xamais, apareceu.

Por esa razón, aos corazóns dos tartessiólogos deulles un chimpo cando, hai 50 anos, apareceu aquel tesouro do cerro do Carambolo enterrado nunha pota de barro. Un tesouro digno de Argantonio, díxose. E de aí partiu unha interpretación errada do xacemento: Aquilo era un antiquísimo poboado de casas de pallabarro pertencente á civilización tartéssica, obviamente anterior á época da colonización fenicia. E a cerámica típica deste lugar (a cerámica tipo Carambolo) serviu de fósil director para clasificar todos os xacementos do baixo Guadalquivir onde tamén aparecía. Obviaron decir que no mesmo lugar aparecera unha estatuiña da deusa fenicia Astarté, e que o lugar podía ser interpretado como un lugar de culto non tartessio, senón fenicio. Agora, con motivo das obras de construcción dun hotel no mesmo lugar do vello campo de tiro ao pichón, acábase de descubrir que os supostos “fondos de cabana” eran vestixios dese templo fenicio. O Tesouro do Carambolo non sería o enxoval dun rico nobre tartesio, senón os adobíos ou atrezzo cos que posiblemente se dispoñía a un touro para o sacrificio. E a época en que todo isto sucedeu non era tan antiga, senón moito máis recente, dende logo, e contemporánea á influencia dos poderosísimos fenicios de Cádiz, un verdadeiro emporio e un foco de civilidade en todo o Sur da Península.

Con motivo dos 50 anos da aparición do tesouro, o Museo Arqueolóxico de Sevilla pretende expoñer no primeiro trimestre do 2009 o tesouro orixinal, hoxe resgardado na caixa de seguridade dun banco, en vez da réplica que luce actualmente nos seus trinques. Ademais diso, estase a celebrar (do día 1 ao 3 de Outubro) un Simposio Internacional na Universidade hispalense. Posiblemente nel se poida poñer en claro algunhas cousas sobre a definición desta cultura. Talvez o que, con certa ampulosidade acostumábase a denominar “tartéssico” non sexa máis que producto da hibridación entre as culturas locais da primeira Idade do Ferro, nos séculos VII e VI a.n.e. e os colonizadores orientais fenicios e gregos. E toda esa estética de rosetas e palmetas, árbores da vida, leóns, grifos, esfinxes e animais enfrontados tan repetidos no Sur da península, e que Blanco Freijeiro tan acertadamente identificara co Periodo Orientalizante da arte grega non sexa máis que iso, arte Oriental trasplantada a milleiros de quilómetros da súa orixe por colonos e comerciantes. E iso sen deixar de apreciar o xenio dunha poboación local que, estimulada pola presenza inmigrante, argallaron o seu particular sistema de escritura, afillado do dos colonos, para escribir na súa propia lingua, aínda por descifrar. Tartessos é hoxe unha marca, unha referencia taxonómica, non unha civilización. Calquera outra cousa non é máis que aferrarse a unha historia interesada, máis esotérica que real, que busca esencias patrias ata nos recantos da Biblia e nos desbarres de Avieno. Porque a Historia de España, lémbreno os que sempre andan a botarnos aos galegos o celtismo en cara, tamén foi sempre así, interesada.
Páxina do Simposio
Comentarios (2) - Categoría: Pezas - Publicado o 30-09-2008 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Viva nun castro costeiro
O Faro da Atalaia (Foto Louzao Peñalva)
Quen se achegue a un castro costeiro, como o de Baroña, por exemplo, neste outono de clima caprichoso, ficará sempre sorprendido de dúas cousas. Por unha banda, sobrecollerase seguramente pola beleza dun Atlántico case salvaxe, onde a penas hai que esforzarse para imaxinar a rudeza da paisaxe primixenia na que aqueles primeiros poboadores habitaron. Por outro lado, se é curioso, non poderá deixar de extrañarse de que alguén quixera vivir nun penedo tan inhóspito, azoutado por ventos mareiros tan cargados de salitre e humidade que mesmo os peixes poderían nadar entre nós.

Seica está de moda entre a burguesía madrileña invertir en vivendas situadas en pintorescas paraxes costeiras. Non é seguro que ninguén dos que mercan estas vivendas teña unha verdadeira intención de vivir nelas. Chámanlles “inversión” e agardan simplemente a que incrementen o seu valor ao ritmo da burbulla especuladora do tixolo. Esta moda, como é ben sabido, convertiu ao litoral mediterráneo nunha muralla de cemento, unha liña interminable de rañaceos e chaletes adosados. Cando as costas soleadas non deron máis de si, os ollos dos especuladores tornáronse cara o Atlántico bretemoso, azoutado polos ventos. As postais eran fermosas, unha terra verde como unha esmeralda que se deixaba abrazar polo mar. Non había sol, pero iso non importaba a quen compra unha casa de postal. Habendo demanda, non tardou en xurdir a oferta, e sendo Galicia unha terra de concellos minifundistas e económicamente infradotados, habitados por pillabáns desexosos de sacarlle partido á súa leira, era lóxico que esta fora a nova terra prometida para mesetarios inversores en vivendas-cromo.

Só así se pode entender o incremento exponencial de vivendas en concellos como Cervo, un municipio de menos de 5000 habitantes que mira ano tras ano como aumenta o número de pisos construídos ao tempo que, paradoxicamente, se reduce o monto dos seus habitantes. A principal poboación do Concello, San Cibrao, estaba situada nun precioso entorno, ao longo do pequeno esteiro que forma a desembocadora do río Cobo, resgardado dos embates do mar pola península da Atalaia: Un promontorio avanzado sobre o mar, unido ao continente por brancos areais e coroado por un faro do máis cuco. Todo moi tentador para os devoradores de costa. Unha empresa de promocións inmobiliarias, Sanciprián, fíxose cos terreos máis apetitosos da Atalaia, disposta a construír pisiños de postal a carón do faro e ofertalos en Madrid. Non importa que alí chovan 1600 litros por metro cadrado ao ano, o dobre que en Londres. Nas postais non chove. Tampouco importa que debaixo do solar se agachara un antigo e esquecido castro. Nada que non teña arranxo.

Porque o arranxo foi como segue: no ano 2005, os arqueólogos encargados de realizar o inventario de xacementos do Concello, con vistas á súa inclusión no planeamento municipal, localizaron o castro da Atalaia, e atoparon algúns dos seus vestixios, nomeadamente muíños de man e outros artefactos. Emporiso o alcalde de Cervo, sumamente preocupado polo Patrimonio Cultural do seu concello, concedeu licencias de edificación nos solares, ao tempo que eludía a inclusión do castro da Atalaia no inventario arqueolóxico do municipio. Aínda así, en Abril do 2007 o castro foi incluído neste inventario, pero iso non arredou á empresa promotora. A comenzos do verán dese ano, unha pala escavadora comenzou a remoción de terras no solar. As pedriñas do castro saían en camións cara ás entulleiras dos arredores, para deixar sitio ao tixolo voraz.

Algúns veciños (os do non, os da casca amarga, xa saben o que quero decir), denunciaron os feitos na Dirección Xeral de Patrimonio, que remitiu un escrito ao Concello ordeando a paralización das obras. A carta chegou, pero o concello, inquebrantable valedor do Patrimonio, tardou catro días (!!!) en mandar a alguén ás obras a cumplir co seu deber. Para cando a empresa constructora se deu por “oficialmente” enterada de que estaba a cargarse un castro, xa esfolaran mil metros cadrados do mesmo. Ademais, a orde de paralización debía estar escrita en papel tisú: se a leron, non fixeron moito caso, porque a extración de terras continuou a ritmo de traballadores chineses.

Pero aínda quedaba algo sen remexer. A Xunta ordenou unha intervención arqueolóxica no solar, para avaliar o que quedase. Fixéronse algunhas sondaxes, con resultados pouco claros. A lectura do informe dá a entender que nos solares a penas quedaba nada que lembrase a un castro. Outras fontes insinúan que os arqueólogos, a soldo dos constructores, fixeron un informe a medida, que obviaba o uso de maquinaria no solar, e minimizaba todo o posible o valor patrimonial dos achados. É o problema deste modelo de “xestión” do Patrimonio, no que os arqueólogos fan o traballo da Administración, pero a soldo de quen está fronte a ela. O caso é que as sondaxes non deron escusa para unha protección efectiva do que quedaba, e o promotor aproveitou os periodos de ausencia de arqueólogos para seguir destripando o solar.

Á vista dos feitos, a Xunta anunciou medidas sancionadoras ao Concello de Cervo por non evitar a destrución dun xacemento arqueolóxico inventariado. Disto, o alcalde deféndese de maneira ben curiosa, orneando que a única protección posible do castro pasa pola compra (por parte da Xunta, evidentemente) do terreo, un custo que o Concello non pode asumir. É decir: se se quere salvar un ben público, (o castro), da súa destrucción para satisfacer un interese privado (o da empresa promotora), hai que idemnizar aos especuladores cos cartos dos cidadáns. Non chega simplemente com prohibir a construcción desaforada sobre o patrimonio de todos, destruíndo para sempre unha paisaxe que merece mellor trato. O constructor non pode perder. Ademais, o Concello di que non sabía nada do castro, a pesares que o incluían no avance do Plano Xeral de Ordenación Municipal xa no ano 2004. Daríano ao esquecemento.

San Cibrao conservaba ata hai poucas décadas todo o engado dunha viliña mariñeira, con todos os ingredientes que salfiren e dan sabor á paisaxe da costa galega: as casas amoreadas sobre os cons, o areal resgardado onde varan as chalanas, o faro guiador dos mareantes, e ata un castro que, como o de Baroña, era um confín verde cargado de connotacións pombalianas. Pero nese atractivo está o seu negro fado: entre promotores avarentos, políticos cómplices, administración neglixente, arqueólogos dependentes, veciños apáticos e moita ignorancia, vai camiño de convertirse nunha urbanización anodina de edificios baleiros e impersonais acurralando o faro, amurallando os cons e os areais, e acalando para sempre os ecos dun pasado milenario. E total, para que un madrileño presuma dun piso nunha postal.
Comentarios (5) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 31-08-2008 16:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A loba sácase anos
A Loba CapitolinaNo século VIII a.n.e. un grupo de desherdados sen terra decidiron asentarse nun dos outeiros que dominaban as terras pantanosas das beiras do río Tíber. Liderados por dous irmáns de incerta orixe, poida que fillos dunha prostituta (en latín dicíaselle Lupa –loba– as prostitutas, con seguridade polos oubeos que proferían no seu exercicio profesional) un deles acabaría matando ao outro e convertíndose no primeiro rei daquel fato de bandidos. Prosperaron axiña, adicados ao roubo de gando, refuxiados naquel punto estratéxico que dominaba o vado do Tíber pola Illa Tiberina, cruce das rutas entre o Norte e o Sur da Península de Italia. Logo, necesitados de mulleres, raptaron as dos seus veciños Sabinos. A guerra así provocada decidíuse coa alianza de ambas cidades. Comenzaba a xestación dun Imperio.

Nesta lenda, seguramente moi falseada, pódense entresacar moitas das institucións que definen a sociedade da Idade do Ferro europea, e que son comúns a moitos pobos, dende os gregos primitivos ata os castrexos verdecentes: as bandas, cofradías ou irmandades de guerreiros, o gando como medida da riqueza, o rapto de mulleres como vía de acceso ao matrimonio e á perpetuación dunha economía doméstica... Logo algo certo hai nela. Máis tarde, os historiadores descendentes daqueles primitivos cuatreiros adobiaron convenientemente as súas orixes. O seu rei Rómulo era o fillo dunha sacerdotisa vestal guapísima, violada polo mesmísimo deus Marte, e descendente por vía directa de Eneas, que era un heroe de Troia, e da deusa Venus. Abandonado xunto co seu irmán xemelgo Remo no Tíber flotando nunha cesta (coma Moisés, coma Sargón de Akkad…) foron recollidos e amamantados por unha loba e logo, xa medradiños, fundaron Roma cumplindo cun destino marcado polos deuses. Dime de qué presumes…

Os romanos adoptaron á loba como símbolo da súa cidade. Era a “mater romanorum”, a nai dos romanos. Esculpírona nos seus lábaros, á cabeza dos seus exércitos, e cruñárona nas súas moedas, dandolle o teto aos dous irmáns fundadores. No foro, o val que discurría no medio das colinas onde a cidade fora fundada, levantábase unha famosa estatua de bronce desta loba, que foi descrita por moitos autores antigos. No ano 65 a.n.e. un lóstrego fulminou a estatua, o que para os romanos, moi aficionados aos agoiros, só podía parecerlles o aviso dun gran desastre. Non se sabe que tal cousa sucedese, o que proba que os romanos podían ser tan irracionais coma nós.

A pista daquela venerada estatua perdeuse na noite dos tempos medievais, pero no século X sábese que a escultura dunha loba, encadeada á fachada do pazo papal de Letrán, presidía a Corte de Xustiza da cidade. Non se sabe tampouco qué foi desta estatua, pero cando Francesco della Rovere foi elexido como o papa Sixto IV, donou á cidade unha colección de estatuas antigas, que foron a parar ao Pazo dos Conservadores, fundando o xérmolo dos Museus Capitolinos. Entre estas estatuas estaba a dunha loba. A Loba Capitolina.

Nese mesmo tempo, un escultor renacentista, posiblemente Antonio del Pollaiolo, engadíu as dúas figuras dos xemelgos Rómulo e Remo mamando da loba, rematando a escultura tal e como a coñecemos. Ninguén coñecía a orixe daquela figura, pero axiña se convertiu no símbolo da cidade coma nos vellos tempos. Cando no século XVIII rexurdíu o culto á antigüedade, ao calor das descubertas de Pompeia e Herculano, un sabio alemán, Johann Joachim Winckelmann, abordou o estudo da estatua. Winckelmann era un xenio do seu tempo. Hai que ter en conta que, carecendo de máis referencias que a súa propia e autocreada erudicción, e da súa intuición e capacidade de análise, foi capaz de poñer os alicerces de toda a Historia da arte antiga tal e como aínda agora a describimos. Winckelmann observou as aplanadas crechas do lombo lobuno, e creu ver semellanzas con esculturas etruscas do século V a.n.e. Logo comprobou que unha das patas estaba lañada, e pensou que aquilo fora o resultado daquel lóstrego agoreiro que caera no antigo foro romano causando tanto espanto e preocupación. Non había dúbida que a estatua era antiga.

Houbo quen contestou estas suposicións. Varios autores no século XIX dubidaron da antigüedade da Loba, decindo que era medieval, pero ao final Winckelmann era Winckelmann, e o peso da súa autoridade acabou por aplastar calquera disidencia á súa opinión. E así seguiu a cousa ata que en 1997, con ocasión dunha restauración da Loba, os Museus Capitolinos encargaron á conservadora Ana María Carruba que estudase a estatua e o modo en que ésta foi realizada. Carruba comprobou que a estatua fora fundida nunha soa e única peza coa técnica da cera perdida. Iso non parecía demasiado conforme cos costumes dos broncistas antigos, que preferían fundir as estatuas por partes para poder garantizar a perfección dos detalles, e logo soldalas. Fundir pezas grandes dunha soa vez era algo propio de broncistas medievais, afeitos a fundir campás e outros obxectos de gran calibre. Así o deixou constar: para ela, a Loba era medieval, e non etrusca, e Winckelmann podía decir misa en latín.

