Caderno Dixital de Antón Tenreiro |
|
Caderno digital de Antón de Guizán . |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
E VEU A VIRXE DOS DESAMPARADOS A SALVAR OS FRESCOS DA SÚA IGREXA... |
|
Despois de catro anos de que a Asociación Sociocultural Lareira de soños teña petado en tódalas portas das institucións, a própria Igrexa, o Concello, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia ou a oficina do Valedor do Pobo para salvar os Frescos da Igrexa dos Vilares, despois de visitas da alcaldesa, deputados provinciais e mesmo unha iniciativa parlamentar do BNG aprobada pola Comisión de Cultura en Raxoi, e sen apenas resultados positivos, a pasada semana, noutra visita técnica de Património na compaña do párroco dos Vilares, Óscar Santiago, éste anunciou que a próxima Romaría dos Desamparados, na pascua de 2019, destinará a recadación aos traballos de restauración das pinturas murais da Igrexa.
Serán cidadáns sensibles co patrimonio a través da campaña de mecenado da Lareira de soños e feligreses da parroquia e ofrecidos á Virxe quenes poñan coas súas aportacións económicas, remedio ao deterioro e máis que segura desaparición destas pinturas renacentistas do Mestre de Parga, uns dos frescos máis importantes da iconografía relixiosa do rural galego e chairego.
O destino da recadación da Romaría dos Desamparados á restauración dos Frescos, non deixa de ter unha importante carga simbólica (ademáis da material) como un milagre da Virxe diante do desamparo das pinturas na súa igrexa, con orixes no século XII e con posteriores ampliacións, e que pola Pascua atrae a milleiros de romeiros a pedir remédio para os males de saúde. Polo que se vé, a Virxe non só atende a saúde humana, senón a do próprio templo e a súa marabillosa decoración interior, que precisa lucir a carón dos tres fantásticos retablos e do Calvario exterior que agardemos tamén esteña reparado antes do San Vicente próximo (cumprirá un ano rompido por un accidente de tráfico).
A Santa Vilarega amosa así a súa implicación coa parroquia e de paso, pon en evidencia a indiferencia institucional diante dunha demanda xusta adiada ao longo dos anos e que leva ás pinturas a unha situación que pode resultar irreversibel, un feito que nos ten levado a plantexar unha campaña de mecenado social (coñecida popularmente como crowdfunding) para que sexa a sociedade quen atenda aquelo que descuidan aqueles organismos que din que nos representan.
Non é unha reivindicación en beneficio da igrexa, que tamén, senón unha acción para salvar un patrimonio que é de todos, por iso o título FRESCOS DOS VILARES, V SÉCULOS DE NÓS para a campaña que desenvolveremos desde primeiros do próximo ano e que terá entre outros contidos, un spot , folletos explicativos, carteis, pancartas, xornadas con profesionais e apoios de persoeiros da sociedade e da cultura, e o apoio, tamén, da Virxe dos Desamparados. Boa falta nos fará o milagre... |
|
|
|
A Lareira de soños preparan unha campaña de mecenado para salvar os frescos dos Vilares |
|
FRESCOS DOS VILARES, CINCO SÉCULOS DE NÓS
#SalvarOsFrescosDosVilares
A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares (Guitiriz) lanzará a comenzos do próximo ano unha campaña de crowdfunding para salvar os frescos renacentistas da igrexa parroquial, que despois de ter reclamado ás diferentes administracións, a súa restauración e ser aprobada está na Comisión de Cultura do Parlamento Galego, atópase aínda sen dotación económica para a execución dunha traballos que xa contan con estudos técnicos.
Catro anos de reunións, visitas de técnicos e políticos, iniciativas parlamentares e mesmo a reclamación á oficina do Valedor do Pobo, non serviron para que se tomará a decisión política de dotar de orzamento unha actuación que salve unhas pinturas murais de máis de 500 anos que se atribúen ao Mestre de Parga e que os especialistas consideran de grande calidade e valor histórico.
