A regueifa en Cerqueda


A regueifa como tradición popular ancestral na parroquia malpicá de Cerqueda
Copleiras e regueifeiros forman parte da indentidade da parroquia de Cerqueda. Na segunda metade do século XX, brillou con luz propia o cantador da aldea de Leduzo Celestino Álvarez ('Celestrino'). Arredor del tecemos un proxecto de investigación que nos conduce á lingua no seu estrato oral e á literatura no seu plano popular.

Regueifa en Cerqueda
xosemanuel@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

Guillermo da Rabadeira trouxo os romances de cego ós ‘Obradoiros de regueifa para os cativos’ de Monte d’Arxa
Desde logo que cada regueifeiro da comarca de Bergantiños é unha verdadeira fonte de sorpresas. Se o pasado martes, Fermín da Feira Nova descubriu os segredos que debe ter todo cantador de poesía oral á hora de compoñer as coplas, no día de hoxe martes, 18 de agosto, Guillermo da Rabadeira demostrou que un regueifeiro é un verdadeiro poeta popular non só capaz de improvisar centos de coplas durante moito tempo, senón que tamén é un arquivo de poesía oral. Isto demotrouno cantándolle un romance de cego que Guillermos aprendeu polas feiras da comarca. Esta historia romanceada conta as aventuras dunha moza e un gaiteiro. Tan só lle cantou un, pero na súa cabeza aínda quedan máis.

Guillermo da Rabadeira botou man dos cantares de cegos para explicarlles ós cativos dos obradoiros de Monte d’Arxa como as coplas que crea un regueifeiro poden ten unha continuidade temática sen fin.

Despois de tres sesións de obradoiro, o alumnado vai demostrando día a día a súa experiencia. Xa crean coplas por escrito, teñen unha habilidade suprema en buscar rimas a unha copla dada e sobre todo gustas das coplas que ‘pican’ ós compañeiros. É dicir, coma vellos regueifeiros enriba dun palco á hora de gañar a boneca ou o biscoito.
Comentarios (0) - Categoría: Regueifa para cativos - Publicado o 18-08-2009 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Guillermo da Rabadeira impartirá a terceira sesión dos obradoiros de regueifa para os máis cativos
As terras de Coristanco continúan con protagonismo nos “Obradoiros de regueifa para os cativos” que organiza a Asociación de Veciños Monte d’Arxa de Cerqueda no local sociocultural das Pozacas. Se o martes pasado, o protagonista foi Fermín Calvo Gómez, do lugar da Feira Nova, parroquia de San Paio, este martes 18 recollerá o testemuño Guillermo Vázquez Vila, do lugar Rabadeira, parroquia de Seavia.

Guillermo da Rabadeira terá a responsabilidade de continuar o excelente traballo na formación de novos regueifeiros comezado por Suso de Xornes e Fermín da Feira Nova. Para iso, desenvolverá unha sesión de carácter práctico na que os alumnos dos obradoiros terán que buscar rimas ás distintas coplas que se vaian crerando. Ademais, Guillermo da Rabadeira deberá outorgarlle o aprobado ou o suspenso ás coplas que durante esta semana compuxeron o alumnado como tarefa da casa.

Na última sesión a desenvolver o vindeiro martes día 25 de agosto volverá a ser impartida por Suso de Xornes.
Comentarios (0) - Categoría: Regueifa para cativos - Publicado o 17-08-2009 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Fermín da Feira Nova, o regueifeiro máis vello de Galicia, impartiu un obradoiro de regueifa para os cativos de Cerqueda
Fermín da Feira Nova cos cativos que asistiron ó seu obradoiro
Fermín Calvo Gómez, popular regueifeiro da comarca de Bergantiños coñecido polo seu nome artístico de Fermín da Feira Nova, impartiu este martes día 11 de agosto o segundo Obradoiro de regueifa para os cativos” que organiza a Asociación de Veciños Monte d’Arxa dentro dun proxecto de divulgación da regueifa e de homenaxe do cantador local Celestino Álvarez.

Na actividade, á que asistiron os cativos da Aula de Verán da Asociación Cultural Raigañas e algúns interesados máis, Fermín descubriulle a estes aprendices cál é o segredo para crear ben e con ironía unha copla. A el aprendérallo outro regueifeiro de Coristanco chamado Branquiño de Muiñoseco, quen era considerado por Fermín como o seu padriño no mundo da regueifa. Este segredo, dixo Fermín, que non podía saír das portas do centro sociocultural das Pozacas para fóra, senón acabábase o invento. Polo tanto, alí dentro o deixamos.