Ninguén lle fixo demasiado caso, ata que o ano pasado, a análise dunha mostra de Carbono-14 deu como resultado que a Loba Capitolina foi realizada moi aproximadamente no século XIII. A nova gardouse en segredo ata agora, que foi aireada polo ex-responsable de Cultura do Concello de Roma, Adriano La Regina nun xornal italiano. Para moitos é a caída dun mito. Luperca xa non é a proba material da antigüedade da lenda dos fundadores, na versión daquel pobo inxustamente esquecido que foron os etruscos. Non era a Loba do foro fendida polo raio. Posiblemente tampouco sexa a loba xusticeira do Pazo de Letrán. Pero non quita que sexa unha fermosa estatua: Para os que a puidemos contemplar, resulta admirable a súa forza expresiva, esa mirada que evoca a un tempo a fortaleza, a determinación e a tenrura que só pode ter unha nai que protexe aos seus cachorros. Non abonda con iso?
Comentarios (5) - Categoría: Pezas - Publicado o 27-07-2008 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A sombra de Arbor é alongada
A arbore das ciencias, en Compostela, logo do C.S.I.C. (foto de Gacela, picasaweb.google.com)
Falamos algunha vez nesta bitácora do peculiar ambiente de crispación que se vive dende hai anos na arqueoloxía galega. É unha palabra, esta da crispación, moi de moda nos medios de comunicación. Foi introducida neles por políticos interesados en definir con este termo os argumentos, modos e formas empregados durante a pasada lexislatura española. Por unha vez, medios e políticos, tan proclives a utilizar palabras hiperbólicas, inexactas ou fóra de contexto, acertaban. O diccionario da RAG define crispación como a provocación ou o sufrimento dunha forte irritación ou enfado. Tal é tamén o caso do noso pequeno gremio, dende hai xa moitos anos.

No pasado mes de maio, esta crispación viviu un dos seus últimos episodios. O catedrático de Historia Antiga na USC J. C. Bermejo Barrera publicaba un artigo na revista Arbor, revista publicada polo C.S.I.C., no que, baixo a forma dun estudo antropolóxico dun grupo de investigación arqueolóxica galego, expoñía unha áceda crítica á chamada “arqueoloxía da paisaxe”, centrada sobre todo na inconsistencia teórica do seu máximo gurú, F. Criado Boado, e nas conclusións prácticas e presuntamente científicas, á luz desta corrente interpretativa, expresadas por dous dos seus integrantes: M. García Quintela, e M. Santos Estévez, encol dos petroglifos galegos. Bermejo Barrera exerce como Catedrático de Historia Antiga dende 1992, e é recoñecido por ser un dos maiores especialistas galegos en mitoloxía grega e historia do pensamento antigo. Foi o introductor no noso país das teorías de Georges Dumézil, que causaron unha fonda impresión en certa parte do elenco docente compostelano. Dende hai uns anos, eríxese nun dos principais críticos dunha política de “xestión do Patrimonio” mercantilista e allea a motivacións científicas, que personifica na autodenominada “arqueoloxía da paisaxe”. Sobre isto, escribiu unha serie de artigos, e un libro ao alimón con Mar Llinares García: O Valor da Arqueoloxía, (Santiago de Compostela 2006).

O argumentario de Bermejo artéllase en varias frontes. Por unha banda, critica aos arqueólogos da paisaxe pola súa insipidez teórica. Non hai, ao parecer, na producción literaria de todo este nutrido grupo, nada que defina coherentemente ou xustifique a autoproclamación da “arqueoloxía da paisaxe” como unha teoría sistemática e global, ou para entendernos, que sirva para interpretar o coñecemento arqueolóxico na súa totalidade. A arqueoloxía da paisaxe é á teoría arqueolóxica como a “bellota” aos paletíns: unha marca, unha palabra baleira. Pero tamén critica a vinculación desta “teoría” coa chamada “arqueoloxía de xestión”, que consiste basicamente na aplicación de criterios economicistas á actividade arqueolóxica, convertindoa nun servizo (con criterios empresariais) que reverque os seus beneficios na sociedade en forma de bens patrimoniais utilizables como atracción turística. Ou se está a investigar, ou a gañar cartos, pero as dúas cousas....

Por outra banda, na práctica os arqueólogos da paisaxe, segundo Bermejo, parecen comportarse como un grupo sectario, aglutinado arredor dun líder carismático e idolatrado, que ao contar coa súa propia liña de publicacións poden manter unha certa producción literaria. Nesas publicacións prolifera a autocita ou a cita recíproca para fortalecer o prestixio intelectual do grupo, mentres que os non adeptos son ignorados ou condenados ao ostracismo. Este universo pechado funciona como unha fortaleza ideolóxica onde as críticas son vistas como mostras de enemizade malintencionada, causada pola iñorancia ou peor aínda, a envexa. Son guais.

Para rematala, Bermejo faille un traxe a dous acólitos paisaxísticos, García Quintela, e Santos Estévez, poñendo a parir panteras a súa interpretación de certos petroglifos como manifestacións simbólicas ligadas a ciclos astrais dentro dunha cosmoloxía céltica, sen ningún aval para demostralo máis que a propia imaxinación, unha mala dixestión de Dumézil, e moita música de gaita.

E onde foi publicado este artigo? Pois a Bermejo non se lle ocurriu cousa mellor que mandalo a Arbor, a revista do C.S.I.C. onde o gurú Felipe Criado, mentor da arqueoloxía da paisaxe, ocupa o pomposo posto de Coordinador Científico-técnico da Área de Humanidades e Ciencias Sociais. Alí deu cos seus ósos, despois do seu frustrado asalto á cátedra de arqueoloxía da USC. Non me meto na pertinencia das razóns que Bermejo expón no seu artigo, pero tamén ten que recoñecer que algo de mala idea tiña. Podería ter ido ao Bernabeu cunha ikurriña, e o resultado sería o mesmo. Porque a Bermejo duroulle o artigo un santiamén. O tempo que lle deu a un felipista do C.S.I.C. a leelo, e inmediatamente borralo da versión web. Isto foi visto como un acto intolerable de censura, aínda que Arbor xustificara esta actitude en que o artigo en cuestión xa aparecera previamente noutra revista, e polo tanto non era orixinal. Isto é un argumento moi endeble: o artigo sí é orixinal, posto que non cabe dúbida que o redactou o mesmo Bermejo. O que non era é inédito, que é outra cousa. Se algunha razón tiñan os do C.S.I.C. en estar molestos con Bermejo, perdérona cunha acción tan infantil, tan de pataleta, tan definitivamente sectaria.

Haberá quen non mira en todo isto máis que un enfrontamento persoal. Nestas discusións mestúranse argumentos e sofismas, con paixons e instintos animais. Quéixase Bermejo de que García Quintela vai presumindo de ter lido a Dumézil antes que ninguén, e de non acordarse del nas súas citas. Ten mala memoria, o Quintela, e iso que Bermejo lle dirixiu a tese doutoral, alá a principios dos 80. Aficionado como é á mitoloxía grega, temerá que o seu antigo pupilo remate coma Altémenes, ou Telémaco, ou Edipo, matando ao seu propio pai. Por iso quixo papalo (intelectualmente), aliñado con Dumézil e sorna, coma un Urano goyesco. A arqueoloxía galega é así: unha traxedia grega.
Comentarios (8) - Categoría: Publicacións - Publicado o 30-06-2008 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A Cidade do pladur
O futuro Museo de Historia de Galicia, no Monte Gaiás.
No ano 1999, o inefable e nunca suficientemente valorado Conselleiro de Cultura do Antigo Reino de Galicia, (enténdase o de non suficientemente valorado como nunca valorado con “suficiente”), Xesús Pérez Varela, decidíu que, ao igual que os faraóns exipcios, os emperadores romanos e os khanes da China, a inxente obra política de Don Manuel I, rexente do Reino, non podía rematar sen un colofón monumental que perpetuase a súa memoria no tempo, unha obra dunhas dimensións tales que fixesen estremecerse ás xeracións vindeiras ante a grandeza dun estadista ao que o propio Estado lle quedaba pequeno na cabeza. Había que facer algo e rápido, porque o patrón xa ía vello, e a pesares da confianza que algúns como Xaime Pita tiñan na inmortalidade daquel xefe providencial, tarde ou cedo o feito biolóxico acabaría por acontecer.¿Pero qué facer? ¿Unha tumba piramidal de granito porriñés? Iso xa o mirara nalgún outro sitio, e ademais soltarlle ao xefe ese “memento mori” non sería moi delicado. ¿Cinco ou seis camiños de Santiago novos? Despois do camiño alacantino e do camiño ligur-manchego, non quedaban xa corredoiras que sinalizar. ¿Uns Xogos Olímpicos en Compostela? Habería que enviar a cada membro do COI un bo capón de Villalba, e aínda así… De súpeto, o noso Conselleiro deuse unha palmada no medio da fronte, que retumbou no ar coma un berenguelazo: Xa estaba! Unha cidade enteira, que meta medo de grande. E con cultura, moita cultura, ao demo o que signifique iso, que contra a cultura non vai ir ninguén. A Cidade da Cultura. Hai un par de montes por aquí cerca que están a toxo e que ben podían valer. Desfaise o monte e énchese de Cultura. Metafórico. Grandioso.

Fíxose un concurso de ideas para darlle forma á Idea Primeira. Presentáronse algúns dos arquitectos máis renomeados do Reino, e de fora tamén. O de máis pedigree era Peter Eisenmann, un deses grandes maestros de reputación mundial, que presentara unha deconstrucción da toxeira para convertila nunha caprichosa combinación de sinuosas ondas. Mirando os planos e as maquetas non había maneira de entendelo, pero parecía todo moi moderno. E aquel tipo saía xa nos libros de Historia da Arte, era un artista de moito nabo, non había que deixalo escapar. Don Manuel mecenas de Eisenmann, iso sí que era dar lustre a unha biografía xa de por sí luminosa.

Pérez Varela xuntouse con Eisenmann, para falar do asunto. Todo debía ser inmenso: unha biblioteca cun millon de libros “de exposición”, para que veñan estudosos a mirala, pero dos serios, nada de estudantes melenudos. E un museo con moito trinque. E un teatro, con cenarios xiratorios, para que veña a cantar Carmiña Burana, e Manolo Escobar, e que deixe pequena á discoteca Dona Dana. Polos cartos non había problema. O resto é unha historia da que todos escoitamos falar. Unha historia da que, por máis comisións de investigación se fagan, non coñecemos a todos os personaxes, nin todos os argumentos, nin tampouco coñecemos o final.

Como era lóxico, a unha obra megalómana corresponden problemas mastodónticos. Dende os problemas técnicos que nin o propio Eisenmann era capaz de resolver, ata os problemas políticos, derivados desa incómoda consecuencia da democracia, que é a alternativa no poder. Os orzamentos se dispararon, as obras se pararon, acabou ese feliz matrimonio do proxecto coa prensa, que agora se tornara enemiga feroz daquel despilfarro. Ao final, todos acordaron que era demasiado tarde para parar as máquinas.

Hoxe en día a Cidade da Cultura é unha realidade. Dos seis edificios proxectados, dous están rematados, e a dous fáltalles nadiña. Quedan por facer os xigantescos espazos de creación e exhibición: o teatro e mais o centro de arte contemporánea, que foron os que se tentou redefinir no paro das obras decretado polo goberno de Touriño-Quintana, e que supostamente estarán rematados a inicios da próxima década. Certamente, a visita ao lugar é impresionante, pero estas impresións son paradóxicas. Ese aire “deconstruído” que teñen os edificios, coa súa confusión de planos verticais e horizontais mesturados con cubertas sinuosas e rampas volantes, que son o que lle dan esa aureola futurista, convive con un certo pouso a “déjà-vu”, a algo xa familiar. Parece todo un centro comercial xigante. Mirar as tripas dos edificios a medio facer pon en evidencia as virtudes características deste arquitecto que é Eisenmann e as súas sonadas mallas estructurais. Emporiso, tamén pon en evidencia que o que fai meritoria esta estructura tan aparentemente simple (a mesma, salvando ás distancias, que a dunha xaima beduína), é a súa escala propia do Xurásico. E despois está a omnipresencia do pladur, ese material tan agradecido para crear eses espazos interiores de fría e branca xeometría, pero que lles resta o aspecto de solidez e de resistencia que un gran edificio debe ter sempre presente, por máis que Eisenmann apañe recordatorios da súa malla estructural por todas partes. Con tanto pladur parece todo feito como de papiroflexia.

Pero á marxe do valor arquitectónico dos edificios, que non ten demasiado lugar nesta bitácora, no que quería fixar a atención é sobre o uso dese edificio inmenso que vai ser o Museo da Historia de Galicia, e que está a un tris de rematarse. O bicho vai ter máis de 14.000 m2 construidos, e non se sabe moi ben para qué. Alí caben catro castros, a Torre de Hércules, a Peregrina de Pontevedra e varios centos de mámoas. Non estou en contra da creación de grandes museos. Un museo é, segundo o Consello internacional dos Museos, unha institución permanente que investiga os testemuños materiais do home e o seu desenvolvemento, acádaos, consérvaos, divúlgaos e exponos para o seu estudo, educación e deleite pola sociedade. Segundo esta definición, a inmensa maioría dos Museos integrados na Rede galega de Museos non merece tal nome: non teñen persoal investigador, non sendo algún becario esfameado, non teñen publicacións nin catálogos, e moitas veces nin conservan ben o que teñen. Así que un macro-museo de historia de Galicia podería ser a ocasión de ter un centro efectivo de investigación e de divulgación que a maioría dos museos galegos non poderían soñar ser.

Pero para iso habería que ter a vontade política de reorganizar todo o panorama museográfico galego dende a mesma base. Poderíase facer a través da especialización, convertindo os museos existentes en museos de arte, de ciencias, de historia ou de arqueoloxía, acabando con esa heteroxeneidade tan decimonónica que convirte a moitas das máis renomeadas institucións de Galicia nun caixón de xastre onde o mesmo se expón un miliario, un cadro de Laxeiro, unha talla románica ou as gafas de Castelao. Pero cando se monta o Cristo que se monta, enfrontando a unha cidade enteira con un museo pola posesión dun ungüentario cochambroso, e vista a actitude condescendente da Sra. Bugallo ante eses demagogos, está visto que mover calquera cousa do seu sitio non está dentro dos plans posibles. Así que Galicia vai contar cun Museo de Historia alucinante. Disque vai ser un “Observatorio da historia de Galiza e das tendencias culturais actuais, centrándose na divulgación internacional do patrimonio histórico-cultural galego”. Fálase de moita interactividade, e de moito concepto didáctico-participativo, pero de fondos nada. Alí onde poñamos os ollos, miraremos pladur.
Fundación Cidade da Cultura
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2008 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha de romanos
Carátula da segunda tempada da serie Roma (foto HBO)
As pelis de romanos son un xénero cinematográfico case tan antigo coma o cine mesmo. Recrear épocas remotas proporcionaba o marco ideal para as dúas principais necesidades que a sétima arte pretende cubrir: alimento para os sentidos, alimento para o espíritu. Por unha banda abría unha vía de evasión para os espectadores que acudían ao cine para fuxir dunha existencia mediocre. Para eles construíanse fantásticos decorados de cartón-pedra, e creábanse heroes afoutos de exótica vestimenta que falaban sempre co plural maiestático. Por outra banda, as recreacións históricas eran un campo fertilísimo para a expresión dos cineastas, non só no sentido artístico, senón tamén no ideolóxico. Coa excusa da distancia temporal, os autores podían plantexar mensaxes ou situacións que a censura (a oficial ou a autoimposta polas productoras) non alcanzaba a emborronar.

