Aricum
<language>ga</language> 
A AMIZADE
   <description><![CDATA[Un día, meu amigo e máis eu, decidimos construír unha torre de tixolos cerámicos sobre un solar baldío que eu tiña. Comezamos con moita ilusión a colocar os alicerces, baixo terra, que servirían de base para o resto da estrutura. Rapidamente avanzamos o traballo e axiña puidemos acometer o primeiro andar. Era unha torre de sección circular oca, pola que ascendía unha escaleira de caracol estreita e de forte pendente. Estabamos entusiamados coa nosa obra e a ledicia enchía as nosas fazulas ao mirarmonos un ao outro. Cada día ao rematarmos a xornada levantabamos a vista cara o ceo dende a porta de entrada, a ras do chan, e ollabamos orgullosos o traballo feito e facíamos promesas de que ao día seguinte avanzaríamos máis aínda. Hai que dicir que nos levou moito tempo, semanas, meses, quizais anos e aínda non chegaramos á metade da altura que eu tiña intención de acadar.
Certo día estaba eu colocando os tixolos para formar o oco dunha fiestra a través da cal se podería ollar unha preciosa paisaxe, e tan concentrado me atopaba que non me decatei da ausencia do meu amigo. Cando caín na conta da miña soedade asomei o corpo pola futura fiestra e albisquei o distante chan á procura del. Aló embaixo amoreábanse palets de tixolos, sacos de cemento e unha diminuta montaña de area que nos vindeiros días rematarían por incorporarse á magna obra. Nun recuncho baleiro, sentado sobre unhas táboas, dexerguei a figura do meu amigo. Saudeino coa man e el alegremente respondeume axitando os brazos. Mais na súa mirada, se a distancia non me enganaba, puiden ver un certo abraio, unha sorpresa non de todo reconfortante. Mais continuei co labor diario e pronto oín traballar o meu amigo noutra parte da torre.
Pasaron os días e decateime, cada vez mais decote, de que o meu amigo faltaba ao traballo na torre. Iso non me desanimou, senón que puxen máis empeño para demostrarlle a importancia que para min tiña a obra. Mais chegou un día en que el non apareceu máis. A torre construíaa eu só, e eu só subía pola súa empinada escaleira a diario. Entendín que, aínda que a torre non estaba rematada, nin sequera acadara a metade de altura, o traballo si rematara.
A torre segue alí en pé naquel solar baldío, pois estaba construída sobre fortes alicerces baixo terra, e o tempo non é quen de derrubala.
Quizais, algún día, o meu amigo volva e quizais, se el quere, lle construamos un par de andares máis. ]]></description>
FOLLA EN BRANCO
   <description><![CDATA[Na estarrecedora brancura da páxina baldeira albisco monstrosas aparicións e fantasmas espectrais froito da incapacidade para representar as delirantes elucubracións creativas que bolen na garrafa descerebrada que teño por cabeza.
Inclinado por unha natureza desequilibrada, o plano de infinita lonxitude, sen un diáfano término, amósase imposíbel de asoballar, afouto e indómito na súa dimensión monótona, incólume ante os dardos dispares cos que o castigo.
Inzar a súa indelébel superficie branca con intranscendencias absolutas ou axiomas parciais nun exercicio de autocomplacencia, preséntase coma un problema de irresolubeis incógnitas. E agoniado pola súa orografía chá, puída e inmutábel experimento novos conceptos enguedellados e artificiais até o sopor, por ver, dese xeito, se acado un nivel respectábel de estupidez que me permita dinamitar os seus alicerces etéreos.
Enfrontado inerme a superficie nívea aspiro a transgredir as apáticas leis que a conforman, mudándoa, transformándoa, trocando a esencia intrinseca que atesoura con cobiza. Mais teimuda, amosa unha inercia monolítica e inamobíbel que contaxia o meu espírito esgazándoo en anacos inconexos, ilexibeis e inzados de sinsentido. E non son quen de penetrar a cutícula pálida deste ser titánico, canto máis pretendo ferir a súa pel con despropósitos lingüisticos á procura da intemporalidade, máis dura se torna e insinuando un sorriso despectivo demostra que baldías e patéticas son as miñas pretensións.
Desesperado vexo agora, que a metade da páxina está cuberta dunha pátina, dun mofo azulado e insubstancial que se retorce en regueiros vermiculares e noxentos. E pregúntome, observando a incongruente realidade da folla, dividida en dúas irreconciliabeis porcións adxacentes, cal das dúas metades paga a pena ler, a azul ou a branca?]]></description>
LOS DESPOSEÍDOS
   <description><![CDATA[Quero recomendarvos a novela de Ursula K. Leguin. "Los desposeídos".
Nela contrapóñense dúas sociedades: unha rica e opulenta, derrochadora, capitalista, explotadora dos traballadores, ruín, desigualitaria, xerárquica e asoballadora. (semella a nosa sociedade, non si?).
A outra sociedade é pobre, solidaria e colaborativa. Mais non creades que se expón unha dualidade maniqueísta, ambas as dúas teñen as súas características positivas e negativas. O máis importante e impactante desta novela non é o que lle acontece aos personaxes, que non son máis que vehículos, un medio para contar a historia, o que realmente importa, o groso da novela, é a descripción contraposta destas dúas sociedades, situadas cada unha delas nun planeta distinto, Anarres e Urras.
Outro aspecto salientábel é a utilización do ideario anarquista, exemplificando a súa posta en práctica dun xeito críbel e intelixente. Eu non coñecía ese ideario, fermoso e utópico, ilusionante e imposíbel, cheo de esperanza e falto de cordura, idealista e realista a un tempo. Logo de ler esta novela, namoreime coma un parvo do movemento anarquista, das súas ideas e da súa concepción do mundo que tan ben expresada aparece en "Los desposeídos". A Anarquía, penso agora, e se fose posíbel levala á practica, sería o mellor dos mundos. Lede a novela e entenderedes o porqué.
A novela é un fito da ciencia ficción e nos seus andeis non adoita faltar, publicada por Minotauro.
Nota de calificación: 9]]></description>