A degradación sofrida polas pinturas desde o seu descubrimento en 1992 e o risco de desaparición definitiva, obríganos a ter que asumir desde a Lareira de soños a responsabilidade de salvar as pinturas pola falta de sensibilidade institucional e acadar, polo menos os cartos necesarios para consolidar o estado actual das pinturas e evitar que se sigan degradando até a desaparición definitiva.
A campaña de mecenado social comenzará no mesmo de febreiro de 2019 co nome de FRESCOS DOS VILARES, CINCO SÉCULOS DE NÓS. Contaremos con un deseño de imaxe da artista Viki Rivadulla, un spot para as redes sociais, pancartas para a as festas da Pascua, a implicación de persoeiros da cultura e da sociedade, xornadas profesionais, sorteos, campañas informativas e de sensibilización e visitas guiadas á igrexa e a contorna da mesma.
Asimesmo, editarase un folleto informativo sobre o patrimonio relixioso dos Vilares para veciños e visitantes arredor da historia dunha igrexa que ten as súas orixes no século XII e que ademáis dos frescos, conta con tres importantes retablos, un sartego, un calvario (leva sete meses rompido e sen reparar) unha caliveras singulares na entrada do vello camposanto e unhas fantásticas pías nun conxunto único no lugar da emblemática Romaría dos Desamparados que se celebra pola Pascua.
Ademáis do anteproxecto presentado pola Lareira de soños ás diferentes institucións, Patrimonio da Xunta de Galicia ten encargado o proxecto de execución, polo que resulta incomprensíbel que as diferentes institucións (Igrexa, Concello, Deputación e Xunta) non sexan quenes de acadar un acordo económico por unha cantidade inferior a cen mil euros (valoración económica dos traballos) para salvar e poñer en valor este importante ben patrimonial.
Si ademáis temos en conta o paso do Camiño de Santiago polo Concello de Guitiriz a xustificación deste investimento faise máis que evidente á hora de sumar atractivos na segunda parroquia de Guitiriz en habitantes e lugar de orixe do poeta Díaz Castro.
FRESCOS DOS VILARES, CINCO SÉCULOS DE NÓS, será pois, o eixo central da nosa actividade pública o próximo ano e as distintas accións sociais e culturais a desenvolver estarán vinculadas a esta campaña, non só para acadar os fondos necesarios, senón tamén para informar e sensibilizar arredor da importancia destas pinturas.
|
|
|
|
Poesia en feminino en San Sadurniño e encontro cultural en Caldaloba |
|
Un ano máis, o 15 de setembro, a concellaría de igualdade de San Sadurniño ten programado o recital poético POESÍA EN FEMININO, para o que a Concelleira Ana B. Gundín ten confiado nos colectivos chairegos NPG Nova Poesía Guitirica e CulturaliaGZ para a súa organización.
Desta volta, ademáis da música con intérpretes locais, recitarán 15 poetas vinculados a estes colectivos de diferentes lugares do país.
Pas Veres (Os Vilares), Branca Villar (Labrada), Martiño Maseda (Vilalba), María Xosé Lamas (Vilalba), Adolfina Mesa (Monterroso), Xosé Carlos Ulloa (Chantada), Asun Blanco (As Pontes), Maica Pastoriza (Vimianzo), Pilar Maseda (Vilalba), Emilia Martínez Fuentes (Vilalba/Monfero), Carmen Penín (Ortigueira), Moncho Bouzas (Betanzos), Amalia Díaz (Ortigueira), Francisco Zaera (Cedeira) e María Pereira (Betanzos) serán quenes poñan versos para a igualdade no precioso lugar do pátio do Pazo da Marquesa (concello).
Asimesmo, o 16 de setembro NPG e CulturaliaGZ teñen organizado coa Asociación Cultural e Recreativa de Pino (Cospeito), unha xuntanza cultural e literaria na Torre de Caldaloba e nos locais da asociación que incluirán unha marcha guiada á Fortaleza, actuacións poéticas e musicáis, xantar e intercambio de ideas e propostas para novas iniciativas. Deste xeito, e rematado o verán, a NPG e CulturaliaGZ abordando con forza novos retos para sumar aos xa instituídos do Certame Vilariñas de micro poesía, poemas pendurados de farolas, recitais, xornadas, publicacións de libros dixitais, etc nun grupo humano cada día máis numeroso e heteroxéneo que traspasa a os versos para abrirse a outros vampiros da cultura.
Estas duas actividades, como todas as que realizamos, son abertas á participación de quen o desexe, en San Sadurniño con asistencia libre e en Caldaloba previo anotamento nas redes sociais da NPG Nova Poesía Guitirica, Os Vilares lareira de soños e CulturaliaGZ ou nos correos dosvilares@gmail.com e info@culturaliagz.com |
|
|
|
A BRAÑA DE BOEDO |
|
Na homenaxe aos Tres da Lexía e a Alfonso Blanco en Santa Mariña, coincidín co naturalista de orixes vilaregas Manuel Freire, que ao pé do privilexiado mirador onde se levanta o monumento de Valdi, ensinoume desde o alto a Braña de Boedo e contoume que Guitiriz conta con unha das turbeiras máis importantes do estado, a Braña de Boedo, ao pé mesmo da capital municipal. Un humidal encadrado dentro do LIC "Parga-Ladra-Támoga" e que destaca pola riqueza da súa fauna (odonatos, anfibios e aves), a sua flora, con especies protexidas e outras próprias das brañas e algunha planta carnívora. No ano 2011 a Asociación de Amigos da Terra denunciou na administración a execución dunha drenaxe, que aumetaba as canles de desaugue e cavaba outras canles novas. O efecto máis inmediato desta acción foi a desaparición de numerosos puntos de auga estancada, moi favorables para a reprodución dos anfibios. Accións consecuencia da falta de protección para este importante espazo, mais incomprensíbel aínda cando falamos de Guitiriz como o concello da auga e da pedra.
Esa falta de declaración de espazo natural protexido, permitiu no seu momento tamén o emprazamento do polígono industrial de Guitiriz na cabeceira da braña, unha das turbeiras máis grandes da península e a mais importante de Galiza a pesares dese esquecemento ao que é sometida polas institucións científicas, consellerías, a deputación e o proprio concello.
A grande riqueza e diversidade dos compoñentes dos humidais fan que estes se atopen entre os ecosistemas máis complexos e produtivos constituíndo un valioso patrimonio cultural e natural e xogando un importante papel na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento económico.
A Braña ten ademáis da súa riqueza natural, a sua própria história da interacción humana e mesmo lendas coma a da cidade asolagada recollida pola revista As nosas raíces de Xermolos no ano 2000 e da que se fixo eco a publicación A Galicia Encantada.
Sorprende ver como Guitiriz vive de costas ás súas próprias potencialidades naturais e etnográficas que poderían convertila nunha referencia pola inmensa riqueza que atesoura e que ten a obriga de protexer, riqueza que moitos dos seus veciños descoñecen ou só coñecen parcialmente.
No caso das Brañas de Boedo o primeiro paso debe servir a declaración como mínimo de "Humidal protexido" na rede de espazos naturais da Xunta de Galicia, e desenvolver nestas brañas as labores de investigación e divulgación necesarias para convertilas nunha das referencias naturais máis importantes do estado cos apoios e investimentos aos que a verdadeira importancia da turbeira de Guitiriz ten dereito. Camiño do segundo ano de peche do balneario, o concello precisa recuperar esa actividade emblemática e potenciar o enorme potencial natural que posúe para convertilo nun motor da súa economía e calidade de vida e as Brañas de Boedo son tesouro que se debe poñer en valor. Non hai un minuto que perder...
|
|
|
|
|
|