Hai, pois, dúas grandes escolas de cine de romanos, ou mellor dito, dúas maneiras de facelo. A primeira santifica o valor do espectáculo. Por estas pelis pululan personaxes ampulosos nos falares, pero simples de carácter como unha recta nun encefalograma: Bos que son boísimos, malos que son malísimos, chicas de insólita permanente roiba que berran ante o ataque do león no circo, o muslo xeneroso asomando pola fenda da túnica, a man crispada cubrindo un rostro de beleza desencaixada. Fondos de mármore, e columnas, moitas columnas. Unha ou varias escenas apoteósicas, con varios centos de extras ou con epatantes efectos especiais: unha carreira de cuádrigas, unha batalla decisiva, un desfile trunfal, Roma ardendo mentres Nerón tañe a lira... Protagonismo absoluto dos metais na banda sonora, todo fanfarria e timbal. Heavy metal.

Fronte a isto hai un cine no que lucen máis os aspectos teatrais. Aquí non hai orzamento para as grandes ambientacións, que poden ser reducidas á máis estricta sobriedade. Interesan máis os personaxes, o seu carácter, as pasións que os moven e os valores que representan. O outro é un cinema máis do gosto americano, éste maís do europeo, con tintes shakespearianos, e actores frecuentemente británicos. Non son dúas maneiras antagónicas de enfrontarse a este xénero: un mesmo autor pode participar dunha e doutra, compárense a pulcritude literaria de "Xulio César", e os excesos visuais de "Cleopatra", ambas as dúas de Mankiewicz.

Para o historiador-arqueólogo que ve cine de romanos é difícil sustraerse da deformación profesional que o obriga a analisar a película baixo o prisma do rigor histórico. Con frecuencia, case con seguridade, esta perspectiva vaino conducir a unha fonda decepción. Se ten a suficiente condescendencia, complacerase com descubrir detalles verídicos e perdonará as licencias. Ao fin e ao cabo, é cine, non historia. É arte, non ciencia. Se ten ademais a suficiente capacidade de abstracción, disfrutará do espectáculo. As veces nin iso.

Por iso, o mesmo espectador-historiador-arqueólogo non pode facer outra cousa máis que disfrutar con series como Roma, coproducida por HBO e a BBC, collendo o mellor desas dúas maneiras de entender o xénero. Rodada na mesma Roma, nos míticos estudos de Cinecittá, e cun orzamento propio de señores dos aneis, é un fantástico culebrón coral ambientado na agonía da República e as guerras civiles, por onde cruzan as súas vidas os grandes patricios que escribiron o seu nome na historia con anónimos plebeos arrastrados pola maruxía do destino caprichosos dos poderosos. E todo, sumerxidos nun ambiente recreado ata o detalle máis insignificante, dende os luxosos peristilos das mansións do Palatino, unha orxía de flores e música de auga, as brutais calellas do Aventino, cheas de recantos escuros onde se mata por unha moeda. Nada se deixou ao azar, nin sequera Tito Pullo e Lucio Voreno, os amigotes ex-lexionarios que protagonizan a serie, están inventados de todo: ambos son lembrados por César nos seus Comentarios á Guerra das Galias cando, competindo por gañar na batalla o posto de Primus Pilum, salváronse a vida mutuamente. Poderase criticar que algún dos personaxes históricos que aparecen na trama non estean caracterizados exactamente como imaxinabamos. Isto é natural, pois a imaxe que temos deles provén de fontes que tampouco son para nada obxectivas. O Octavio Augusto hierático, depravado, ambicioso e case consciente da súa divindade que se nos retrata en Roma dista moito do outro Octavio campechano e familiar que aparecía en “Eu, Claudio”, a antiga e tamén preciosa serie baseada na obra de Robert Graves. Posiblemente o Octavio real se parecese aos dous, ou a ningún. Pero ambos son verídicos, o que non é o mesmo que veraces.

Porque calquera destas críticas queda afogada pola inmensa honestidade coa que os realizadores se enfrontaron á reconstrucción do pasado. Non se deixaron levar por ningún prexuizo, nin polo políticamente correcto, nin polo suposto gusto da audiencia. Pintaron unha Roma cruda e realista, a linguaxe é ruda, o sexo explícito, a violencia despiadada. O noso ollo pode recorrer este mundo fusco e terrible sen que nada se nos agache. Se o amo sodomiza ao escravo, mirámolo. Se o mata dunha paliza, mirámolo. Se o que hai que matar é un animal e pintar o rostro co seu sangue para pedir o favor dos deuses, mirámolo. Se os membros dun collegium celebran a súa fortuna cunha orxía, mirámolo. Tan natural. Contemplando esta serie, sentímonos como os primeiros escavadores de Pompeia. Eles coñecían unha Roma de luxo e ouropel, a das estatuas dos emperadores, as columnas de mármore, e as historias dos deuses e as súas glorias; atoparon unha cidade de tendeiros e novos ricos, onde os poemas de Horacio convivían con grafitis de obscenidade desaforada, e onde había case tantas panaderías como burdeis. Suor conxelado baixo a cinza.

Roma (2ª tempada) foi emitida en Cuatro esta Semana Santa, seguindo esa curiosa tradición de programar romanadas en época de penitencia e recollemento. Agardemos que a repoñan en horario menos intempestivo, e non a culleradas de tres horas e media. Corren rumores dunha terceira tempada, incluso de que a van levar ao cine. Haberá que velo.
Comentarios (2) - Categoría: Publicacións - Publicado o 31-03-2008 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Un pouco de teatro
O maltratado teatro de Sagunto (foto Kalipedia)Os gregos inventaron o teatro para honrar aos deuses. Ligado nun principio ás festividades relixiosas, éstas adobiábanse con figuracións dos mitos nos que participaban os deuses e os heroes das poleis. Xa logo, estas representacións, máis emancipadas do rito onde nasceran, acadaron peso e calidade literaria. Nas grandes festas e solemnidades da cidade os principais talentos competían coas súas obras polo favor dun público entregado ás reviravoltas dos dramas e á diversión das comedias. Os vencedores, coma se fosen campeóns olímpicos, rexistrábanse para a posteridade nas didascalias, inscripcións conmemorativas destes acontecementos, para que os cómicos compartisen a inmortalidade dos heroes e os deuses que protagonizaban as súas obras. Os políticos, conscientes do valor do teatro para educar á cidadanía en certos valores cívicos, fomentaron a construcción de edificios para as representacións. Os gregos fixeron dos teatros verdadeiras escolas onde todas as virtudes e as feblezas do ser humano tiñan cabida.

Os romanos, sendo xente práctica, souberon apreciar o teatro grego e, malia as súas propias e primitivas representacións rituais, adoptárono como seu. Aínda que as loitas de gladiadores e as carreiras de carros contaban con maior aceptación popular, tanto as clases refinadas como a ralé plebea disfrutaban con obras que imitaban o estilo grego, pero tamén, con outras que pretendían ser xenuínamente latinas. Cando Roma extendeu as súas poutas por todas as ribeiras do Mediterráneo, en cada unha das cidades que conquistaron, en cada nova urbe que fundaron, non esqueceron erguer un teatro. O teatro era, para eles, un símbolo da civilización, e unha cidade non podía ser considerada como tal se non tiña o seu edificio de boa pedra do país, co seu graderío semicircular rodeando a escena na que declamaba o coro.