Esta segunda sesión foi case exclusivamente práctica. Fermín foille creando unha copla a cada alumno na que facía referencia ó lugar de referencia de cada neno e nena. Despois, creoulle coplas a partir dos seus nomes. Tampouco escapou ás coplas o secretario de Monte d’Arxa, Xosé Manuel Varela. En definitiva, non quedou ninguén sen bautizar coa súa copla.

Pero, a sesión lectiva non quedaría aí, xa que entre todos tiñan que inventar un cuarto verso para cada copla que rimase co segundo verso. Así, foron xurdindo infinidade de palabras que rimaban e mesmo versos enteiros.

Aínda máis. Fermín mesmo se atreveu a poñelos a cantar. Díxolles que el cantaba a regueifa con catro tonos ou melodías. Aprendeulles a máis doada e cada vez que se inventaba unha copla, memorizábase entre todos e cantábase tamén a coro.

Desta maneira, o regueifeiro máis vello de Galicia non só exerceu de verdadeiro cantador de coplas populares, senón tamén dun auténtico mestre para as novas xeracións.

Tras esta segunda sesión, o alumnado da Aula de Verán que asiste ós obradoiros da regueifa está demostrando que pouco a pouco van aprendendo a arte e o oficio de regueifar e que, posiblemente, nun futuro poida saír algún novo regueifeiro ou regueifeira.
Comentarios (0) - Categoría: Regueifa para cativos - Publicado o 11-08-2009 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Monte d’Arxa de Cerqueda quere aprenderlles a tradición da regueifa ós bergantiñáns
O primeiro martes do vindeiro mes de agosto, día catro, a partir das 12 da mañá, botarán a andar os “Obradoiros de regueifa para os máis cativos” que a Asociación de Veciños Monte d’Arxa celebrará ó longo dos meses de agosto, setembro e outubro. Estes obradoiros inclúense no proxecto que foi subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística na súa anualidade 2009.

Ó longo de todos os martes do mes de agosto celebraranse catro “Obradoiros para os máis cativos”. Os destinatarios serán o alumnado das “Aulas de verán” que acoden en xornada de mañá ó local sociocultural das Pozacas na parroquia de Cerqueda. Estes primeiros obradoiros serán impartidos, a partir das 12 da mañá, polos regueifeiros Suso de Xornes, Fermín da Feira Nova e Guillermo da Rabadeira. Suso de Xornes será quen imparta a sesión inaugural dos mesmos.

Para os meses de setembro e outubro foron programados outras catro sesións formativas de regueifeiros. Nesta ocasión baixo o título de “Obradoiros de regueifa para a xuventude”. Impartiranse os venres días 18 e 25 de setembro e 9 e 16 de outubro a partir das 21.30 horas. Serán obradoiros abertos a toda a xuventude, aínda que terán un público especial que serán as cantareiras de Raigañas. Para inscribirse nestes obradoiros de regueifa pódese contactar cos teléfonos 981 721 990 ou o 650 256 874. Ós tres regueifeiros anteriormente citado, agora hai que sumarlle a presenza de Antonio de Xornes, que no pode acudir ás aulas do mes de agosto por motivos laborais.

O peche deste proxecto de recuperación e divulgación da regueifa programouse para o sábado 24 de outubro a partir das 10 da noite no salón de actos e na pista polideportiva das Pozacas. Nese día terá lugar unha xornada de lembranza do regueifeiro de Cerqueda Celestino Álvarez, coñecido popularmente como “Celestrino”. Nesa noite presentarase un libro que recupera a vida e a memoria deste poeta popular escrito por Xosé Manuel Varela e con debuxos de Miguel Anxo Calvo, proxectaranse varios audiovisuais nos que canta este regueifeiro, proseguirase cunha regueifa con novos cantadores da zona e cos catro magníficos Fermín da Feira Nova, Guillermo da Rabadeira, Suso e Antonio de Xornes que competirán ó estilo antigo e un deles terá que ser o gañador da regueifa. Concluirase cunha sesión de baile que correrá a cargo do dúo Trastes.
Comentarios (0) - Categoría: Regueifa para cativos - Publicado o 28-07-2009 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal