de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O DECLIVE (INDUCIDO) DE PARGA
A parróquia de San Estevo de Parga viveu tempos mellores. En realidade poderiamos afirmar que Guitiriz e o rural no seu conxunto viviron mellores épocas pero o caso de Parga é moi significativo si nos fixamos na súa historia recente, deixando atrás a súa relevancia da que temos mostras polas pegadas do seu patrimonio castrexo ou a importancia tamén dos vestixios medievais cos restos do Castelo ou a súa igrexa cos frescos do século XVI ou tamén de ser un paso importante no camiño de Santiago.
Pero Parga tivo grande relevancia e recoñecemento na súa historia recente por destacados motivos, primeiro pola súa feira, unha das máis importantes de Galiza que ten a actual ubicación no centro da vila desde o seu traslado dende A Pobra a mediados do século XIX e que conserva uns fantásticos cobertizos elaborados coa mesma pedra coa que foi levantada a Sagrada Familia de Gaudí en Barcelona.
Foi en 1945, cando se executou o traslado da capital do concello de Trasparga (no Mesón da Cabra) a Guitiriz, a primeira grande decisión política negativa para Parga, no que a parróquia perdeu a súa centralidade política e económica no Concello. Dende esa data, Lagostelle eríxese en centro económico-político-administrativo ao levar cara a súa contorna os servizos que se foron creando, centros escolares de educación primária e secundária, o centro de saúde máis dotado, e mesmo a grande igrexa no centro da vila de Guitiriz ou o polígono industrial na limítrofe parróquia de Santa Mariña. Mesmo nos deseños (controvertidos) dos accesos á autovía Parga ficou, se cadra, un pouco máis illada.
A crise demográfica e migratória, a crise da industria da pedra, o peche do campamento militar, e decisións de marcado carácter político relacionadas co tren que afectaron ás frecuencias e ao declive da estación ferroviária da que teñen partico centos de xornaleiros ás segas a Castela, e máis recentemente ao intento de partir pola mitade ao núcleo urbano, o intento de peche de entidades bancárias, ou a recente tentativa tamén de deixar a Parga sen Centro de Saúde prolongando o peche temporal pola pandémia o COVID19 para convertilo en definitivo, deixan claro que Parga, independentemente da involución xeral do rural, foi a grande perxudicada na historia máis recente de Guitiriz.
A que fora en tempos núcleo político e poboacional máis importante, ocupa hoxe o 3° lugar en habitantes por detrás de Lagostelle (Guitiriz) e Os Vilares e a súa actual depresión só se ve atenuada pola magnífica feira quincenal que aínda conserva e pola beleza dun núcleo urbano único ao pé do río, que adormece na nostalxia de gloriosos tempos pasados.
Aínda así, Parga négase a seguir na costa abaixo da perda de servizos e do abandono das administracións e amosa con cada novo estrangulamento, a súa capacidade mobilizadora para tentar evitar máis decisións negativas para a súa sobrevivéncia e así o ten demostrado nas asambleas e mobilizacións con ADIF, contra as decisións de ABANCA, e nestes días diante do SERGAS demostrando que a pesares dunha história de recortes, desatención, e perda de relevancia inducidas por deseños e decisións políticas, Parga sigue viva e reclama un trato de xustiza que os tempos lle teñen negado e que merece compensar.
A crise á que nos enfrentamos como consecuéncia do coronavirus non convida ao optimismo no futuro e é precisamente por iso que debemos defender o mantimento dos servizos públicos existentes e mesmo mellorar a atención dos mesmos para o nóso rural. Nun concello tan amplo e disperso como Guitiriz, é vital manter e mesmo aumentar a descentralización deses servizos para atender a unha poboación envellecida e espallada. Así e todo, Parga conserva un potencial inmenso no seu património natural, etnográfico e histórico, unha beleza única que hai que aproveitar e implementar para convertir nun recurso que xenere riqueza e benestar e mude as inercias negativas que leva padecendo na súa história recente. Como a orixe do significado do seu topónimo, "pila de trigo e palla arrumado para gardar o grao da intemperie", Parga sigue viva gardando o seu grao, a súa beleza e potencial, das intempéries, porque pesares de todo, Parga aínda vive!

*Artigo para El Progreso
Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2020 07:07
# Ligazón permanente a este artigo
Completadas as colaboracións para a revista NPG GaZeta n° 1
Esta fin de semana veñen de rematar as colaboracións da revista NPG GaZeta n°1, a revista poética das agrupacións de base.

77 páxinas con poemas inéditos de máis de 60 poetas, recensións de recoñecid@s poetas e ilustracións e capa exclusivos de Enrique Fernández.

A revista estreouse antes da pandemia do COVID19 co número cero coa colaboración de máis de 30 poetas que aportaban un poema próprio e outro publicado de outr@ poeta co ilustracións de Isabel Pardo e capa de Zeltia Villar.

A NPG GaZeta edítase primeiro en formato dixital na web www.npggazeta.gal para sair posteriormente en formato de papel nos primeiros días do próximo mes de Xullo.

Coa edición en papel comenzaremos tamén as presentacións dos dous números (cero+un) que debimos interromper por mor do estado de alarma.

A NPG GaZeta unha iniciativa da NPG Nova Poesia Guitirica apoiada polos grupos poéticoa de base Versos de Area de Ponteareas, MORAIMA a grafía da emoción de Ferrolterra, Irmandade poética e artística galego-lusa de Terras de Chantada, Nómades do Verso e In Nave Cívitas (colectivo Urbano Lugrís) da Coruña, colectivos que colaboran en outras iniciativas, a máis recente ENREDEVERSOS Festival de Poesía en Rede, celebrado en directo polas redes coa participación de 65 poetas de Galiza e Portugal e con 40.000 visualizacións nas redes sociais en pleno confinamento polo coronavirus.

A revista poética é unha das poucas publicacións destas características en Galiza e na súa versión web inclúe os números en papel para a descarga gratuita, unha sección de conversas ou a sección ESTRAPERLO de poemarios e publicacións dixitais de membros das agrupacións de base para a súa descarga ou leitura gratuita en PDF.

A NPG GaZeta n°1 pódese ler no seguinte enlace:
http://npggazeta.gal/index.php/gazeta-no-1
Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2020 06:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0