Hai agora 20 anos, en 1988, descubríronse casualmente os primeiros indicios da existencia dun teatro romano en Cartaxena (Murcia-España). Cando as sondaxes en anos posteriores calibraron o bo estado de conservación do edificio, un convenio entre o Concello, a Comunidade Autónoma, o Ministerio de Cultura e a Caixa de Aforros local permitíu financiar a escavación de todo o complexo. Un traballo difícil, pois as ruínas estaban ocultas baixo unha morea de vivendas e por unha igrexa, pero que se levou a cabo con celeridade notable, entre 1993 e o 2003, con só un ano de interrupción. Despois de recuperar o monumento, decidiuse a súa restauración para o disfrute público, nun “proxecto integral” asinado polo arquitecto-museeiro máis prestixioso do Estado: o pritzkerizado Rafael Moneo. As obras, que están a un tris de rematar, supuxeron convertir ao teatro no, quizais, principal monumento histórico da cidade, ademais de darlle a ésta un novo espazo de lecer, un novo museu, e revitalizar un barrio, o de Pescadores, deprimido e arruinado.

Estas obras, tamén é verdade, teñen os seus críticos. Pero ante os exemplos de rehabilitación de teatros romanos padecidos nos últimos tempos, o asunto parece merecedor de gabanzas, máis que de outra cousa. No mes pasado, por exemplo, o Tribunal Supremo confirmou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia pola cal obriga ás administracións públicas a derribar e desmantelar as obras de “rehabilitación” perpetradas a principios dos anos 90 no teatro romano de Sagunto, tamén no Levante español. Estas obras, realizadas polos arquitectos Giorgio Grassi e Manuel Portaceli, forraron de impolutas lousas o graderío, e inventaron un fronte de escena de cemento armado e tixolo que convertiron ao edificio nunha especie de caixón arrepiante e desolador, sen a penas traza do seu vetusto pasado, e o que é máis grave, sen que tal actuación se baseara en criterios científicos razonables. O teatro de Sagunto quedou como un monumento ao que xamais se debe facer nunha rehabilitación: destruír, ocultar, deformar, gastar a eito. Agora, coa sentenza do Supremo, finaliza un proceso legal que duraba 17 anos e no que xa non caben máis recursos, pero aínda que a sentenza se cumpla, os daños cecais sexan xa irreparables.

E preguntará algún: non haberá un teatro romano en Galicia?. Pois agora, por fin, podemos decir que si. Polo menos na Galicia romana, pois o ano pasado, despois de tres campañas de escavación, foi presentado en sociedade un teatro en Braga, a carón das termas, o outro gran monumento clásico da antiga Bracara Augusta, unha das tres capitais da provincia da Gallaecia. A existencia deste edificio coñecíase dende 1999, cando unha escavación na palestra das termas deu cos primeiros restos. Despois disto, entre o 2004 e o verán pasado, a Universidade do Minho acometeu amplas escavacións nun proxecto preliminar que pretendía identificar as diferentes partes do edificio e valorar o seu estado de conservación. Os resultados que se acaban de presentar, en canto achados, son espectaculares, toda vez que é o segundo teatro que se escavou en Portugal, (o outro é o de Lisboa, medio oculto e medio desenterrado no medio das casas que abarrotan, amoreadas, as encostas do Castelo de San Jorge); e permiten xa pensar nunha restauración dos vestixios. Agora a responsabilidade é da administración, que ha de poñer os cartos e a vontade para que Braga poida amosar orgullosa ese edificio que a equipara coas principais capitais do Imperio Romano.

Cando se contempla un teatro romano, non se pode deixar de sentir admiración por unha civilización que consagrou tanto esforzo e, ás veces, tanta beleza, para que os seus cidadáns disfrutasen da sotileza das palabras escollidas, pronunciadas con delicadeza, e afirmadas co xesto, coa música, e tamén co silenzo dun público espectante. Tratemos ao noso teatro galaico-romano co respecto que merece. Os teatros de Cartaxena e de Sagunto representan dúas maneiras de entender iso que agora se chama “posta en valor”, e que tantas veces consiste realmente na alteración dun monumento na súa teimuda persistencia, para convertilo nun producto de consumo capitalista. Sirvan como exemplo aos galegos do Sur do que se pode facer e do que non se debe facer co noso patrimonio.
Exposición sobre Teatro Romano celebrada en Zaragoza no 2003.
Comentarios (5) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 29-02-2008 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os ollos que miran ao ceo
A táboa rongo-rongo chamada Aruku-kurenga, conservada na Congregación do Sagrado Corazón, en Roma.
Cando o almirante holandés Roggeween arribou á illa de Rapa Nui, no medio do máis profundo Pacífico, o 5 de Abril de 1722, bautizouna na súa carta co nome da festa do día, Pascua de Resurreción. Estilábase entre os navegantes este costume, apropiado para nenos expósitos nas inclusas e para pais sen imaxinación. Porén, os nativos da illa tíñanlle outros nomes, algúns ben prosaicos (Rapa Nui, a gran rocha), pero outros cheos de poesía: Te Pito o te Henua, “O embigo do mundo”, moi acaído para a única terra emerxida habitada en 2000 quilómetros á redonda, a xente máis aillada do planeta. Ou tamén Mata ki te Rangi, “os ollos que miran ao ceo”. Rodeados dun océano de soidade, para aquelas xentes as estrelas do hemisferio Sur debía ser tan cercanas coma calquera outra parte do mundo.

Os pascuenses chegaron a aquela terra probablemente dende a Polinesia, quizais en varias vagas entre o século IV e o XIII. Eran o derradeiro elo dunha longuísima epopeia de navegantes ignorados pola historia, que dende o Suroeste daquel vasto mar foron, século a século, chimpo a chimpo, colonizando todas e cada unha das illas da Oceanía. Eran viaxes a cegas,a mercede dos ventos e as correntes, en fráxiles canoas cargadas ata arriba de todo o necesario para a vida, pequenas arcas de Noé ateigadas de prantas, animais, homes, mulleres, ferramentas e saberes. Rapa Nui, a 2000 quilómetros de Pitcairn, o pequeño illote dos amotinados da Bounty, e a 3700 das costas de Chile, era coma un pequeno planeta verde flotando na inmensidade do espazo sideral. Dar con ella foi para os seus primeiros colonos coma sentar nun palleiro e dar coa agulla. É difícil calcular a desesperación daqueles piragüistas tras recorrer sen rumbo milleiros de quilómetros de mar baleiro, e a ledicia inmensa que deberon sentir ao ver asomar no horizonte os cumios romos dos volcáns de Pascua.

Aquelas xentes formidables tiñan, por forza, que facer algo formidable. Desenvolveron, nun anaco de terra non máis grande que o Morrazo, todas e cada unha das características do que consideramos unha civilización avanzada. Para o bo e para o malo. Cultivaron a terra e fixéronse hábiles pescadores, galopando sobre as ondas en feixes de canas atadas. Organizáronse politicamente en clans familiares,e axiña xurdiron diferencias sociais entre unha clase dominante (os Hanau-eepe, ou “orellas longas”) e outra dominada (os hanau-iti, ou “orellas pequenas”), distinguidas polos brincos cos que adobiaban os seus lóbulos. Inventaron, finalmente, unha mitoloxía rexida por deuses poderosos, e xunto a isto, ritos para manter a orde do cosmos, dirixidos por unha caste sacerdotal de homes sabios e vestais virxinais.

Mais logo, os clans poderosos, para facer evidente a súa posición predominante, fixeron construir enormes altares, ahus, e sobre eles estatuas de pedra para honrar aos seus devanceiros. Sen coñecer os metais, tan só batendo pedra contra pedra, tallaron os famosos moais, bustos xigantescos de rostros impasibles, tocados con rolos de pedra vermella, e con ollos incrustados que miraban ao ceo. A presunción, a fachenda, convertiu aos moais nunha industria devoradora. O seu número creceu, tallábanse ducias ao tempo nas canteiras do volcán Rano Raraku, e logo agardaban, postos de pe nas faldas do monte, o seu traslado aos ahus da costa. Para o seu transporte, e para erguelos nos seus altares, así como pola presión dunha poboación en constante aumento, taláronse as fragas que cubrían a illa, e esta pasou de ser un paraíso boscoso a un páramo áspero de herbas peiteadas polo vento. Ante esta situación os pascuenses reaccionaron da forma máis violenta: unha guerra civil exterminadora que rematou coa caste dominante e derrubou ominosamente aos orgullosos moais dos seus altares.

Cando chegaron os europeos, xa esta civilización estaba no seu solpor, autoaniquilada por desbordar as posibilidades do seu pequeño mundo. Logo viñeron os escravistas peruanos e deportaron aos homes para traballar nas súas minas de guano. Os que sobreviviron regresaron á súa illa natal doentes de varíola, contaxiando fatalmente aos seus paisanos. A principios do século XX os rapanuis non chegaban a douscentos, náufragos dun pobo que a penas lembraba nada das súas antigas glorias.

O pouco que sabemos da historia de Rapa Nui débese á arqueoloxía e ao labor dalgúns estudosos e misioneiros que anotaron para a posteridade os restos das súas lendas e tradicións. Pero non todo está perdido, pois os pascuenses fixeron unha última invención extraordinaria, aquela que saca aos pobos da escuridade e os alumea coa luz da historia: a escritura. Con puntas de obsidiana e dentes de tiburón os sacerdotes rapanuis gravaron en táboas de madeira centos de curiosos signos cos que lembrar os seus saberes: homes, paxaros, peixes, soles, estrelas... Mágoa que as Kohau Rongo-rongo, ou táboas falantes, sufriron unha sorte semellante á dos seus autores. Dos milleiros que se supón que existiron só restan unhas vintecinco que se dean como auténticas, e todas as tentativas por descifralas remataron en fracaso. Ás dificultades naturais desta empresa engádese o descoñecemento que hai da antiga lingua Rapanui, hoxe moi acastrapada pola influenza do haitiano e do castelán, e só falada por 2000 persoas no mundo. Os lingüistas non se poñen dacordo. Hai quen pensa que o Rongo-rongo non é máis que un artificio memotécnico para lembrar a orde precisa das palabras nos longos cantos e letanías ceremoniais. Outros pensan que se trata dunha escritura ideográfica, ao estilo do primitivo chinés. Outros consideran que combina ideogramas e fonogramas,coma o antigo exipcio, e hai incluso quen supón que pode funcionar coma un silabario, coma o hiragana xaponés. Houbo intentos de traducción parciais moi suxerentes; algúns len entre esas sinuosas figuriñas xenealoxías de reis, calendarios lunares e cantos mitolóxicos de deuses procreadores. Ningunha destas lecturas conseguiu máis que hipotéticos éxitos parciais, pero todo son avances. O corpus rongo-rongo e as súas posibles lecturas pódese atopar na rede, e lanzarse ao seu desciframento pode ser un fermoso pasatempo ao alcance de calquera afeccionado ao que lle queden pequenos os encrucillados e os sudokus.

Este ano 2008 foi declarado Ano Internacional dos Idiomas, e qué mellor xeito de empezalo nesta bitácora que falando desta linguaxe adormecida nas súas táboas de madeira. E neste milenio recén estrenado, cargado de presaxios funestos, de cambios climáticos e de crecemento insostible, convén unha reflexión sobre esta metáfora do mundo que é Rapa Nui, onde a nosa especie foi capaz de facer florecer o seu xenio para despois esmagalo baixo a súa imprevisión. Un mundo este único e aillado, do que só poderíamos escapar lanzándonos a cegas ao baleiro.
Comentarios (9) - Categoría: Mundo - Publicado o 30-01-2008 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os Picapedras e a Prehistoria vasca.
Entrada da cova de Praileaitz (foto gipuzkoakultura.net).Hai 15000 anos, ventos xeados galopaban despiadados polas revoltas do río Deba, na actual Gipúskoa. Nas alturas, unha vexetación de tundra loitaba por verdear os penedos. No fondo da congostra, rodeados por mestas fragas de coníferas, os amieiros escoltaban ao río camiño do mar, que por mor da auga retida nos inmensos glaciares polares, batía unha costa separada da actual por moitos quilómetros. Nas rasas costeiras migraban manadas de renos, poida que os derradeiros mamutes aínda resistiran ante unha caza despiadada. Eran os tempos da Glaciación Würm, a última e máis crúa das que azoutaron a Era Cuaternaria.

Daquela, a especie humana vivía horas críticas. As variadas especies de homínidos que dende sempre cohabitaran o mundo víronse reducidas a unha soa. Uns poucos milleiros de anos antes, os derradeiros neanderthais que foran donos de Europa desapareceran para sempre, sustituídos por unha nova especie chegada de África: Un primate capaz de fabricar ferramentas moi complexas, de adaptarse ao frío construíndo refuxios e cosendo roupas coas peles das súas presas, de transmitir estes coñecementos aos seus semellantes mediante unha linguaxe de sonidos articulados, e sobre todo, de facerse (e responderse) preguntas sobre o sentido do mundo e da existencia. Tal vez houbera antes homínidos capaces de facer algunhas destas cousas, pero nunca antes tiveramos tantas evidencias dunha especie verdadeiramente capaz de facelas todas. Era o Homo Sapiens. Nós mesmos.

Estes nosos devanceiros construíron a que posiblemente fose a primeira civilización europea: o Magdaleniense. Non se limitaron a fabricar ferramentas e armas que fosen útiles, senón que lles deron a estas unha dimensión estética descoñecida ata o momento. Temerosos da morte e da súa propia fraxilidade, observaron que o mundo estaba suxeito a leis e forzas poderosas, e tentaron reconducilas no seu propio beneficio. Imaxinaron unha orde no mundo para que éste tivera lóxica, e para que a súa cosmoloxía non fose alterada polo azar e a imprevisión, enxeñaron ritos e ceremonias destinadas a manter as cousas no seu sitio, celebradas por persoas capaces de manter o contacto entre o mundo visible e as invisibles forzas que o gobernan.

No noso val do Deba, hai 15000 anos, unha destas persoas deixou a súa pegada. Un home (ou muller) adentrouse no interior da pequena cova de Praileaitz, acondicionou un espazo no chan con lousas de pedra, e acomodouse a carón dun lume, no que asou para comer a carne que levaba. Portaba, e aí o extraordinario, unha fabulosa colección de colgantes de pedra. Eran seixos coidadosamente escollidos do leito do río pola súa forma alongada e a súa superficie brillante e negra. Estaban perforados no extremo, para levalos ensartados, e decorados, os máis, de liñas incisas paralelas, como quen levase a conta de algo. Aquel ser marchou deixando alí os seus abalorios, que ficaron sepultados por un desprendimento do teito que preservou ata agora a súa colección. Aquela cova fora, séculos antes, un lugar sagro para os homes da cultura solutrense, que deixaran alí series de círculos en liñas pintadas nas paredes. Agora fora refuxio, moi probablemente, dun chamán, un interlocutor cos espíritos que rixen o mundo, ao que os seus semellantes pedían consello ou curación.

Praileaitz é unha das tres covas gipuskoanas, xunto con Ekain y Altxerri, todas moi próximas, que conservan pinturas do Paleolítico. Ekain é a xoia da coroa. As súas paredes son unha impresionante pinacoteca prehistórica, na que retozan osos, cabalos, cabuxas, cervos e ata un salmón; 70 figuras deseñadas por un mestre consumado da observación e do debuxo. Esta galería da arte troglodita é obxecto de todo tipo de mimos: Hai prevista a apertura dun museo no Pazo de Lili, na veciña localidade de Zestoa, que se vai rehabilitar para a ocasión con fondos europeos, e unha réplica da cova coas súas pinturas a carón da orixinal, para permitir visitas turísticas sen temor ao dano, que tería que inaugurarse en xaneiro. Todo é pouco para dar a coñecer un xacemento que se considera dos máis importantes da arte rupestre franco-cantábrica.

Praileaitz, pola contra, foi descuberta no 2000, pero o achado dos primeiros colgantes mantívose en segredo ata o 2005, en que comenzou un proxecto de escavacións sistemáticas que deu lugar ás descubertas citadas. Cando o ano pasado se descubren as pinturas, fíxose necesario dotar á cova dun grao de protección patrimonial conveniente. O 17 de Xullo deste ano, o Goberno Vasco promulgou un Decreto polo que declaraba á cova de Praileaitz Ben cultural catalogado coa categoría de monumento. Emporiso, o entorno da cova fica lonxe de ter un grao de protección ideal. Só 50 metros ao redor, malia que a área protexida en diferente medida sexa meirande. Ante esta situación, a comunidade científica (e tamén a cidadanía interesada) mobilízase. Por qué? Porque a cova está dentro dos terreos dunha canteira que, autorizada no 2001, non está disposta a deixar de rebentar o val do Deba porque un chamán paleolítico pousara alí os reais.

Agora, o Decreto do Goberno Vasco está, disque, en discusión para ver se a protección da cova é ampliada. Unha proposición non de lei foi aprobada este mes no Parlamento vasco, instando ao goberno a protexer máis eficazmente a cova, e a paralizar a actividade da canteira, coa abstención do grupo gobernante (e o PP). Para máis barullada, recentemente descubriuse outra cova máis a carón da primeira, mentres as explosións da canteira ameazan con non deixar nada que preservar de aquí a pouco. Sempre se poderá facer unha réplica…

O conflicto de sempre. Intereses particulares que poden máis que o interese público só porque un é cuantificable en cartos e o outro non. Nin máis nin menos.
Bitácora dos Amigos da Cova de Praileaitz.
Achados de Praileaitz, en versión pdf, para imprimir.
Comentarios (6) - Categoría: Novas e Opinións - Publicado o 26-12-2007 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Mosaico de oito teselas
Mosaicos romanos
Hai uns anos, mirando a televisión, vin un documental sobre uns arqueólogos que, a todo correr, trataban de rescatar canto era posible das ruínas de dúas antigas cidades asiáticas, Zeugma e Apamea, que como dúas irmás xemelgas, se erguían unha diante da outra co río Éufrates polo medio. Ambas urbes floreceran cando o Helenismo, e durante a dominación romana seguiron favorecéndose do seu carácter de fronteira e de paso obrigado das rutas caravaneiras que atravesaban Asia; por alí chegaban ata Roma as sedas purpuradas dos emperadores. Agora, os vellos despoxos de todo este comercio e riqueza ían ser asulagados por un encoro promovido polo goberno turco, e os arqueólogos arfaban por levarse de alí todo o que eran capaces de desenterrar.

Unha das imaxes do documental era espectacular. Escavábase unha suntuosa domus romana ricamente decorada; a pesar do metro escaso de altura que conservaban moitos dos muros, as vivas cores dos frescos que os cubrían facían presaxiar a aparición de cousas marabillosas. E cando os escavadores chegaron ao pavimento, a marabilla apareceu. Cun fondo musical, as imaxes amosaban como, cunha esponxa mollada, unha man limpaba os mosaicos. Baixo a grisalla da poeira, estalaron cores fantásticas e brillantes, rostros, aves, flores,... a beleza. Había unha escea mitolóxica, dicían, rara: o axuntamento carnal, coa axuda de Dédalo, entre a raíña Pasífae e un touro: a concepción do Minotauro. Unha cousa excepcional, dicían. Non se coñecía outro igual. Fíxome graza descubrir que en Lugo hai outro mosaico que representa a Dédalo e Pasífae, e tamén aquí dicimos que é único. Certamente, é algo raro, máis en Galicia, onde os mosaicos romanos rarean como billetes de 500.

Dende entón, aquelas imaxes da limpeza do mosaico representaron para min a emoción da descuberta dun mundo esquecido, ilustraban á perfección aquela arela que, cando era moi novo, fixo que me decidira a ser arqueólogo. Así que dende ese intre, cando algún compañeiro ao planear unha escavación, me preguntaba o qué me gustaría atopar, eu respondía: un mosaico. Imaxinábame devolvendo as cores perdidas a unhas nereidas danzantes entre as ondas cunha esponxa mollada, e logo imaxinaba ao constructor que me malpagaba turrarse dos pelos das barbas ante a perspectiva da súa obra paralizada, pisos de dúas habitacións, e baño alicatado con moito peor gusto que aqueles solos magníficos.

Nunca quixen usar esta bitácora para contar cousas estrictamente persoais, pero agora lembreime deste vello desexo, porque este mes pasado deixei, por fin, de adicarme a arqueoloxía, alomenos de maneira profesional. Remataron para min as escavacións que hai anos chamaban “de urxencia”, e que agora chaman “de xestión”, non vaia a ser que a xente pense que as chapuzas administrativas son efectivamente chapuzas. Farteime de andar en tratos con promotores de pisos, de casas, de canteiras, de canos de auga, luz, merda e mexo e ata de camposantos. Farteime de ter que xustificar, constantemente, ante eles, o meu traballo. Farteime de que me roñearan cartos persoas que na vida gastarán todo o que teñen. Farteime da petulancia de moitos colegas. Farteime de traballar con desgana. Farteime da miña vocación. Aínda que as cousas melloraran nestes últimos tempos, aínda que cheguei a ver derrocadas a vellas meretrices das súas poltronas, ou a que se negociara un convenio colectivo para os arqueólogos, por desgraza, estas mudanzas chéganme tarde. Xa estaba farto. E o mosaico nunca apareceu.

Tamén houbo cousas boas: Compañeiros que foron amigos, que me aturaron e me axudaron. E aprendín con eles moito do pouco que sei. E vivín historias alucinantes que agora non podo lembrar sen escachar de risa. Non é unha despedida da arqueoloxía, senón de todo aquilo que ma fixo odiosa. Quédanme esta bitacoriña que tan fielmente seguides algúns, a ducia longa de memorias de escavación que teño aínda que escribir, e talvez botarlle unha man a algún vello camarada, para non oxidarme facendo exercicio paleo paquí paleo palá.

Pediume a Doutora hai tempo unha receta con oito cousas que me gustan, así que voulle dar resposta cumprida con este mosaico de oito teselas. Vaia coma un brindis por aquel que, cecais, aínda agarde por min debaixo dunha cullerada máis de terra. Quén sabe?

1. O amor e os que fan o amor (Venus, deusa de todo iso, Casa de Anfítrite, Bulla Regia, Tunicia). 2. As musas que inspiran ao artista (Clio, musa da Historia, e Melpomene, musa da Traxedia, acompañan a Virxilio, Museu do Bardo, Túnez). 3. O mar e todo canto nel habita (Museo arqueolóxico de Nápoles). 4. As viaxes (como as de Ulises, nas que non se privou nin de oír o canto das sereas, Museu do Bardo, Túnez). 5. A tranquilidade (Paxaros bebendo dunha fonte, Museu Arqueolóxico de Nápoles). 6. O humor, o ridículo e a ledicia de vivir (Unha máscara de comedia, Museos Capitolinos, Roma). 7.A música (Músicos beilando felices, Museu Arqueolóxico de Nápoles). 8. A cadela (Casa do Poeta Tráxico, Pompeia).
Comentarios (14) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2007 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal